DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 30 de xaneiro de 2009 Páx. 2.060

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2009, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se crea o couto de pesca da Fonsagrada.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 68 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible aprobou o Plan de xestión de recursos piscícolas dos seguintes tramos da bacía do río Suarna, situados no concello da Fonsagrada:

-Curso principal do río Suarna:

Límite superior: desembocadura do río de Lamas.

Límite inferior: ponte da Ferraría da Cuíña.

Lonxitude aproximada: 7 km.

-Río de Lamas:

Límite superior: A Ponte de Cereixido.

Límite inferior: desembocadura no río Suarna.

Lonxitude aproximada: 3,5 km.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Lugo iniciou o expediente de creación do couto de pesca da Fonsagrada.

No expediente de creación do couto de pesca da Fonsagrada consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Lugo.

No trámite de información pública do expediente de creación do couto de pesca da Fonsagrada presentou alegacións a Sociedade de Pesca A Seimeira, da Fonsagrada. As ditas alegacións, consistentes nunha oposición á creación do couto sen apenas exposición de motivos, recibiron o informe negativo do Comité Provincial de Pesca de Lugo e mais do Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

Consideracións legais.

O expediente de creación do couto de pesca da Fonsagrada cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo crear o couto de pesca da Fonsagrada, cos límites e a normativa que a seguir se establecen:

Ríos: río Suarna e río de Lamas.

Concello: A Fonsagrada.

Límite superior: A Ponte de Cereixido, no río de Lamas.

Límite inferior: ponte da Ferraría da Cuíña, no río Suarna.

Lonxitude aproximada: 10,5 km.

Tramo 1: desde o límite superior do couto ata a ponte da estrada entre Cereixido e Vilagocende, no río de Lamas, dunha lonxitude aproximada de 2,1 km.

Tramo 2: desde a ponte da estrada entre Cereixido e Vilagocende, no río de Lamas, ata o límite inferior do couto, dunha lonxitude aproximada de 8,4 km.

Clasificación: couto de troita e pesca sen morte.

Permisos diarios: 4 permisos de pesca sen morte para o tramo 1 e 8 permisos de terceira categoría para o tramo 2.

Cota de captura: 6 troitas por pescador e xornada.

Tamaño mínimo da troita: 21 cm.

Días inhábiles: segundo a orde anual de pesca continental.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense no couto de pesca os 100 m finais de todos os afluentes existentes no tramo coutado.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2009.

Xosé Benito Reza Rodríguez

Director xeral de Conservación da Natureza