DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.327

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 2 de febreiro de 2009 pola que se regula a concesión de axudas a concellos de Galicia para compensar os danos sufridos en instalacións deportivas de titularidade pública polos efectos do temporal acaecido en Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009.

No Diario Oficial de Galicia número 21, do 30 de xaneiro de 2009, publicouse o Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009.

No marco do citado Decreto 13/2009, esta orde ten por obxecto arbitrar medidas urxentes para a reparación dos danos producidos nas instalacións deportivas de titularidade pública da Comunidade Autónoma de Galicia causados polo fenómeno coñecido como cicloxénese explosiva. O artigo 10 do devandito decreto dispón a creación de axudas para as entidades locais ou actuacións directas sobre as instalacións deportivas afectadas, segundo os casos.

O procedemento de concesión das axudas, en concordancia co disposto no artigo 3.2º do Decreto 13/2009, realizarase en réxime de concesión directa, por mor das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e rexerase polo establecido nos artigos 19.4º e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A natureza extraordinaria do acontecido, a magnitude dos feitos e as súas consecuencias obrigan á adopción de medidas e axudas para reparar e paliar, na medida do posible, os danos e perdas sufridos, apartándose do réxime de concorrencia competitiva que recolle a normativa de aplicación.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e na tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polo temporal nas instalacións deportivas de titularidade pública, cómpre establecer un sistema de xestión que asegure unha eficaz asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Polo exposto, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Esta orde ten por obxecto convocar, polo procedemento establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, axudas aos concellos de Galicia que o soliciten, para o financiamento da reparación dos danos sufridos nas instalacións deportivas de titularidade municipal como consecuencia do temporal acaecido na comunidade autónoma entre os días 23 e 24 de xaneiro de 2009.

2. Non obstante, para casos excepcionais en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que poderán estar referidas á magnitude ou natureza da actuación, poderán outorgarse axudas en réxime de concesión directa coa sinatura, de ser o caso, dos oportunos convenios.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Poderá ser obxecto destas axudas o financiamento das actuacións que vaian realizar os concellos para paliar os danos antes citados e que teñan por finalidade a reparación de elementos estruturais, cubertas ou elementos de seguridade, a reparación dos danos producidos na estrutura ou a reposición de elementos de instalacións deportivas de titularidade municipal. Considéranse excluídas, por razón da contía, aquelas reparacións de carácter menor que supoñan un custo total inferior aos 12.000 € por instalación.

Artigo 3º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 4º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.441A.760.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, por un importe de 400.000 €. O crédito previsto poderá ser incrementado en función das dispoñibilidades orzamentarias e das necesidades de axudas acreditadas, realizando, de ser o caso, as modificacións orzamentarias que resulten precisas.

O cálculo da subvención será efectuado sobre o importe do investimento total consignado na correspondente solicitude, sen prexuízo das correccións que resulten da valoración dos danos de acordo cos informes técnicos solicitados pola Dirección Xeral para o Deporte, e sen que o importe total poida experimentar modificación ningunha por razón do importe da subvención finalmente outorgada. No caso de que o total das axudas correspondentes ao conxunto de beneficiarios supere a contía establecida, as citadas axudas reduciranse de maneira proporcional.

As subvencións obxecto desta orde decláranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que o concello beneficiario obteña para a execución das actuacións que se describen no artigo anterior. Non obstante, a suma total de todas elas non poderá superar o 100% do orzamento total que require a actuación. Neste caso, a axuda concedida ao abeiro desta orde reducirase ata acadar o cumprimento da condición establecida anteriormente.

Para o caso de que, como consecuencia de incidencias producidas, as subvencións outorgadas non sexan aceptadas ou se renuncie a elas, con anterioridade a que se efectúe o primeiro dos pagamentos das axudas, os créditos que tivesen tal orixe poderán ser reasignados aos restantes solicitantes, sen necesidade de mediar nova convocatoria pública, tras a proposta formulada para o efecto polo órgano instrutor, incrementando a contía de forma proporcional.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

Os concellos interesados deberán presentar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste orde, no rexistro da Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Cultura e Deporte, sito no Estadio Multiusos de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela, ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude acompañada da documentación que a continuación se relaciona:

a) Memoria valorada subscrita por un técnico municipal competente que inclúa os seguintes datos:

a.1. Identificación dos danos producidos e das necesidades de reparación.

a.2. Fotografías acreditativas dos danos.

a.3. Planos de localización das instalacións afectadas.

a.4. Orzamento detallado dos custos das reparacións.

b) Certificación subscrita por un técnico municipal competente que acredite a titularidade municipal da instalación deportiva para a que se pide a subvención.

c) Certificación subscrita por un técnico municipal competente na que se especifiquen os sistemas de cobertura de danos, públicos ou privados, que afecten as instalacións para as que se solicita a subvención con indicación da contía das indemnizacións, ingresos ou recursos obtidos a través de tales sistemas.

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados.

e) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención da subvención recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A presentación da solicitude implica o compromiso de someterse ás normas reguladoras da subvención establecidas nesta orde.

Artigo 6º.-Procedemento e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a documentación complementaria, serán analizadas na Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Cultura e Deporte, co obxecto de comprobar que se están debidamente cubertas e suficientemente documentadas. En caso contrario, requirirase o solicitante para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles proceda a emendar as deficiencias observadas, coa advertencia de que, de non o facer así, se terá por desistido da súa petición, logo da adopción da oportuna resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O subdirector xeral de Deportes será o órgano instrutor do procedemento. Deberá comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, e elevará proposta de resolución, conforme todo o actuado, á directora xeral para o Deporte, quen adoptará a resolución en virtude da cal se outorgarán ou denegarán as subvencións solicitadas, para o cal poderá solicitar cantos informes técnicos considere precisos para a comprobación dos danos producidos e da súa valoración, en exercicio das facultades delegadas pola Orde do 12 de xaneiro de 2007 (Diario Oficial de Galicia do 19 de xaneiro).

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución ao abeiro desta orde será de tres meses, que se computarán a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, consonte o previsto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a notificación individual poderá ser substituída pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura e Deporte, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. Así mesmo, relacionaranse as solicitudes desestimadas con expresión dos motivos da desestimación.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Cultura e Deporte, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da oportuna notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Os beneficiarios das axudas deberán xustificar a realización das accións subvencionadas antes do día 1 de outubro do ano 2009. O incumprimento do prazo de xustificación poderá dar lugar á perda do dereito a percibir a axuda outorgada.

A documentación xustificativa será presentada ante a Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Cultura e Deporte, a cal procederá a comprobar a súa corrección.

Con anterioridade a formular a proposta de pagamento da subvención, unha vez rematadas as obras, levarase a cabo un acto de comprobación do investimento efectuado, ao cal asistirá un representante da Dirección Xeral para o Deporte e do cal quedará constancia a través da oportuna acta.

2. A xustificación documental da realización da actuación obxecto da subvención estará integrada polos documentos que a seguir se enumeran:

a) De acordo co artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación consistirá na certificación da intervención ou do órgano da Administración municipal que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida.

b) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución polas distintas administracións públicas competentes ou por calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2.1. De acordo co previsto no artigo 48.1º da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, os beneficiarios destas subvencións quedarán exentos de achegar os xustificantes de atoparse ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Gastos subvencionables.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada. Entre tales gastos poderán ser incluídos os seguintes: honorarios facultativos de redacción de proxectos técnicos, dirección de obra e análogos; taxas ou impostos estatais ou autonómicos vinculados á expedición das oportunas autorizacións e licenzas.

Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

4. A xustificación deberá comprender a totalidade da actuación realizada, e deberá acreditarse o importe, a procedencia e a aplicación dos recursos achegados, xa sexan fondos propios ou outras subvencións.

Artigo 8º.-Consentimentos e autorizacións.

1. Conforme o establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os documentos exixidos que xa estean en poder da Administración actuante non deberán ser achegados coa solicitude, sempre que con esta se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foi presentada a documentación e que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. No suposto de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente coa sinatura da solicitude a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, no devandito rexistro, sen prexuízo dos supostos en que a publicidade resulte excluída en virtude do disposto no decreto citado ou norma de rango legal.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 9º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. No suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial das subvencións percibidas, así como dos xuros de mora correspondentes.

2. O reintegro a que se refire o punto anterior farase efectivo de acordo co procedemento previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Outras obrigas dos beneficiarios perceptores das axudas ou subvencións.

Son obrigas dos beneficiarios as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, sinaladamente, as seguintes:

a) As entidades a que se lles conceda subvención quedarán obrigadas a asumir ao seu cargo os aumentos que se produzan, no caso de que o custo das obras ou equipamentos resulte superior á valoración prevista no orzamento, ou ben por revisión dos prezos, adicionais, prórrogas e outros supostos.

b) Quedarán sometidas ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e ao control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda ou aos órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requerida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Deberán destinar os bens sobre os que se realicen as obras para o fin concreto para o que se lle concedeu a subvención, por período non inferior a cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e dous anos para o resto dos bens.

O incumprimento da obriga de destino referido no parágrafo anterior será causa de reintegro nos termos establecidos para o efecto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor salvo que resulte ser un terceiro protexido nos termos legalmente previstos.

Artigo 11º.-Lexislación de aplicación.

En todo o non previsto nestas bases rexerá a normativa xeral en materia de subvencións constituída pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte derrogado pola Lei 9/2007 citada, así como polos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase a directora xeral para o Deporte para que dite as resolucións e instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2009.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte