DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 30 de xaneiro de 2009 Páx. 2.024

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de xaneiro de 2009 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e da indemnización compensatoria, e se convocan as axudas previstas no contrato de explotación sustentable no ano 2009.

I

No marco do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda aos agricultores e polo que se modifican os regulamentos (CEE) 2019/1993, (CE) 1452/2001, (CE) 1453/2001, (CE) 1454/2001, (CE) 1868/1994, (CE) 1251/1999, (CE) 1254/1999, (CE) 1673/2000, (CEE) 2358/1971 e (CE) 2529/2001, o Estado español optou pola aplicación parcial do réxime do pagamento único mediante a retención dunha porcentaxe de determinadas axudas que se incluirán no dito réxime, para aplicar unha axuda directa aos agricultores ligada ás súas decisións de produción en determinados sectores. Estas axudas aplicaranse no ano 2009 de acordo co establecido no Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, sobre a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría, que derrogou o Real decreto 1470/2007, do 2 de novembro, sobre a aplicación de pagamentos directos á agricultura e gandaría en 2008 debido, entre outros motivos, á natureza

cambiante da normativa reguladora destas axudas.

II

De acordo co Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, do 21 de abril, que establece as disposicións de aplicación do réxime de pagamento único previsto no Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, concretáronse os dereitos de axuda deste réxime con base nas axudas do período de referencia e constituíuse unha reserva nacional de dereitos.

O acceso a dereitos procedentes da reserva nacional pode estar limitado ás dispoñibilidades de cada momento, polo que é necesario establecer o procedemento para a solicitude deste tipo de dereitos.

Tamén é necesario definir os condicionantes da utilización dos diferentes tipos de dereitos do réxime de pagamento único por parte dos agricultores.

Así mesmo, para garantir unha xestión eficaz deste réxime é necesario regular o procedemento para a cesión dos dereitos de axuda, así como os prazos para a notificación á autoridade competente.

A normativa básica estatal relativa aos aspectos indicados nos tres parágrafos anteriores está contida no Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, establecéndose nesta orde o procedemento para a súa xestión.

III

Para as axudas ligadas á produción e outras específicas terase en conta o Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, no que respecta aos réximes de axudas previstos nos citados IV e IV bis do devandito regulamento e á utilización das terras retiradas da produción con vistas á obtención de determinadas materias primas.

IV

No Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril, determínanse as disposicións para a aplicación da condicionalidade, a modulación e o sistema integrado de xestión e control previstos no Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores.

Nese marco, o Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, con vistas a posibilitar un control eficaz, dispón a identificación única dos agricultores que presenten solicitudes para diferentes réximes de axuda e a identificación de parcelas utilizando as técnicas do sistema de identificación xeográfica. Así mesmo, establece unha única solicitude para todos os réximes de axuda por superficie, entre os cales se atopa o réxime do pagamento único, e para as solicitudes de axuda correspondentes ás primas por gando ovino-cabrún e para os pagamentos de gando vacún que se manteñen ligados á produción.

V

O Real decreto 2128/2004, do 29 de outubro, polo que se regula o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas no Estado español, establece os criterios básicos deben de garantir o correcto funcionamento do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac), como ferramenta de obrigada utilización na xestión de axudas comunitarias, que é a base identificativa de parcelas obxecto de calquera tipo de axuda baseada na superficie.

A orde da anteriormente denominada Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 24 de xaneiro de 2005, regulou entre outros temas a implantación do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) en Galicia, sendo o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) o organismo responsable da súa explotación e mantemento, polo que se precisa determinar para o ano 2009 o tipo, o lugar e o prazo para a presentación das alegacións e das solicitudes de modificación de determinada información contida neste.

VI

Por outra banda, o Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), prevé no eixe 2 -relativo á mellora do ambiente e do contorno rural- medidas relativas á utilización sustentable das terras agrarias.

Para o período de programación 2007-2013 e dentro deste eixe, contémplanse axudas destinadas a indemnizar os agricultores polas dificultades naturais en zonas de montaña e en zonas distintas das de montaña, axudas agroambientais e axudas relativas ao benestar dos animais.

No que atinxe o primeiro grupo de axudas -denominadas xenericamente, para os efectos desta orde, indemnizacións compensatorias-, o antedito Regulamento (CE) 1698/2005 exceptúa na súa derrogación do Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, do 17 de maio, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e de Garantía Agrícola (FEOGA), o artigo 13 letra a), o número 1º e os dous primeiros guións do número 2º do seu artigo 14, o artigo 15 e os artigos 17 ao 20, todas disposicións relativas ás indemnizacións compensatorias. A súa derrogación adíase ao 1 de xaneiro de 2010, polo que mantén a súa validez nesta convocatoria, sen prexuízo do disposto polo Regulamento (CE) 1698/2005, no seu artigo 37.

Adaptado á Decisión do Consello do 20 de febreiro de 2006, sobre as directrices estratéxicas comunitarias do desenvolvemento rural para o período 2007-2013, o Estado español elaborou o Plan estratéxico nacional de desenvolvemento rural. Tal plan nacional aplicarase, no noso ámbito autonómico, a través do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia.

O PDR articúlase en catro eixes, que se corresponden cos enunciados no Regulamento (CE) 1698/2005. Así pois, no eixe 2 -mellora do ambiente e do contorno natural- aparecen recollidas as axudas destinadas a indemnizar os agricultores polas dificultades naturais en zonas de montaña e en zonas distintas das de montaña.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural ten establecido o Contrato de Explotación Sustentable (CES) como un instrumento para fomentar o uso de modelos sustentables tanto en termos ambientais coma económicos. O contrato de explotación sustentable configúrase coma unha ferramenta que, desde unha perspectiva global da explotación, favoreza o desenvolvemento de sistemas de produción sustentables en termos económicos e ambientais, mellore a xestión do territorio rural, potencie a produción de alimentos sans e de calidade e contribúa a fixar poboación no rural. Deste xeito, preténdense integrar nunha única convocatoria as axudas a produtores agrarios que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e de conservación da paisaxe, así como as de benestar animal recollidas no Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello.

VII

A todas as axudas recollidas nesta orde seranlles de aplicación as disposicións relativas á condicionalidade e, nese sentido, o Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da política agrícola común, determina o conxunto de boas prácticas agrarias cun nivel de exixencias para todo o territorio nacional e un sistema de control, evitando distorsións entre explotacións e orientacións produtivas.

Así mesmo, o Decreto 106/2007, do 31 de maio, sobre a distribución de competencias na aplicación e no control da condicionalidade en relación ao desenvolvemento rural e ás axudas directas da Política Agrícola Común (PAC), precisa os órganos especializados para desenvolver as actividades de control do cumprimento das boas condicións agrarias e ambientais a que se refire o artigo 5 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e do cumprimento dos requisitos legais de xestión, así como a coordinacións destas.

VIII

Ao amparo da normativa comunitaria aplicable, constituída, basicamente, polo Regulamento (CE) 1290/2005 do Consello, do 21 de xuño, desenvolvido polo Regulamento (CE) 885/2006 da Comisión, do 1 de xuño, e cos reais decretos 327/2003, do 14 de marzo, e 521/2006, do 28 de abril, que regulan o réxime dos organismos pagadores e de coordinación dos fondos europeos agrícolas, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) é o organismo pagador dos gastos financiados polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) nesta comunidade autónoma, segundo o disposto no Decreto 155/2006, do 7 de setembro, e é autorizado pola autoridade competente mediante orde da Consellería do Medio Rural do 4 de outubro de 2007 (DOG nº 196, do 9 de outubro).

Ademais, o devandito organismo, creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, coa denominación actual establecida pola disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, ten atribuídas, entre outras, as competencias para a xestión das accións derivadas da Política Agrícola Común (PAC), o que se desprende tamén do disposto no Decreto 128/1996, do 14 de marzo (DOG nº 66, do 2 de abril), que desenvolve a Lei 7/1994.

Pola súa parte, conforme o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, de estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, atribúeselle á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias a función de autorización do pagamento das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable de terras agrarias.

IX

Para conseguir unha maior eficiencia nos controis da admisibilidade e condicionalidade das axudas e coa intención de facilitarlles aos agricultores a tramitación das axudas recollidas nesta orde establécese unha solicitude unificada de axudas que inclúe as axudas directas á agricultura e á gandaría e as axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrarias.

Así mesmo, prevese a utilización das novas tecnoloxías da información e da comunicación e a colaboración de entidades como as financeiras ou outras relacionadas cos servizos ao sector agrario que asinasen un convenio para o efecto, para que estas se encarguen da mecanización de diversos aspectos relacionados coas solicitudes de axuda, facilitándolles aos interesados a presentación delas.

Por outra banda o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos ten por obxecto o impulso das novas tecnoloxías da información na tramitación administrativa e a simplificación da documentación que deberán presentar os interesados nos procedementos administrativos cuxa tramitación e resolución corresponde á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aos seus organismos e demais entes públicos autónomos, coa finalidade de conseguir unha administración máis áxil, máis accesible e con mellores servizos para os cidadáns.

Neste marco, e para a solicitude de pagamentos regulados por esta orde, é desexable e supón unha simplificación con respecto á xestión en anos anteriores que, coa presentación da solicitude de axuda, non se exixa a fotocopia do documento nacional de identidade.

X

De acordo con todo o exposto, sen prexuízo da aplicabilidade directa da normativa comunitaria e estatal correspondente que, en parte, se transcribe para unha maior operatividade, a razón desta orde é definir as normas de aplicación e o procedemento para a solicitude de dereitos do réxime do pagamento único da reserva nacional, para a cesión destes e para a tramitación e concesión das axudas directas á agricultura e á gandaría e das axudas de desenvolvemento rural para a utilización sustentable de terras agrarias, dentro dunha solicitude unificada no ano 2009, así como doutras primas gandeiras nesta comunidade autónoma, determinando a súa imputación económica con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga e da Consellería do Medio Rural para o ano 2009. Ademais, nesta orde determínase o procedemento para a tramitación de solicitudes de modificacións puntuais ao Sixpac en Galicia no ano 2009.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Título I

Disposicións xerais

Capítulo 1

Obxecto, solicitudes de axuda e definicións

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

1. De acordo co Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axudas aos agricultores e polo que se modifican os regulamentos (CEE) 2019/1993, (CE) 1452/2001, (CE) 1453/2001, (CE) 1454/2001, (CE) 1868/1994, (CE) 1251/1999, (CE) 1254/1999, (CE) 1673/2000, (CEE) 2358/1971 e (CE) 2529/2001, e coas disposicións comunitarias e estatais de desenvolvemento e aplicación deste, esta orde regula os elementos e procedementos para a aplicación de determinados réximes de axuda comunitarios, así como a solicitude das axudas correspondentes polos agricultores da Comunidade Autónoma de Galicia e que se indican a continuación:

1.1. Os procedementos para a xestión de dereitos do Réxime do Pagamento Único (RPU), no marco do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, e que comprende:

a) A solicitude de dereitos da reserva nacional.

b) As comunicacións de cesión de dereitos.

1.2. O procedemento para a solicitude, tramitación e concesión aos titulares de explotacións agrarias dos seguintes réximes de axuda comunitarios para o ano 2009, no marco do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro:

a) Pagamento único desligado da produción para os titulares de dereitos concedidos en virtude do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, que abrangue as axudas desligadas recollidas no anexo I do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro.

b) Pagamentos ligados á produción aos produtores de cultivos herbáceos, relacionados no anexo IX do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 setembro, aos de vacún e aos de ovino e cabrún, recolidos nos capítulos 10, 11 e 12 do título IV do devandito regulamento.

c) Pagamentos específicos a produtores de proteaxinosas e cultivos enerxéticos, previstos nos capítulos 2 e 5 do título IV do mesmo regulamento.

d) Pagamentos adicionais aos agricultores por aplicación do artigo 69 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, nos sectores de gando vacún de carne e de leite, con base no programa nacional de desenvolvemento da política agraria común.

1.3. A utilización das terras retiradas da produción en que a superficie xustifica dereitos de retirada, para cultivar materias primas para a obtención de produtos con destino non alimentario.

1.4. Así mesmo, esta orde regula a aplicación en Galicia do sistema integrado de xestión e control de determinados réximes de axuda comunitarios, de acordo co previsto nos regulamentos (CE) 1782/2003 do Consello e (CE) 796/2004 da Comisión.

1.5. Tamén se establece, en relación co Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) o tipo, o lugar e o prazo para a presentación das alegacións e solicitudes de modificación de certa información contida nel.

1.6. Así mesmo, de acordo co previsto no Regulamento (CE) 796/2004 e no Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, sobre a aplicación da condicionalidade, establécense os requisitos legais de xestión e as boas condicións agrarias e ambientais que deberán cumprir os agricultores solicitantes das axudas, con relación á condicionalidade, así como o sistema de control e aplicación de reducións e exclusións no marco do Decreto 106/2007, da Xunta de Galicia, do 31 de maio.

2. Axudas ao desenvolvemento rural.

2.1. Tamén se regula nesta orde o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión, en réxime de concorrencia competitiva, da indemnización compensatoria de zonas de montaña e outras zonas con dificultades distintas das de montaña, conforme os artigos 36 letra a), incisos i) e ii) e 37, así como os artigos 13 letra a), 14 número 1º e 2º, 15º e os artigos 17 a 20 do Regulamento (CE) 1257/1999, establecida no Regulamento (CE) 1698/2005 e cofinanciadas polo Feader:

2.2. Así mesmo, esta orde establece a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas agroambientais (artigo 36 letra a), inciso iv) e 39 e as axudas relativas ao benestar dos animais, conforme os artigos 36 letra a) inciso v) e 40, establecidas no Regulamento (CE) 1698/2005, incluídas no contrato de explotación sustentable regulado pola Orde do 19 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento das producións agrarias sustentables a través da implantación do Contrato de Explotación Sustentable (CES), e cofinanciada polo Feader.

3. Para os efectos do disposto nesta orde, para que unha explotación agraria se considere situada en Galicia deberá encontrarse nunha das dúas situacións seguintes:

a) No caso de que o produtor presente unha solicitude de axuda baseada na superficie, cando a maior parte da superficie da explotación se atope nesta comunidade autónoma.

b) Nos demais casos, cando o maior número de animais se atope en Galicia.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Os agricultores que desexen obter no ano 2009 algunha ou algunhas das axudas citadas no artigo 1º, punto 1.2, xa sexan do réxime do pagamento único, dos restantes réximes de axuda ou de varios deles, ou as citadas no artigo 1º punto 2, deberán presentar, conforme o previsto no artigo seguinte, unha solicitude unificada en que se relacionen a totalidade das parcelas agrícolas da explotación.

2. A relación de parcelas incluirá as utilizacións especiais e demais utilizacións citadas no artigo 14.1º do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril de 2004.

Artigo 3º.-Modelos de solicitude, documentación e lugar de presentación.

1. Solicitude unificada.

1.1. Os agricultores interesados en obter os pagamentos desligados do réxime de pagamento único, os pagamentos ligados por cultivos herbáceos, a axuda ás proteaxinosas e aos cultivos enerxéticos, os pagamentos ligados por vaca nutriz, os pagamentos ligados por ovino-cabrún, os pagamentos por sacrificio de vacún de animais sacrificados en España, os pagamentos adicionais a explotacións que manteñan vacas nutrices, os pagamentos adicionais ao sector leiteiro, os pagamentos adicionais á produción de carne de vacún de calidade, os dereitos de axuda do réxime de pagamento único ou as axudas ao desenvolvemento rural, deberán presentar unha solicitude de acordo cos modelos do anexo 1.

1.2. As solicitudes dirixiranse ao director do Fogga agás no caso das axudas ao desenvolvemento rural, que se dirixirán ao conselleiro do Medio Rural. As solicitudes realizadas en papel, así como calquera complemento ás rexistradas telematicamente conforme o punto seguinte, poderán presentarse na oficina agraria comarcal correspondente ao enderezo do/a interesado/a, ou mediante calquera dos sistemas de presentación previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

1.3. As solicitudes de axudas integradas na solicitude unificada poderán ser formalizadas polos/as interesados/as utilizando o acceso habilitado polo Fogga a través do enderezo web http://www.xunta.es/servicios/ e de acordo co establecido nas ordes da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 24 de novembro de 2006 e do 28 de decembro de 2007, polas que se desenvolve o Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Sen prexuízo do anterior, a presentación por vía telemática poderá efectuarse a través das entidades colaboradoras asinantes dun convenio para o efecto co Fogga, sempre que se acredite no expediente a representación para a devandita presentación telemática. Para estes efectos, o agricultor que o desexe facilitaralle á entidade colaboradora o seu NIF/CIF/NIE e a clave de identificación persoal que lles comunica o Fogga aos interesados.

1.4. A solicitude deberá ser asinada en papel ou telematicamente polo titular da explotación ou polo representante acreditado e deberá ir acompañada da documentación que se require en cada caso segundo se recolle no anexo 1.

Para os efectos do artigo 21.1º do Regulamento (CE) 796/2004, considéranse contratos ou declaracións e outros documentos ou xustificantes constitutivos de admisibilidade da axuda de que se trate, segundo o previsto nos artigos 12 e 13 do citado regulamento, os especificados como tales no anexo 1. O resto da documentación non considerada como elemento constitutivo da solicitude será exixible, de ser o caso, en aplicación do artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Solicitude doutras primas gandeiras.

Para a prima ao sacrificio de gando vacún correspondente a animais sacrificados no interior da Unión Europea e para os exportados vivos a un terceiro país poderase presentar máis dunha solicitude ao longo do ano, de acordo cos modelos dos anexos 2 e 3 respectivamente.

As solicitudes deberán ser asinadas polo titular da explotación ou persoa debidamente autorizada por el no seu nome.

Coas solicitudes achegaranse os documentos indicados nos anexos 2 e 3.

3. De acordo co artigo 11 e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o solicitante deberá acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, agás nos casos de exoneración previstos na disposición transitoria terceira da lei. Coa presentación da solicitude queda autorizado o órgano xestor para solicitar os certificados que deberán emitir a Administración tributaria, a Seguridade Social e a comunidade autónoma. Non obstante, se o solicitante denega expresamente o seu consentimento, deberá presentar entón as certificacións correspondentes.

4. De acordo co establecido no artigo 2 de Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, non será exixible a fotocopia do documento nacional de identidade nin do documento de identificación de estranxeiros sempre que o solicitante preste o seu consentimento para que o órgano xestor poida realizar a consulta por medio de acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Administracións Públicas que, para tal fin, estableza o departamento competente en materia de xestión da Administración electrónica.

No caso de que o interesado non prestase o dito consentimento para a comprobación dos datos, poderáselle exixir que presente a fotocopia do documento de identidade correspondente.

Artigo 4º.-Contido da solicitude única no relativo á declaración de superficies.

1. Na solicitude única, na parte correspondente á declaración de superficies, deberán relacionarse a totalidade das parcelas agrícolas e das superficies forraxeiras da explotación, que incluirán todas as utilizacións presentes nela.

2. Para cada parcela agrícola deberá, así mesmo, indicarse, no impreso PA do anexo 1:

a) As referencias identificativas, que serán as alfanuméricas correspondentes ao recinto ou recintos Sixpac (ou de concentración parcelaria, segundo o anexo 12, se é o caso, nos supostos previstos no número 2 do artigo 6º desta orde) que, en todo ou en parte, constitúen a correspondente parcela agrícola, constituídas por provincia, concello, zona, polígono, parcela e recinto, así como a superficie total do recinto e a superficie sementada que corresponde á parcela agrícola, en hectáreas con dous decimais, e o nome do predio ou paraxe, se é o caso.

No que atinxe ás superficies forraxeiras de montes veciñais en man común ou semellantes, utilizadas conxuntamente por varios produtores, anotaranse só as referencias catastrais de provincia e concello relativas á situación dos distintos recintos ou parcelas, con indicación expresa do nome e, se é o caso, do código do monte veciñal ou similar, a superficie forraxeira de uso en común total do monte e a superficie utilizada polo solicitante.

b) O produto cultivado e o grupo de cultivo a que pertence, indicando tamén a variedade cando se trate de pastos permanentes (segundo a definición dada no artigo 10.1º.e) ou de retirada de terras, tal como se especifica no anexo 10 desta orde.

O solicitante diferenciará mediante o código de grupo de cultivo as diferentes axudas por superficies, correspondentes ao título IV do Regulamento (CE) 1782/2003, do 29 de setembro, que se solicitan en cada parcela agrícola. En particular, diferenciará se a parcela agrícola debe ser tida en conta como superficie forraxeira, ben para os efectos de carga gandeira ou de utilización para obter forraxes desecadas (non percibirá nestes casos axudas por superficie ligadas a cultivos subvencionables sementados nela), ou se solicita axuda ligada no caso de cultivos herbáceos subvencionables de acordo con este capítulo desta orde (cereais, millo, oleaxinosas, proteaxinosas, liño e cánabo) ou ben renuncia a ela, ou se se trata doutras utilizacións.

c) O sistema de explotación: secaño ou regadío.

d) Se a parcela se debe ter en conta para xustificar dereitos de pagamento único.

e) Se a parcela se debe considerar para os efectos da solicitude de indemnización compensatoria.

f) Se a parcela se debe considerar para os efectos da solicitude das axudas agroambientais contempladas no CES.

Artigo 5º.-Modificación das declaracións de superficies e os seus requisitos.

1. De acordo co establecido no artigo 15 do Regulamento 796/2004 da Comisión, e sen prexuízo do disposto no parágrafo 3 deste artigo, unha vez finalizado o prazo para a presentación das solicitudes de axudas por superficie, as parcelas agrícolas que aínda non se declarasen na solicitude de axuda poderán engadirse a esta e poderán introducirse cambios relativos á utilización ou ao réxime de axuda, sempre que se cumpran os requisitos fixados nas normas sectoriais aplicables ao réxime de axuda correspondente.

2. A adición de parcelas agrícolas ou as modificacións introducidas de conformidade co parágrafo 1 comunicaráselle por escrito ao servizo provincial do Fogga como moi tarde o 31 de maio de 2009.

3. Non obstante, cando o Fogga informe o produtor da existencia de irregularidades na súa solicitude de axuda ou cando lle manifeste a súa intención de levar a cabo un control sobre o terreo e cando este control poña de manifesto a existencia de irregularidades, non se autorizarán as adicións nin os cambios recollidos nos parágrafos 1 e 2 respecto das parcelas agrícolas afectadas pola irregularidade.

4. As modificacións das solicitudes recollidas neste artigo presentaranse de acordo co modelo de impreso indicado no anexo 6.

Artigo 6º.-Superficie mínima por solicitude.

1. Só se lles concederá o pagamento aos produtores de cultivos herbáceos (cereais, oleaxinosas, proteaxinosas, liño e cánabo) previsto no capítulo 10 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, cando a solicitude de axuda por superficie deses cultivos en conxunto sexa como mínimo de 0,3 hectáreas.

2. Igualmente, só se concederá a axuda para cada un dos réximes específicos de prima específica do trigo duro, prima ás proteaxinosas, axuda específica ao arroz, axuda aos cultivos enerxéticos, axudas ás sementes e axuda ao lúpulo, recollidas respectivamente nos capítulos 1, 2, 3, 5 e 9 e 10 quinquies do mencionado título IV, cando a superficie do cultivo respectivo sexa como mínimo de 0,3 hectáreas.

3. Para o réxime de pagamento único a superficie mínima será de 0,1 hectáreas.

Artigo 7º.-Compatibilidade entre réximes de axuda.

1. As parcelas declaradas para o pagamento dos dereitos de axuda dentro do réxime do pagamento único poden utilizarse para as actividades agrarias expresadas no artigo 31º. Por conseguinte, o pagamento dentro do dito réxime é compatible cos pagamentos derivados dos réximes correspondentes ás utilizacións permitidas.

2. A superficie obxecto dunha solicitude de axuda para os cultivos enerxéticos non é admisible para xustificar os dereitos de retirada no réxime do pagamento único.

3. Tanto a superficie utilizada para cultivar, na retirada de terras, produtos non alimentarios como a superficie destinada a produtos con destino enerxético, no é elixible para beneficiarse dos apoios previstos no artigo 43 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, agás no referente aos custos de establecemento de especies de crecemento rápido.

4. Nun ano dado, unha parcela agrícola non poderá ser obxecto dunha solicitude de axudas por superficie para máis dun dos réximes recollidos no anexo 1 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello. Non obstante, ademais da compatibilidade do réxime do pagamento único recollida no número 1, fíxanse as seguintes compatibilidades, establecidas no Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro de 2004:

-Prima ás proteaxinosas e pagamento aos cultivos herbáceos (capítulos 2 e 10 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003).

-Axuda aos cultivos enerxéticos e pagamento aos cultivos herbáceos (capítulos 5 e 10 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003).

-Pagamento aos cultivos herbáceos indicados no anexo 14 desta orde e ás sementes destes cultivos relacionados no anexo XI do Regulamento (CE) 1782/2003 (capítulos 9 e 10 do título IV do mesmo regulamento).

5. A retirada voluntaria considérase un cultivo dentro do réxime de cultivos herbáceos.

Artigo 8º.-Prazo de presentación e de admisión de solicitudes.

1. O prazo para a presentación da solicitude unificada empezará o día 1 de febreiro e finalizará o día 30 de abril de 2009.

2. Ademais do anterior, as solicitudes de primas ao sacrificio e de vacún de animais sacrificados noutro Estado membro da Unión Europea ou exportados vivos a terceiros países presentaranse dentro dos seguintes períodos:

a) No prazo indicado no punto 1.

b) Do 1 ao 30 de xuño de 2009.

c) Do 1 ao 30 de setembro de 2009.

d) Do 1 de decembro do ano 2009 ao 15 de xaneiro de 2010.

O ano do sacrificio ou o da exportación determinará o ano de imputación dos animais que sexan obxecto dunha solicitude de prima por sacrificio.

No caso de solicitudes de primas por sacrificio de vacún indicadas no número 2, o produtor deberá presentar solicitude única con declaración de superficies, no caso de que as teña no período xeral de presentación de solicitude, aínda que non solicite pagamento único nin outras primas.

3. De acordo co disposto nos artigos 21 e 21 bis do Regulamento (CE) 796/2004, da Comisión, do 21 de abril de 2004, admitiranse solicitudes de axuda ata os 25 días naturais seguintes á finalización do prazo establecido, caso en que os importes de axuda se reducirán nun 1% por día hábil, excepto en casos de forza maior ou circunstancias excepcionais.

Se o prazo sobrepasar os 25 días naturais, a solicitude considerarase inadmisible.

Artigo 9º.-Creación de condicións artificiais.

Sen prexuízo de calquera disposición específica contida en réximes de axuda concretos, non se efectuará pagamento ningún a un beneficiario cando se demostre que este creou artificialmente as condicións requiridas para a concesión de tales pagamentos, con vista a obter unha vantaxe contraria aos obxectivos do réxime de axuda.

Artigo 10º.-Definicións.

Ademais doutras definicións establecidas na normativa estatal e comunitaria, serán de aplicación á presente orde as seguintes definicións:

1. Definicións relativas ao réxime do pagamento único e outros réximes de axuda directa á agricultura e a gandaría:

a) Pagamento ligado: pagamento directo subordinado á produción dun produto específico.

b) Agricultor: a persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, cuxa explotación se atope no territorio español e que exerza unha actividade agraria.

c) Explotación: o conxunto de unidades de produción administradas por un mesmo agricultor, en cada campaña, que se atopen no territorio español.

d) Utilización: a utilización que se faga da superficie en termos de tipo de cultivo ou cuberta vexetal ou a ausencia destes.

e) Pasteiros permanentes: as terras utilizadas para o cultivo de gramíneas ou outras forraxes herbáceas, xa sexan naturais (espontáneas) ou cultivadas (sementadas), e non incluídas na rotación de cultivos da explotación durante cinco anos ou máis, excluídas as terras retiradas de conformidade coa normativa comunitaria.

f) Parcela agrícola: superficie de terra continua en que un só agricultor cultiva un único produto.

g) Parcela Sixpac: superficie continua de terreo cunha referencia alfanumérica única representada graficamente no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas, en diante Sixpac.

h) Recinto Sixpac: cada unha das superficies continuas de terreo dentro dunha parcela Sixpac, cun uso agrícola único dos definidos no Sixpac.

i) Réximes de axuda por superficie: o réxime do pagamento único e todos os réximes de axuda establecidos no título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, excepto os establecidos nos capítulos 7, 11 e 12 do dito título.

j) Réximes de axuda por gando: o réxime de primas por gando ovino e cabrún e os réximes de pagamentos por gando vacún, previstos nos capítulos 11 e 12 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

k) Superficie forraxeira: a superficie da explotación, incluídas as superficies utilizadas en común e as que estean dedicadas a un cultivo mixto, dispoñible durante todo o ano natural para a cría de bovinos, ovinos ou cabrúns en relación ao disposto no artigo 8 do Regulamento (CE) 796/2004, da Comisión, do 21 de abril, polo que se establecen disposicións para a aplicación da condicionalidade, a modulación e o sistema integrado de xestión e control previstos no Regulamento (CE) 1782/2003.

Non se contabilizarán nesta superficie:

-As construcións, os bosques, os corgos e os camiños.

-As superficies que se empreguen para outros cultivos beneficiarios dun réxime de axuda comunitario ou que se utilicen para cultivos permanentes ou hortícolas.

-As superficies a que se lles aplique o réxime de apoio fixado para os produtores de determinados cultivos herbáceos, utilizadas para o réxime de axuda para as forraxes desecadas ou obxecto dun programa nacional ou comunitario de retirada de terras.

l) Período de retención: o período durante o cal un animal polo que se presentou unha solicitude de axuda debe manterse na explotación.

m) Vaca nutriz: a vaca que pertenza a unha raza cárnica ou que proceda dun cruzamento con algunha desas razas e que forme parte dun rabaño que estea destinado á cría de xatos para a produción de carne.

n) Xovenca: o bovino femia a partir de oito meses de idade que non teña parido aínda.

o) Ovella: toda femia da especie ovina que parise polo menos unha vez, ou que teña, como mínimo, un ano o último día do período de retención.

p) Cabra: toda femia da especie cabrúa que parise polo menos unha vez, ou que teña, como mínimo, un ano o último día do período de retención.

q) Labrar a terra: alterar e remover mediante utensilios mecánicos o perfil do solo nunha profundidade igual ou superior a 20 cm.

r) Pendente: a inclinación media do terreo calculada nun recinto Sixpac a partir dun modelo dixital de elevacións, composto por unha malla de puntos cunha equidistancia entre estes dun máximo de 20 metros e unha precisión similar á da cartografía 1:10.000.

s) Parcela de forma complexa: aquela en que as operacións de labra se ven dificultadas pola existencia de ángulos vivos e en consecuencia por mínimos e cambiantes raios de xiro.

t) Carga gandeira efectiva: o gando calculado en unidades de gando maior (UGM) que, por hectárea de superficie forraxeira, se mantén principalmente a base a recursos naturais propios.

u) Vexetación espontánea invasora: aquelas especies herbáceas, arbustivas e arbóreas que, aínda non poñendo en risco a capacidade produtiva dos solos agrícolas a medio e longo prazo, ameacen coa súa proliferación con romper o tradicional equilibrio agroecolóxico dun predio ou zona de cultivo determinada e con afectar por extensión tanto aos ecosistemas coma os campos de cultivo circundantes.

v) Alteración significativa da estrutura dos terreos: aquelas actuacións de reforma estrutural que inclúen cambios de usos do solo e modificación de elementos estruturais horizontais e verticais, levadas a cabo nunha superficie de máis de 5 hectáreas, así como a construción de infraestruturas.

w) Explotacións gandeiras en estabulación permanente e semipermanente: aquelas explotacións que dispoñen de edificacións e espazos onde se concentra o gando destinadas á gardaría ou á cría intensiva de todo tipo de animais.

x) Agricultura de conservación: as diversas prácticas agronómicas adaptadas a condicións locais dirixidas a alterar o menos posible a composición, estrutura e biodiversidade dos solos agrícolas, evitando así a súa posterior erosión e degradación. Entre diversas modalidades e técnicas de agricultura de conservación inclúense: a sementeira directa -sen labra-, a mínima labra -labra reducida, onde non se incorporan, ou só parcialmente e en moi breves períodos, os residuos de colleita- e o establecemento de coberteiras vexetais entre sucesivos cultivos anuais ou entre ringleiras de árbores en plantacións de cultivos leñosos.

2. Definicións correspondentes ás axudas ao desenvolvemento rural:

a) Agricultor a título principal: o agricultor profesional que obteña, polo menos, o 50% da súa rendada actividade agraria exercida na súa explotación e o seu tempo de traballo dedicado a actividades non relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total.

b) Agricultor mozo: para os efectos destas axudas, entenderase por agricultor mozo a persoa que cumprise os dezaoito anos e non cumprise corenta anos no momento da solicitude.

c) Agricultor profesional: titular dunha explotación agrícola, gandeira ou forestal, que requira un volume de emprego de polo menos unha unidade de traballo anual e que obteña polo menos o 25 por cento da súa renda de actividades agrarias.

d) Carga gandeira: relación entre o número de UGM e as hectáreas de superficie con aproveitamento gandeiro da explotación, incluídas as de aproveitamento comunal a que teña dereito.

Dentro das axudas a produtores agrarios que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e de conservación da paisaxe, só se comprobará que a carga gandeira non supera o valor máximo establecido naquelas solicitudes que conteñan algunha das subseccións gandeiras.

e) Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente polo seu titular no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fin de mercado e que constitúe, en si mesma, unha unidade técnico-económica.

f) Explotacións agrarias prioritarias: as explotacións agrarias familiares e as asociativas que estean cualificadas como prioritarias, conforme a Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

g) Módulo base: a cantidade que hai que pagar na indemnización compensatoria por hectárea de superficie indemnizable.

h) Pastos comunais: parcelas de pasto permanente que son aproveitadas, en común polos gandeiros con dereitos de uso para os cales a declaración na solicitude única de axudas só se pode realizar a partir das superficies teóricas resultantes da súa adxudicación.

i) Pasteiros permanentes: as terras utilizadas para o cultivo de gramíneas ou outras forraxes herbáceas, xa sexan naturais (espontáneas) ou cultivadas (sementadas), e non incluídas na rotación de cultivos da explotación durante polo menos cinco anos ou máis.

j) Renda de referencia: indicador relativo aos salarios brutos non agrarios en España. A súa contía establécese anualmente en función dos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística.

k) Solicitude de pagamento: a solicitude anual que contén a definición dos elementos que dan dereito ao pagamento da axuda correspondente a unha campaña determinada.

l) Superficie Agrícola Útil (SAU): de acordo coa definición establecida na Decisión 200/115/CE da Comisión, enténdese como tal o conxunto da superficie de terras arables, as pradarías e pasteiras permanentes, as terras dedicadas a cultivos permanentes e as hortas familiares, utilizadas pola explotación en réxime de propiedade, arrendamento, parzaría ou título gratuíto. As superficies con nogueiras e castiñeiros destinados principalmente á produción frutícola terán a consideración de SAU, non así as sebes nin as cortinas cortaventos de arboredo, que serán consideradas superficies forestais.

m) Superficie indemnizable: a superficie resultante da aplicación dos coeficientes redutores a cada categoría de aproveitamento nas superficies declaradas en zona desfavorecida.

n) Terras de pastoreo: superficie ocupada por calquera produción vexetal espontánea ou sementada que proporciona alimento ao gando vacún ou ovino mediante pastoreo ou de xeito mixto (pastoreo e sega como forraxe, en verde ou conservada) ao longo do ano.

o) Titular de explotación: a persoa física ou xurídica ou grupo de persoas físicas ou xurídicas, que exercen a actividade agraria, organizando os bens e dereitos integrantes da explotación, con criterios empresariais e asumindo os riscos e responsabilidade civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación.

p) Unidade de gando maior (UGM): os touros, vacas e outros animais da especie bovina de máis de dous anos e os équidos de máis de seis meses. Para outras idades ou especies de gando establécese a seguinte equivalencia:

1. Touros, vacas e outros animais da especie bovina de máis de dous anos e équidos de máis de seis meses equivalen a 1 UGM.

2. Os bovinos de seis meses a dous anos equivalen a 0,6 UGM.

3. Os bovinos de menos de seis meses equivalen a 0,4 UGM.

4. Cada animal da especie ovina e cabrúa equivale a 0,15 UGM.

5. Gando porcino:

i. Unha porca de cría equivale a 0,5 UGM.

ii. Outros animais da especie porcina equivalen a 0,3 UGM.

6. Avicultura: outras aves de curral distintas das poñedoras: 0,003 UGM.

q) Unidade de traballo agrario (UTA): de acordo coa Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, unha UTA é o traballo efectuado por unha persoa dedicada a tempo completo durante un ano á actividade agraria.

Capítulo 2

Do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas

Artigo 11º.-Utilización do Sixpac.

1. O sistema de identificación de parcelas agrarias previsto no artigo 20 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores e polo que se modifican determinados regulamentos, é o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac), de acordo co Real decreto 2128/2004, e tamén para os efectos da xestión e control dos réximes de axuda establecidos nesta orde en que sexa preciso identificar as parcelas.

Os recintos do Sixpac están definidos polos parámetros de provincia, concello catastral, agregado, zona, polígono, parcela e recinto, a superficie destes e o uso asignado a cada un, entre os indicados no anexo 8, de acordo coa metodoloxía de constitución do sistema.

2. Non obstante, de forma excepcional e para o ano natural 2009, nas áreas indicadas no anexo 12, por razóns da existencia de modificacións territoriais aínda non reflectidas no Sixpac, utilizaranse as referencias oficiais identificativas de concentración parcelaria indicadas no dito anexo.

Artigo 12º.-Alegacións e solicitudes de modificación do Sixpac.

1. As persoas interesadas poderán acceder á información contida no Sixpac na forma establecida no artigo 10 da orde da anteriormente denominada Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, do 24 de xaneiro de 2005 (DOG do 28 de xaneiro), pola que, entre outros, se establece o Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas en Galicia. Os interesados poderán así verificar os datos relativos aos recintos e poden presentar ben alegacións á dita información, porque non se correspondese coa realidade debido a un erro, ou ben solicitudes de modificación, porque cambiase con posterioridade respecto á utilizada na execución dos traballos de creación do Sixpac.

2. Tendo en conta a finalidade do Sixpac, as ditas alegacións ou solicitudes de modificación corresponderán en xeral ás seguintes causas:

a) Desconformidade do agricultor co uso asignado a un recinto completo.

b) Desconformidade do agricultor co coeficiente de regadío (secaño/regadío) nun recinto completo.

c) Desconformidade do agricultor co uso de parte dun recinto.

d) Desconformidade do agricultor co coeficiente de regadío (secaño/regadío) en parte dun recinto.

e) Existencia dunha parcela situada en zona urbana que ten un uso agrícola.

3. As persoas interesadas na presentación de alegacións e solicitudes de modificación ao Sixpac deberán presentar o modelo que figura no anexo 7 xunto coa documentación indicada neste dirixido ao director do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Artigo 13º.-Lugar e prazo de presentación de alegacións e solicitudes de modificación.

As alegacións e solicitudes de modificación ao Sixpac presentaranse na oficina agraria comarcal en que estea situado o recinto ou parcela ou a maior parte dos recintos/parcelas que afecten ou mediante calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O prazo de presentación será ata o 31 de maio de 2009, para que as resolucións teñan efecto sobre as superficies validadas das solicitudes de axuda tramitadas coa solicitude unificada no ano 2009.

Artigo 14º.-Tramitación e resolución de alegacións e solicitudes de modificación.

1. As oficinas agrarias comarcais revisarán a documentación e cando se presenten deficiencias comunicaranllo ao interesado para que as emende nun prazo de 10 días de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A comprobación polos servizos provinciais do Fogga da información subministrada polo interesado coa información reflectida no Sixpac poderá dar lugar ás seguintes propostas:

a) Proposta de resolución favorable da alegación ou solicitude de modificación, se se comproba a veracidade dos datos que o agricultor proporciona sen necesidade doutras actuacións.

b) Proposta de resolución desestimatoria, que significará que a alegación ou solicitude de modificación non se pode aceptar.

c) Necesidade de información complementaria que se lle debe solicitar ao interesado ou de visita ao recinto/parcela da explotación.

3. Elevadas as propostas correspondentes, as alegacións e solicitudes de modificación serán resoltas polo director do Fogga e procederase á súa comunicación persoal aos interesados.

4. O prazo para resolver as alegacións ou solicitudes de modificación é de seis meses desde a súa presentación. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, poderanse entender desestimadas.

5. Contra a resolución do director do Fogga caberá a interposición do recurso de alzada ante o presidente do citado organismo, no prazo dun mes, contado desde a notificación da resolución contra a que se recorre.

Artigo 15º.-Integración dos cambios no sistema.

1. Os cambios na base de datos do Sixpac derivados das modificacións ou das alegacións referidas aos usos, sistema de explotación ou de unións ou divisións de recintos, realizaraos o Fogga unha vez resoltas estas. Estes cambios quedarán así actualizados e integrados na base de datos Sixpac.

2. Os datos que se integran no Sixpac e resulten dun falseamento nas propostas de modificación non terán eficacia xurídica para os efectos da súa consideración como dato na xestión de axudas financiadas total ou parcialmente con cargo ao Feaga e ao Feader, polo que en ningún caso xerarán dereitos para as axudas afectadas polo Sixpac, sen prexuízo doutras responsabilidades en que se puidese incorrer.

Capítulo 3

Da condicionalidade

Artigo 16º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este capítulo ten por obxecto definir na Comunidade Autónoma de Galicia as boas condicións agrarias e ambientais e os requisitos legais de xestión que deberá cumprir o agricultor no ano 2009 de acordo coa condicionalidade de conformidade co Regulamento (CE) 1782/2003.

Tamén se define un sistema para a aplicación dos controis e as reducións, no relativo á condicionalidade, nos pagamentos, de conformidade co Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril de 2004, polo que se establecen disposicións para a aplicación da condicionalidade, a modulación e o sistema integrado de xestión e control previstos no Regulamento (CE) 1782/2003, co Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión, do 7 decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e da condicionalidade en relación coas medidas de desenvolvemento rural, co Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro, sobre a aplicación da condicionalidade en relación coas axudas directas no marco da política agrícola común, e co Decreto 106/2007 da Xunta de Galicia, do 21 de maio, sobre a distribución de competencias na aplicación e control da condicionalidade en relación co

desenvolvemento rural e coas axudas directas da política agrícola común.

Artigo 17º.-Obriga de cumprir os requisitos da condicionalidade.

Todo agricultor que reciba pagamentos directos dos previstos nos títulos II e III desta orde deberá observar os requisitos legais de xestión a que se refire o anexo 21 desta orde, así como as boas condicións agrarias e agroambientais indicadas no anexo 22.

Cando non se respecten os requisitos legais de xestión e/ou as boas condicións agrarias ou ambientais en calquera momento do ano natural en que o agricultor presente a solicitude unificada, as posibles reducións ou exclusións recaerán sobre o agricultor que reciba os pagamentos directos derivados da dita solicitude, incluso cando, no caso de transferencia parcial ou total da explotación, os incumprimentos poidan atribuírse a quen recibe na dita transferencia a parcela agrícola en que se detectasen as irregularidades.

Artigo 18º.-Pasteiros permanentes.

O agricultor titular de superficies dedicadas a pasteiros permanentes aterase ás exixencias previstas na normativa comunitaria así como ás que estableza a Consellería do Medio Rural, co obxecto de previr que a superficie total de pasteiros permanentes sufra unha redución significativa segundo o previsto no artigo 5 do Regulamento (CE) 1782/2003 e no artigo 3 do Regulamento (CE) 796/2004, en que se recollen as marxes de redución anual admisibles respecto á proporción de referencia para 2003.

No suposto de superación nacional das citadas marxes e de acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (CE) 796/2004, e no caso de que se produza tamén exceso na Comunidade Autónoma de Galicia, o director do Fogga establecerá as obrigas de carácter individual que sexan necesarias, sen prexuízo das competencias de coordinación que lle correspondan ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño.

Artigo 19º.-Órganos especializados de control de condicionalidade.

1. O Fogga será o órgano de control especializado das boas condicións agrarias e ambientais establecidas no anexo 22 desta orde e dos requisitos legais de xestión que se indican no anexo II do Decreto 106/2007, do 21 de maio.

2. A Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, a través dos servizos de Sanidade Animal, de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras e de Produción Agraria Sustentable e Sanidade Vexetal, será o órgano de control especializado para os requisitos legais de xestión que se indican no anexo I do Decreto 106/2007 da Xunta de Galicia.

Artigo 20º.-Control da condicionalidade e redución ou exclusión dos pagamentos.

1. O Fogga realizará as seguintes funcións, no marco do establecido no artigo 3 do Decreto 106/2007:

a) Elaboración do plan de controis de condicionalidade para a Comunidade Autónoma de Galicia no marco do plan de controis da condicionalidade elaborado polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) para o ano 2009.

b) Recibir dos servizos xestores das axudas establecidas no título III desta orde a relación de solicitantes correspondentes no ano 2009.

c) Remitirlles aos órganos especializados de control indicados no artigo 19º.2 a relación de solicitantes de axudas establecidas nos títulos II e III desta orde.

d) Seleccionar as explotacións agrarias obxecto de control en ámbitos en que é órgano especializado, efectuar os controis e remitirlles os informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade aos servizos xestores das axudas establecidas no título III.

e) Aplicar as reducións e exclusións dos importes totais de pagamentos de axudas correspondentes ao título II, a partir do indicado nos informes específicos de control da condicionalidade propios e dos remitidos por outros organismos de control especializados, consonte o disposto nos artigos 66, 67, 68, 71 e 71 bis do Regulamento (CE) 796/2004.

2. Os órganos especializados da Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria indicados no artigo 19º.2 realizarán as seguintes funcións no marco do establecido no artigo 2 do Decreto 106/2007, do 21 de maio:

a) Recibir do Fogga a relación de solicitantes das axudas establecidas nos títulos II e III desta orde.

b) Seleccionar as explotacións agrarias obxecto de control nos ámbitos en que son órganos especializados de control, efectuar os controis e remitirlles os informes específicos de control resultantes das inspeccións de condicionalidade ao Fogga e aos servizos xestores das axudas establecidas no título III.

3. Os servizos xestores das axudas establecidas no título III levarán a cabo as seguintes actuacións, no marco do plan de controis da condicionalidade para a Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Remitirlle ao Fogga a relación de solicitantes correspondentes ao ano 2009.

b) Aplicar as reducións e exclusións dos importes totais de pagamentos de axudas correspondentes ao título III a partir do indicado nos informes específicos de control de condicionalidade do Fogga e dos outros organismos especializados de control e consonte o artigo 51 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro.

Título II

Dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría

Capítulo 1

Dos límites máximos de superficies, animais e orzamentarios e da modulación

Artigo 21º.-Superación das superficies e do número de animais.

No caso de réximes de axuda para os que se establecen superficies básicas nacionais ou de réximes de primas gandeiras en que se prevexan un número máximo de animais primables, terase en conta o establecido no artigo 3 do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, sobre a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.

Artigo 22º.-Superación dos límites orzamentarios.

Os pagamentos directos afectados por un límite orzamentario non poderán superar o límite establecido para cada liña de axuda.

En todo caso, aplicarase o disposto no artigo 4 do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro.

Artigo 23º.-Modulación.

1. Todos os importes dos pagamentos establecidos no título II desta orde e que deban concederse para o ano 2009 se reducirán nun 5% de acordo co primeiro guión do número 1º do artigo 10 do Regulamento (CE) 1782/2003. Os importes obtidos desta medida destinaranse, unha vez deducido o montante destinado ao importe adicional de axuda, a sufragar gastos no marco do desenvolvemento rural.

2. Concederáselles aos agricultores que reciban pagamentos directos ao abeiro do Regulamento (CE) 1782/2003 un importe adicional de axuda que será igual ao que resulte de aplicar a porcentaxe de redución prevista no punto 1 ao conxunto de todos os pagamentos ata os primeiros 5.000 euros, sen que a suma total de todos os importes adicionais poida superar o límite máximo establecido para España no anexo II do citado regulamento.

Capítulo 2

Do réxime de pagamento único

Sección primeira

Reserva nacional

Artigo 24º.-Acceso á reserva nacional.

1. Os agricultores que desexen solicitar dereitos de pagamento único con cargo á reserva nacional, de acordo co establecido neste artigo, deberanlle presentar a devandita solicitude ao director do Fogga, xunto coa información mínima establecida no anexo 1 entre o 1 de febreiro e o 30 de abril do 2009. Non obstante, no caso de sentenzas firmes ou actos administrativos firmes, se a súa notificación foi recibida polo interesado con posterioridade ao día 1 de abril, a solicitude poderá presentarse na citada campaña ou na posterior.

2. Obterán dereitos de pagamento único da reserva nacional, sempre que cumpran as condicións establecidas:

a) Os agricultores lexitimados para recibir dereitos de axuda ou para aumentar o valor dos dereitos existentes por sentenzas xudiciais firmes ou actos administrativos firmes, de acordo co disposto no artigo 23 bis do Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, do 21 de abril de 2004.

b) Os agricultores mozos que realizasen a súa primeira instalación no ámbito dun programa de desenvolvemento rural establecido con base no Regulamento 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), incorporándose nalgún dos sectores, con excepción do de produción de sementes, do anexo VI do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e que non recibise xa dereitos de pagamento único da reserva nacional.

c) Os agricultores mozos que, tendo solicitado dereitos de pagamento único con cargo á reserva nacional na asignación inmediatamente anterior, presentasen, con posterioridade á dita solicitude, solicitudes de axuda de conformidade co establecido no artigo 109.3º do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, sobre aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.

d) Os agricultores con explotacións situadas en zonas suxeitas a programas de reestruturación ou de desenvolvemento relativos a algún tipo de intervención pública tal como transformacións en regadío, concentracións parcelarias e beneficiarios de dereitos da reserva nacional de programas gandeiros, co obxecto de evitar o abandono de terras ou para compensar desvantaxes específicas para os agricultores nas ditas zonas, conforme o previsto no artigo 42.5º do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e que non recibisen xa dereitos de pagamento único da reserva nacional. Non obstante, a asignación prevista neste punto só terá lugar se, unha vez atendidos os casos previstos de sentenzas e agricultores mozos, existe remanente de reserva.

Artigo 25º.-Criterios para o cálculo e asignación de dereitos da reserva nacional.

Para o cálculo e asignación de dereitos da reserva nacional aplicarase o disposto no artigo 10 do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, sobre aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría.

Sección segunda

Da utilización de dereitos de axuda

Artigo 26º.-Axuda derivada do réxime de pagamento único.

1. Poderase conceder a axuda derivada do réxime do pagamento único prevista no capítulo 1 do título III do Regulamento (CE) 1782/2003, do 29 de setembro, aos agricultores que o soliciten de acordo cos modelos DP1, PU, DPU, RS, PA e RG do anexo 1, dispoñan dos correspondentes dereitos do réxime de pagamento único e xustifiquen a súa utilización.

2. Os dereitos de axuda do pagamento único xustificaranse segundo os criterios establecidos nesta sección.

Artigo 27º.-Utilización dos dereitos de axuda.

1. Cada dereito de axuda do pagamento único poderá xustificarse cunha hectárea admisible.

2. Considéranse dereitos de axuda utilizados aqueles xustificados na solicitude única, cuxa superficie resulte determinada no sentido do artigo 2.22º do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril.

3. Cada agricultor deberá xustificar en primeiro lugar todos os dereitos de retirada que posúa con hectáreas admisibles para tal fin.

4. Para os efectos de utilización dos dereitos de axuda, considerarase que se utilizaron en primeiro lugar os dereitos de retirada de terras, e a continuación os dereitos de axuda normais de maior importe. Entre os dereitos de axuda de idéntico valor considerarase a súa utilización segundo a orde de numeración que posúan. Os dereitos de axuda da reserva nacional utilizaranse en último lugar.

5. Cando un agricultor non utilice a totalidade dos dereitos, para os efectos de utilización destes en anos posteriores, consideraranse, en primeiro lugar, os dereitos xa utilizados con anterioridade, de acordo cos criterios establecidos nos números 1 e 2.

6. Cando un agricultor, despois de utilizar todos os dereitos de axuda completos posibles, necesite utilizar un dereito de axuda unido a unha parcela que represente unha fracción de hectárea, este último dereito de axuda lexitimarao para recibir unha axuda calculada proporcionalmente ao tamaño da parcela e considerarase completamente utilizado.

7. Os dereitos de axuda só poderán ser solicitados para os fins do pagamento polo agricultor que os ten dispoñibles na data límite para a presentación da solicitude única.

Artigo 28º.-Dereitos de axuda non utilizados.

1. Todo dereito de axuda de que non se fixese uso durante un período de tres anos incorporarase á reserva nacional, salvo en casos de forza maior ou circunstancias excepcionais.

2. Os dereitos procedentes da reserva nacional volverán a esta se non se utilizan cada ano do período de cinco anos contado a partir da súa asignación. Os dereitos da reserva nacional derivados dunha sentenza firme ou dun acto administrativo firme non deberán cumprir a limitación establecida no punto anterior, cando a sentenza ou acto resolva sobre a atribución de dereitos iniciais ao agricultor relativos ao primeiro ano de aplicación do réxime de pagamento único. Polo contrario, cando a sentenza ou acto resolva sobre a atribución de dereitos non iniciais, deberán cumprir as ditas prescricións e, neste caso, estes dereitos e períodos computaranse a partir da data en que o agricultor teña a plena dispoñibilidade de tales dereitos como consecuencia da sentenza ou acto administrativo.

3. Para todos os dereitos da reserva nacional que supuxesen un incremento superior ao 20 por cento do importe unitario dun dereito que xa se posuíse, considerarase que unicamente o dito incremento debe retornar á reserva nacional, para os efectos previstos no punto anterior, de conformidade co establecido no parágrafo terceiro do artigo 6.3º do Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, do 21 de abril de 2004.

Artigo 29º.-Parcelas á disposición do agricultor.

As parcelas de hectáreas admisibles utilizadas para xustificar dereitos de axuda deberán estar ao dispor do agricultor o 31 de maio do ano en que se solicita a axuda.

Artigo 30º.-Hectáreas admisibles para os efectos da xustificación de dereitos de axuda normais.

Consideraranse hectáreas admisibles para efectos da xustificación dos dereitos de axuda normais as superficies agrarias da explotación, agás as ocupadas por bosques ou as utilizadas para actividades non agrarias, excepto no caso das superficies dedicadas á produción de froitas e hortalizas en que unicamente se considerarán admisibles as superficies con tomates para transformación, superficies con melocotoeiros de carne amarela aptos para transformación, superficies con pereiras das castes Williams e Rocha, superficies con ameixeiras da caste de Ente, superficies con figueiras e superficies de viña para vinificación e para produción de uvas da caste Moscatel.

Artigo 31º.-Utilización agraria das terras.

Os agricultores poderán utilizar as parcelas declaradas correspondentes ás hectáreas admisibles para xustificar o pagamento dos dereitos de axuda en calquera actividade agraria con excepción da de produción de patacas distintas das destinadas á fabricación de fécula, froitas e hortalizas distintas das citadas no artigo 30º e viveiros.

Por outra banda, poden realizarse cultivos secundarios, establecidos no artigo 1, número 1º, letras i) e j) do Regulamento (CE) 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas, con excepción das patacas distintas das utilizadas para a fabricación de fécula, durante un período máximo de tres meses a partir do 1 de xullo.

Artigo 32º.-Hectáreas admisibles para os efectos da xustificación dos dereitos de retirada.

1. Consideraranse hectáreas admisibles para os efectos de dereitos de axuda por retirada:

a) Todas aquelas superficies agrarias da explotación ocupadas por terras de cultivo, excepto as superficies que na data establecida nas solicitudes de axuda por superficie para 2003 estivesen ocupadas por cultivos permanentes ou bosques, ou utilizadas para actividades non agrarias ou para pastos permanentes.

b) As superficies de retirada plantadas de cultivos permanentes usadas segundo o establecido no artigo 55 b) do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

c) As terras de retirada plantadas de cultivos permanentes, usadas cos fins establecidos no artigo 6.3º do Regulamento (CE) 1251/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, polo que se establece un réxime de apoio aos produtores de determinados cultivos herbáceos, e sobre a que se cobrou un pagamento directo de acordo co establecido no artigo 2.2º do citado regulamento.

d) As terras plantadas con cultivos plurianuais, na data prevista na solicitude de axuda do ano 2003, sen prexuízo do establecido no artigo 51 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro de 2003.

2. As superficies que a continuación se indican poderán contabilizarse como retiradas da produción debido a unha solicitude presentada despois do 28 de xuño de 1995, para os efectos da xustificación de dereitos de retirada:

a) As que se retirasen da produción en virtude do disposto nos artigos 22 a 24 do Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, do 17 de maio, e que non teñan ningún uso agrario nin se utilicen con fins lucrativos distintos dos admitidos para as demais terras retiradas da produción en virtude Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

b) As superficies que fosen obxecto de forestación en virtude do disposto no artigo 31 do Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, do 17 de maio.

3. As parcelas agrícolas retiradas da produción non serán de tamaño inferior a 0,1 hectáreas, nin terán menos de 10 metros de largo.

Artigo 33º.-Utilización das terras de retirada.

1. As parcelas declaradas para xustificar os dereitos de retirada deben permanecer sen cultivar e sen ser utilizadas para ningún outro aproveitamento agrario polo menos desde o 15 de xaneiro ao 31 de agosto.

2. Non estarán suxeitos á dita obriga as excepcións que nese senso xa se mencionan no artigo 32º, así como as parcelas de agricultores que:

a) Xestionen toda a súa explotación en relación coa totalidade da súa produción de acordo co Regulamento (CEE) 2092/1991 do Consello, do 24 de xuño de 1991, sobre a produción agrícola ecolóxica e a súa indicación nos produtos agrarios e alimenticios.

b) Utilicen as terras retiradas para o cultivo de materias primas para a fabricación, dentro da Unión Europea, de produtos non destinados en principio á alimentación humana ou animal.

3. As terras retiradas da produción manteranse en boas condicións agrarias e ambientais de acordo co establecido no artigo 4 do Real decreto 2352/2004, do 23 de decembro.

4. Para poder percibir os pagamentos correspondentes aos dereitos de retirada nas parcelas que se presenten para a xustificación destes ten que realizarse o barbeito, salvo nos casos relacionados no artigo 32º e no número 2 deste artigo, de acordo coas seguintes directrices:

a) O barbeito realizarase mediante os sistemas tradicionais de cultivo, de mínima labra ou mantendo unha cuberta vexetal adecuada, tanto espontánea como cultivada, para minimizar os riscos de erosión, de aparición de incendios, malas herbas, pragas e enfermidades, conservar o perfil salino do solo, a súa capacidade produtiva e favorecer o incremento da biodiversidade.

b) As aplicacións de herbicidas autorizados serán efectuadas con aqueles que non teñan efecto residual e sexan de baixa perigosidade.

c) No caso de manter unha cuberta vexetal, esta non poderá ser utilizada para a produción de sementes nin aproveitada baixo ningún concepto con fins agrarios antes do 31 de agosto ou antes do 15 de xaneiro seguinte, para producir cultivos destinados a ser comercializados, excepto naquelas zonas previstas no número 3º do artigo 32 do Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, do 21 de abril de 2004.

5. No caso de incumprimento dos puntos 1, 2 e 4 deste artigo, aplicarase a base do cálculo das superficies de retirada de acordo co establecido no número 4º do artigo 50 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril de 2004.

6. Non obstante o indicado nos puntos 1 e 4 deste artigo e no artigo 37º.7, para a campaña 2009-2010 (sementeiras de outono 2008 e primavera 2009) os agricultores non estarán obrigados a retirar da produción as hectáreas utilizadas para xustificar dereitos de retirada. Os cultivos que se poderán realizar son os establecidos no artigo 31º desta orde. No caso de acollerse a esta excepción ao realizar a solicitude unificada o produtor deberá indicar o número total de dereitos de retirada que xustifica con superficies sementadas.

7. Nos casos de catástrofe natural grave que afectase as terras agrarias da explotación, previstos no número 5º do artigo 32 do Regulamento (CE) 795/2004, do 21 de abril, a comunidade autónoma poderá autorizar todos os produtores afectados para utilizaren as terras que fosen declaradas retiradas da produción para fins de alimentación animal de aproveitamento non lucrativo. O Fogga deberá notificar cada autorización debidamente xustificada ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño para que este pola súa vez lla notifique á Comisión Europea.

Artigo 34º.-Utilización das terras retiradas da produción no marco dos dereitos de axuda por retirada para cultivos con destino non alimentario.

1. Os agricultores poden utilizar as superficies retiradas que serven para a xustificación dos dereitos de retirada para obter materias primas para a fabricación na Unión Europea de produtos non destinados á alimentación humana ou animal, sen perder o dereito ao pagamento por superficie. Só se permite o cultivo de remolacha azucreira, pataca ou topinambo e chicoria, se se cumpren as condicións establecidas no artigo 143.2º do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro de 2004.

2. O incumprimento das condicións regulamentarias, entre elas as relativas aos contratos e á entrega da colleita nunha cantidade que deberá corresponder cando menos ao rendemento representativo fixado para o cultivo en cuestión polo Fogga, dará lugar á perda do pagamento por retirada para as parcelas en cuestión.

3. O Fogga establecerá cada ano os rendementos representativos que deben obterse efectivamente para os cultivos e superficies da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto no caso das materias primas establecidas no anexo XXII do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro.

4. Para os efectos da regulación dos cultivos con destino non alimentario, teranse en conta as definicións seguintes:

a) Solicitante: o agricultor que utiliza as terras retiradas de acordo co establecido no artigo 143 do Regulamento (CE) 1973/2004.

b) Receptor: toda persoa asinante do contrato disposto na normativa comunitaria, que merque por conta propia materias primas a que se refire o artigo 143 do Regulamento (CE) 1973/2004 destinadas para os fins previstos no anexo XXIII do dito regulamento.

c) Primeiro transformador: o usuario das materias primas que proceda á primeira transformación destas co fin de obter un ou varios dos produtos recollidos no anexo XXIII do Regulamento (CE) 1973/2004.

O primeiro transformador pode delegar nunha terceira persoa a recollida da materia prima entregada polo solicitante, ben que seguirá sendo o único responsable respecto ás obrigas regulamentarias.

5. Os solicitantes que cultiven na terra retirada materias primas con destino non alimentario, con excepción das enumeradas no anexo XXII do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro de 2004, deberán formalizar cun receptor ou primeiro transformador, en ambos os dous casos autorizados, un único contrato por materia prima cultivada de acordo cos requisitos establecidos no artigo 147 do citado regulamento e presentar un exemplar del xunto coa solicitude de axuda. Substituirase o contrato por unha declaración do solicitante no caso de que se utilicen todas as oleaxinosas ou cereais producidos na propia explotación como combustible para quentar esta, ou para producir enerxía ou biocombustibles dentro dela, ou se transforme en biogás dentro da explotación toda a materia prima obtida na superficie referida.

6. No caso das materias primas indicadas no anexo XXII do Regulamento (CE) 1973/2004, os titulares das explotacións deberán presentar, xunto coa solicitude de axuda a superficies, un compromiso escrito de que, de ser utilizadas na súa explotación ou vendidas, as materias primas en cuestión serán destinadas a algún dos fins establecidos no anexo XXIII do dito regulamento.

7. Os receptores ou primeiros transformadores deberán comprometerse a fabricar algún dos produtos mencionados no anexo XXIII do Regulamento (CE) 1973/2004, cuxo valor económico terá que ser superior ao de todos os demais produtos destinados ao consumo humano ou animal que se obteñan durante o dito proceso. As persoas físicas ou xurídicas que desexen ser autorizadas como primeiro transformador ou receptor ou, se é o caso, como segundo ou terceiro transformador, así como aqueles solicitantes que desexen acollerse ao disposto no punto 5, deberán presentar, antes do 1 de novembro, unha solicitude conforme o disposto no anexo X do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, ante a comunidade autónoma en que estean establecidos.

8. As obrigas dos solicitantes e dos receptores e primeiros transformadores de materias primas recóllense no anexo X do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro.

9. As materias primas cultivadas en terras retiradas da produción e os produtos que deriven das ditas materias primas, así como as terras utilizadas para a súa produción, non poderán acollerse ás medidas financiadas polo Feaga, de acordo co establecido nas letras a) e b) do número 1º do artigo 3 do Regulamento (CE) 1290/2005 do Consello, de 21 de xuño, sobre financiamento da política agrícola común.

10. O Fogga poderá retirar a autorización e/ou sancionar os receptores, transformadores ou solicitantes nos casos e forma previstos para estes efectos no Regulamento (CE) 1973/2004, da Comisión.

Artigo 35º.-Consideracións sobre a utilización dos dereitos de axuda especiais.

1. Os agricultores que soliciten o cobramento do pagamento único por dereitos especiais quedan exentos da obriga de establecer un número de hectáreas admisibles equivalente ao número de dereitos de axuda, coa condición de que manteñan polo menos o 50% da actividade exercida no período de referencia expresada en unidades de gando maior, no sucesivo UGM.

Para determinar a utilización dos dereitos especiais empregarase a información contida na base de datos informatizada creada de conformidade co Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación dos animais da especie bovina. No caso de gando ovino e cabrún utilizarase a información contida no Rexistro xeral de explotacións gandeiras establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, coas seguintes equivalencias, excluíndo os años:

1º Vacúns de máis de 24 meses: 1,0 UGM.

2º Vacúns entre 6 e 24 meses: 0,6 UGM.

3º Vacúns ata 6 meses: 0,2 UGM.

4º Ovinos e cabrúns: 0,15 UGM.

5º Vacas de leite: 1,0 UGM.

Segundo esa información:

Considerarase que se respectou o requisito relativo á actividade agraria mínima, se segundo o caso se cumpre, polo menos, ese 50% de actividade gandeira de media durante o período de retención da axuda ligada á produción por vaca nutriz e/ou ovella e cabra.

No caso de non solicitar unha axuda ligada á produción das citadas no punto anterior determinarase a media ponderada de animais presentes na explotación durante un período de 12 meses, que vai do 1 de novembro de 2008 ao 31 de outubro de 2009.

Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, o Fogga poderá determinar que se cumpriu o requisito, comparando a actividade gandeira do ano en curso coa exercida durante o período de referencia.

2. Para considerar utilizados os dereitos especiais deberá cumprirse o requisito de manter o 50% da actividade do período de referencia; de non alcanzarse a dita porcentaxe do 50%, o dereito considerarase como non utilizado na súa totalidade, non admitíndose a utilización de fraccións e sen que sexa posible considerar as UGM que manteña o agricultor para calcular un número teórico de dereitos especiais utilizados. Para estes efectos, de conformidade co número 1º do artigo 8 do Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, consideraranse dereitos de axuda especiais utilizados unicamente aqueles polos cales se concedeu o pagamento no período mencionado no dito artigo.

Artigo 36º.-Conversións de dereitos de axuda especiais a dereitos normais.

Os agricultores con dereitos especiais que decidan declarar un ou varios dereitos cun número de hectáreas admisibles correspondente terán efectuado un cambio na tipoloxía dos seus dereitos que pasarán desde ese momento a considerarse dereitos de axuda normais, e non se poderá solicitar o restablecemento das condicións especiais para estes dereitos.

Sección terceira

Da cesión de dereitos

Artigo 37º.-Cesión de dereitos de axuda.

1. Os dereitos de axuda poderán ser obxecto de cesión entre agricultores establecidos en todo o territorio nacional, coa excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, ben en venda, arrendamento ou mediante calquera outra forma admitida en dereito.

2. A venda dos dereitos de axuda pode realizarse con ou sen terras. Nos casos de arrendamento de dereitos irá acompañado da cesión dun número equivalente de hectáreas admisibles polo mesmo período de tempo.

3. Os dereitos procedentes da reserva nacional non poderán cederse a outro agricultor durante un período de cinco anos contado a partir da súa asignación, excepto no caso de herdanzas, fusións ou escisións. No caso de fusión ou escisión, o cesionario dos dereitos asignados inicialmente como procedentes da reserva nacional conservaraos durante o tempo restante do período de cinco anos.

4. Poderanse ceder voluntariamente á reserva nacional todos os dereitos de axuda que non se vaian utilizar, excepto os dereitos de axuda por retirada de terras.

5. O agricultor só poderá ceder os seus dereitos de axuda sen terras despois de ter utilizado polo menos o 80% dos seus dereitos de axuda polo menos un ano natural, segundo o disposto no artigo 25.4º do Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, do 21 de abril, ou despois de ter entregado voluntariamente á reserva nacional todos os dereitos de axuda que non teña utilizado o primeiro ano de aplicación do réxime de pagamento único.

6. No caso de cesións de fraccións de dereitos, con ou sen terras, realizarase o cálculo e asignación do valor do dereito de acordo cos criterios proporcionais do artigo 3.3º do Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, do 21 de abril.

7. Nos casos en que se cedan dereitos de axuda por retirada, o cesionario adquire a obriga de retirar as terras da produción.

8. No caso de cesión dos dereitos especiais, a exención da obriga de establecer un número de hectáreas admisibles equivalente ao número de dereitos de axuda establecida no número 1 do artigo 35º, só se manterá se se ceden todos os dereitos de axuda obxecto da excepción, considerándose neste caso unha cesión de dereitos de axuda con terras.

9. No caso de que a cesión de dereitos especiais sexa parcial, os dereitos cedidos pasarán a normais, e non se poderá solicitar o restablecemento das condicións especiais para estes.

Artigo 38º.-Retencións.

As retencións aplicables nas vendas ou outras cesións definitivas son as seguintes:

1. No caso de venda ou cesión definitiva de dereitos de axuda sen terras restituirase á reserva nacional o 30% do valor de cada dereito de axuda. A porcentaxe anterior será do 10% cando o comprador se trate dun agricultor profesional ou dunha explotación prioritaria de acordo coas definicións establecidas na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias.

2. No caso de venda ou cesión definitiva de dereitos de axuda con terras restituirase á reserva nacional o 3% do valor de cada dereito de axuda.

3. No caso de venda ou cesión definitiva de dereitos asociada a unha finalización dun arrendamento de terras en que se lle devolven as terras ao seu propietario, ou que se lle venden tamén os dereitos en cuestión, o 3% do valor de cada dereito de axuda. O número de dereitos vendidos ou cedidos deberá ser sempre menor ou igual ao número de hectáreas admisibles implicadas na operación de finalización de arrendamento.

4. No caso de venda ou cesión definitiva de dereitos de axuda con toda a explotación restituirase á reserva nacional o 3% do valor de cada dereito de axuda.

5. Non se aplicará ningunha retención nos seguintes supostos:

a) No caso de venda ou cesión definitiva dos dereitos de axuda con ou sen terras a un agricultor que inicia a actividade agraria.

b) Nos casos de substitución do titular con motivo de herdanzas, xubilacións e programas aprobados de cesamento anticipado en que o cesionario dos dereitos sexa un familiar de primeiro grao do cedente, programas aprobados de cesamento anticipado, cambios de personalidade xurídica, agrupacións de varias persoas físicas ou xurídicas noutra persoa xurídica ou ente sen personalidade xurídica e escisións de persoas xurídicas ou de agrupacións de persoas físicas. Todas estas circunstancias deberán ser probadas mediante documento público fidedigno.

Artigo 39º.-Notificación á Administración das cesións de dereitos.

1. As cesións poderanse realizar en calquera momento do ano.

2. O cedente comunicará a cesión dos dereitos de axuda á autoridade competente ante a que tivese presentado a súa última solicitude entregando xunto coa dita comunicación os documentos necesarios, en función do tipo de cesión elixida, para acreditar esta. O período de comunicación iniciarase o 1 de novembro e finalizará seis semanas antes da finalización do prazo de presentación da solicitude única do seguinte ano.

Entenderase que a cesión foi aceptada se ás seis semanas desde a comunicación, a autoridade competente non notificou motivadamente a súa oposición. Unicamente se poderá opoñer á cesión cando esta non se axuste ás disposicións do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e do Regulamento (CE) 795/2004 da Comisión, do 21 de abril.

3. Todos os cambios de titularidade por motivo de herdanzas e xubilacións en que o cesionario de dereitos sexa un familiar de primeiro grao do cedente, e programas aprobados de cesamento anticipado, fusións ou escisións e cambios de personalidade xurídica, así como as modificacións de arrendamentos rústicos debidos a cambios de titularidade se notificarán ás autoridades competentes, achegando polo menos a información que figura no anexo 5, antes do 30 de abril de 2009.

Capítulo 3

Pagamentos ligados á produción e réximes específicos por superficies

Sección primeira

Pagamentos aos produtores de cultivos herbáceos

Artigo 40º.-Obxecto.

Concederase un pagamento por hectárea aos agricultores que o soliciten de acordo cos modelos DP1, RS e PA do anexo 1 e produzan os cultivos herbáceos recollidos no anexo IX do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro de 2003 (cereais, oleaxinosas, proteaxinosas, liño e cánabo) e indicados no anexo 14 desta orde, e cumpran o especificado nesta orde e na normativa estatal e comunitaria que sexa de aplicación. A contía determinarase atendendo ao establecido no seu artigo 45 e no capítulo 10 do título IV do citado regulamento, tendo en conta que España optou por ligar o máximo permitido pola regulamentación comunitaria, o 25 por cento, no marco do réxime de aplicación parcial do pagamento único.

Artigo 41º.-Superficies admisibles para o pagamento aos produtores de cultivos herbáceos.

Non poderán presentarse solicitudes de pagamentos de cultivos herbáceos respecto ás superficies que, na data límite de presentación das solicitudes de axuda por superficie de 2003, se dedicasen a pasteiros permanentes, cultivos permanentes, árbores ou usos non agrícolas, de acordo co establecido no artigo 108 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, agás nos casos recollidos no número 3º do artigo 51 do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro.

Artigo 42º.-Plan de rexionalización e subsuperficies de base para o pagamento aos produtores de cultivos herbáceos.

1. As zonas homoxéneas de produción, determinadas de acordo co establecido no Plan de rexionalización produtiva, así como os rendementos medios dos cereais en secaño, de cereais en regadío, de millo en regadío e doutros cereais en regadío, diferenciados por provincia e comarca agraria, que servirán de base en Galicia para a aplicación do sistema de pagamentos por superficie aos produtores de determinados cultivos herbáceos (cereais, oleaxinosas, proteaxinosas, liño e cánabo), son os que se indican no anexo 9 desta orde.

2. As subsuperficies básicas de secaño e de regadío correspondentes a Galicia para eses cultivos son de 75.249 ha e 2.000 ha, respectivamente. Desta superficie total de regadío, 498 ha corresponden a millo.

3. Para os efectos da percepción destes pagamentos, terán a consideración de superficie de regadío as parcelas sitas en recintos de referencia considerados como de regadío no Sixpac ou, no seu defecto, as que figuren inscritas como de regadío en catastro antes de finalizar o prazo de presentación das solicitudes de pagamentos para cada campaña.

Artigo 43º.-Requisitos para optar aos pagamentos por superficie aos produtores de oleaxinosas.

1. Para poder optar aos pagamentos por superficie de oleaxinosas, os agricultores deberán utilizar nas sementeiras sementes e doses acordes coas prácticas tradicionais da zona en que radiquen as parcelas de oleaxinosas. Só se poderá utilizar semente certificada e as doses mínimas de sementeira figuran no anexo 11 desta orde.

2. Os agricultores terán á disposición do Fogga cantos elementos poidan servir para acreditar ao respecto do indicado no punto anterior.

Artigo 44º.-Retirada voluntaria en pagamentos por cultivos herbáceos.

1. Os agricultores que soliciten pagamentos por superficie de cultivos herbáceos poderán retirar ata o 10 por cento da superficie pola que presentasen a solicitude de pagamento por eses cultivos, en concepto de retirada voluntaria, pola que percibirán un pagamento idéntico ao deses cultivos.

2. Non obstante, permítese realizar unha porcentaxe maior de retirada voluntaria co límite máximo correspondente a unha superficie retirada que non supere a cultivada nos seguintes casos:

a) Para as terras de secaño, no caso de concentracións parcelarias e noutros casos especiais debidamente autorizados polo Fogga, que supoñan un cambio da estrutura da explotación independente da vontade do produtor.

b) Para as terras de regadío, cando as explotacións estean situadas en zonas obxecto de plans de mellora do regadío que impliquen concentración parcelaria.

3. As terras retiradas no marco deste artigo deben cumprir as condicións establecidas nas letras a), b) e c) do artigo 33º.4 desta orde.

4. A parcela agrícola de retirada terá como mínimo unha superficie de 0,1 ha e un largo de 10 m.

Artigo 45º.-Cálculo do pagamento.

A contía do pagamento por hectárea calcularase multiplicando os rendementos establecidos no Plan de rexionalización produtiva nos anexos 9-A e 9-B desta orde, por un importe unitario de 15,75 €/ tonelada.

Os rendementos aplicables para cada cultivo indícanse no anexo 9-C desta orde.

Artigo 46º.-Prima específica ás proteaxinosas.

Concederáselles aos agricultores produtores de proteaxinosas unha prima de 55,57 euros por hectárea.

As proteaxinosas polas que se pode recibir a axuda son os chícharos (NC 0713 10), tremoceiros doces (NC ex 1209 29 50) e fabas (NC 0713 50). A prima concederase por hectárea cultivada e colleitada despois da fase de maduración leitosa, agás no caso das condicións excepcionais establecidas no segundo parágrafo do artigo 77 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

Artigo 47º.-Datas límite de sementeira.

A data límite de sementeira para os cereais, incluídos trigo duro e millo, oleaxinosas, proteaxinosas, liño non téxtil e liño para a produción de fibras e arroz, pertencentes aos réximes de axuda establecidos nos capítulos 1, 2, 3, 5 e 10 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, son as seguintes:

a) 31 de maio, para todos os cultivos herbáceos agás o millo doce.

b) 15 de xuño, para o millo doce e o cánabo para a produción de fibras.

Sección segunda

Axuda aos cultivos enerxéticos

Artigo 48º.-Obxecto e requisitos.

1. Concederase unha axuda por superficie de cultivos enerxéticos de 45 euros por hectárea e ano, sen prexuízo da súa suxeción á redución proporcional e resto de condicionantes establecidos no artigo 89 e restantes do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

2. Enténdense por cultivos enerxéticos aqueles que se utilicen fundamentalmente na produción dos produtos enerxéticos considerados no artigo 88 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro de 2003.

3. Para os efectos da regulación dos cultivos con fins enerxéticos, teranse en conta as seguintes definicións:

a) Solicitante: o agricultor que cultive materias primas para obter os produtos enerxéticos a que fai referencia o artigo 88 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, co fin de percibir a axuda establecida no citado artigo.

b) Receptor: toda persoa que celebre cun solicitante un contrato segundo o previsto no artigo 26 do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro, que compre por conta propia as materias primas a que se refire o artigo 24 do devandito regulamento destinadas aos fins previstos no artigo 88 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

c) Primeiro transformador: o utilizador das materias primas que procede á primeira transformación destas, co fin de obter un ou varios dos produtos a que se refire o artigo 88 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, á parte dos solicitantes que utilicen as materias primas na explotación.

4. O primeiro transformador pode delegar nunha terceira persoa a recepción da materia prima entregada polo solicitante, ben que seguirá sendo o único responsable respecto ás obrigas establecidas na normativa comunitaria.

5. Os solicitantes que desexen obter a axuda aos cultivos enerxéticos deberán formalizar cun receptor ou un primeiro transformador, autorizados, un único contrato por cada materia prima cultivada, nos termos establecidos no artigo 26 do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro, e presentar unha copia deste ante o Fogga, xunto coa solicitude única. Non obstante, para cultivos en que o ciclo de produción sexa superior ao ano, desde a implementación do cultivo ata a primeira produción (a partir do segundo ano), substituirase o contrato por unha declaración de cultivo ata a primeira colleita, nos termos establecidos no artigo 25.2º do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro.

6. Os solicitantes entregaranlle ao receptor ou primeiro transformador as cantidades de materia prima que sexan iguais, como mínimo, ao rendemento representativo a que se fai referencia no anexo X do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro. Os receptores ou primeiros transformadores faranse cargo da materia prima e aseguraranse de que se utiliza unha cantidade equivalente desta, da mesma especie dentro da Comunidade Europea. Esta equivalencia poderá realizarse tamén na cadea de transformación para os produtos intermedios.

7. Os solicitantes poderán utilizar na propia explotación toda a materia prima obtida na superficie acollida a esta axuda de árbores forestais de ciclo curto, oleaxinosas ou cereais producidos na propia explotación como combustible para quentar esta, ou para producir enerxía ou biocombustibles dentro dela, ou para transformar en biogás toda a materia prima colleitada dentro da explotación. Os interesados presentarán unha solicitude de autorización ao Fogga e unha declaración xunto coa solicitude única segundo o disposto no artigo 33 do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro.

8. As obrigas dos solicitantes e dos receptores e primeiros transformadores das materias primas, así como as daqueles que se acollan ao disposto no número anterior, recóllense no anexo X do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro.

9. As persoas físicas ou xurídicas que desexen ser autorizados como receptor ou primeiro transformador ou, se é o caso, como segundo ou terceiro transformador, así como aqueles solicitantes que dexexen acollerse ao disposto no número 7, deberán presentar, antes do 1 de novembro, unha solicitude conforme o disposto no anexo X do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, ante a comunidade autónoma en que se atopen establecidos.

10. O Fogga, de conformidade co disposto no número 5º do artigo 37 do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro, retirará a autorización e sancionará os receptores, transformadores ou solicitantes, nos casos e forma previstos no número 4º do citado artigo 37.

Capítulo 4

Pagamentos ligados á produción e réximes de axudas por gando

Sección primeira

Pagamentos ligados aos produtores de gando ovino e cabrún

Artigo 49º.-Tipos de primas, contías e límites nacionais.

Conforme o previsto no capítulo 11 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, poderánselles conceder aos produtores de ovino e cabrún os seguintes pagamentos ligados á produción:

a) Prima por ovella pesada cuxo importe unitario é de 10,50 euros/cabeza.

b) Prima por ovella lixeira e cabra cuxo importe unitario é de 8,40 euros/cabeza.

c) Prima adicional por ovella e cabra cuxo importe unitario é de 3,50 euros/cabeza.

Os límites nacionais determinaranse atendendo ao establecido no artigo 67 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e no capítulo 11 do título IV.

Artigo 50º.-Condicións de concesión.

Ao abeiro do disposto no capítulo 11 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, para teren dereito ás axudas os produtores de ovino e cabrún deberán solicitalo de acordo cos modelos DP1, RG e OC do anexo 1 desta orde e, ademais:

a) Ter dispoñible un límite individual de dereitos de prima, de acordo co establecido no Real decreto 1839/1997, do 5 de decembro, polo que se establecen as normas para a realización de transferencias e cesións de dereitos de prima e para o acceso á reserva nacional.

Este límite non pode ser inferior a 10. Ademais, o número de animais polo que se presente unha solicitude de prima non poderá ser inferior a 10.

b) Manter na súa explotación un número de animais que cumpran as condicións para a súa concesión igual, polo menos, a aquel polo cal solicitase a axuda correspondente, durante un período mínimo de cen días, contados a partir do día de finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Calquera variación do número de animais obxecto de solicitude, incluíndo o seu traslado, deberá ser comunicado polo solicitante á autoridade competente.

c) Cumprir coas obrigas derivadas do Real decreto 947/2005, do 29 de xullo, polo que se establecen un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.

Artigo 51º.-Prima por ovella e por cabra.

1. O produtor que posúa ovellas na súa explotación poderá obter, logo de solicitude, a prima por ovella prevista no artigo 113.1º do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, de acordo coas condicións previstas nesta orde e na lexislación estatal e comunitaria.

2. O produtor que posúa cabras na súa explotación poderá obter a prima por cabra prevista no artigo 113.2º do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, sempre que a súa explotación teña polo menos o 50% da superficie dedicada á agricultura en calquera zona de Galicia con excepción das zonas das provincias da Coruña e Lugo que non se consideren zonas desfavorecidas segundo o Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, do 17 de maio.

3. O período que hai que considerar, en relación cos produtores de ovino que comercializan leite ou produtos lácteos de ovella, é o ano natural correspondente a aquel en que se solicita a prima.

Artigo 52º.-Prima adicional por ovella e cabra.

Poderán obter a prima complementaria prevista no artigo 114 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, logo de solicitude, os produtores de ovino e cabrún cando a súa explotación se encontre nalgún dos municipios indicados no anexo 19 desta orde e sempre que, polo menos, o 50 por cento da superficie dedicada á agricultura se sitúe en zonas desfavorecidas segundo a definición establecida no Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, do 17 de maio. Ademais, no caso de produtores de cabras, estas zonas desfavorecidas deberán corresponder ás indicadas no número 2 do artigo anterior.

Sección segunda

Pagamentos ligados aos produtores de gando vacún

Subsección primeira

Disposicións xerais

Artigo 53º.-Identificación e rexistro dos animais da especie bovina.

Cada animal polo cal se solicite unha axuda deberá estar identificado, rexistrado e dotado do documento de identificación conforme as disposicións do Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro. A explotación a que pertencen os animais obxecto de axuda deberá cumprir as disposicións establecidas no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

Artigo 54º.-Uso ou tenza de substancias prohibidas.

1. Cando, en aplicación do Real decreto 1749/1998, do 31 de xullo, polo que se establecen as medidas de control aplicables a determinadas substancias e os seus residuos nos animais vivos e os seus produtos, se detecten substancias prohibidas en virtude do Real decreto 2178/2004, do 12 de novembro, polo que se prohibe utilizar determinadas substancias de efecto hormonal e tireostático e substancias betagonistas de uso na cría do gando, ou substancias utilizadas ilegalmente, nun animal pertencente ao gando bovino dun produtor, ou cando se encontre unha substancia ou un produto autorizado, pero posuído de forma ilegal na explotación deste agricultor, en calquera forma, este quedará excluído, durante o ano natural en que se efectúe a comprobación, do beneficio dos importes previstos nas disposicións desta sección, sen prexuízo das responsabilidades de toda índole que puidesen derivar, especialmente as previstas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

En caso de reincidencia, o período de exclusión prorrogarase, en función da gravidade da infracción, ata cinco anos a partir do ano en que se detectase a reincidencia.

2. En caso de obstrución, por parte do propietario ou do posuidor dos animais, das inspeccións e das tomas de mostras necesarias para a aplicación dos plans nacionais de control de residuos, así como das investigacións e controis previstos no Real decreto 1749/1998, do 31 de xullo, aplicaranse as exclusións previstas no número 1 deste artigo.

3. Calquera autoridade que, no exercicio das súas competencias, detecte algunha das anomalías establecidas nos números 1 e 2 en explotacións da Comunidade Autónoma de Galicia deberá comunicarllo ao Fogga.

Subsección segunda

Primas por vaca nutriz

Artigo 55º.-Tipos de prima, contía e límites.

As axudas por vaca nutriz, establecidas no artigo 125 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, son de dous tipos, prima por vaca nutriz cun importe unitario base de 186,00 euros/cabeza e prima complementaria por vaca nutriz cun importe unitario de 22,46 euros/cabeza.

Os límites nacionais determinaranse atendendo ao establecido nos artigos 68 e 69 e no capítulo 12 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro.

Artigo 56º.-Prima por vaca nutriz.

1. Poderán obter a prima prevista no artigo 125 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, os produtores que manteñan vacas nutrices que o soliciten de acordo cos modelos DP1, RG e VN do anexo 1, xuntando a documentación indicada neste, cando reúnan as seguintes condicións:

a) Que teñan asignado un límite individual de dereitos de prima, de acordo co establecido no Real decreto 1839/1997, do 5 de decembro, polo que se establecen as normas para a realización de transferencias e cesións de dereitos de prima e para o acceso ás reservas nacionais respecto aos produtores de ovino e cabrún e dos que manteñen vacas nutrices.

b) Que non vendan leite ou produtos lácteos da súa explotación durante os doce meses seguintes á presentación da solicitude ou, se a venden, que teñan unha cantidade de referencia individual dispoñible o día 31 de marzo do ano 2009 igual ou inferior a 120.000 quilogramos.

c) Que manteñan na súa explotación, durante un período de retención mínimo de seis meses consecutivos, a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude, un número de vacas nutrices polo menos igual ao 60 por cento do número total de animais polo cal solicita a axuda e un número de xovencas que non supere o 40 por cento do citado número total.

En caso de que o cálculo do número máximo de xovencas, expresado en forma de porcentaxe, dea como resultado un número fraccionario de animais, o dito número redondearase á unidade inferior se é inferior a 0,5 e ao número enteiro superior se é igual ou superior a 0,5.

d) Calquera variación do número de animais obxecto de solicitude, incluído o seu traslado a lugares non indicados na solicitude, deberá ser comunicado ao Servizo Provincial do Fogga, agás nos seguintes casos, en que se considera suficiente a notificación efectuada á base de datos de identificación e rexistro nos prazos previstos polo Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro:

-Baixas por circunstancias naturais da vida do rabaño.

-Baixas por causas de forza maior como consecuencia dunha epizootia.

-Cambios na condición de xovenca a vaca nutriz.

-Substitución dos animais por outros de similares características. Unha vaca nutriz ou xovenca pola cal se solicita prima poderá ser substituída durante o período de retención, dentro dos límites establecidos no artigo 125 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, por outra vaca nutriz ou por outra xovenca, sempre que esta substitución se produza nos vinte días seguintes á data de saída do animal da explotación, que a substitución se inscriba, como máis tarde o terceiro día seguinte de se realizar, no rexistro particular do produtor e que se faga a notificación á base de datos oficial de identificación e rexistro durante os 7 días hábiles seguintes á substitución.

e) De acordo co establecido no artigo 16.3º b) do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril, os animais dos cales se comprobase que non están correctamente identificados ou rexistrados no sistema de identificación e rexistro de animais da especie bovina contarán como animais respecto aos que se detectasen irregularidades segundo se prevé no artigo 59 do mesmo regulamento.

2. Serán obxecto de axuda as vacas nutrices e as xovencas que pertenzan a unha raza cárnica ou procedan dun cruzamento cunha destas razas e que formen parte dun rabaño destinado á cría de xatos para a produción de carne. Para estes efectos, non se considerarán vacas ou xovencas de raza cárnica as das razas bovinas enumeradas no anexo 15 desta orde.

3. Cando na explotación se venda leite, para determinar o número de cabezas con dereito a prima, a pertenza dos animais ao censo de vacas leiteiras ou ao de nutrices establecerase mediante a relación entre a cantidade de referencia do beneficiario e o rendemento leiteiro medio para España de 4.650 kg. Non obstante, os produtores que acrediten oficialmente un rendemento leiteiro superior poderán utilizar este último para a realización do cálculo.

Para estes efectos, por pedimento do Servizo de Axudas Gandeiras da PAC, do Fogga, o Servizo de Producións Gandeiras da Consellería do Medio Rural remitiralle información sobre o rendemento leiteiro oficial medio das vacas destas explotacións entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2008.

4. Os solicitantes de prima a produtores con vacas nutrices que entreguen leite a compradores deberán comprometerse a non incrementar a súa cantidade de referencia individual de leite asignada por encima dos 120.000 kg durante o período de doce meses a partir do día de presentación da solicitude.

Artigo 57º.-Prima complementaria.

Os beneficiarios da prima por vacas nutrices regulada no artigo anterior poderán obter unha prima complementaria, para o mesmo número de cabezas.

Subsección terceira

Primas por sacrificio

Artigo 58º.-Tipo de primas, contía e límites nacionais.

De conformidade co previsto no artigo 130 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, poderán concedérselles aos produtores criadores de gando vacún primas por sacrificio de bovinos adultos, por un importe unitario de 26,40 €/cabeza e primas por sacrificio de xatos por un importe unitario de 46,50 €/cabeza.

Os límites nacionais determinaranse atendendo ao establecido nos artigos 68 e 69 e no capítulo 12 do título IV do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro. Para estes efectos, a contía correspondente aos pagamentos por aplicación do artigo 69 do citado regulamento descontarase exclusivamente da parte que permanece ligada da prima por sacrificio.

Artigo 59º.-Prima por sacrificio. Condicións de concesión.

1. Os produtores de gando vacún poderán obter a prima por sacrificio establecida no artigo 130 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, cando os seus animais se sacrifiquen no interior da Unión Europea, ou se exporten vivos a un país terceiro.

Para poder optar á prima por sacrificio de animais sacrificados en España, os agricultores deberan presentar, xunto coa solicitude unificada, unha declaración de participación no réxime de prima por sacrificio de acordo cos modelos DP1, RG e SAC do anexo 1, xuntando a documentación indicada neles.

A presentación da solicitude da prima por sacrificio de animais sacrificados noutro Estado membro da Unión Europea ou exportados vivos a un país terceiro, efectuarase de acordo cos modelos do anexo 2 e do anexo 3 desta orde, nun prazo que non poderá ser maior dos catro meses seguintes á data do sacrificio ou da exportación dos animais vivos a países terceiros, de acordo co establecido no artigo 8º.2 desta orde.

2. Só terán dereito á subvención os bovinos os que, na data de sacrificio:

a) Teñan polo menos 8 meses de idade para a prima por sacrificio de bovinos adultos, ou

b) Teñan máis de 1 mes e menos de 8 meses e un peso en canal de 185 kg como máximo no caso da prima polo sacrificio de tenreiros.

No caso de animais de menos de 6 meses de idade, a condición relativa ao peso entenderase respectada.

Nos demais casos, para a determinación do peso en canal teranse en conta a presentación e procesamento das canais que se describen no anexo 16 desta orde.

Se, por circunstancias excepcionais, non fose posible determinar o peso en canal dos animais, considerarase que cumpren as condicións regulamentarias sempre que o peso en vivo non exceda os 300 kg.

3. Para ter dereito á prima, o período de retención mínimo será de dous meses sempre que este finalizase no prazo máximo dun mes antes do sacrificio ou dous meses antes da exportación do animal a un país terceiro. No caso dos xatos sacrificados antes dos tres meses de idade, o período de retención será dun mes.

4. Cando o número de animais subvencionables supere os límites nacionais previstos, reducirase proporcionalmente o número de animais con dereito á prima de cada produtor.

Artigo 60º.-Declaración de participación dos establecementos de sacrificio.

1. Co fin de simplificar a xestión das primas ao sacrificio, así como de facilitar o control destas, os centros de sacrificio autorizados en Galicia que desexen participar por primeira vez como colaboradores no réxime de primas por sacrificio, deberán comunicar, previamente, a súa vontade de participación no réxime de prima ao sacrificio, mediante un escrito dirixido á dirección do Fogga.

2. Para iso, a mencionada comunicación de participación conterá, polo menos, os seguintes extremos:

a) A identificación do establecemento de sacrificio autorizado, incluíndo o número de rexistro sanitario e o número de explotación gandeira deste, en virtude do disposto no Real decreto 479/2004, do 2 de novembro.

b) O compromiso de levar un rexistro informatizado, relativo ao sacrificio de todos os animais bovinos que inclúa, como mínimo:

-Data de sacrificio.

-Número de identificación dos animais, de acordo co establecido no Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro.

-Números de identificación das canais, relacionados cos dos animais.

-Peso de cada unha das canais de bovinos de idades comprendidas entre os seis e menos de oito meses.

c) A descrición da presentación da preparación habitual das canais dos bovinos, de máis de 1 mes e menos de 8 meses, que se utiliza no establecemento e o compromiso de realizar a determinación do peso das canais conforme o procedemento descrito no anexo 16 desta orde.

d) O compromiso de someterse aos controis que estableza a autoridade competente e de colaborar na realización destes.

e) Autorización expresa ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño e ao Fogga para facer pública a relación de establecementos de sacrificio que participan como colaboradores no réxime de primas por sacrificio.

3. O incumprimento dalgúns dos compromisos contidos na declaración de participación, ou das obrigas establecidas no artigo 13 do Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro, ou do prazo establecido no artigo 61º.4 desta orde, dará lugar á exclusión do establecemento da participación no réxime de primas durante un ano, sen prexuízo das responsabilidades de toda índole que puidesen derivar, especialmente as recollidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

Artigo 61º.-Proba de sacrificio.

1. Só poderán terse en conta, para os efectos da prima por sacrificio, os animais que fosen sacrificados en centros de sacrificio, que declarasen a súa participación nestas primas, conforme o disposto no artigo anterior e que estean rexistrados conforme o previsto no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo.

2. A comunicación da baixa do animal, realizada polo centro de sacrificio, conforme o establecido no artigo 13 do Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro, terá a consideración de proba de sacrificio, no sentido aludido polo artigo 121, número 1, letra a) do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro, e realizarase a través da remisión mensual á Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural dun ficheiro de acordo coa descrición do anexo 17 desta orde.

3. Ademais, no caso de animais comprendidos entre 6 e 8 meses e por pedimento do produtor, o establecemento de sacrificio expedirá unha certificación relativa ao peso en canal de cada animal que se inclúa na solicitude de axuda, ou comunicará esta información no ficheiro indicado no anexo 17 desta orde.

4. Sen prexuízo dos prazos de comunicación das baixas de animais establecidas no artigo 13 do Real decreto 1980/1998, do 18 de setembro, para os efectos de que o Fogga poida efectuar as comprobacións previas ao pagamento da prima por sacrificio, todos os animais sacrificados durante o ano 2009 deberán constar no servidor central da base de datos do sistema de identificación e rexistro dos bovinos, nunha data anterior ao pagamento da axuda.

Artigo 62º.-Concesión de prima no caso de expedición ou exportación dos animais fóra de España.

1. No caso de expedición de animais subvencionables a outro Estado membro da Unión Europea, a prima prevista no artigo 59º desta orde solicitarase e concederase en España, sendo as condicións aplicables as descritas no citado artigo. Non obstante, a proba de sacrificio, neste caso, consistirá nun certificado emitido polo matadoiro do Estado membro de destino, que conterá as mencións descritas no artigo 121 punto 1.a) do Regulamento (CE) 1973/2004 da Comisión, do 29 de outubro.

2. Se os animais son exportados a un país que non pertenza á Unión Europea, as condicións serán as mesmas, pero a proba de sacrificio será substituída pola presentación das probas de exportación como parte da documentación que se cita no anexo 3 desta orde. Para estes efectos as cidades de Ceuta e Melilla serán consideradas como países terceiros.

Artigo 63º.-Ano de imputación da prima por sacrificio.

O ano de sacrificio ou da exportación determinará o ano de imputación dos animais que sexan obxecto dunha solicitude de prima por sacrificio.

Capítulo 5

Dos pagamentos por aplicación do artigo 69 do Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, con base no Programa nacional de desenvolvemento da PAC en España, no sector do gando vacún

Artigo 64º.-Definicións e exclusións.

a) Para os efectos destes pagamentos, entenderase como agricultor a título principal o que obtén polo menos o 50 por cento da súa renda procedente da actividade agraria durante o último ano dispoñible e cotiza no Réxime especial agrario ou no Réxime de autónomos equivalente desde o 1 de xaneiro do ano 2009. Esta última condición manterase vixente, polo menos, ata o último día de prazo da solicitude.

b) Serán excluídos da percepción destes pagamentos aqueles agricultores que incumpran o establecido no Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Verificarase o cumprimento deste requisito durante o período de retención no caso do pagamento adicional ás explotacións que manteñan vacas nutrices, ou ben, durante o período de permanencia na explotación necesario para cumprir os requisitos do sistema de calidade de carne recoñecido oficialmente no caso do pagamento adicional aos agricultores de carne de vacún que produzan carne de vacún de calidade recoñecida oficialmente. No caso dos pagamentos adicionais no sector lácteo este requisito verificarase en 31 de marzo de cada ano. Así mesmo, excluiranse os agricultores que incumpran o establecido no artigo 54º desta orde, para efectos do uso e tenza de substancias prohibidas.

Sección primeira

Pagamento adicional a explotacións que manteñan vacas nutrices

Artigo 65º.-Obxecto, contías e límites.

1. O obxecto é concederlles un pagamento adicional aos agricultores que manteñan vacas nutrices, co fin de incentivar o mantemento de actividades gandeiras beneficiosas desde o punto de vista ambiental, que realicen unha utilización racional dos recursos naturais pastables e conserven o patrimonio xenético do noso gando.

2. O importe total nacional na liña orzamentaria dos pagamentos adicionais ao sector das vacas nutrices será de 47.966.000 euros.

3. O Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño establecerá, en función da información facilitada polas comunidades autónomas, o importe unitario para cada tramo de modulación do pagamento adicional por estratos nas explotacións que manteñan vacas nutrices, segundo o indicado no punto seguinte.

4. O importe por cabeza modularase proporcionalmente aos efectivos do rabaño de forma que:

-Polas primeiras 40 cabezas cobrarase o pagamento adicional completo.

-De 41 a 70 cabezas percibiranse dous terzos de pagamento adicional.

-De 71 a 100 cabezas percibirase un terzo do pagamento adicional.

-En cada rabaño só se recibirá axuda polas 100 primeiras cabezas.

5. No caso de explotacións asociativas, esta modulación aplicarase por cada agricultor a título principal, na data de finalización do prazo de solicitude. En ningún caso computará para os efectos de modulación se algún dos socios da explotación, aínda que sexa agricultor a título principal, percibe xa unha axuda das previstas nesta orde por este mesmo pagamento adicional.

6. Para os efectos de aplicar esta modulación, no caso de que o titular das explotacións sexa unha persoa física, poderanse considerar tanto o cónxuxe, como os familiares de primeiro grao, tanto por consanguinidade como por afinidade do titular, sempre que estes sexan agricultores a título principal segundo o establecido no artigo 64º.a). En explotacións familiares, en ningún caso computará para os efectos de modulación se algún destes agricultores a título principal recibe xa unha axuda das previstas nesta orde por este mesmo pagamento adicional.

Artigo 66º.-Condicións da concesión.

1. Este pagamento concederáselles aos agricultores que o soliciten de acordo cos modelos DP1, RS, PA, RG e AN do anexo 1 desta orde e cumpran as condicións establecidas nela e na normativa estatal e comunitaria aplicable. A axuda concederase polas vacas nutrices que manteñan, teñan ou non dereitos de prima, durante un período mínimo de seis meses consecutivos a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Non se admitirá un número de xovencas superior ao 40 por cento do número total de animais obxecto de subvención.

2. A concesión deste pagamento estará supeditada a que a carga gandeira da explotación do solicitante non exceda o 1.5 UGM por hectárea, dedicada á alimentación dos animais nela mantidos, de acordo coa declaración de superficie forraxeira realizada polo solicitante e calculada segundo o establecido no punto 3 deste artigo.

Non obstante, os produtores quedarán exentos da aplicación da carga gandeira cando o número de animais que manteña na súa explotación e que deba tomarse en consideración para a determinación da dita carga non supere as 15 UGM.

3. A determinación da carga gandeira da explotación realizarase tendo en conta a media de seis días, considerando o primeiro día de cada mes do período de retención e:

a) O número de animais que se converterá en unidades de gando maior (UGM) de acordo coas seguintes equivalencias:

i. Bovinos machos e xovencas de máis de 24 meses, vacas nutrices e vacas leiteiras: 1,00 UGM.

ii. Bovinos machos e xovencas de 6 a 24 meses de idade: 0,6 UGM.

iii. Ovinos e cabrúns solicitados: 0,15 UGM.

b) A superficie forraxeira da explotación segundo a definición do artigo 10º.1.k).

4. Para os efectos desta axuda, as comunicacións á base de datos de identificación e rexistro, nos prazos establecidos, de substitucións, baixas e renuncias de animais solicitados consideraranse válidas e producirán os mesmos efectos de comunicación ao Servizo Provincial do Fogga.

Sección segunda

Pagamento adicional á produción de carne de vacún de calidade recoñecida oficialmente

Artigo 67º.-Obxecto, contías e límites.

1. O obxecto é concederlles un pagamento adicional aos agricultores de carne de vacún para incentivar a mellora da calidade e a comercialización da carne de vacún.

2. A contía total destinada para este pagamento adicional en España é de 7 millóns de euros para o ano 2009. O Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño establecerá anualmente a contía do pagamento adicional por cabeza dividindo o montante global dos fondos entre o número de cabezas que cumpran as condicións de concesión do artigo seguinte, cun máximo de 200 cabezas por explotación. O importe da axuda adicional será o mesmo para todas as cabezas.

3. No caso de cebadeiros comunitarios o límite máximo de 200 cabezas por explotación para percibir estes pagamentos, aplicarase a cada gandeiro socio deste. Achegarase a documentación necesaria que xustifique a pertenza dos socios ao cebadeiro comunitario. A este respecto, verificarase que os cebadoiros comunitarios cumpren as condicións, establecidas no artigo 103 do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro.

Artigo 68º.-Condicións de concesión.

1. Este pagamento concederáselles aos agricultores que o soliciten de acordo cos modelos DP1, RG e AC do anexo 1 desta orde e cumpran as condicións establecidas nela mesma e na normativa estatal e comunitaria aplicables.

2. A axuda concederáselles aos agricultores de carne de vacún polas cabezas sacrificadas dentro dalgún dos seguintes sistemas de calidade recoñecidos oficialmente:

a) Indicacións xeográficas protexidas ou denominacións de orixe protexidas.

b) Gandaría ecolóxica ou integrada.

c) Etiquetaxe facultativa da carne que implique uns requisitos superiores aos exixidos na normativa xeral.

3. Soamente se admitirán animais cebados e sacrificados en España, dentro dalgún sistema de calidade de carne recoñecido en España.

4. Para a realización do pagamento, os responsables dos consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas, das entidades que acrediten a produción gandeira ecolóxica e os responsables dos pregos de etiquetaxe facultativa comunicaranlle ao Fogga, antes do 1 de marzo de 2010 a información necesaria sobre os animais sacrificados durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2009 dentro destes programas de calidade, segundo os datos mínimos do anexo 18.

Sección terceira

Do pagamento adicional no sector lácteo

Artigo 69º.-Obxecto, contía e límites.

1. O obxecto é concederlles un pagamento adicional aos agricultores de explotacións leiteiras para favorecer a calidade do leite cru producido nas explotacións de vacún de leite co compromiso do gandeiro de acollerse a un sistema para asegurar a calidade.

2. O límite dos pagamentos adicionais ao sector lácteo en España será de 19.763.000 euros. O Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño establecerá o importe anual do pagamento adicional por quilogramo de cota dispoñible en 31 de marzo de 2009 tendo en conta os seguintes casos:

a) A cota que se vai considerar será cero cando o produtor se acollese a un programa de abandono no período que remata o 31 de marzo de 2009.

b) No caso de transferencias ligadas á explotación computará como cota dispoñible a favor do adquirente o total da cantidade obxecto da transferencia.

En todo caso, a cota dispoñible para estes efectos terá un máximo por explotación de 500.000 kg.

Se é o caso de explotacións asociativas, o límite de 500.000 kg será modificado en función do número de agricultores a título principal que integren a asociación na data de finalización do prazo de solicitude.

A este respecto, en ningún caso poderá considerarse se algún dos socios da explotación, aínda que sexa agricultor a título principal, percibe xa unha axuda das previstas no Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, por este mesmo pagamento adicional.

Cando o titular da explotación sexa unha persoa física, computarase como agricultor a título principal o cónxuxe e os familiares de primeiro grao tanto por consanguinidade, coma por afinidade, sempre que estes cumpran o establecido no artigo 64º.a). En explotacións familiares, en ningún caso computará para os efectos de modulación se algún destes agricultores a título principal percibe xa unha axuda das previstas nesta orde por este mesmo pagamento adicional.

O Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño calculará o importe anual por quilo de cota con dereito a pagamento dividindo o montante global dos fondos entre a cota con dereito a pagamento que sumen todos os solicitantes de cada ano, tendo en conta os datos subministrados polas comunidades autónomas.

Artigo 70º.-Condicións de concesión.

1. Este pagamento concederáselles aos agricultores que con explotacións de vacún leiteiro que entreguen leite o soliciten de acordo cos modelos DP1, RG e AL do anexo 1 desta orde e cumpran as condicións establecidas nela e na normativa estatal e comunitaria aplicables.

2. A axuda concederase aos agricultores con explotacións de gando vacún leiteiro que cumpran na data de finalización do prazo de solicitude as seguintes condicións:

a) Que se acollan de forma voluntaria ao programa de mellora da calidade do leite que se establece anualmente pola Consellería do Medio Rural ou ao sistema de calidade descrito na Guía de prácticas correctas de hixiene que se recolle no anexo XX do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, coa finalidade de alcanzar o seu cumprimento nos aspectos relacionados coas condicións hixiénico sanitarias da produción do leite.

b) Non ter sido sancionado polo incumprimento da normativa vixente en materia de calidade do leite cru nos 3 anos anteriores ao 2009.

c) Non ter sido sancionado en 2008 con motivo dun control destinado a comprobar a coherencia entre a capacidade de produción da explotación e as entregas declaradas, no marco do establecido no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea e no capítulo IV do Regulamento (CE) 595/2004 da Comisión, do 30 de marzo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1788/2003 do Consello, do 29 de setembro, polo que se establece unha taxa no sector do leite e os produtos lácteos.

d) Que os agricultores ou a agrupación a que pertenzan, que entreguen leite a compradores teñan subscrito para o ano 2009, un contrato tipo de subministración de leite homologado, segundo o establecido na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora de contratos tipo de produtos agroalimentarios.

Capítulo 6

Dos controis, reducións e exclusións

Artigo 71º.-Plans de control de admisibilidade.

O Fogga, no marco dos plans nacionais de control establecidos polo FEGA, elaborará os plans de control de admisibilidade de solicitudes, tanto administrativos como sobre o terreo, de acordo co establecido nos artigos 23 a 40 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril.

Artigo 72º.-Controis administrativos.

1. En virtude do disposto no artigo 24 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril, un dos elementos esenciais dos controis administrativos será a realización dos cruzamentos informáticos necesarios cos datos relativos ás parcelas e aos animais declarados, para garantir que non se efectúen pagamentos indebidos e, en particular, evitar a concesión de dobres axudas con cargo a unha superficie concreta ou por un animal determinado para o mesmo ano civil.

2. Controis sobre a solicitude unificada.

a) Os servizos provinciais do Fogga recibirán os expedientes, realizarán os controis correspondentes á titularidade da explotación e aos aspectos establecidos no artigo 3º desta orde solicitando, se é o caso, a documentación complementaria necesaria aos produtores, integrarán a información na base de datos e remitiranlles a documentación específica das axudas ao desenvolvemento rural aos servizos provinciais de Explotacións Agrarias. Concluídos estes controis, o Fogga informará a Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias dos expedientes con solicitude de axudas ao desenvolvemento rural que non superaron estes.

b) Os servizos provinciais do Fogga custodiarán a documentación básica da solicitude unificada e a específica dos réximes indicados no punto 1.2 do artigo 1º. No caso de axudas baseadas en superficies, o Fogga realizará o control xenérico no referente á identificación de parcelas, superficies e produtos declarados e emitirá as comunicacións pertinentes aos solicitantes.

c) Os servizos provinciais e centrais do Fogga realizarán as análises da documentación e os cruzamentos informáticos necesarios para evitar a concesión de dobres axudas por un animal determinado para o mesmo ano civil nas solicitudes de prima por vaca nutriz, prima de ovino e cabrún, prima por sacrificio de vacún e pagamentos adicionais no sector do gando vacún.

3. Controis sobre solicitudes doutras primas gandeiras.

Os servizos provinciais e centrais do Fogga realizarán a análise da documentación e os cruzamentos informáticos necesarios para evitar a concesión de dobres axudas por un animal determinado para o mesmo ano civil nas solicitudes de primas por sacrificio de gando vacún sacrificado noutro Estado membro ou exportado vivo a un país terceiro.

Artigo 73º.-Controis sobre o terreo.

No marco dos plans nacionais de control sobre o terreo, establecidos polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), o Fogga elaborará e executará os plans de control sobre o terreo das axudas baseadas en superficies e primas por gando.

O plan de controis sobre o terreo da admisibilidade dos compromisos específicos das axudas ao desenvolvemento rural será establecido e executado pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

O plan de controis sobre o terreo de axudas por superficies redactado polo Fogga recollerá tamén os controis xenéricos relacionados coas superficies correspondentes ás axudas ao desenvolvemento rural, de acordo coa normativa específica comunitaria, estatal e autonómica sobre esta axuda, tendo en conta as especificacións que determine a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

Os controis sobre o terreo poderanse anunciar, sempre que non se comprometa o obxectivo perseguido. O aviso limitarase estritamente ao prazo mínimo necesario e non excederá os 14 días.

Non obstante, cando se trate de controis sobre o terreo relativos ás solicitudes de axuda por animais, o aviso mencionado no parágrafo anterior non poderá exceder as 48 horas, agás nos casos debidamente xustificados. Ademais, cando a lexislación aplicable aos actos e ás normas que afectan a condicionalidade exixa que o control sobre o terreo se realice sen aviso previo, esas disposicións tamén se aplicarán aos controis da condicionalidade sobre o terreo.

Os controis sobre o terreo das solicitudes de axuda baseadas en superficies realizaranse en tempo hábil, de maneira que permita efectuar as comprobacións regulamentarias das parcelas agrícolas obxecto das solicitudes de axuda.

Artigo 74º.-Superficie determinada nos controis.

Unha vez realizados os controis administrativos e sobre o terreo das superficies das parcelas incluídas en cada solicitude, o Fogga definirá a superficie determinada en cada parcela para efectos de axudas por superficies, de superficies forraxeiras e a superficie resultante dos controis xenéricos nas axudas ao desenvolvemento rural.

Artigo 75º.-Reducións e exclusións na determinación das axudas por superficie.

1. Para os efectos do establecemento das superficies con dereito a pagamento teranse en conta os artigos 49, 50 e 51 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril.

2. Se a superficie determinada dentro dun grupo de cultivo dos establecidos no artigo 49 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril, é superior á declarada na solicitude de axuda, será esta última a que se teña en conta para o cálculo do importe da axuda.

3. Se se comproba que a superficie declarada nunha solicitude de axuda por superficie supera a superficie determinada para ese grupo de cultivo, como consecuencia dos controis administrativos ou sobre o terreo, será esta última a que se teña en conta para o cálculo do importe da axuda.

4. Cando para un grupo de cultivo, a superficie determinada sexa inferior á superficie declarada, a axuda calcularase sobre a base da superficie determinada, reducida no dobre da diferenza comprobada se esta é superior ao 3% ou dúas hectáreas, pero inferior ou igual ao 20% da superficie determinada.

Se a diferenza é superior ao 20% da superficie determinada non se concederá axuda ningunha por superficie en relación co grupo de cultivo en cuestión.

5. Se, respecto da superficie global determinada incluída nunha solicitude única a superficie declarada supera a superficie determinada en máis dun 30%, denegarase a axuda a que tivese dereito o produtor neses réximes de axuda no ano civil en cuestión.

Se a diferenza fose superior ao 50%, quedará excluído de novo do beneficio da axuda ata un importe igual ao rexeitado de acordo co parágrafo anterior. Este importe deducirase dos pagamentos das axudas con cargo a calquera dos réximes de axuda dos recollidos no punto 1.2 do artigo 1º, a que teña dereito o agricultor polas solicitudes que presente durante os tres anos civís seguintes a aquel en que se descubra a declaración excesiva.

6. En caso de sobredeclaración intencional aplicarase o establecido no artigo 53 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril.

Artigo 76º.-Base de cálculo en primas por gando e substitucións de animais.

1. Para estes efectos do establecemento dos importes de axuda correspondentes ás primas animais teranse en conta os artigos 57 a 63 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril.

2. Se o número de animais declarado nunha solicitude de axuda é superior ao determinado como consecuencia de controis administrativos ou sobre o terreo, a axuda calcularase a partir do número de animais determinado.

Non obstante, cando o produtor non puidese cumprir a súa obriga de retención por motivos de forza maior ou por circunstancias excepcionais, conservará o dereito á axuda polo número de animais subvencionables no momento en que se producise o caso de forza maior ou circunstancia excepcional.

3. En ningún caso se poderá conceder unha axuda por un número de animais superior ao indicado na solicitude de axuda.

4. As substitucións de animais da especie bovina que se efectúen deberán realizarse no prazo de 20 días hábiles a partir do evento que faga necesaria esa substitución, anotarase no rexistro do produtor no prazo de 3 días hábiles desde a substitución e deberase comunicar nos 7 días hábiles seguintes a esta.

5. As substitucións de gando ovino terán lugar no prazo de 10 días hábiles a partir do evento que faga necesaria a substitución, anotaranse no rexistro antes de 3 días hábiles desta, e comunicaránselle ao Fogga no prazo de 5 días hábiles despois desta.

Artigo 77º.-Reducións e exclusións aplicables aos bovinos.

1. Cando nunha solicitude de axuda, de acordo cos réximes de axuda por bovinos, se detecte unha diferenza entre o número de animais declarados e o determinado, o importe total da axuda a que teña dereito o produtor reducirase na porcentaxe determinada no punto 3 seguinte, se as irregularidades non afectan máis de 3 animais.

2. Se as irregularidades afectan máis de 3 animais o importe total da axuda reducirase da seguinte forma:

a) Unha porcentaxe que se determinará de acordo co punto 3, se non é superior ao 10%.

b) O dobre da porcentaxe que se determinará de acordo co punto 3, se é superior ao 10% pero inferior ou igual ao 20%.

Se a porcentaxe determinada de acordo co punto 3 é superior ao 20% denegarase a axuda con cargo a ese réxime durante o período de prima correspondente.

Se a porcentaxe determinada conforme o punto 3 é superior ao 50%, o produtor quedará excluído outra vez do beneficio da axuda ata un importe igual ao rexeitado. Ese importe deducirase dos pagamentos das axudas con cargo aos réximes de axuda recollidos no punto 1.2 do artigo 1º desta orde a que teña dereito o produtor polas solicitudes que presente durante os tres anos civís seguintes a aquel en que se descubra a irregularidade.

3. Para determinar as porcentaxes indicadas nos puntos 1 e 2, o número de animais da especie bovina para os que se presentasen solicitudes con cargo a todos os réximes de axuda por bovinos durante o período de prima correspondente e respecto dos que se detectasen irregularidades, dividirase polo número total de animais da especie bovina determinados para o período de prima correspondente.

4. Cando as diferenzas entre o número de animais declarados e determinados deriven de irregularidades cometidas intencionadamente aplicarase o establecido no punto 4º do artigo 59 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril.

Artigo 78º.-Reducións e exclusións aplicables aos animais das especies ovina e cabrúa obxecto de solicitude.

1. Cando respecto das solicitudes de axuda con cargo aos réximes de axuda por ovino e cabrún se detecte unha diferenza entre o número de animais declarados e o determinado aplicarase mutatis mutandis o disposto nos puntos 2, 3 e 4 do artigo anterior, desde o primeiro animal do cal se comproben irregularidades.

2. Ademais, segundo o disposto no artigo 60 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril, aplicaranse as seguintes penalizacións:

-As do artigo 60.2º do dito regulamento cando o produtor de ovino comercialice leite e produtos lácteos de ovino e non declare tal actividade na súa solicitude de prima.

-As do artigo 60.3º do dito regulamento cando se comprobe que, respecto das primas complementarias, menos do 50% da superficie da explotación está situada nas zonas especificadas no artigo 52º desta orde.

-As do artigo 60.4º do dito regulamento cando a porcentaxe de superficie da explotación dedicada á agricultura que estea situado nas zonas definidas no artigo 51º.2 desta orde, sexa inferior ao 50%.

3. Cando se descubra que as irregularidades do punto anterior se cometeron de modo intencionado, aplicaranse as penalizacións do artigo 60.6º do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril.

Artigo 79º.-Circunstancias naturais.

As reducións e exclusións recollidas no artigo 77º e no artigo 78º desta orde non se aplicarán cando, por circunstancias naturais da vida do rabaño, o produtor non poida cumprir o seu compromiso de manter os animais obxecto de solicitude de axuda durante o período de retención, sempre e cando lle notificase ese extremo por escrito ao servizo provincial do Fogga nun prazo de 10 días hábiles desde a comprobación da redución do número de animais.

Os servizos provinciais do Fogga poderán admitir, sen prexuízo das circunstancias concretas que poidan terse en conta en cada caso, como casos de circunstancias naturais da vida do rabaño.

a) A morte dun animal como consecuencia dunha enfermidade.

b) A morte dun animal como consecuencia dun accidente do cal non poida considerarse responsable o gandeiro.

Artigo 80º.-Forza maior e circunstancias excepcionais.

1. Os casos de forza maior e de circunstancias excepcionais, coa presentación das probas pertinentes a enteira satisfacción do Fogga, deberán notificarse por escrito nun prazo de 10 días hábiles a partir do momento en que o produtor se encontre en situación de facelo.

2. Para tal efecto, o Fogga poderá recoñecer como circunstancias excepcionais os supostos seguintes:

a) A morte do produtor.

b) Unha longa incapacidade profesional do produtor, de acordo co disposto no Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.

c) Unha catástrofe natural grave que afecte considerablemente a superficie agrícola da explotación.

d) A destrución accidental dos edificios da explotación destinados ao gando.

e) Unha epizootia que afecte todo ou parte do gando do produtor.

Título III

Das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable de terras agrarias

Capítulo 1

Convocatoria, en réxime de concurrencia competitiva, das axudas incluídas no contrato de explotación sustentable

Artigo 81º.-Obxecto.

1. Este capítulo ten por obxecto establecer a convocatoria plurianual, en réxime de concorrecia competitiva, para as solicitudes presentadas no ano 2009, das axudas para o fomento dos sistemas de produción agraria sustentables a través da implantación do Contrato de Explotación Sustentable (CES), de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 19 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento das producións agrarias sustentables a través da implantación do Contrato de Explotación Sustentable (CES) e coas regras contidas neste título, así como o establecido no capítulo I do título I desta orde, en canto ás disposicións xerais das solicitudes. No caso de solicitar a ampliación dos compromisos en convocatorias futuras, a súa aprobación farase segundo o réxime de concorrencia competitiva dependendo da dotación orzamentaria dispoñible e limitaranse ao tempo restante do período de compromisos establecido na súa solicitude inicial.

2. Serán obxecto de axuda, nesta convocatoria, as seguintes medidas e submedidas establecidas no artigo 3 da Orde do 19 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento das producións agrarias sustentables a través da implantación do Contrato de Explotación Sustentable (CES):

a) Medida relativa ao benestar dos animais.

1. Sistemas de explotación de avicultura de curral de carne.

2. Sistemas de explotación de cría e ceba de porcino ao aire libre.

b) Medidas de axuda aos produtores que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e de conservación da paisaxe:

1. Variedades autóctonas vexetais en risco de erosión xenética.

2. Control integrado e produción integrada.

3. Agricultura e gandaría ecolóxica.

4. Loita contra a erosión en medios fráxiles.

5. Mantemento de razas autóctonas puras en perigo de extinción.

6. Utilización dos recursos forraxeiros da explotación.

7. Apicultura en zonas fráxiles.

8. Mellora e conservación do medio físico en zonas de prados e pastos incluídas na Rede Natura 2000.

Artigo 82º.-Condicións e finalidade.

Para poder acceder ás distintas liñas de axuda previstas na Orde do 19 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento das producións agrarias sustentables a través da implantación do Contrato de Explotación Sustentable (CES), deberá presentarse unha solicitude conforme o impreso DP2, que figura como anexo 1 desta orde. Aqueles beneficiarios das axudas equivalentes contidas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2000-2006 que non rematasen o prazo de 5 anos de compromiso, non poidan ou non desexen acollerse ás axudas tal e como veñen establecidas no novo PDR 2007-2013 tamén deberán presentar o impreso DP2 indicando que solicitan o pagamento da axuda.

Os solicitantes con axuda inicial aprobada no ano 2008 deberán solicitar o pagamento da axuda ou ben o pagamento con ampliación de compromisos. No caso de facer unha solicitude de pagamento con ampliación de compromisos, deberán sinalar os novos compromisos a que se acollan nos documentos correspondentes do anexo 1.

Os solicitantes iniciais de axuda tamén deberán indicalo no impreso DP2 e sinalar os compromisos a que se acollen nos documentos correspondentes do anexo 1.

Ademais, en todos os casos, o solicitante deberá achegar os documentos que se especifican no impreso DC2 do anexo 1 desta orde e facer a declaración de todas as parcelas da súa explotación.

Artigo 83º.-Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

1. Para a convocatoria 2009 as solicitudes de axuda presentaranse conforme o establecido nos artigos 3º e 8º desta orde, relativos a modelos de solicitude, documentación e lugar de presentación e o prazo de presentación e de admisión de solicitudes, respectivamente.

2. Ademais, coa solicitude achegarase unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes, ou outros entes públicos.

Artigo 84º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas reguladas neste capítulo existe crédito adecuado e suficiente con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, nas aplicación orzamentarias recollidas na disposición adicional primeira, punto 1º b) desta orde.

Capítulo 2

Da indemnización compensatoria

Artigo 85º.-Ámbito de aplicación.

Poderáselles conceder unha indemnización compensatoria anual aos agricultores que reúnan os requisitos que se establecen no seguinte artigo, polas superficies das explotacións que radiquen nos municipios incluídos na lista comunitaria de zonas agrícolas desfavorecidas, cualificadas como zonas de montaña ou distintas das de montaña, conforme os artigos 18 e 19, respectivamente, do Regulamento (CE) 1257/1999 do Consello, do 17 de maio, e que se indican no anexo 19 desta orde.

Artigo 86º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas indicadas nesta sección as persoas físicas que o soliciten de acordo cos modelos DP1, DP2, RS, PA, IC, DC2 e, de ser o caso, RG e ICC do anexo 1 desta orde que reúnan as seguintes condicións:

a) Ser agricultor a título principal ben a título individual ou como socio dunha entidade asociativa. Cada socio poderá percibir a indemnización correspondente á súa cota de participación que, se é o caso, deberá acumularse á da súa explotación individual para os efectos de cálculo dunha indemnización compensatoria única.

b) Residir no termo municipal en que radique a súa explotación ou nalgún limítrofe situado en zonas desfavorecidas.

c) Comprometerse, formalmente, a manter a actividade agraria en zonas desfavorecidas, polo menos durante os cinco anos seguintes á data en que cobre a indemnización, salvo xubilación ou causa de forza maior.

d) Comprometerse formalmente, a exercer a agricultura sustentable empregando métodos de prácticas agrícolas que permitan manter boas condicións agrarias e agroambientais, adecuadas ás características agrarias da localidade, compatibles co ambiente e o mantemento do campo e da paisaxe, indicadas no anexo 21 desta orde.

Artigo 87º.-Requisitos das explotacións.

1. As explotacións obxecto da axuda deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ter a súa superficie declarada, en parte ou totalmente, sobre as zonas desfavorecidas indicadas no anexo 19 desta orde.

b) De tratarse de explotacións gandeiras de vacún, ovino-cabrún ou equino, a carga gandeira máxima será de 2,00 UGM/ha de superficie forraxeira e a mínima de 0,40 UGM/ha, en zonas desfavorecidas de montaña, e 0,70 UGM/ha, en zonas desfavorecidas distintas ás anteriores. Para o resto de explotacións gandeiras e para as estritamente agrícolas non se determina nin se establece límite de carga gandeira.

c) Ter unha superficie agrícola superior a 2 hectáreas en zonas desfavorecidas.

d) Cumprir os requisitos principais da condicionalidade definidos no Regulamento (CE) 1782/2003 do Consello, do 29 de setembro, e Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión do 21 de abril, que aparecen recollidos nos anexos 21 e 22 desta orde.

Para os efectos do cálculo da carga gandeira indicada no parágrafo b) anterior terase en conta:

1) Para a determinación das UGM, a media dos censos de machos e femias de bovino dos seis primeiros meses de 2009, o número de machos e femias de ovino, cabrún e équidos presentes na explotación no momento da solicitude, que se converterán en UGM de acordo coas seguintes equivalencias:

-Touros, vacas e outros bóvidos de máis de 24 meses: 1 UGM.

-Bóvidos de 6 a 24 meses: 0,60 UGM.

-Ovinos e cabrúns: 0,15 UGM.

-Équidos de máis de 6 meses: 1 UGM.

2) Para a determinación da superficie forraxeira teranse en conta as superficies indicadas no artigo 10º.1 k) desta orde.

2. As explotacións para as que se solicite indemnización compensatoria quedarán inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias, da Consellería do Medio Rural, como perceptoras deste tipo de axuda.

3. A contía da indemnización compensatoria anual que percibirá cada solicitante determinarase en función das superfices indemnizables e dos coeficientes e módulos especificados no anexo 20.

Artigo 88º.-Incompatibilidades.

A indemnización compensatoria será incompatible coa percepción polo beneficiario dunha pensión de xubilación, de subsidio de desemprego ou calquera outra prestación pública análoga.

Título IV

Da resolución e o pagamento

Artigo 89º.-Resolución de solicitudes.

1. Solicitudes de pagamentos directos á agricultura e gandaría establecidas no título II:

Unha vez realizados os controis administrativos e sobre o terreo establecidos nos artigos 72º e 73º e comunicados polo Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño os coeficientes previstos nos artigos 3 e 4 do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro, se é o caso, o Fogga establecerá, para cada unha das solicitudes presentadas no seu ámbito, as superficies, o número de animais e a cota láctea con dereito a recibir as axudas e os importes de axuda que lles corresponden.

Ao mesmo tempo, o dito organismo establecerá a relación das solicitudes de axuda que, polas causas previstas nos regulamentos de aplicación, especialmente os que se refiran ao sistema integrado de xestión e control, perdan o dereito á obtención das axudas e primas.

Os servizos provinciais do Fogga, calculados os importes de axuda que correspondan, elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial, ao director do organismo sobre as solicitudes presentadas.

O director do Fogga será competente para resolver as solicitudes de axudas recollidas nos capítulos 2 a 5 do título II.

2. Solicitudes de axudas ao desenvolvemento rural establecidas no título III.

2.1. Para a resolución das solicitudes relativas ao contrato de explotación sustentable recollidas no capítulo 1 do título III, aplicarase o disposto na Orde do 19 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento das producións agrarias sustentables a través da implantación do Contrato de Explotación Sustentable (CES).

2.2. Para as solicitudes de indemnización compensatoria previstas no capítulo II, unha vez realizados polos servizos provinciais de explotacións agrarias os controis administrativos correspondentes, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, tras o informe do órgano colexiado constituído para o efecto e integrado polo presidente, que será o subdirector xeral de Explotacións Agrarias e por tres funcionarios desa mesma subdirección xeral, con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, proporá ao conselleiro a axuda que corresponda a cada solicitude quen resolverá sobre elas.

Para a resolución das solicitudes relativas á indemnización compensatoria de zonas desfavorecidas se, unha vez determinado o importe da axuda correspondente a todas as solicitudes recibidas e que cumpran todos os requisitos, este supera o orzamento dispoñible previsto na alínea b) da disposición adicional primeira, incluídos os incrementos previstos, aplicaranse os seguintes criterios de prioridade:

a) Solicitantes que reúnan os requisitos de agricultor mozo. Intervalo de asignación: de 0,00 a 35,25 puntos. Asignarase ao expediente 0,75 puntos por cada ano de diferenza entre 65 e a idade que lle corresponda cumprir ao solicitante no ano da campaña.

b) Solicitantes mulleres. Asignación de 5 puntos se o solicitante é muller.

c) Solicitantes que sexan beneficiarios dalgunha das liñas de axuda a produtores agrarios que establezan métodos de produción respectuosos co ambiente e de conservación da paisaxe.

Baremo:

Submedida agroambiental Puntos

1. Variedades autóctonas en risco de erosión xenética: 5

2. Control integrado e produción integrada: 10

3. Agricultura e gandaría ecolóxica: 10

4. Loita contra a erosión en medios fráxiles: 5

5. Mantemento de razas autóctonas en perigo de extinción: 5

6. Utilización dos recursos forraxeiros da explotación: 5

Dado que non é posible ser beneficiario simultáneo da submedida control integrado/produción integrada e a de agricultura e gandaría ecolóxica, a puntuación máxima por este criterio de prioridade é de 40,00 puntos.

d) Solicitantes cuxas explotacións estean total ou parcialmente localizadas en concellos onde haxa algunha zona pertencente á Rede Natura 2000.

Baremo:

-Se a superficie en concellos Rede Natura é = 50% da superficie total da explotación: 6 puntos.

-Se a superficie en concellos Rede Natura é < 50% da superficie total da explotación: 3 puntos.

e) Solicitantes que, como titulares exclusivos ou como cotitulares, teñan subscrito un contrato de explotación sustentable ante a Administración. Asignación de 10 puntos se o solicitante ten subscrito un contrato de tales características.

f) Solicitantes que sexan titulares exclusivos ou cotitulares dunha explotación prioritaria. Asignación de 8 puntos se a explotación do solicitante ten a cualificación de prioritaria.

As solicitudes de indemnización compensatoria serán resoltas polo conselleiro do Medio Rural, por proposta do director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias. O prazo máximo para ditar e notificar a correspondente resolución será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Transcorrido o prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. Na notificación de concesión das axudas ao desenvolvemento rural a que se refire o punto 2 anterior, informaranse os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader así como do eixe prioritario do PDR.

Artigo 90º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 91º.-Pagamentos das axudas directas á agricultura e gandaría.

1. O Fogga realizará os trámites pertinentes para efectuar, cando finalizasen todos os controis establecidos nos artigos 24 a 40 do Regulamento (CE) 796/2004 da Comisión, do 21 de abril, con carácter xeral, os pagamentos recollidos no punto 1.2 do artigo 1º entre o 1 de decembro de 2009 e o 30 de xuño de 2010.

2. Non obstante o disposto no punto 1 anterior, a partir do 16 de outubro de 2009 aboaranse anticipos das primas por vaca nutriz, e das primas por sacrificio de xatos para todas aquelas solicitudes cuxos controis finalizasen de acordo co establecido no artigo 117 do Real decreto 1612/2008, do 3 de outubro.

3. O Fogga realizará os pagamentos derivados do importe adicional da axuda citada no artigo 23º.2 desta orde, como máis tardar o 30 setembro de 2010.

Artigo 92º.-Pagamento das axudas ao desenvolvemento rural.

1. A Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias realizará os trámites pertinentes para autorizar, cando finalizasen todos os controis establecidos, o pagamento das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable de terras agrarias.

2. Antes do derradeiro pagamento o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 93º.-Recursos administrativos.

1. Contra as resolucións do director do Fogga caberá a interposición do recurso de alzada ante o presidente do citado organismo, no prazo dun mes contado desde a notificación da resolución obxecto de recurso.

2. Contra as resolucións que se diten nos expedientes de solicitudes das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable de terras agrarias cabe interpor, potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde a notificación da resolución obxecto de recurso, ou ben impugnalos, directamente, ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 94º.-Recuperación dos pagamentos indebidos.

1. No caso de pagamento indebido, o produtor quedará obrigado a reembolsar ese importe máis os xuros calculados de acordo co punto 2, logo do procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os xuros calcularanse en función do tempo transcorrido entre a notificación da obriga de reembolso ao produtor e o reembolso ou a dedución.

O tipo de xuro aplicable será o previsto no artigo 34.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A obriga de reembolso establecida no punto 1 non se aplicará se o pagamento é froito dun erro da administración xestora ou doutra autoridade e non podía ser razoablemente detectado polo produtor.

Porén, cando o erro estea relacionado con elementos factuais pertinentes para o cálculo do pagamento correspondente, o parágrafo primeiro deste punto 3 só se aplicará se a decisión de recuperación non se comunicase nun prazo de 12 meses a partir do pagamento.

4. O previsto no punto 3 anterior non se lles aplicará aos anticipos.

5. O Fogga e a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias poderán renunciar á recuperación dos importes iguais ou inferiores a 100 euros, xuros non incluídos, por produtor e por período de prima. En todo caso, na recuperación de débedas teranse en conta as regras previstas no capítulo 1 bis do Regulamento (CE) 885/2006 da Comisión, do 21 de xuño.

Artigo 95º.-Cesión da explotación.

1. Cando, despois de terse presentado unha solicitude de axuda e antes de que se cumpriran todas as condicións para a súa concesión, unha explotación sexa transferida dun produtor a outro na totalidade por venda, arrendamento ou calquera outro tipo de transacción similar, non se concederá axuda ningunha ao cedente en relación coa explotación cedida.

2. As axudas directas solicitadas polo cedente concederanse ao cesionario sempre:

a) Que o cesionario informe a autoridade competente da xestión da axuda nun prazo non superior a 30 días a partir da data de cesión e solicite o pagamento da axuda.

b) Que o cesionario presente, no mesmo prazo, o documento de cambio de titularidade da explotación.

c) Que se cumpran todas as condicións para a concesión da axuda respecto da explotación cedida.

3. Unha vez que o cesionario informase a autoridade competente e solicitase o pagamento das axudas:

a) Todos os dereitos e obrigas do cedente relativas á solicitude de axuda recaerán sobre o cesionario.

b) Todas as actuacións da autoridade competente para a concesión das axudas e todas as declaracións realizadas polo cedente antes da transferencia asignaranse ao cesionario.

4. Sen prexuízo do cumprimento da obriga de informar na forma e prazo indicadas no punto 2º deste mesmo artigo, para as indemnizacións compensatorias a concesión da axuda ao cesionario estará supeditada á comprobación do cumprimento dos requisitos subxectivos por parte daquel, unha vez que este achegase a documentación pertinente.

5. En ningún caso serán de aplicación as disposicións sinaladas neste artigo cando a transferencia só afecte unha parte da explotación nin as axudas reguladas polo CES.

Artigo 96º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos competentes para a xestión de cada axuda ou prima, os solicitantes das axudas previstas nesta orde teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo Servizo de Auditoría Interna dos fondos agrarios europeos do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A concesión destas axudas realizarase, con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga e da Consellería do Medio Rural, conforme os orzamentos xerais desta comunidade autónoma para 2009, nas seguintes aplicacións orzamentarias:

a) Para as axudas especificadas nos capítulos 2 a 5 do título II desta orde:

-Aplicación 11.90.713F.779.0, axudas PAC por importe de catro millóns novecentos setenta e sete mil seiscentos cincuenta (4.977.650) euros.

-Aplicación 11.90.713F.779.1, primas gandeiras, por importe de corenta e catro millóns setecentos oitenta e dous mil cincocentos sesenta e seis (44.782.566) euros.

b) Para as axudas especificadas no título III desta orde:

-Aplicación 11.02.712B.772.1, indemnización compensatoria, por importe de oito millóns (8.000.000) euros.

-Aplicación 11.02.712B.772.1, para as axudas previstas na medidas agroambientais, por importe de cincocentos mil (500.000) euros no ano 2009; para o ano 2010, doce millóns (12.000.000) euros; para o ano 2011, doce millóns (12.000.000) euros; para o ano 2012, doce millóns (12.000.000) euros; para o ano 2013, doce millóns (12.000.000) euros; e para o ano 2014, doce millóns (12.000.000) euros. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

-Aplicación 11.02.712B.772.1, para as axudas ao benestar animal, por importe de vinte mil (20.000) euros para o ano 2009; para o ano 2010, vinte mil (20.000) euros; para o ano 2011, vinte mil (20.000) euros; para o ano 2012 vinte mil (20.000) euros; para o ano 2013 vinte mil (20.000) euros; e para o 2014 vinte mil (20.000) euros. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

2. A concesión e pagamento das axudas previstas nesta orde que se teñan que efectuar no exercicio seguinte realizaranse con cargo aos orzamentos de gastos do Fogga e da Consellería do Medio Rural dese exercicio, nas aplicacións orzamentarias sinaladas no punto 1 anterior.

3. As dotacións orzamentarias indicadas nos apartados a) e b) do punto 1 poderán incrementarse, se fose procedente, con outros fondos do Feaga e do Feader, dos orzamentos xerais do Estado e da comunidade autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou transferencia de crédito.

En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Segunda.-As oficinas agrarias comarcais responsabilizaranse da tramitación das axudas referidas ás explotacións agrarias sitas no seu ámbito de actuación.

Terceira.-En todo o non previsto nesta orde deberá respectarse a normativa comunitaria de aplicación e a normativa estatal de transposición.

Cuarta.-Sen prexuízo do previsto no capítulo 6 do título II, seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta.-Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no DOG as axudas concedidas agás no suposto previsto no artigo 15º.2 c) en que poderán utilizarse outros procedementos para darlle publicidade. En calquera caso todas as axudas concedidas publicaranse na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Sexta.-De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

Disposicións transitorias

Primeira.-Solicitudes formuladas en campañas anteriores.

As solicitudes formuladas ao abeiro da normativa autonómica, nacional e comunitaria reguladora do réxime de pagamento único, das axudas a produtores de determinados cultivos herbáceos e das primas en beneficio dos produtores de carne de ovino e cabrún, dos produtores de vacún, prima por sacrificio e prima láctea, dos que manteñen vacas nutrices, pagamentos adicionais de vacas nutrices, pagamentos adicionais de carne de vacún de calidade, pagamentos adicionais no sector lácteo e indemnización compensatoria en campañas anteriores, ás que non se lles concedeu a subvención solicitada, poderanse ter en conta nesta convocatoria. A tramitación dos expedientes continuará no trámite en que se encontraban no momento da finalización do exercicio anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Fondo Galego de Garantía Agraria e o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, no ámbito das súas respectivas competencias, para ditar as instrucións precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural