DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 30 de xaneiro de 2009 pola que se regula concesión de axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís, industriais, turísticos e deportivos, situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica como consecuencia dos estragos producidos polo temporal no mes de xaneiro de 2009.

No Diario Oficial de Galicia nº 21, do 30 de xaneiro de 2009, publicouse o Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

No artigo 9 do dito decreto establécese que serán obxecto de axudas os danos provocados nos establecementos comerciais, mercantís, industriais, turísticos e deportivos, situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica, como consecuencia dos estragos ocasionados polo temporal nas súas edificacións, instalacións, equipamentos, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

O artigo 1 do mesmo decreto establece que as axudas se aplicarán á reparación de danos e, de ser o caso, perdas causadas polo temporal que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009, no ámbito territorial da comunidade autónoma, nos termos que se conteñen nel e polas contías que no mesmo ou nas disposicións que o desenvolvan se establezan.

Xa que logo, dada a devandita previsión, cómpre proceder a fixar as instalacións portuarias, a contía e o procedemento de concesión de axudas, que ao abeiro do artigo 3.2º do antedito decreto, se outorgarán en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren, conforme os termos e condicións que se establecen nestas bases reguladoras.

Mediante este procedemento, téntase promover, con todas as garantías procedimentais, a rexeneración e reactivación da actividade comercial, industrial, náutico-deportiva e de servizos que se desenvolve nos portos da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, xestionados polo ente público Portos de Galicia, atendendo así ás excepcionais condicións producidas e ao mandato institucional do ente público expreso no artigo 3.2º da súa lei de creación, de promover e fomentar de xeito global a actividade económica destes portos.

Fundado no anterior e de acordo co Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, e coas facultades atribuídas pola Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia,

ACORDO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación e carácter das axudas.

Esta resolución ten por obxecto o desenvolvemento das medidas urxentes previstas no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, para a reparación de danos e, de ser o caso, perdas que, causadas polo temporal que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009, se produciron en determinados bens situados nas instalacións portuarias de titularidade autonómica galega.

Para tal efecto, por medio desta resolución, procédese a convocar, polo procedemento de concesión directa, axudas para reparar os danos provocados nos establecementos comerciais, mercantís, industriais, turísticos e deportivos, situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica, como consecuencia dos estragos ocasionados polo temporal nas súas edificacións, instalacións, equipamentos, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, nas instalacións portuarias relacionadas no anexo I desta resolución.

2. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados.

3. Non obstante, cando os citados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta resolución concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos e recursos procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta resolución observarase o disposto nas normas seguintes:

a) O procedemento de concesión rexerase polo disposto no artigo 19.4º e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos seus preceptos básicos.

b) A Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción e vixencia actual.

c) As normas regulamentarias que resulten de aplicación.

d) Normativa comunitaria de aplicación ás axudas.

Artigo 3º.-Beneficiarios e finalidade da axuda.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais, turísticos e deportivos, situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica, en que, como consecuencia do temporal que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009, se produciron danos nas súas edificacións, instalacións, equipamentos, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades, debendo quedar acreditada a dita relación de causalidade.

Artigo 4º.-Crédito destinado ás axudas.

Destinarase unha contía de 600.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada de incorporacións ou xeracións de crédito. A existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria será obxecto de publicación no DOG e non suporá a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

O financiamento das axudas imputarase e aos créditos previstos nas aplicacións orzamentarias seguintes:

-Partida «Reparacións e conservación» polo importe de 200.000 euros, para aquelas axudas destinadas a compensar os danos sufridos en establecementos industriais.

-Partida «Reparación e conservación» polo importe de 400.000 euros, para aquelas axudas destinadas a compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís, turísticos e deportivos.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e lugar de presentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo que figura como anexo a esta resolución, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación de esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Os solicitantes deberán presentar por duplicado exemplar, incluíndo orixinal ou copia compulsada, a seguinte documentación:

DNI do solicitante titular do establecemento.

CIF ou NIF.

Escrituras de constitución, estatutos e modificación de ser o caso, de persoas xurídicas.

Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dado de alta o solicitante.

Memoria descritiva asinada dos danos causados e do correspondente investimento para a súa reparación, con detalle do orzamento desagregado por partidas ou facturas pro forma e do calendario de execución, acompañada polo proxecto técnico no caso de ser exixido normativamente ou polo concello para o tipo de obra ou investimento que se vaia realizar. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos efectuadas polo solicitante.

Póliza de aseguramento e declaración xurada de que os danos para os cales solicita as axudas non están cubertos polo seguro correspondente.

Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución.

Documentos gráficos en calquera soporte que dean fe do dano e acreditación dos bens afectados polo referido temporal.

Certificación bancaria para o aboamento da axuda.

Acreditación, de ser o caso, da titularidade das instalacións, equipamentos, maquinaria e das mercadorías, así como do vehículo e da súa afectación á actividade que desenvolve.

Declaración xurada de que os danos foron causando directamente polo temporal.

Calquera outra documentación que contribúa a probar a contía dos danos, da condición de afectado e da vinculación dos bens danados á actividade desenvolvida.

Non se aceptarán solicitudes respecto de edificacións, instalacións, equipamentos, maquinaria, mercadorías, vehículos comerciais ou industriais afectos que non conten con título portuario autorizado por Portos de Galicia e coas demais licenzas, permisos e autorizacións das demais administracións competentes.

A solicitude e a documentación por duplicado, orixinal ou copia compulsada, dirixirase ao presidente do ente público Portos de Galicia e presentarase preferentemente no rexistro xeral dos servizos centrais do ente público Portos de Galicia, localizado en Praza de Europa, portal 5 A, 6º B, Área Central-As Fontiñas, 15707, Santiago de Compostela, ou nos demais lugares previstos no artigo 38.4° da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Contías.

O ente público Portos de Galicia poderá conceder unha subvención por importe de ata o custo da reparación ou reposición dos danos ocasionados nas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos á actividade comercial, mercantil, industrial, turística ou deportiva en función das dispoñibilidades orzamentarias e do número de solicitudes, tendo en conta, en todo caso, o disposto nos puntos 2 e 3 do artigo 1º desta orde.

O ente público Portos de Galicia levará a cabo as actuacións de comprobación que considere necesarias para garantir unha óptima fixación da contía dos danos e a correcta aplicación das axudas, podendo a este respecto solicitar a achega da documentación necesaria para verificar a veracidade da información dos solicitantes.

Artigo 7º.-Resolución de concesión.

Á vista das solicitudes presentadas, o presidente do ente público Portos de Galicia ditará resolución, logo da proposta de resolución, que será emitida polo director do ente público.

A resolución será obxecto de publicidade no termos establecidos no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

A resolución de concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia, conforme o establecido no artigo 78.8° Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 8º.-Pagamento.

A axuda poderá ser librada anticipadamente polo importe máximo do 50% da contía que se estableza na resolución tras a valoración das distintas solicitudes presentadas.

Artigo 9º.-Xustificación.

O perceptor da axuda queda obrigado a investir a axuda na reparación ou reposición dos danos segundo o proxecto básico presentado, de xeito que se manteña a situación existente antes de producirse o temporal. Para tal efecto achegará a seguinte documentación:

Facturas xustificativas de materialización da reparación ou reposición dos danos, indicando nelas concepto, importe sen IVE e importe total, así como documentos xustificativos do pagamento dos gastos realizado.

Calquera outro documento que xustifique o emprego da axuda na reparación ou reposición dos danos.

O ente público Portos de Galicia, reserva para si, a facultade de comprobación in situ cando finalicen os traballos para verificar a súa conformidade co proxecto.

Artigo 10º.-Duración do procedemento e réxime de recursos.

O prazo máximo para ditar e notificarlles resolución expresa aos interesados será o previsto no artigo 1.2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O vencemento do prazo sinalado sen que se notifique resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo. A administración poderá ir resolvendo as solicitudes de concesión á medida que se vaian presentando.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro desta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do ente público Portos de Galicia no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 11º.-Deber de colaboración. Reintegro das axudas.

1. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo ente público Portos de Galicia, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da axuda levará consigo, ademais das sancións que puideren corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

3. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da axuda poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde aplicarase o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2009.

María José Caride Estevez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

ANEXO 1

Relación de instalacións portuarias ás que lles resultan de aplicación as axudas dest resolución

*Provincia da Coruña:

O Barqueiro (Mañón), Bares (Mañón), Espasante (Ortigueira), Santa Marta de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Sada-Fontán, Lorbé (Oleiros), Mera (Oleiros), Santa Cruz (Oleiros), San Pedro de Visma (A Coruña), Suevos (Arteixo), Caión (Laracha), Razo (Carballo), Malpica, Barizo (Malpica), Santa Mariña (Ponteceso), Corme (Ponteceso), Laxe, Camelle (Camariñas), Arou (Camariñas), Santa Mariña (Camariñas), Camariñas, Muxía, Fisterra, Quenxe (Corcubión), Corcubión, Cee, Brens (Cee), O Ézaro (Dumbría), O Pindo (Carnota), Portocubelo (Carnota), Muros, Os Muiños (Muros), Esteiro (Muros), O Freixo (Outes), A Barquiña (Outes), O Conchido (Outes), A Barquiña (Noia), Noia, Testal (Noia), Boa (Porto do Son), Portosín (Porto do Son), Porto do Son, Corrubedo (Ribeira), Aguiño (Riveira), Castiñeiras (Ribeira), Ameixida (Ribeira), Santa Uxía de Ribeira, Insuela (Ribeira), Palmeira (Ribeira), A Pobra do Caramiñal, Escarabote (Boiro), Cabo de Cruz (Boiro), Ancados (Boiro), Bodión (Boiro), O Porto-Taragoña

(Rianxo), Rianxo, Rañó (Rianxo)

*Provincia de Lugo:

Ribadeo, Rinlo (Ribadeo), Foz, Nois (Foz), Burela, San Cibrao (Cervo), Morás (Xove), Portocelo (Xove), Celeiro (Viveiro), Viveiro, O Vicedo

*Provincia de Pontevedra:

Pontecesures, Carril (Vilagarcía), Vilaxoán (Vilagarcía), As Sinas (Vilanova de Arousa), Vilanova de Arousa, San Miguel de Deiro (Vilanova de Arousa), Cabodeiro (A Illa de Arousa), O Xufre (A Illa de Arousa), O Campo (A Illa de Arousa), Tragrove (Cambados), San Tomé (Cambados), A Toxa (O Grove), O Grove, Meloxo (O Grove), Pedras Negras (O Grove), Portonovo (Sanxenxo), Sanxenxo, Raxó (Poio), O Covelo (Poio), Combarro (Poio), Campelo (Poio), Pontevedra, Aguete (Marín), Bueu, Beluso (Bueu), Aldán (Cangas), Cangas, Moaña, Meira (Moaña), Domaio (Moaña), Santo Adrián (Vilaboa), Gundixe-Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), Arcade (Soutomaior), Cesantes (Redondela), Canido (Vigo), Panxón (Nigrán), Santa Marta (Baiona), Baiona, Santa María de Oia (Oia), A Guarda, A Pasaxe (A Guarda), Goián (Tomiño), Tui.