DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Martes, 03 de febreiro de 2009 Páx. 2.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 19 de xaneiro de 2009 pola que se regula o procedemento de adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre dependentes da Vicepresidencia para o ano 2009.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser usuarios das residencias traspasadas todos os traballadores españois e os seus familiares, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servizos sociais de familia, infancia e mocidade, competencias atribuídas neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar dispón de dous centros destinados ao gozo do ocio e o lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás que se lles quere dar un fondo contido social, posibilitando o acceso de familias con baixos recursos a un período vacacional nas residencias de tempo libre de Galicia.

Mediante esta orde ofértanse quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e socio-familiar, cumprindo unha importante función social.

Neste sentido, esta orde recolle aspectos tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, contribuíndo con isto a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de estadías e servizos das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño para o ano 2009, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente e dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 2º.-Persoas destinatarias.

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade, ou menores sempre que vaian acompañados dos seus proxenitores ou titores legais, que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos residentes no exterior.

Artigo 3º.-Distribución das prazas.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas derradeiras eleccións sindicais.

Artigo 4º.-Tipos de servizo.

1. Servizo de residencia.

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo II desta orde.

2. Servizos para non residentes.

Poderán gozar do servizo de comedor os familiares e amigos das persoas residentes que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o/a director/a de cada residencia, e sen prexuízo da lóxica prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5º.-Os prezos.

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para os non residentes, establécense no Decreto 169/2003, do 13 de febreiro, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas ás residencias de tempo libre.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

Polo que respecta ás prazas adxudicadas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, farase unha única solicitude por unidade familiar.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

1. Solicitantes da quenda de familias numerosas deberán presentar:

Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

Copia do DNI do solicitante.

Copia do libro de familia.

2. Resto de familias:

Solicitude segundo modelo oficial (anexo I).

Fotocopia do DNI da persoa solicitante.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes: lugar e prazo.

1. As solicitudes de estadías na residencia de tempo libre de Panxón presentaranse no rexistro de Delegación Provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de Pontevedra e as solicitudes de estadías na residencia de tempo libre do Carballiño presentaranse no rexistro da Delegación Provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de Ourense, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes abrirase o mesmo día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de marzo de 2009.

Artigo 8º.-Requirimento de emenda.

Os directores das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta orde, en caso contrario procederán a reclamarlles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terán por desistidas da súa petición de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do/a delegado/a provincial competente que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 9º.-Adxudicación de estadías.

A adxudicación das prazas correspondentes á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o/a delegado/a da Igualdade e do Benestar correspondente á cadansúa provincia en que están localizadas as residencias. Á data e ao lugar en que se realice o sorteo daráselles publicidade mediante anuncio nas páxinas web http://vicepresidencia.xunta.es/ e igualdadegaliza.org. No antedito sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido, tanto as remitidas directamente ás residencias de tempo libre coma as presentadas ao abeiro do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Todas as datas do prazo establecido no artigo 7º.2 entran en sorteo e delas sairá unha, que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles. As prazas que queden vacantes por

renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtivesen praza, seguíndose, para estes efectos, a orde de adxudicación establecida no sorteo.

A primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias queda reservada ás familias que acrediten a súa condición de numerosas, podendo estas, non obstante, solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II. A adxudicación desta quenda farase igualmente por sorteo de datas, sendo as sobrantes incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación. As familias numerosas que se presenten ao resto das quendas entrarán no sorteo xeral e non terán preferencia algunha.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 10º.-Resolución.

Correspóndelle ao delegado/a provincial competente por razón de territorio a resolución das adxudicacións das estadías, levantando acta do devandito sorteo e remitindo o resultado aos respectivos director/a das residencias. Estes notificarán aos interesados a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso.

Contra as anteditas resolucións, poderase interpoñer recurso de alzada perante o vicepresidente da Igualdade e do Benestar no prazo dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 11º.-Pagamento do prezo da estadía.

As persoas beneficiarias realizarán, no prazo de dez días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, un depósito de 30 € por cuarto en concepto da dita reserva, e outro depósito, 30 días antes do inicio da quenda adxudicada, pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía.

Artigo 12º.-Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

No caso de que a persoa adxudicataria anulase as estadías, perderase a cantidade depositada en concepto de reserva, salvo causas de forza maior debidamente acreditadas. As cantidades depositadas con posterioridade seranlle devoltas, logo da reclamación da persoa interesada, unha vez instruído e resolto o expediente correspondente, de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

-Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías 100%.

-Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo das estadías 75%.

-Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo das estadías 50%.

-Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías 25%.

A anulación de reservas efectuarase por carta certificada e para calcular a porcentaxe da devolución de cantidades tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso, responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a secretaria xeral da Igualdade a ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2009.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "02300D004P011.PDF"

Ver referencia pdf "02300D005P014.PDF"