DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.302

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 2 de febreiro de 2009 pola que se desenvolven as medidas urxentes previstas no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, para a reparación dos danos que, causados polo temporal acaecido en Galicia os días 23 e 24 de xaneiro, afectasen a rede de estradas locais e os seus elementos funcionais e auxiliares de titularidade pública.

O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 29 de xaneiro, aprobou o Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia nº 21, do 30 de xaneiro) por medio do cal se adoptaron diversas medidas de carácter extraordinario para paliar os danos causados polo fenómeno meteorolóxico adverso, coñecido como cicloxénese explosiva, e que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro.

Entre tales medidas, adoptadas en aplicación do principio de solidariedade e en coherencia coas dispostas en situacións similares precedentes, figuran as previstas no artigo 10º do referido decreto e destinadas a facer fronte aos danos provocados ás infraestruturas locais.

Por outra parte, o artigo 12º e a disposición derradeira 1ª da antedita norma, respectivamente, dispoñen que as citadas medidas se financiarán con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas e que as persoas titulares dos departamentos autonómicos quedan facultadas para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Consecuentemente co exposto, esta orde ten como obxectivo desenvolver o citado Decreto 13/2009, e determinar as concretas actuacións que esta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, dentro do ámbito das súas competencias, poñerá en marcha para paliar os danos derivados do temporal que sufriu Galicia o 23 e 24 de xaneiro de 2009.

Xa que logo, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento das medidas urxentes, previstas no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, para a reparación dos danos que, causados polo temporal que padeceu Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009, afectasen a rede de estradas locais e os seus elementos funcionais e auxiliares de titularidade pública.

2. As medidas previstas nesta orde serán de aplicación para a reparación dos danos que, incluídos no seu obxecto, se producisen nos ámbitos territoriais dos diferentes concellos de Galicia.

Artigo 2º.-Actuación directa sobre os bens afectados.

De acordo co previsto no artigo 10º do Decreto 13/2009, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes poderá actuar directamente sobre os bens afectados e reparar os danos incluídos no obxecto desta orde, utilizando os seus propios medios ou acudindo á contratación administrativa.

No suposto de que a execución dos traballos de reparación se fagan mediante contrato administrativo, resultará de aplicación o réxime previsto no artigo 4º do antedito Decreto 13/2009.

Artigo 3º.-Requisitos, documentación e prazo.

1. Para que poidan ser obxecto de reparación ao abeiro do previsto nesta orde será necesario que os danos na respectiva rede de estradas local e nos seus elementos funcionais e auxiliares de titularidade pública, sexan dunha contía igual ou superior a quince mil (15.000) euros, IVE excluído, por concello solicitante, debendo a alcaldía-presidencia achegar, xunto coa súa solicitude de reparación, un certificado emitido por quen desempeñe as funcións inherentes á secretaría xeral do Concello, no cal conste o contido do informe emitido por técnico competente e no cal se detallarán os danos e o orzamento das súas reparacións.

Xunto con documentación prevista no parágrafo anterior, tamén se achegará o compromiso municipal de poñer á disposición da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes os terreos necesarios, os permisos e autorizacións pertinentes para a execución das obras de reparación, así como a obriga de asumir, unha vez recibidas as obras e logo da comunicación desta consellería, a súa explotación, mantemento e conservación.

2. Os concellos interesados en beneficiarse das medidas previstas nesta orde dispoñen dun prazo dun mes, contando desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para formularen as súas solicitudes.

Artigo 4º.-Créditos orzamentarios.

As actuacións realizadas ao abeiro do previsto nesta orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentaria Contía

08.03.512B.610.0 3.000.000 €

08.04.512A.608.0 500.000 €

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2009.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes