DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 2 de febreiro de 2009 pola que se convocan axudas para as explotacións agrícolas e gandeiras ao abeiro do Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

O Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, regula as axudas para a reparación dos danos e, se é o caso, perdas causados polo temporal que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009.

Segundo o disposto no artigo 7 da citada norma, serán obxecto de axudas os danos e perdas causados polo temporal en explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, tanto nas instalacións e edificacións propias da actividade como nas producións afectadas, que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera otra fórmula de aseguramento, público ou privado.

As axudas reguladas no devandito decreto réxense polo réxime establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión directa previsto no artigo 19.4.c) e 26 da citada norma, dadas as razóns de interese público, social, económico e humanitario que concorren neste caso.

En consecuencia, por razóns de urxencia, considérase conveniente establecer a convocatoria pública das axudas polos danos e, se é o caso, perdas, causadas polo temporal acontecido os días 23 e 24 de xaneiro en Galicia, ás explotacións agrícolas e gandeiras, pola necesidade de recuperar o máis axiña posible a normalidade, sendo obxecto doutra liña de axudas específicas as destinadas a paliar os danos no ámbito forestal.

Así mesmo, tendo en conta a urxencia existente na valoración dos danos e a tramitación das axudas, así como a concorrencia doutros sistemas de cobertura de danos e de axudas que tamén poden amparar o resarcimento das perdas ocasionadas polo temporal nas explotacións agrícolas e gandeiras, cómpre establecer un sistema de xestión centralizado para asegurar unha eficaz e equitativa asignación das axudas aquí reguladas.

A disposición derradeira primeira do Decreto13/2009, do 29 de xaneiro, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento, entendendo como competente a Consellería do Medio Rural para a concesión das axudas por danos e perdas en explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.

Xa que logo, de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, ámbito de aplicación e natureza das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto desenvolver o réxime de axudas establecidas no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, que regula as axudas para a reparación dos danos e, se é o caso, perdas, causados polo temporal que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009, no ámbito das competencias da Consellería do Medio Rural e que esta conceda con cargo aos seus orzamentos.

2. Poderán ser obxecto de axuda a reparación dos danos e perdas causados en explotacións agrícolas e gandeiras, tanto nas instalación e edificacións propias da actividade como nas producións afectadas, que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado.

3. As axudas concederanse en réxime de concesión directa e serán financiadas con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural.

4. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados e cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, serán compatibles en concorrencia con otras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano ou perda producido.

Artigo 2º.-Requisitos das persoas beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas que teñan a condición de agricultor/a profesional, entendido como a persoa física titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal, que requira un volume de emprego de, polo menos, unha unidade de traballo anual e que obteña, polo menos, o 25% da súa renda de actividades agrarias.

2. Poderán selo, así mesmo, as persoas, físicas ou xurídicas, titulares destas explotacións que, non reunindo as características de agricultor profesional, empreguen, polo menos, media unidade de traballo anual.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. Será obxecto da axuda a reparación dos danos, nas explotacións agrícolas e gandeiras, directamente derivados do temporal acaecido os días 23 e 24 de xaneiro, así como as perdas sufridas ata a completa recuperación da actividade, especificados nos anexos II e III.

2. Poderán ser obxecto de axuda outros danos e perdas non previstos neses anexos, logo da oportuna comprobación e valoración polos servizos técnicos da Consellería do Medio Rural.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo do anexo I, debidamente cuberta e asinada polo beneficiario, dirixidas ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente no rexistro xeral desta consellería nos servizos centrais, ou no modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas. Así mesmo, leva consigo a autorización ao órgano xestor da axuda de solicitar as certificacións nos termos do artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ten a posibilidade de denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións nos termos previstos no número 3, alínea i) deste artigo.

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do NIF ou CIF do solicitante.

b) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos corresponde ao solicitante.

c) No caso de persoas xurídicas copia compulsada do documento de constitución da sociedade e dos estatutos e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade en que conste o acordo de solicitar a axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala e tratándose de montes veciñais en man común, certificado de estaren inscritos no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

d) Declaración sobre calquera otra subvención ou axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ao abeiro desta orde e, de ser o caso, póliza de aseguramento ou declaración xurada de que os bens para os cales solicita a axuda non están cubertos polo seguro correspondente.

e) Memoria sobre os danos e perdas causados na explotación agrícola ou gandeira, incluíndo unha relación valorada destes que se fará, de ser o caso, consonte co baremo establecido nos anexos II, III e V se están incluídos neles, a xustificación da titularidade, propiedade ou dereito de uso dos citados bens e a acreditación por medio de calquera medio probatorio documental ou gráfico dos danos e perdas sufridos obxecto de axuda. No caso de gando morto, achegarase ademais a referencia do código de explotación agraria e a identificación do animal.

f) No suposto de ter a condición de persoa agricultora profesional, acreditación de que, polo menos, o 25% da súa renda total a obteña das actividades agrarias, o que se efectuará mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio cuxo prazo xa finalizase para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales pola persoa titular durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais.

g) Documentación acreditativa das UTA da explotación, do seguinte xeito:

Cando a persoa titular sexa persoa física, a achega de man de obra acreditarase da seguinte maneira:

1º A man de obra familiar da persoa titular, cotitular e familiares que estean afiliados á Seguridade Social, co informe de vida laboral de cada unha delas.

2º A achega da man de obra familiar da persoa titular da explotación ata o 2º grao inclusive, por consanguinidade ou afinidade e, se é o caso, por adopción, que convivan no seu fogar e estea ao seu cargo e que, estando ocupada na súa explotación, non teña a obriga de afiliarse ao correspondente réxime da Seguridade Social, poderá estimarse ata un máximo de 0,5 unidades de traballo agrario pola primeira persoa traballadora e 0,25 unidades por cada un dos restantes membros. Para acreditar que esa man de obra pertence á unidade familiar, utilizarase a declaración do IRPF da persoa titular, certificado de empadroamento, así como un informe de vida laboral.

3º A man de obra asalariada acreditarase documentalmente con base na cotización á Seguridade Social.

Cando a persoa titular sexa persoa xurídica soamente se computará a man de obra achegada polas persoas asociadas e asalariadas non asociadas acreditada mediante a correspondente cotización á Seguridade Social.

h) De ser o caso, solicitude motivada de anticipo segundo o modelo que se xunta como anexo IV.

i) No caso de denegar o consentimento a que se refire o número 2 deste artigo, deberá presentar, ademais, a xustificación de estar o día no pagamento das obrigas tributarias e o certificado acreditativo de estar o día das obrigas tributarias coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

4. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes aos servizos técnicos agrarios das delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, co fin de comprobar se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase o interesado na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

5. Os servizos técnicos da Consellería do Medio Rural poderán realizar inspeccións sobre o terreo emitindo os informes necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 5º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6º.-Determinación da axuda.

1. As axudas concederanse consonte os seguintes criterios:

a) No caso de explotacións agrícolas, as perdas de produción computaranse, na produción esperada para a campaña, segundo os valores máximos auxiliables no anexo II.

b) No caso de danos en bens, equipamentos e maquinaria, especifícanse os valores de substitución e reparación máximos auxiliables para os bens danados, no anexo III.

c) No caso de gando poderá concederse unha axuda consonte os baremos especificados no anexo V.

2. No suposto de que os danos producidos nas explotacións agrícolas ou gandeiras non estean recollidos nos anexos anteriores, os servizos técnicos da consellería comprobarán os danos causados que haxa que reparar mediante estas axudas e emitirán informe coa súa valoración.

Artigo 7º.-Instrución.

1. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria será a competente para a tramitación e instrución do procedemento de concesión das axudas, sendo de aplicación para o seu desenvolvemento o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á vista dos informes emitidos polos servizos técnicos da consellería, a dirección xeral instrutora, unha vez valoradas as circunstancias e os danos causados, determinará a contía da axuda e elevará a proposta ao conselleiro para a súa resolución.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución das axudas competeralle ao conselleiro do Medio Rural, quen procederá á súa resolución, así como, se fose o caso, á concesión ou denegación do anticipo solicitado, a medida que se vaian presentando as solicitudes. Esta resolución notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se dite e publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O prazo para resolver e notificar as subvencións será o previsto no artigo 23.4º da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño. Se transcorrese o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súa solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativos de reposición e contencioso-administrativo.

Artigo 9º.-Anticipos.

1. Excepcionalmente e como consecuencia da necesaria urxencia na reparación do dano, poderá aboarse un anticipo de ata o 50% da subvención concedida. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario en escrito segundo modelo que se xunta como anexo IV, no que motivará a mencionada necesidade dunha reparación urxente dos danos para recuperar a normalidade da actividade agrícola ou gandeira, e declarará non estar incurso nas circunstancias especificadas no artigo 31.6º da Lei 9/2007, do 14 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión dos anticipos estará condicionada, se é caso, á prestación de garantías nos supostos previstos no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Prazo de execución, xustificación e pagamento das subvencións.

1. De ser o caso, a reposición dos danos deberá ter lugar no prazo de tres meses desde a notificación da resolución de concesión da axuda. Este prazo poderá ser prorrogado en casos debidamente xustificados, mediante solicitude do interesado presentada antes da finalización do prazo.

2. No caso de danos, o perceptor da axuda queda obrigado a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos, de xeito que se manteña a situación existente antes de producirse o temporal. Para tal efecto achegará, no prazo dos quince días seguintes ao da finalización do prazo recollido no número anterior a documentación xustificativa do gasto, nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Este prazo poderá ser prorrogado xustificativamente por solicitude da persoa interesada.

3. No caso de danos ou perdas que non sexan obxecto de reposición, xustificaranse mediante informe emitido polos servizos técnicos da Consellería do Medio Rural. No caso de perda de leite, a xustificación realizarase coa achega da factura dos tres últimos meses de entrega aos compradores e certificado da empresa compradora comprensivo dos días en que non se realizou a recollida.

4. O pagamento total das axudas terá lugar tras a xustificación dos gastos pola reposición dos bens afectados, agás nos supostos recollidos no artigo 6 a) e c) desta orde. No caso de gando morto, o pagamento farase efectivo unha vez comprobado o asentamento deste no Rexistro de Explotacións Gandeiras a favor do solicitante da axuda.

5. A Administración poderá solicitar a documentación adicional de carácter complementario que se considere necesaria para a xustificación das subvencións concedidas ao abeiro desta orde.

6. De acordo co artigo 29, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros, no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no caso de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a presentación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 11º.-Control.

1. A Consellería do Medio Rural poderá realizar os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. O beneficiario estará obrigado a colaborar na citada inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

2. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 12º.-Importe máximo das subvencións.

O importe máximo das axudas reguladas nesta orde non poderá en ningún caso ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo dos danos e perdas causados aos beneficiarios polo temporal acaecido en Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009.

Artigo 13º.-Financiamento.

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.713C.774.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e polo importe de 4.000.000,00 euros.

A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou outras administracións.

2. En todo caso, a concesión das axudas estarán sometidas á condición de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 14º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Artigo 15º.-Réxime de reintegros infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposicións adicionais

Primeira.-Nos aspectos non regulados nesta orde, aterase ao disposto na Lei 9/2007, do 14 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Segunda.-De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácicas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Terceira.-A resolución de concesión das axudas reguladas nesta orde quedará condicionada á decisión positiva da Comisión Europea sobre compatibilidade destas co mercado común, de acordo co establecido no artigo 88.3º do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar os actos e as medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "02300D018P055.PDF"

ANEXO V

Baremo de indemnizacións por animais

Valores de bovinos, ovinos e cabrúns: os establecidos na Orde APA/1438/2005, pola que se modifica a Orde do 15 de decembro de 2000, pola que se establecen os baremos de indemnización por sacrificio obrigatorio dos animais afectados pola lingua azul.

Valores para porcino: os contemplados no anexo VIII do Real decreto 1071/2002, do 18 de outubro, polo que se establecen as medidas mínimas de loita contra a peste porcina clásica.

Valores para aves: os especificados na Orde APA/940/2008, do 2 de abril, pola que se establecen os baremos de indemnización polo sacrificio obrigatorio dos animais obxecto dos programas de control de salmonela en mandas de aves reprodutoras e poñedoras do xénero Gallus gallus.

Para as demais especies: para as demais especies non recollidas na normativa anterior, teranse en conta os valores indemnizatorios para os sinistros por accidente para cada tipo de animal recollido nas tarifas aprobadas polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño (MARM), nas correspondentes ordes ministeriais polas que se desenvolve o Plan anual de seguros agrarios para o ano 2009 aprobado por acordo do Consello de Ministros de 5 de decembro de 2008 ou, no seu defecto, as que desenvolven o Plan anual de seguros agrarios para o ano 2008 no caso de non terse publicado, na data de entrada en vigor desta orde, as ordes correspondentes ao ano 2009.