DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 2 de febreiro de 2009 que regula a concesión de axudas por danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís e nas infraestruturas enerxéticas e turísticas de titularidade municipal, pola que se desenvolve o Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do día 23 de xaneiro de 2009.

No Diario Oficial de Galicia nº 21, do 30 de xaneiro de 2009, publicouse o Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

No devandito decreto establécese que serán obxecto de axuda, dun lado, os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no ámbito competencial da Consellería de Innovación e Industria que sexan consecuencia dos estragos ocasionados polo temporal nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, e doutro, os danos ocasionados en infraestruturas locais.

Por outra banda, o decreto prevé a súa aplicación ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, e dadas as devanditas previsións, cómpre proceder a fixar a contía e o procedemento de concesión de axudas, o que, en concordancia co artigo 3.2º do antedito decreto, se realizará en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso.

Así, o procedemento que se articula nesta orde dá unha resposta inmediata á situación xerada polo temporal no ámbito do sector do comercio retallista, industrial, turístico e demais sectores mercantís, establecendo medidas urxentes para paliar as repercusións máis inmediatas producidas nos establecementos comerciais, industriais, turísticos e demais establecementos mercantís no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. En definitiva, trátase de atender as necesidades dos colectivos afectados para contribuír, de xeito decidido e con todas as garantías procedimentais, a rexenerar e a reactivar a actividade comercial, industrial, turística e demais actividades mercantís nas zonas devastadas polo temporal.

Con base no anterior, consonte o disposto na disposición derradeira primeira do Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro de 2009, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar axudas para reparar os danos que como consecuencia do temporal acaecido en Galicia a partir do día 23 de xaneiro de 2009 se ocasionaron en:

a) Establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no ámbito competencial da Consellería de Innovación e Industria.

Quedan excluídas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

b) Infraestruturas enerxéticas e turísticas de titularidade municipal.

Quedan excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 2º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario e complementario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 3º.-Procedemento de concesión.

Estas axudas outorgaranse polo procedemento de concesión directa, consonte o disposto no artigo 3.2º do Decreto 13/2009, e de acordo co previsto no artigo 19.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Réxime xurídico aplicable.

Para a concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento de desenvolvemento, ambos nos seus preceptos básicos.

d) Normativa comunitaria de aplicación ás axudas.

Artigo 5º.-Beneficiarios e finalidade da axudas.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Os titulares de establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no ámbito competencial desta consellería nos que se producisen danos.

Para estes efectos consideraranse os danos causados nas súas edificacións, instalacións, maquinaria, e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

b) Os concellos cuxas infraestruturas enerxéticas e turísticas de titularidade municipal resultaren danadas.

2. En todo caso debe quedar suficientemente acreditada a relación de causalidade entre os danos producidos e o temporal acaecido.

Artigo 6º.-Crédito destinado ás axudas.

Destinarase unha contía de 3.800.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, que no caso de se producir, sería obxecto de publicación no DOG e non suporía a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

O financiamento das axudas imputarase aos créditos previstos nas aplicacións orzamentarias seguintes:

-10.03.733B.760.7, polo importe de 800.000 euros.

-10.04.741A.770.7, polo importe de 1.000.000 euros.

-10.05.751A.770.7, polo importe de 1.000.000 euros.

-10.06.761A.760.7, polo importe de 400.000 euros e 10.06.761A.770.7, polo importe de 600.000 euros.

Artigo 7º.-Solicitudes. Forma, lugar e prazo de presentación.

1. As solicitudes presentaranse mediante os modelos normalizados que se inclúen como anexo I desta orde. Ás solicitudes deberán xuntarse os documentos que se determinan no número 4 deste artigo.

2. Os formularios normalizados de solicitude regulados nesta orde deberaos obter, cubrir, validar e imprimir, necesariamente, o solicitante a través da aplicación informática Axudas Virtual (procedemento IN532D) establecida na oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http//www.conselleriaiei.org. Tamén se pode acceder dende o enderezo http://www.xunta.es/presentación-electronica da Xunta de Galicia facendo uso do enlace dispoñible co procedemento IN532D.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 14.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O anexo I desta convocatoria publícase no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

3. Unha vez cuberto e impreso o formulario normalizado a que se fai referencia no número anterior, as solicitudes presentaranse en formato papel ante os rexistros validamente admitidos ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia.

As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente no rexistro da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes en formato electrónico presentaranse ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do representante legal do solicitante ou persoa que o representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, e terase que cumprir os seguintes requisitos:

O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), ANCERT (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no punto seguinte deste artigo. Para isto, no proceso de formalización telemática permitiranse anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao rexistro telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

4. Xunto cos formularios normalizados de solicitude, os solicitantes deberán presentar un exemplar, en orixinal ou copia compulsada, da seguinte documentación:

a) CIF, no caso de persoas xurídicas. Nos supostos de representación, documentos acreditativos dela.

b) Escrituras de constitución e modificación e estatutos, no caso de persoas xurídicas.

c) Certificación expedida pola Axencia Tributaria, na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o solicitante.

d) Memoria descritiva dos danos causados e do correspondente investimento para a súa reparación, con detalle do orzamento ou facturas pro forma desagregados por partidas e do calendario de execución, acompañada polo proxecto técnico no caso de ser exixido polo concello para o tipo de obra ou investimento que se vaia realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

e) Documentos gráficos en calquera soporte que dean fe do dano.

f) Acreditación da titularidade dos bens afectados e, de ser o caso, acreditación da titularidade do vehículo e da súa afectación á actividade que desenvolve.

g) Declaración xurada de que os danos son consecuencia do temporal acaecido, de conformidade co ámbito de aplicación establecido no Decreto 13/2009.

h) Calquera outra documentación que contribúa a probar a contía dos danos, a condición de afectado e a vinculación dos bens danados á actividade desenvolvida.

i) Póliza de aseguramento e/ou declaración xurada de que os bens danados para os cales solicita as axudas non están asegurados, están asegurados na súa totalidade ou están asegurados parcialmente.

j) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución.

k) Certificación bancaria para o aboamento da axuda.

l) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda, no caso de que o solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

Como regra xeral, estas certificacións non teñen que ser achegadas, xa que a solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deben emitir os organismos citados no parágrafo anterior. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta efectuada polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

No caso de que o solicitante sexa un concello, deberá presentar os documentos relacionados nos parágrafos anteriores excepto os que figuran nas letras b), c) e l).

5. As solicitudes presentaranse no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Contía das axudas.

A Consellería de Innovación e Industria poderá conceder unha subvención por importe de ata o custo da reparación ou reposición dos danos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos á actividade comercial, industrial, mercantil ou turística, en función das dispoñibilidades orzamentarias e do número de solicitudes, tendo en conta, en todo caso, o disposto no artigo 2º desta orde.

A Consellería de Innovación e Industria levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias para garantir unha óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas, podendo a este respecto solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información dos solicitantes.

Artigo 9º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e da orde de convocatoria e, de conformidade co artigo 20.3º da Lei de subvencións de Galicia, comportará a autorización da persoa solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

De conformidade co mesmo artigo, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa está no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación debe manterse vixente e identificarse no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións concedidas, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Innovación e Industria publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 10º.-Órganos competentes.

1. As solicitudes de axuda dirixiranse ao conselleiro de Innovación e Industria, e corresponderalles a súa tramitación e instrución ás direccións xerais de Comercio; Industria, Enerxía e Minas; Promoción Industrial e Sociedade da Información ou Turismo, de conformidade coa distribución competencial establecida no Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

2. O órgano competente para a resolución das solicitudes será o conselleiro de Innovación e Industria.

Artigo 11º.-Instrución.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 12º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular as alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13º.-Resolución.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, formularase proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Innovación e Industria, que ten a competencia para resolver estas axudas, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Innovación e Industria. Esta resolución deberá publicarse no DOG.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de 9 meses contados a partir da presentación da solicitude de subvención polo interesado nun rexistro válido. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Innovación e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

Artigo 14º.-Anticipos.

A axuda poderá ser librada anticipadamente polo importe máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das distintas solicitudes presentadas.

Artigo 15º.-Xustificación.

O perceptor da axuda queda obrigado a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo a memoria e o proxecto básico presentados, de xeito que se manteña a situación existente antes de producirse o temporal.

Polo tanto, para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, con data límite do 30 de novembro de 2009, a seguinte documentación xustificativa:

-Facturas xustificativas de materialización da reparación ou reposición dos danos, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento dos gastos realizados ou, no caso dos concellos, certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

-Calquera outro documento que xustifique o emprego da axuda na reparación ou reposición dos danos.

A Consellería de Innovación e Industria reserva para si a facultade de comprobación in situ cando finalicen os traballos para verificar a súa conformidade coa memoria e o proxecto.

Artigo 16º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o silencio, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o silencio.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 17º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios quedan sometidos ao réxime de obrigas previsto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as que se atopa a de someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financiero que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Artigo 18º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde aplicaranse a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e demais normativa en materia de subvencións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2009.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "02300D015P045.PDF"