DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Xoves, 29 de xaneiro de 2009 Páx. 1.947

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2008 pola que se aproba e se fai público o novo modelo do Plan de labores de actividades mineiras.

Antecedentes de feito.

Unha das principais funcións da Administración en materia de minas é garantir un axeitado aproveitamento dos recursos minerais, así como o control do cumprimento en materia de seguridade e saúde, e o respecto ao ambiente. Para a realización deste labor é de grande importancia o contido do Plan de labores que se presenta anualmente, en virtude do artigo 34 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

Por outro lado, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con elas coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica.

Co obxecto de garantir a independencia na elección de alternativas tecnolóxicas por parte dos cidadáns e de desenvolver e implantar estándares abertos ou estándares de uso xeneralizado, a Consellería de Innovación e Industria acometeu a revisión de modelo oficial do Plan de labores de maneira que a súa presentación se adapte ao principio de neutralidade tecnolóxica establecido na referida lei.

Así mesmo, mantendo a estrutura básica do plan modificáronse algúns datos do seu contido, co obxecto de adaptar os formularios ás necesidades técnicas, legais e estatísticas actuais.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Correspóndelle ao secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria, por delegación do conselleiro, a competencia para a resolución que nos ocupa, segundo o disposto no artigo 1 a) da Orde do 31 de xaneiro de 2006 de delegación de competencias na Secretaría Xeral e noutros órganos da Consellería de Innovación e Industria -DOG número 24, do 3 de febreiro de 2006- en relación co artigo 16 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

Segundo.-No seguinte suposto debe terse en conta para a súa resolución o artigo 34 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que establece que os titulares de dereitos mineiros das seccións A), C) e D) deberán presentar anualmente un plan de labores para a súa aprobación polo órgano mineiro competente. O plan de labores deberá ser cuberto e asinado polo director facultativo.

Polo exposto,

Vista a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia e demais normativa de aplicación, adóptase a seguinte

RESOLUCIÓN

1. Aprobar o novo modelo oficial do Plan de labores dos dereitos mineiros das seccións A), C), e D), da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

2. O formato do plan de labores atópase descrito nun esquema XSD, XML Schema Definition, que, xunto ás súas correspondentes versións en XML e formulario de presentación, están á disposición dos titulares das explotacións mineiras ou dos seus directores facultativos nas delegacións provinciais e servizos centrais da Consellería de Innovación e Industria ou na súa páxina web (http://www.xunta.es).

3. Presentarase un exemplar do plan de labores en soporte papel, debidamente encadernado, e dúas copias en soporte dixital, nas cales figurará o correspondente ficheiro XML xunto cos planos e anexos en formato PDF.

4. A presentación do plan de labores segundo o novo modelo será obrigatoria a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Transitoriamente, durante o primeiro semestre do ano 2009, poderase presentar indistintamente o plan de labores, empregando tanto o novo modelo como o antigo.

5. No caso de explotacións das seccións C) e D), presentarase dentro do mes de xaneiro de cada ano, e para a sección A) antes do 1 de marzo, na delegación provincial que corresponda.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, consonte o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 10 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, consonte o disposto no artigo 46.1º da citada lei.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2008.

P.D. (Orde 27-9-2005, DOG nº 189,

do 30 de setembro)

Emilio Nogueira Moure

Secretario xeral da Consellería de Innovación

e Industria

ANEXO

1. Achegaranse os seguintes planos e esquemas:

a) Plano de situación. Escala 1:50.000 ou 1:25.000.

b) Plano de dereitos. Incluirá as concesións (seccións C) e D)) e o perímetro autorizado dos terreos, propios e arrendados, así como os perímetros da explotación, instalacións, entulleiras, etc. Escala 1:5.000, ou a que corresponda segundo o estipulado no artigo 70.4º do Regulamento xeral para o réxime da minaría.

c) Plano de labores actualizado, que detalle os labores efectuados durante o ano anterior e os previstos para o ano en curso. Mostrará, ademais, os límites das concesións (seccións C) e D)) e os perímetros dos terreos autorizados. Escala 1:500, 1:1.000 ou 1:2.000. Conterá unha base topográfica con curvas de nivel cada metro, agás que excepcionalmente se autorice expresamente un intervalo maior. Mostrará captacións e verteduras de augas, liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, de telefonía, etc.

d) Perfís xerais.

e) Perfís de cubicación, con indicación da superficie de referencia empregada para esta.

f) Plano de restauración.

g) Plano de conxunto. Incluirá balsas, depósitos de lodos, entulleiras e instalacións. Poderá considerarse como plano de conxunto o descrito en c) se inclúe os elementos aquí descritos e non afecta a escala de representación do plano de labores.

h) Plano de instalacións de preparación mecánica, naves de elaboración ou outros establecementos de beneficio. Diagrama de fluxo de materiais e produtos.

i) Esquema de ventilación.

j) Esquema de instalación eléctrica.

k) Outros.

2. O plan de labores incluirá os seguintes informes, memorias e documentos:

2.1. Informe do director facultativo.

Ampliaranse ou comentaranse as cuestións máis características da explotación, sinalando especialmente as causas das desviacións producidas respecto ás previsións, as medidas adoptadas para diminuír o risco de accidentes e os problemas que se advirtan de tipo técnico, social e económico.

Indicarase o criterio seguido para o cálculo de reservas.

Seguirá o seguinte esquema:

A. Informe sobre o estado xeral da explotación e do establecemento de beneficio.

A.1. Xeral.

A.2. Noiros.

A.2.i. Metodoloxía de vixilancia e control en cada unha das áreas de explotación.

A.2.ii. Control hidroxeolóxico.

A.2.iii. Observacións e recensións.

A.3. Entulleiras.

A.3.i. Metodoloxía de vixilancia e control.

A.3.ii. Tipo de drenaxe e incidencias.

A.3.iii. Observacións e recensións.

A.4. Balsas e presas de decantación e de residuos.

A.4.i. Metodoloxía de vixilancia e control.

.4.ii. Destino dos lodos.

A.4.iii. Observacións e recensións.

A.5. Establecemento de beneficio.

A.5.i. Situación. Data de autorización, se é distinta da do proxecto inicial de explotación.

A.5.ii. Materias primas tratadas. Produción do ano. Residuos e o seu destino.

A.5.iii. Modificacións do proceso efectuadas durante o ano.

A.5.iv. Observacións e recensións.

B. Restauración e condicións ambientais impostas.

C. Aspectos administrativos e outros.

3. Achegaranse os seguintes anexos:

3.1. Informe de seguimento ambiental anual.

O contido deste informe, ademais das particularidades que poida conter a declaración de efectos ou de impacto ambiental de cada explotación, será o seguinte:

A. Memoria de vixilancia ambiental.

A.1. Memoria.

A.1.i. Antecedentes.

A.1.ii. Datos xerais da explotación.

A.1.iii. Descrición do estado da explotación. Breve descrición do estado da explotación, con especial mención ao cumprimento do proxecto inicial conforme a planificación prevista. Descrición de imprevistos. Dirección de avance da explotación.

A.1.iv. Superficie alterada.

A.1.v. Entulleiras.

A.1.vi. Drenaxe e desaugadoiro.

* Balsas de decantación e canles.

* Produción e destino dos lodos.

* Analítica da auga no punto de vertedura.

* Outros sistemas de depuración: filtros, tanques, etc.

A.1.vii. Ruído. Medidas adoptadas para a súa atenuación no caso de superar os límites marcados pola lexislación.

A.1.viii. Po.

* Cantidade de partículas sedimentables recollidas nos puntos de mostraxe.

* Descrición das medidas adoptadas para evitar que se superen os límites legais.

A.1.ix. Residuos. Xestión efectuada destes.

A.1.x. Restauración.

* Labores de mantemento da cuberta vexetal instaurada: rega, sementeiras, fertilizantes, etc.

* Descrición de imprevistos con respecto á planificación proposta no proxecto inicial.

A.2. Anexos.

A.2.i. Ficha de datos do seguimento ambiental.

A.2.ii. Fotográfico, con data e hora de realización e un plano explicativo que indique o lugar desde onde se toman as fotografías.

A.2.iii. Documentos de control de residuos que a normativa exixa.

A.2.iv. Análise de augas (emitido pola entidade homologada).

A.2.v. Estudo do nivel de ruídos (emitido pola entidade homologada).

A.2.vi. Outras medicións requiridas pola DEA ou DIA.

A.3. Planos:

A.3.i. Plano de situación.

A.3.ii. Plano de labores, que indique a dirección de avance e a superficie alterada no ano e acumulada.

A.3.iii. Plano de planta e sección transversal da(s) entulleira(as).

A.3.iv. Mapa de ruídos coa actividade a pleno funcionamento.

A.3.v. Outros que procedan.