DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 30 de xaneiro de 2009 Páx. 2.060

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2009, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se crea o couto de pesca de Val do Ouro.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible aprobou o Plan de xestión de recursos piscícolas do seguinte tramo da bacía do río Ouro, situado nos concellos de Alfoz e O Valadouro:

Límite superior: Ponte Frexulfe, na estrada que sae de Suaigrexa cara aos lugares da Abelleira e O Leirado (O Valadouro).

Límite inferior: desembocadura do rego de Adelán (Alfoz).

Lonxitude aproximada: 9,8 km.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo iniciou o expediente de creación do couto de pesca Val do Ouro.

No expediente de creación do couto de pesca Val do Ouro consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Lugo.

No trámite de información pública do expediente de creación do couto de pesca Val do Ouro non se presentaron alegacións.

Consideracións legais.

O expediente de creación do couto de pesca Val do Ouro cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo crear o couto de pesca Val do Ouro, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

Río: Ouro.

Concellos: Alfoz e O Valadouro.

Límite superior: Ponte Frexulfe, na estrada que sae de Suaigrexa cara aos lugares da Abelleira e O Leirado (O Valadouro).

Límite inferior: desembocadura do rego de Adelán (Alfoz).

Lonxitude aproximada: 9,8 km.

Tramo 1: desde o límite superior do couto ata a presa da Galea (Alfoz), aproximadamente 300 m augas abaixo da ponte da estrada LU-160, entre Mondoñedo e Ferreira do Valadouro, dunha lonxitude aproximada de 7,1 km.

Tramo 2: desde a presa da Galea (Alfoz), aproximadamente 300 m augas abaixo da ponte da estrada LU-160, entre Mondoñedo e Ferreira do Valadouro, ata o límite inferior do couto, dunha lonxitude aproximada de 2,7 km.

Clasificación: couto de troita e pesca sen morte.

Permisos diarios: seis permisos de terceira categoría para o tramo 1 e catro permisos de pesca sen morte para o tramo 2.

Cota de captura: seis troitas por pescador e xornada.

Tamaño mínimo da troita: 19 cm.

Días inhábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense no couto de pesca os 100 m finais de todos os afluentes existentes no tramo coutado.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2009.

Xosé Benito Reza Rodríguez

Director xeral de Conservación da Natureza