DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.304

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de xaneiro de 2009 pola que se convocan os premios extraordinarios de formación profesional específica de grao superior correspondentes ao curso 2007-2008.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte creou mediante a Orde ECD/1696/2002, do 1 de xullo de 2002 (BOE do 5 de xullo), os premios nacionais de formación profesional como recoñecemento ao alumnado que rematou os seus estudos de formación profesional específica de grao superior.

Así mesmo, no artigo terceiro, a citada orde establece que poderá concorrer aos premios extraordinarios nacionais o alumnado que resultase merecedor dos premios extraordinarios convocados na súa comunidade autónoma nos termos que se establecen nesa norma.

Na súa virtude, co obxectivo de recoñecer os méritos baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou estudos de formación profesional de grao superior na Comunidade Autónoma de Galicia cun excelente resultado académico, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño),

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado que realizase os estudos de formación profesional específica de grao superior no curso 2007-2008 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º

1. Poderanse conceder ata vinte e dous premios extraordinarios, un por cada familia de formación profesional específica.

2. A dotación para os premios será de 16.104 € con cargo á partida orzamentaria 09.02.423A.480.1 dos orzamentos do ano 2009, que se distribuirán entre os premiados na mesma contía e que non poderá exceder os 732 € por premio. Estas contías estarán suxeitas ás retencións que legalmente lles correspondan.

3. Estes premios extraordinarios de formación profesional específica de grao superior son compatibles con calquera outro premio, incluídos os premios nacionais de formación profesional específica de grao superior.

Artigo 3º

Poderá optar aos premios extraordinarios de formación profesional o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter rematados os estudos de formación profesional específica de grao superior no ano 2008 nun centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter obtido unha cualificación final media de todos os módulos igual ou superior a 8,5. Esta cualificación final obterase como media aritmética das cualificacións obtidas nos módulos que compoñen o ciclo formativo, non computándose o módulo de formación en centros de traballo que se cualifica en termos de apto ou non apto, nin os que fosen obxecto de validación.

Artigo 4º

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar aos premios extraordinarios, deberá solicitalo na secretaría do centro público de educación en que se atope o seu expediente académico, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

2. Para formalizar a inscrición deberá presentar a seguinte documentación:

a) Folla de inscrición cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Relación dos méritos que desexe alegar vinculados co título profesional, de acordo co previsto no artigo 8º.1.b, xunto coa documentación xustificativa correspondente. Os méritos acreditaranse mediante certificado orixinal ou fotocopias cotexadas das certificacións, en que conste expresamente o número de horas de duración.

c) Fotocopia do DNI ou pasaporte.

d) Declaración xurada de ter ou non ter percibido ou solicitado outros premios ou axudas convocados co mesmo fin polas administracións públicas competentes segundo o modelo do anexo III desta orde, co que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao último pagamento, no caso de non producirse variación.

3. Os centros públicos de educación elaborarán e xuntarán á documentación anterior os documentos que a seguir se relacionan:

a) Certificación académica dos estudos obxecto de baremo, onde se reflicte a cualificación final media a que se refire o artigo 3º.2, asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/a director/a do centro público en que se atope o expediente académico.

b) Documento xustificativo da transferencia de datos que se imprime unha vez introducidos na aplicación informática http://www.edu.xunta.es/premiosfp a solicitude do alumnado.

4. Sen prexuízo do anterior, o alumnado poderá presentar a documentación indicada no número 2 deste artigo, na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

Artigo 5º

Os centros públicos de educación que posúan solicitudes de inscricións tramitaranas a través dunha aplicación informática situada no portal educativo http://www.edu.xunta.es/premiosfp e remitirán a documentación por correo urxente á Subdirección de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ata o día seguinte ao de finalización do prazo de solicitude.

Artigo 6º

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de inscrición non reunise os requisitos precisos ou non se acompañase da documentación indicada no artigo anterior, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición ou, se é o caso, non se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados.

Artigo 7º

1. Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un xurado de selección presidido pola persoa responsable da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, ou persoa en que delegue, e integrado polas persoas responsables do Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema Educativo e do Servizo de Formación Profesional, funcionarios dos corpos de inspectores de educación e/ou profesores de ensino secundario das especialidades de formación profesional específica, designados polas direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa, e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Actuará como secretario do xurado, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Artigo 8º

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o xurado terá en conta os seguintes méritos:

a) Valor numérico da nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional específica por que se opta ao premio extraordinario, expresado de 8,5 a 10 cunha cifra decimal.

b) Outros méritos relacionados co título profesional. Para efectos de valoración só se terán en conta as actividades relacionadas directamente cos contidos do ciclo formativo correspondente, obtidos con posterioridade a súa matrícula no ciclo formativo por que opta ao premio e finalizados antes do 31 de decembro de 2008. Os cursos de linguas estranxeiras, TIC e prevención de riscos laborais considéranse actividades relacionadas con todos os ciclos.

Se o/a alumno/a realiza o ciclo en máis de dous cursos académicos, só se valorarán os cursos realizados nos dous últimos.

A valoración estará expresada numericamente do 0 a 10 cunha cifra decimal.

I. Os cursos organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologados ou recoñecidos polas administracións anteditas, así como os organizados polas universidades, desenvolvidos durante o período en que se cursaron os estudos que posibilitan a presentación a esta convocatoria, valoraranse con 0,1 puntos por cada 10 horas de formación, ata un máximo de 8 puntos.

Os cursos conducentes á obtención dun título académico non se valorarán, agás os das linguas estranxeiras de ensinanza oficial nas escolas oficiais de idiomas que, coa cualificación de apto, se valorará como 120 horas.

II. Outras actividades de formación organizadas pola Xunta de Galicia valoraranse con 0,1 puntos por cada 20 horas de formación, ata un máximo de 2 puntos.

2. A valoración final expresarase numericamente cunha cifra decimal e será o resultado de aplicar os factores de ponderación recollidos no anexo II: 80% do número 1.a e 20% do 1.b deste artigo.

3. O xurado resolverá os empates tendo en conta a maior puntuación nos seguintes méritos e por esta orde:

a) Maior valor da nota media do expediente académico do ciclo de formación profesional específica por que se opta ao premio extraordinario.

b) Cualificación do módulo de proxecto integrado, no caso de que forme parte de todos os ciclos da mesma familia profesional.

c) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 8º.1.b.I).

d) Outros méritos relacionados co título profesional (artigo 8º.1.b.II).

e) Sorteo.

4. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

Artigo 9º

1. Antes dun mes a partir do remate do prazo de solicitude o xurado de selección confeccionará unha acta provisional coas puntuacións dos aspirantes e os méritos xustificados. Os resultados publicaranse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. Os interesados poderán reclamar por escrito contra a puntuación outorgada polo xurado de selección mediante instancia dirixida ao seu presidente, no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da publicación, e remitida á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, edificio administrativo San Caetano s/n, bloque 2, 2º andar, CP 15781 Santiago de Compostela, cuxa copia se poderá enviar ao fax 981 54 65 42.

3. Unha vez resoltas as reclamacións, o xurado elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. Os resultados coas puntuacións definitivas dos aspirantes publicaranse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A acta orixinal quedará arquivada na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e remitirase copia á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais así como ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. De acordo coa proposta feita polo xurado de selección, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa elevará a dita proposta para a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de concesión ditada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria.

5. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses, desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, e terá efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Artigo 10º

Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Artigo 11º

1. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá un diploma acreditativo e o/a secretario/a do centro público onde estea depositado o expediente académico anotará nel a distinción.

2. Os/as alumnos/as que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ao correspondente premio nacional.

3. O alumnado premiado presentará certificación de titularidade dunha conta bancaria con 20 díxitos, na cal se ingresará mediante transferencia bancaria a dotación do premio. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

Artigo 12º

O alumnado gañador dos premios ten a obriga de someterse ás actuacións de comprobación que poidan efectuar os órganos competentes, para o que achegará canta información lle sexa requirida, de acordo co artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 13º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación ou resolución no premio concedido, conforme o artigo 23 da Lei 9/2007.

Artigo 14º

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Ordenación e Innovación Educativa e de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar cantas actuacións sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2009.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "02300D014P040.PDF"