DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 30 de xaneiro de 2009 Páx. 2.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 13/2009, do 29 de xaneiro, de medidas urxentes para a reparación dos danos causados polo temporal acaecido en Galicia a partir do 23 de xaneiro.

O día 23 de xaneiro comezou en Galicia un fenómeno meteorolóxico adverso coñecido como cicloxénese explosiva. Malia térense activado todas as alertas e adoptado múltiples medidas de protección e autoproteción pertinentes, a virulencia extraordinaria do temporal, en particular pola forza do vento, que chegou alcanzar refachos de case 200 quilómetros por hora nalgunhas zonas, ten provocado danos persoais e elevados danos e perdas materiais.

O artigo 38 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, prevé a actuación das administracións públicas na medida das súas competencias para a rehabilitación dos servizos esenciais para a comunidade que foran afectados pola situación de emerxencia, así como o establecemento de axudas en atención ás necesidades derivadas das ditas situacións cando teñan, como no caso presente, natureza catastrófica. Establece, asemade, o carácter subsidiario e complementario de tales axudas ou subvencións con respecto a calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarias as persoas afectadas polos feitos.

A natureza extraordinaria do acontecido, a magnitude dos feitos e as súas consecuencias obrigan, á adopción de medidas e axudas para reparar e paliar, na medida do posible, os danos e perdas sufridos.

Na súa virtude, por proposta dos conselleiros e conselleiras de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, Economía e Facenda, Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Innovación e Industria, Medio Rural, Cultura e Deporte, Pesca e Asuntos Marítimos, Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As axudas previstas neste decreto aplicaranse á reparación dos danos e, de ser o caso, perdas, causados polo temporal que afectou Galicia os días 23 e 24 de xaneiro de 2009, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos que se conteñen neste decreto e polas contías que nel e nas disposicións que o desenvolvan se establezan.

Artigo 2º.-Natureza das axudas.

1. A concesión destas axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

2. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos, procedentes de sistemas públicos ou privados, estatais ou internacionais, ata o límite do valor do dano producido.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

1. O procedemento de concesión rexerase polo establecido nos artigos 19.4º e 26 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións en Galicia, e polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, nos seus preceptos básicos.

2. As axudas poderán outorgarse en réxime de concesión directa por mor do interese público, social, económico e humanitario derivado das excepcionais circunstancias que concorren neste caso, e concederanse nos termos e condicións que se establezan nas súas correspondentes bases reguladoras.

Artigo 4º.-Réxime de contratación.

1. Para os efectos previstos no artigo 97 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público terán a consideración de obras, servizos, adquisicións ou subministracións de emerxencia, os de reparación ou mantemento do servizo de infraestruturas ou equipamentos, así como as obras de reposición de bens prexudicados polo temporal, calquera que sexa a súa contía.

2. Para estes mesmos efectos inclúense entre as infraestruturas, en todo caso, as de abastecemento e saneamento, as actuacións en ríos para restablecer o réxime hidráulico ordinario, as actuacións en montes necesarias para garantir a prevención de incendios e a sanidade vexetal, as enerxéticas, as turísticas, as de transportes, as portuarias e as estradas.

3. Declararase urxente a ocupación dos bens afectados polas expropiacións derivadas da realización das obras a que se refire este artigo, para os efectos establecidos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Artigo 5º.-Axudas por danos persoais.

1. As axudas por danos persoais concederanse por falecemento, por incapacidade absoluta permanente e por lesións que causasen a hospitalización da persoa ferida cando o feito causante teña a súa orixe nos acontecementos obxecto de regulación neste decreto.

2. O importe desta axuda será para o caso de falecemento e incapacidade permanente absoluta de 18.000 €, e de entre 60 e 103 € por día de hospitalización, sen que en ningún caso poidan superarse as contías que resultan de aplicar o sistema para a valoración dos danos e perdas causados ás persoas en accidentes de circulación, recollido no texto refundido da Lei sobre responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2004, do 29 de outubro.

Artigo 6º.-Axudas por danos causados en vivendas e instalacións complementarias.

1. Serán obxecto de axuda os danos causados na vivenda que constitúa a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, na parte non comprendida nas axudas que puidesen aprobar outras administracións públicas e polo importe correspondente ata cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o límite do 100% do prezo de venda dunha vivenda de promoción autonómica de prezo xeral na mesma localidade.

2. Serán obxecto de axuda os danos causados no resto das vivendas e nas súas instalacións complementarias, ata acadar o 40% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, sen que en ningún caso o importe da dita axuda poida superar o 40% do prezo de venda dunha vivenda de protección autonómica na mesma localidade. As vivendas deberán dedicarse, polo menos, a vivenda ocasional, quedando excluídas destas axudas as edificacións ruinosas e as que se atopen en manifesto abandono.

3. Para os efectos deste artigo entenderanse por vivenda as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns no caso de comunidades de propietarios. Como instalacións complementarias entenderanse as construcións e equipamentos de apoio á economía e vida familiar tales como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo, instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, etc. sempre e cando, estean ubicados no mesmo predio da vivenda. No mesmo senso entenderase como construción ou instalación complementaria o cerramento preexistente do predio no que se atopa a vivenda. En calquera caso, o importe máximo de axudas polo concepto de danos en instalacións complementarias non poderá ser superior a 3.000 euros.

4. Os beneficiarios destas axudas serán os propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios dos bens referidos que sufragasen os gastos necesarios de reparación ou reposición.

Artigo 7º.-Axudas por danos e perdas nas explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.

Serán obxecto de axudas os danos e as perdas causados polo temporal nas explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, tanto nas instalacións e edificacións propias da actividade como nas producións afectadas, que non fosen cubertas polas medidas que puidesen adoptar outras administracións ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado.

Artigo 8º.-Axudas por danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís.

1. Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, industriais, turísticos ou mercantís como consecuencia dos estragos ocasionados polo temporal nas súas edificacións, instalacións, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

2. Quedarán excluídas da percepción destas axudas as actividades de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 9º.-Axudas polos danos sufridos en instalacións portuarias de titularidade autonómica.

Serán obxecto de axuda os danos provocados nos establecementos comerciais, mercantís, industriais, turísticos e deportivos, situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica, como consecuencia dos estragos ocasionados polo temporal nas súas edificacións, instalacións, equipamentos, maquinaria e nas mercadorías neles depositadas, así como nos vehículos comerciais ou industriais afectos a estas actividades.

Artigo 10º.-Axudas ás entidades locais.

1. Serán obxecto de axudas ou de actuación directa sobre os bens afectados, segundo os casos, os danos provocados en infraestruturas locais non previstos nas axudas que para o efecto puidesen aprobar outras administracións, así como os gastos extraordinarios en que incorresen como consecuencia directa do temporal.

2. Quedarán excluídas as infraestruturas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 11º.-Convenios con outras administracións públicas e entidades colaboradoras.

1. A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia poderá celebrar co resto das administracións públicas e coas entidades colaboradoras os convenios de colaboración que exixa a aplicación deste decreto.

2. Nos convenios de colaboración deberá fixarse a forma en que se librarán os fondos ás corporacións locais para proceder á reparación dos danos causados nas infraestruturas públicas e no restablecemento dos servizos públicos e nos celebrados coas entidades colaboradoras as condicións e obrigas asumidas por estas consonte o disposto no artigo 13 da Lei 9/2007, de subvencións en Galicia.

Artigo 12º.-Financiamento.

1. As axudas públicas reguladas neste decreto financiaranse con cargo aos orzamentos das respectivas consellerías afectadas. Para estes efectos realizaranse, de ser o caso, as modificacións de crédito que sexan necesarias.

2. En todo caso a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuada e suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os distintos titulares dos departamentos autonómicos para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, adoptando as medidas necesarias para a súa aplicación.

Para os ditos efectos entenderanse competentes para a concesión das axudas previstas neste decreto as seguintes:

-Axudas por danos persoais, a Consellería de Economía e Facenda.

-Axudas por danos causados en vivendas e instalacións complementarias, a Consellería de Vivenda e Solo.

-Axudas para reposición de infraestruturas e equipamentos privados, a Consellería do Medio Rural.

-Axudas por danos e perdas nas explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, a Consellería do Medio Rural.

-Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís incluídos no seu ámbito competencial, a Consellería de Innovación e Industria.

-Axudas para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, industriais, turísticos, mercantís e deportivos situados en instalacións portuarias de titularidade autonómica, o ente público Portos de Galicia.

Axudas ás entidades locais ou actuacións directas sobre os seus bens, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a Consellería de Innovación e Industria, a Consellería de Cultura e Deporte, e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para adoptar as medidas financeiras e orzamentarias consecuentes para facer fronte ás situacións de carácter extraordinario, derivadas do temporal acaecido os días 23 e 24 de xaneiro de 2009 en Galicia, que se adopten pola Xunta de Galicia para a reparación dos danos causados e, en concreto, as transferencias que resulte preciso realizar ao programa de imprevistos e funcións non clasificadas, habilitando os créditos que sexan necesarios para a súa posterior reasignación ás finalidades mencionadas.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza