DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 27 de xaneiro de 2009 pola que se regula o exercicio dos dereitos electorais do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia, nas eleccións ao Parlamento de Galicia do día 1 de marzo de 2009.

Convocadas eleccións ao Parlamento de Galicia polo Decreto 1/2009, do 5 de xaneiro, da Presidencia da Xunta de Galicia, que terán lugar o vindeiro día 1 de marzo de 2009, é preciso adoptar as medidas oportunas para facilitar o exercicio dos dereitos e deberes do persoal ao servizo desta Administración autonómica.

En consecuencia, en virtude do previsto nos artigos 28, 76 e 78 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral, e no artigo 13 do Real decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais, e demais disposicións concordantes, esta consellería, de conformidade coas facultades que lle confire o artigo 14 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia,

DISPÓN:

Primeiro.

1. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que o día das eleccións non desfrute do seu descanso semanal terá dereito a un permiso retribuído de ata catro horas libres para exercer o seu dereito ao voto, sempre que a súa quenda de traballo, o día 1 de marzo de 2009, coincida, polo menos en catro horas, co tempo en que permanecerán abertas as mesas electorais. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

2. O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que na data da votación non teña previsto estar na localidade onde lle corresponde exercer o seu dereito ao voto, ou que non poida exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, disporá, no seu horario laboral, de ata catro horas libres para que poida formular persoalmente a solicitude de certificación acreditativa da súa inscrición no censo, que se recolle no artigo 72 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, así como para a remisión do voto por correo.

Segundo.

1. O persoal nomeado presidente ou vogal de mesas electorais, e os que acrediten a súa condición de interventores, teñen dereito, durante o día da votación, a un permiso retribuído de xornada completa se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.

2. Os que acrediten a súa condición de apoderados teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan nese día de descanso semanal.

Terceiro.

O persoal ao servizo da Administración pública de Galicia que se presente como candidato ás eleccións que terán lugar o vindeiro 1 de marzo poderá ser dispensado, logo de solicitude do interesado, da prestación do servizo nas súas respectivas unidades durante a campaña electoral, que terá lugar entre o 13 e o 27 de febreiro do ano en curso, ambos os dous incluídos. A competencia para a concesión do referido permiso corresponderalle ao secretario xeral de cada consellería.

Cuarto.

Os directores ou xefes de persoal das dependencias onde presta os seus servizos o persoal afectado por esta orde exixiranlle ao mencionado persoal os oportunos xustificantes expedidos polas mesas electorais de que foi exercido o seu dereito ao voto.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2009.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza