DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.295

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 2 febreiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca a concesión de axudas e subvencións por danos persoais, previstas no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

O Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro, regula diversas medidas para a reparación dos danos e perdas causados polo temporal acaecido no citado período.

Segundo o previsto na citada disposición, serán obxecto de axuda os danos persoais, e concederanse por causas de falecemento, incapacidade absoluta permanente e por lesións que motivasen a hospitalización da persoa ferida cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación no citado decreto (artigo 5).

O procedemento de concesión das axudas reguladas no devandito decreto rexerase polo establecido nos artigos 19.4º e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de normas reguladoras de subvencións en Galicia, e polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos seus preceptos básicos. As axudas poderán outorgarse en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das circunstancias excepcionais que concorren neste caso.

Considérase conveniente dar apoio en situacións en que se sufriron danos persoais e, por razóns de urxencia convocar, en réxime de concesión directa, as axudas polos danos persoais causados polo temporal acaecido en Galicia os días 23 e 24 de xaneiro.

A disposición derradeira primeira do Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, faculta os titulares dos distintos departamentos autonómicos para ditaren, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o seu desenvolvemento.

Polo que, no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e natureza.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria dun procedemento de concesión das axudas previstas no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro, relativas aos danos persoais causados polo temporal acaecido en Galicia os días 23 e 24 de xaneiro que se relacionan a continuación:

a) Falecemento.

b) Incapacidade absoluta permanente.

c) Lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida.

2. As axudas concederanse en réxime de concesión directa e serán financiadas con cargo aos orzamentos da Consellería de Economía e Facenda para o ano 2009.

3. Estas axudas serán compatibles entre si e a súa concesión terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, nacional ou internacional, de que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas.

4. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas nesta orde concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 2º.-Beneficiarias.

1. Serán beneficiarias directas destas axudas as persoas afectadas pola incapacidade absoluta permanente ou lesións que causasen a hospitalización cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación no Decreto 13/2009, do 29 de xaneiro.

2. Serán beneficiarias destas axudas a título de vítimas indirectas, no caso de morte e con referencia sempre á data desta, as persoas que reúnan as condicións que se indican a continuación:

a) O/a cónxuxe da persoa falecida, se non estivese separado/a ou divorciado/a legalmente, ou a persoa que viñese convivindo co/a falecido/a de forma permanente, con análoga relación de afectividade á de cónxuxe, durante, polo menos, os dous anos anteriores ao momento do falecemento, salvo que tivesen descendencia, neste caso bastará a simple convivencia.

b) As/os fillas/os menores de idade da persoa falecida ou das outras persoas a que se refiere o parágrafo anterior.

c) As/os fillas/os maiores de idade se sufrisen un prexuízo económico-patrimonial relevante, debidamente acreditado, en relación á súa situación económica anterior ao falecemento.

d) As/os netas/os menores de idade das persoas falecidas ou das outras persoas a que se refiere o parágrafo anterior.

e) As/os netas/os maiores de idade se sufrisen un prexuízo económico-patrimonial relevante, debidamente acreditado, en relación á súa situación económica anterior ao falecemento.

f) En defecto das persoas mencionadas anteriormente, serán beneficiarios os pais da persoa falecida.

g) En defecto das persoas mencionadas nos parágrafos anteriores serán beneficiarios os irmáns da persoa falecida se acreditan dependencia económica daquela.

3. De concorreren varias persoas beneficiarias a título de vítimas indirectas, a distribución da cantidade a que ascenda a axuda efectuarase da seguinte forma:

Concorrendo o cónxuxe ou persoa con análoga relación nos termos do punto 2. a) deste artigo, coas/os fillas/os mencionados nas alíneas b) e c) e - por representación- coas netas e netos das alíneas d) e e), a cantidade da axuda dividirase en dúas metades, corresponderá unha parte ao cónxuxe ou persoa con análoga relación e a outra ás/aos fillas/os e netas/os que tivesen dereito de representación.

Noutro caso, as beneficiarias das axudas serán, por esta orde e con carácter excluínte, o cónxuxe ou persoa con análoga relación coa falecida da alínea a), as/os fillas/os das alíneas b) e c), as netas e netos das alíneas d) e e), os pais da alínea e) e, por último, os irmáns da falecida definidos no parágrafo g) do punto 2 deste artigo. En todo caso, de existir concorrencia de beneficarias nun mesmo grao de parentesco, a axuda dividirase en partes iguais para cada unha delas con dereito á axuda.

4. O beneficiario terá as obrigas legalmente previstas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda formularanse, mediante instancia segundo o modelo anexo, debidamente cuberta e asinada pola beneficiaria, dirixidas ao conselleiro de Economía e Facenda.

As solicitudes presentaranse na Oficina de Rexistro Único e Información no complexo administrativo de San Caetano, na Xunta de Galicia, ou no modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que, para os efectos, esta Administración considere oportunas. Así mesmo, comporta a autorización ao órgano xestor dos expedientes, para solicitar as certificacións nos termos do artigo 20.3º, parágrafo terceiro, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de normas reguladoras de subvencións de Galicia.

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do NIF ou CIF da persoa solicitante.

b) Certificado da entidade bancaria acreditativo de que a conta citada na solicitude para a domiciliación dos pagamentos lle corresponde á solicitante.

c) Declaración sobre calquera outra subvención ou axuda procedente de entidades públicas para os mesmos fins para os que se solicita a axuda ao abeiro desta orde.

d) Memoria relativa aos danos persoais causados.

e) Xustificación adecuada dos danos persoais e a súa relación de causalidade co temporal, parentesco, gastos e calquera outro dato de feito invocado. Se é o caso, declaración de incapacidade absoluta permanente ou xustificación de tela solicitado.

f) Declaración responsable de non estar incurso en prohibicións para obter a condición de beneficiario.

Artigo 4º.-Prazo de presentación.

As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes, contado a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación e instrución.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral e do Patrimonio a tramitación e instrución do procedemento de concesión das axudas convocadas, e será de aplicación, para o seu desenvolvemento, o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia .

2. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase a/o interesada/o na forma establecida no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

Para os casos de incapacidade absoluta permanente cando esta non estea declarada no momento da solicitude o procedemento poderá suspenderse de conformidade co artigo 42.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Os servizos técnicos da Consellería de Economía e Facenda realizarán as inspeccións e emitirán os informes necesarios para completar o expediente administrativo.

Artigo 6º.-Determinación e contías das axudas.

1. As axudas concederanse de acordo cos seguintes criterios:

a) 18.000 euros para os casos de falecemento ou de incapacidade permanente absoluta.

b) Para os casos de lesións que causasen hospitalización, a axuda estará comprendida entre 60 e 103 euros por día de hospitalización e incluiranse, en todo caso, os gastos de asistencia médica e hospitalización, así como outros danos persoais que se acrediten, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

2. Os servizos técnicos da consellería avaliarán os danos persoais por lesións obxecto de axuda e emitirán un informe coa valoración dos danos indemnizables.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución das axudas competeralle ao conselleiro de Economía e Facenda e notificaraselle ás/aos interesadas/os .

2. O prazo máximo para resolver e notificar as subvencións será de seis meses.

3. Transcorrido o citado prazo máximo sen recaer resolución expresa por parte do órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Facenda poderá realizar os controis administrativos que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda. A beneficiaria estará obrigada a colaborar nos citados controis, proporcionando os datos requiridos.

2. A beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. As axudas económicas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación 23.01.621A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, onde existe un crédito de 145.000 euros para atender as axudas que se convocan. En caso de non resolverse o procedemento no exercicio orzamentario faranse os reaxustes oportunos consonte o previsto nas normativas orzamentarias e de subvencións. A dita dotación poderá incrementarse por razón das solicitudes presentadas.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará sometida á condición de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Economía e Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo nos prazos legalmente establecidos.

Artigo 11º.-Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de normas reguladoras de subvencións de Galicia.

Disposición adicional

Primeira.-Nos aspectos non regulados nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de normas reguladoras de subvencións de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións nos seus preceptos básicos e ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Segunda.-Salvagardando o dereito á intimidade, persoal e familiar das persoas físicas, non procede darlle publicidade ás subvencións concedidas de acordo co previsto nos artigos 13.6º a) da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, así como no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a Secretaría Xeral e do Patrimonio para adoptar medidas e ditar os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2009.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

Ver referencia pdf "02300D009P031.PDF"