DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.337

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 23 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases e se convocan, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións para o cofinanciamento de proxectos de promoción de estilos de vida saudables nos concellos de Galicia.

En Galicia, o incremento nas últimas décadas da prevalencia de enfermidades crónicas relacionadas cos estilos de vida, tales como as patoloxías cardio e cerebrovasculares, a obesidade e a diabete, algúns tipos de cancros de alta prevalencia, e a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, fai necesario o deseño de estratexias preventivas que protexan a saúde fronte ao tabaco, fomenten unha alimentación máis equilibrada, e a práctica regular de actividade física en todas as idades, nas que se fai imprescindible a participación e implicación activa das comunidades locais e a súa capacidade de xeración e modificación dos espazos socioculturais onde viven e aprenden os individuos. Só estas estratexias teñen demostrado capacidade para contribuír de xeito significativo a inverter as citadas tendencias epidemiolóxicas e os riscos para a saúde propios dos nosos días.

Recoñecendo o importante papel que poden xogar os concellos na promoción e protección da saúde da súa cidadanía, de acordo cos obxectivos estratéxicos da Rede Europea de Cidades e Municipios Saudables, esta orde pretende fomentar políticas municipais promotoras da saúde, que faciliten e impulsen a participación activa da cidadanía para lograr ambientes sociais onde sexa máis fácil practicar comportamentos e estilos de vida saudables, e que contextualicen diversas liñas estratéxicas establecidas no Plan de Saúde de Galicia 2008-2010 e nos programas de promoción da vida sen tabaco e de actividades saudables, exercicio e alimentación (PASEA), que recollen as políticas de promoción da saúde do Goberno de Galicia.

Preténdese, así mesmo, dar continuidade temporal aos proxectos municipais cofinanciados ao abeiro da Orde do 5 de marzo de 2008, DOG nº 56, do 24 de marzo, que desenvolveron as súas actividades durante o ano 2008.

Para tal fin, e con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo coas facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a concesión de subvencións aos concellos de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento do desenvolvemento de proxectos de promoción de estilos de vida saudables, en consonancia coas áreas de actuación prioritarias establecidas pola Dirección Xeral de Saúde Pública e incluídas no Plan de saúde de Galicia: promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas; promoción dunha alimentación equilibrada e saudable, e promoción da práctica frecuente de actividade física en todas as idades, de acordo coas bases reguladoras que se especifican nesta orde.

Artigo 2º.-As persoas destinatarias.

As persoas destinatarias das subvencións para o cofinanciamento de proxectos de promoción da saúde son os concellos ou agrupacións de concellos de Galicia, que cumpran cos requisitos establecidos no artigo seguinte desta orde. A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello e, no caso de agrupacións de concellos para realizar un único proxecto común, asignarase unha única subvención. Nestes casos, os concellos integrantes da agrupación nomearán un/unha representante único/a do proxecto conxunto que actuará como coordinador/a e interlocutor/a coa Consellería de Sanidade.

Artigo 3º.-Condicións.

Serán requisitos indispensables para solicitar unha subvención para o cofinanciamento de proxectos municipais de promoción da saúde:

3.1. O deseño, redacción e presentación a memoria dun proxecto de actuación orientado á promoción de estilos de vida saudables na comunidade local, denominado xenericamente para efectos desta convocatoria Proxecto Concello Saudable, que deberá seguir as pautas e indicacións recollidas no anexo II.

Os proxectos promoverán a utilización das infraestruturas xa dispoñibles no termo municipal, quedando expresamente excluídos aqueles proxectos destinados ao financiamento de obras de construción, reforma ou reparación de instalacións de calquera tipo, ou aqueles destinados a cubrir custos de mantemento destas, agás a adquisición de equipamentos ou materiais específicos necesarios para a realización das actividades previstas.

Serán obxectivos de actividade de carácter obrigatorio dun Proxecto Concello Saudable, aqueles relacionados con:

-A promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas, e o cumprimento Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco.

-A promoción da actividade física regular e saudable, evitando o sedentarismo en todas as idades.

-A promoción dunha alimentación equilibrada e saudable en todos os grupos poboacionais.

Serán actividades de carácter complementario e voluntario, pero igualmente valorables, aquelas propostas encamiñadas á educación para a saúde de grupos específicos, en áreas como a promoción da lactación natural, a prevención de accidentes infantís e domésticos, a educación afectivo-sexual, a promoción da saúde bucodental, os autocoidados de saúde, etc., naqueles ámbitos que mellor correspondan coas necesidades de atención de grupos poboacionais específicos como escolares e adolescentes, persoas da terceira idade, discapacitadas ou inmigrantes, ou persoas con enfermidades crónicas, actuando neste casos en coordinación cos profesionais sanitarios e os centros de saúde. Valorarase especialmente a aquelas propostas que integren a perspectiva de xénero na súa elaboración e execución.

As actividades recollidas nos proxectos poderán comezar a súa realización a partir do 1 de xaneiro de 2009.

3.2. A creación formal dunha Unidade Concello Saudable, entendéndose esta, como un equipo humano constituído, polo menos, por dous profesionais: un deles deberá contar con formación académica universitaria específica na actividade física e deporte, que actuará como coordinador/a e representante técnico do proxecto, e outro con formación académica específica en alimentación e nutrición humana. En ningún caso, existirá vinculación de servizo entre o persoal desta unidade e a Administración sanitaria.

As funcións desta unidade serán:

a) Establecer a necesaria coordinación operativa entre o/os goberno/s municipais, as distintas entidades que configuran a comunidade municipal (centros escolares, sociais e sanitarios, asociacións e entidades de todo tipo), e a Dirección Xeral de Saúde Pública para dar continuidade ás liñas estratéxicas establecidas nos programas de promoción da vida sen tabaco e actividades saudables, exercicio e alimentación (PASEA) da Consellería de Sanidade.

b) Programar e xestionar as actividades recollidas no proxecto de promoción de estilos de vida saudables obxecto desta orde, que se desenvolverán nos diferentes ámbitos da comunidade.

c) Elaborar os informes que permitan o correcto seguimento e avaliación dos proxectos cofinanciados, segundo os procedementos de seguimento e auditoría que determine e aplique a Dirección Xeral de Saúde Pública.

3.3. Facilitar a infraestrutura física necesaria para o adecuado desenvolvemento das funcións e programas de actividade e servizos da Unidade Concello Saudable.

3.4. Presentar, tanto a solicitude segundo o anexo I, como a documentación completa requirida no artigo 12º desta orde, no prazo establecido nesta.

Artigo 4º.-Concorrencia competitiva.

A concorrencia competitiva será establecida con carácter provincial para os proxectos solicitados por concellos ou agrupacións de concellos entre 10.000 e 50.000 habitantes. Na categoría de cidades (poboación maior de 50.001 habitantes), a concorrencia terá carácter autonómico. No caso de que nalgunha provincia non se presentasen a esta convocatoria proxectos de concellos ou agrupacións de concellos, o remanente que lle correspondese a esa provincia repartiríase entre as restantes.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

Os criterios de valoración que serán aplicados á hora de valorar os proxectos presentados polos concellos ou agrupacións de concellos solicitantes, e que permitirán facer a proposta razoada das contías do cofinanciamento, son os seguintes:

5.1. Grao de adecuación do proxecto presentado aos obxectivos de actividade de carácter obrigatorio expresados no artigo 3º: ata 35 puntos.

a) Área de promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas na comunidade: ata 10 puntos.

* Actividades dirixidas á vixilancia do cumprimento da Lei 28/2005, de protección da saúde fronte ao tabaco no ámbito municipal, e a sinalización adecuada dos centros, locais ou instalacións públicas existentes no concello ou agrupación de concellos: ata 5 puntos.

* Oferta aos centros educativos da comunidade, dun programa de actividades para a prevención do consumo de tabaco, alcohol e outras drogas: ata 5 puntos.

b) Área de promoción dunha alimentación equilibrada e saudable en todas as idades: ata 15 puntos.

* Oferta aos centros educativos da comunidade, dun programa de actividades para a promoción dunha alimentación saudable no ámbito escolar: ata 5 puntos.

* Oferta ás familias ou grupos específicos de todas as idades, dun programa de actividades para a promoción dunha alimentación saudable: ata 5 puntos.

* Oferta de actividades relacionadas coa promoción da lactación materna, como a mellor alimentación nos primeiros meses de vida dos bebés da comunidade, en coordinación cos centros sanitarios ou as asociacións que promoven a lactación natural que poidan existir no concello: ata 5 puntos.

c) Área de promoción da actividade física frecuente para a mellora da saúde en todas as idades: ata 10 puntos.

* Oferta á poboación en xeral ou colectivos específicos desta, dun programa de actividades para a realización de actividade física regular relacionada coa mellora da saúde, axeitados ás características da poboación a quen vaian dirixidos, optimizando a utilización de todo tipo de instalacións ou paraxes existentes no ámbito local: ata 5 puntos.

* Oferta aos centros educativos da comunidade, dun programa de actividades para a realización de actividade física nas diferentes idades escolares, optimizando a utilización das instalacións dos propios centros educativos: ata 5 puntos.

5.2. Outras actividades de promoción da saúde proxectadas: ata 5 puntos. Entre elas a presentación de proxectos nos que se inclúan propostas relacionadas co impulso de liñas de intervención recollidas no Plan de atención integral á saúde da muller de Galicia.

5.3. Grao de mobilización de recursos organizativos locais de todo tipo: ata 5 puntos.

5.4. Contía do cofinanciamento do proxecto achegada polo concello ou agrupación de concellos solicitantes: ata 5 puntos.

5.5. Os proxectos correspondentes a concellos ou agrupacións de concellos xa cofinanciados ao abeiro da Orde do 5 de marzo de 2008, poderán sumar entre 10 e 20 puntos adicionais, en función do informe de avaliación do proxecto realizado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, á vista das memorias de xestión e informes de auditoría realizados sobre o desenvolvemento dos proxectos en 2008, conforme os seguintes criterios e baremos:

-Área de promoción da vida sen tabaco, alcohol e outras drogas: 3 puntos para un desenvolvemento suficiente, ou 5 puntos cando se documenten actividades dirixidas ao cumprimento da Lei 28/2005, sobre tabaco.

-Área de promoción dunha alimentación saudable: 3 puntos para un desenvolvemento suficiente, ou 5 puntos cando se documente o grao de satisfación da cidadanía participante nas actividades, ou que se teñan realizado probas antropométricas e análises das dietas consumidas.

-Área de promoción da actividade física: 3 puntos para un desenvolvemento suficiente, ou 5 puntos cando se documente o grao de satisfacción da cidadanía participante nas actividades, ou se teñan realizado probas de condición física.

-Esforzo económico local realizado, segundo a porcentaxe do custo total do financiamento do proxecto en 2008, consignado na memoria final, aplicando o seguinte baremo:

Cofinanciamento local igual ou superior ao 20% do total: 1 punto.

Cofinancamento local igual ou superior ao 30% do total: 2 puntos.

Cofinanciamento local igual ou superior ao 40% do total: 3 puntos.

Cofinanciamento local igual ou superior ao 50% do total: 5 puntos.

Artigo 6º.-Instrución e comisión de valoración.

6.1. A instrución do procedemento de concesión das subvencións corresponderalle á Dirección Xeral de Saúde Pública, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

6.2. Durante a instrución do procedemento constituirase, como órgano colexiado, unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo anterior, avaliará os proxectos dos concellos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada polos proxectos presentados. Esta comisión estará integrada polos seguintes membros:

-O director xeral de Saúde Pública ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

-O subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

-O xefe do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde.

-Tres técnicos/as do devandito servizo, asumindo un deles a secretaría.

-Un/unha profesional designado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, da Consellería da Educación e Ordenación Universitaria.

6.3. O director xeral de Saúde Pública, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, elevará a proposta de resolución á conselleira de Sanidade.

6.4. Na designación das persoas integrantes da comisión procurarase que se obteña unha composición de xénero equilibrada, segundo o previsto na Lei 7/2004, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

Artigo 7º.-Resolución e recursos.

7.1. Unha vez elevada a proposta de resolución, a conselleira de Sanidade resolverá o procedemento. A devandita resolución deberá conter a relación de solicitantes aos que se conceden as subvencións para o cofinanciamento dos respectivos proxectos, e a súa correspondente contía.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de 6 meses desde a data en que finalice o prazo de presentación das solicitudes e a documentación completa requirida. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as solicitudes por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de ditar resolución expresa.

A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo con previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7.2. Todo incumprimento das condicións nas que se basea a concesión da subvención, e se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

7.3. Contra a resolución do procedemento, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ao interesado, ou contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir da referida notificación. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

Artigo 8º.-Dispoñibilidades orzamentarias.

Estas axudas por un montante total de 1.124.631 euros, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 1302.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Artigo 9º.-Clases e dotación económica máxima das subvencións para o cofinanciamento dos proxectos seleccionados.

a) Para concellos cunha poboación maior de 50.001 habitantes, a subvención económica do proxecto poderá acadar ata un máximo de 80.000 euros.

b) Para concellos ou agrupacións de concellos cunha poboación maior de 10.000 e menor ou igual a 50.000 habitantes, a subvención económica do proxecto poderá acadar ata un máximo de 60.000 euros.

Artigo 10º.-Continuidade de proxectos cofinanciados en 2008.

Os proxectos presentados por concellos ou agrupacións de concellos que xa obtiveran cofinanciamento, segundo Orde do 5 de marzo de 2008, poderán ser cofinanciados cunha cantidade non superior aos 50.000 euros. Esta cantidade será destinada de xeito prioritario ao pagamento de salarios dos profesionais da Unidade Concello Saudable.

Artigo 11º.-Documentación, lugar e prazo de presentación das solicitudes.

11.1. As solicitudes deberán achegarse, xuntando a totalidade da seguinte documentación:

a) Solicitude dirixida á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade no modelo oficial recollido no anexo I.

b) Memoria do proxecto que motiva a solicitude desta subvención, cos obxectivos e as actividades redactados segundo índice, extensión e soportes recollidos no anexo II.

c) Certificación acreditativa do censo de poboación segundo o último padrón municipal. No caso de agrupación de concellos, a certificación de cada participante no proxecto conxunto.

d) Fotocopia cotexada do CIF da entidade solicitante. No caso de agrupacións de concellos, a da entidade que coordina e representa ao proxecto conxunto.

e) Certificación da conta bancaria da entidade solicitante, expedida polo banco ou caixa correspondente. No caso de agrupacións de concellos, a da entidade que coordina e representa ao proxecto conxunto.

f) Declaración responsable e comprensiva do feito de non atoparse incurso o solicitante nas prohibicións recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. No caso de agrupacións de concellos, xuntaranse as declaracións de cada concello participante no proxecto conxunto.

g) Declaración do solicitante da subvención na que figure o conxunto de subvencións e axudas solicitadas para o proxecto que se presenta ou proxectos cos mesmos fins, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

11.2. No caso de solicitudes presentadas por concellos agrupados ou mancomunados, tal como prevé o artigo 2º desta orde, a solicitude acreditará a súa representación, e facilitará os datos necesarios para o ingreso da cantidade que, se é o caso, lle puidese corresponder.

11.3. As solicitudes serán dirixidas á Dirección Xeral de Saúde Pública, subscritas polo representante legal da entidade interesada xunto coa documentación complementaria, e deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Sanidade ou nos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

11.4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

11.5. Se a documentación presentada resulta incompleta ou non cumpre os requisitos determinados nesta orde, requirirase ao solicitante mediante notificación persoal e anuncio na páxina web da Consellería de Sanidade, para que no prazo de 10 días proceda a completar ou emendar as deficiencias observadas, coa advertencia de que, de non facelo no prazo indicado, terase por desistido da súa solicitude e procederase ao seu arquivo, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose na forma prevista no artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 12º.-Xustificación, aboamento e xestión económica.

Unha vez rematado o desenvolvemento do proxecto e, en todo caso, antes do 15 de novembro de 2009, todos os proxectos cofinanciados terán remitido á Dirección Xeral de Saúde Pública os seguintes documentos, que permitirán realizar as propostas de pagamento da totalidade da subvención concedida a cada proxecto:

-Memoria sobre o proceso e resultados das actividades previstas no Proxecto Concello Saudable.

-Relación detallada dos gastos derivados deste.

-Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou declaración de non ter solicitada ningunha outra axuda para o mesmo proxecto.

Artigo 13º.-Conceptos subvencionados.

a) Gastos de persoal para colaborar nas actividades do proxecto.

b) Adquisición de bens ou contratación de servizos, entre os cales se poderán incluír:

-Material inventariable. O adquirido con cargo á axuda concedida pasará a formar parte do material inventariable do concello.

-Material funxible.

-Outros gastos, sempre que estean debidamente especificados e xustificados, e garden relación directa co proxecto desenvolvido ou resulten necesarios para el.

c) Axudas de custo por desprazamento, debidamente xustificadas en relación co proxecto. Admitiranse gastos derivados da difusión do proxecto.

Artigo 14º.-Pagamento.

Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida para o cofinanciamento de Proxectos Concello Saudable, realizarase en tres prazos:

a) O primeiro pagamento, equivalente ao 10% da contía total da subvención outorgada para a posta en marcha do proxecto.

b) O segundo pagamento, equivalente ao 50% da contía total da subvención outorgada, efectuarase tras a presentación dun informe de seguimento por parte do coordinador/a do proxecto, en concepto de gastos de preparación ou de execución das actividades programadas.

c) O terceiro pagamento, equivalente ao 40% restante da contía total da subvención outorgada, efectuarase tras a presentación da memoria final por parte do coordinador/a do proxecto e á vista dos informes de auditoría realizados pola Dirección Xeral de Saúde Pública, en concepto de execución conforme das actividades do proxecto cofinanciado.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Tendo en conta o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, son obrigas dos beneficiarios:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente ou, se é o caso, ante a entidade colaboradora, a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou goce desta axuda.

c) Facilitar toda a información que lles sexa requirida e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Comunicar á entidade concedente ou, se é o caso á entidade colaboradora, da obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou ente público.

d) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento da actividade subvencionada, facendo constar a colaboración da Consellería de Sanidade nas actividades realizadas, na publicidade destas, e nas publicacións realizadas no desenvolvemento destas actividades.

e) Calquera outra das obrigas recollidas na normativa vixente en materia de subvencións.

Artigo 16º.-Revogación e reintegro das axudas.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de mora, segundo o previsto no título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 17º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Contraprestacións dos programas de promoción de estilos de vida saudables da Consellería de Sanidade ás unidades Concello Saudable.

a) Organización dun curso de formación inicial para profesionais de unidades Concello Saudable: axuste técnico do proxecto; protocolos e instrumentos de diagnóstico da forma física comunitaria, baseados na condición física e a nutrición que resulta dos hábitos alimentarios ou de actividade física que practican a poboación ou os seus grupos; seguimento e auditorías do proxecto. O lugar de celebración e a duración do curso será determinada pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

b) Asesoramento e apoio técnico continuado durante o período de desenvolvemento do proxecto, por parte do persoal técnico designado pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

c) Distribución de materiais gratuítos solicitados para a sinalización de espazos, de acordo coa Lei 28/2005, de protección da saúde fronte ao tabaco e as disposicións autonómicas que a desenvolvan.

d) Creación dunha rede de comunicación telemática que contribúa ao seguimento e xestión dos proxectos cofinanciados, con acceso para os profesionais das unidades do Concello Saudable existentes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para a execución do previsto nesta orde, así como para o seguimento, avaliación e difusión dos proxectos seleccionados para o seu cofinanciamento.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2009.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "02300D022P073.PDF"

ANEXO II

Modelo para a elaboración da memoria dun Proxecto Concello Saudable

As memorias dos proxectos en ningún caso poderán exceder as 5.000 palabras. Acompañando ao anexo I de solicitude de axuda, xuntarase un exemplar impreso en Din A-4, e un exemplar en soporte informático Cd-rom, en Word 2003.

O índice das memorias dos proxectos conterá os seguintes puntos:

1. Introdución.

Título do proxecto, relación de concello/s e profesionais participantes, e presentación sucinta do/s concello/s participante/s que inclúa a/as pirámide/s de poboación residente nestes.

2. Xustificación.

Resumo das actividades previstas e a súa adecuación ás necesidades reais da zona.

3. Obxectivos.

Deben responder claramente a pregunta «¿para qué se vai realizar o proxecto ou a cada actividade concreta?», é dicir, os logros que se pretenden acadar co desenvolvemento das actividades, de acordo cos recursos reais cos que se conta. Os obxectivos específicos deberán ser medibles.

4. Persoas destinatarias.

Débense concretar os grupos poboacionais a que están dirixidas as principais actividades do proxecto: idades, sexos ou outros datos útiles para definir claramente os grupos de persoas destinatarias das actividades do proxecto.

5. Descrición das actividades que se van realizar.

As actividades do proxecto supoñen a concreción dos obxectivos antes sinalados, e o que se vai facer para logralos (métodos). Describiranse con detalle as actividades que se pretenden realizar, os calendarios da súa execución, os métodos e instrumentos para logralo, o número de participantes previsto, e o xeito de avaliación por parte da organización e das persoas participantes.

6. Recursos necesarios.

As persoas que van organizar e desenvolver as actividades presentadas no proxecto, os recursos materiais necesarios para o desenvolvemento das actividades, e os recursos financeiros cos que xa se conta e os que se solicitan como axuda para a execución das actividades do proxecto.