DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 28 de xaneiro de 2009 Páx. 1.806

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 22 de xaneiro de 2009 pola que se establecen disposicións para a xestión do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, creado polo Decreto 253/2008, do 30 de outubro, e para a cualificación e acreditación das explotacións agrarias prioritarias.

O Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia ten por obxecto crear, organizar e regular o funcionamento do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), o cal se instrumenta co fin de dispoñer, de maneira permanente, integrada e actualizada, de toda a información precisa para un axeitado desenvolvemento do sector agro-gandeiro galego e a súa planificación e ordenación, definindo, dese xeito, as características das explotacións agrarias de Galicia.

Os datos rexistrados permitirán determinar as condicións que deben reunir as explotacións agrarias para seren destinatarias preferentes das axudas públicas, garantindo ademais a eficacia do sistema de xestión e control en aplicación da política agraria da Xunta de Galicia.

O seu funcionamento facilitará as relacións entre a administración e as persoas administradas mediante un rexistro veraz e actualizado dos seus datos que permita unha xestión eficaz dos seus intereses.

Así mesmo, o decreto establece a integración do Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde do 16 de xuño de 1998, o cal constitúese como unha sección específica do Reaga.

Por todo iso, faise necesario establecer os criterios para o axeitado cumprimento deste, estandarizando os procedementos, documentos e datos precisos para a xestión do Reaga, tal e como prevé a disposición derradeira primeira do devandito Decreto 253/2008; ademais de regular determinados aspectos da cualificación e acreditación das explotacións inscritas na sección de explotacións agrarias prioritarias, de acordo co capítulo III do Reaga.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto:

1. Desenvolver o Decreto 253/2008, do 30 de outubro, polo que se crea e regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga), establecendo os procedementos para a xestión das diferentes seccións do rexistro.

2. Regular a cualificación e acreditación das explotacións inscritas na sección de explotacións agrarias prioritarias, de acordo co capítulo III do Reaga.

Sección segunda

Xestión e inscrición

Artigo 2º.-Xestión do Reaga.

1. A dirección, xestión e coordinación do Reaga corresponderalle á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

2. Inicialmente o rexistro configurarase coa integración, de oficio, segundo o procedemento previsto no artigo 3.1º b) desta orde, nas diferentes seccións de que consta, dos datos necesarios para a inscrición no Reaga das explotacións agrarias da Comunidade Autónoma de Galicia e das persoas titulares que figuran nas diferentes bases de datos oficiais correspondentes aos organismos e unidades dependentes da Consellería do Medio Rural. Os datos integrados serán os indicados no artigo 8 do Decreto 253/2008.

Artigo 3º.-Procedemento de inscrición no Reaga.

1. A inscrición no Reaga poderase realizar durante todo o ano:

a) A petición da persoa titular ou persoa representante da explotación agraria, quen presentará debidamente formalizado o documento de solicitude normalizada que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:

-Copia cotexada do NIF da persoa titular e, de ser o caso, do NIF das persoas socias.

-Informe da Tesouraría da Seguridade Social sobre afiliación, tipo de réxime e períodos de alta (informe de vida laboral), da persoa titular e persoas socias.

-A documentación referida nos dous parágrafos anteriores tamén deberá ser achegada pola persoa ou persoas que, non sendo titular nin persoa socia, estean vinculadas á explotación e ao seu traballo sexa considerado como unidade de traballo agrario (UTA), de acordo coa definición da mesma do Decreto 253/2008. No caso de explotacións agrarias prioritarias, e en relación coa UTA, terase en conta o referido no artigo 13.3º dese decreto.

-Documento que acredite a alta da persoa titular na actividade agraria emitido polo Ministerio de Economía e Facenda.

-Copia cotexada da declaración do IRPF, da persoa titular e persoas socias, de ser o caso.

-Copia cotexada do documento que acredite a capacitación profesional da persoa titular e persoas socias, de ser o caso.

-Copia cotexada, de ser o caso, do documento de constitución/acta fundacional e estatutos da entidade asociativa.

-Certificación, de ser o caso, do número de persoas socias.

Así mesmo, presentarase a seguinte documentación xustificativa da explotación:

-Referencias das coordenadas do Sistema Integrado de Xestión da PAC (SIXPAC) das parcelas de aproveitamento agrario permanente.

-Relación dos edificios e instalacións agrícolas e gandeiras, así como as referencias SIXPAC das coordenadas onde se sitúan.

b) De oficio: pola Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, a partir da información existente sobre as persoas titulares e as explotacións agrarias que figuren nas bases de datos da Consellería do Medio Rural. As propostas de inscrición de oficio comunicaranse ás persoas interesadas para a súa ratificación ou, de ser o caso, para a súa formalización ou corrección de datos. A proposta de inscrición entenderase ratificada se, tras a notificación desta, as persoas interesadas non presentan alegacións contra ela no prazo de quince días hábiles.

No caso de inscrición de oficio dunha explotación na sección de Explotacións Agrarias Prioritarias, os datos necesarios que acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos no capítulo III do Decreto 253/2008 e na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias deberán estar en poder da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias.

2. Para proceder á inscrición das explotacións nalgunha das seccións do rexistro teranse en conta as definicións do artigo 4 do Decreto 253/2008, que se calcularán e acreditarán dos seguintes xeitos:

a) A renda total da persoa titular da explotación: tal como se indica no artigo 15 do Decreto 253/2008.

b) A condición de persoa agricultora profesional, tal como se indica na epígrafe a) do punto 1º do artigo 14 do Decreto 253/2008.

c) A condición de persoa agricultora a título principal, que será a persoa agricultora profesional que obteña polo menos o 50% da súa renda total da actividade agraria exercida na súa explotación e que o tempo de traballo que dedique a actividades non relacionadas coa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, que se acreditará mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio cuxo prazo xa finalizase para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales por el durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo as ganancias e perdas patrimoniais, e así mesmo acreditando co Informe de Vida Laboral da Seguridade Social que polo menos o 50% do seu tempo de traballo o dedique a actividades relacionadas coa explotación.

d) As unidades de traballo agrario (UTA): tal como se indica no punto 3º do artigo 13 do Decreto 253/2008.

e) A renda unitaria de traballo (RUT) tal como se indica no artigo 13 do Decreto 253/2008.

No anexo III desta orde inclúense as marxes brutas e netas, correspondentes ás diversas actividades produtivas, para o cálculo da RUT. Estas marxes manterán a súa vixencia ata que non sexan substituídas por outras. No caso de actividades produtivas que non figuren neste anexo, poderán utilizarse as marxes brutas estándar que figuran na Comunicación da Comisión Europea (2000/C179/01), relativa ás marxes brutas estándar (MBE) (DOCE nº C 179, do 27 de xuño de 2000), ou tamén o solicitante poderá presentar un estudo económico, que será validado/revisado pola Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias.

3. O documento de solicitude de inscrición e documentación complementaria presentarase na oficina agraria comarcal á que está asignada a explotación, segundo o concello no que se situe, nas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural ou en calquera outra oficina administrativa de acordo co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A oficina agraria comarcal receptora da solicitude de inscrición e documentación complementaria, o Servizo Provincial de Explotacións Agrarias ou a Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias poderanlle requirir, consonte o previsto no punto seguinte deste artigo, á persoa solicitante os documentos necesarios para a suficiente acreditación dos datos inscribibles, así coma facer as inspeccións que consideren convenientes para verificar a documentación achegada.

5. Se a solicitude de inscrición non reúne os requisitos sinalados no punto 1 deste artigo, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Este prazo poderá ser ampliado prudencialmente, ata cinco días, por petición da persoa interesada ou iniciativa do órgano cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.

6. De acordo coa disposición transitoria primeira do Decreto 253/2008, as explotacións que á entrada en vigor dese decreto xa estivesen cualificadas como Explotacións Agrarias Prioritarias de Galicia, integraranse de oficio no Reaga, na sección de Explotacións Agrarias Prioritarias.

7. A inscrición no rexistro manterá a súa vixencia mentres non se proceda á súa baixa consonte o previsto no artigo 7º desta orde e polas causas especificadas nos puntos 2º e 3º do Decreto 253/2008, sen prexuízo das modificacións que procedan.

8. A Consellería do Medio Rural favorecerá a presentación e tramitación electrónica das solicitudes de inscrición, de acordo co referido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación de procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, así como que non exixirá a fotocopia dos documentos necesarios para a inscrición aos que fai referencia o Decreto 255/2008 e de acordo co referido nos seus artigos 2, 3 e 4, unha vez se cumpra o seu réxime transitorio.

Artigo 4º.-Identificación das explotacións agrarias de Galicia.

1. De acordo co indicado no artigo 9 do Decreto 253/2008, a cada unidade de produción asignaráselle un código de explotación agraria (CEA) cunha numeración que corresponderá co código da provincia, código do municipio e un número correlativo que no caso das explotacións gandeiras será equivalente ao código asignado polo Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, ao abeiro do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo.

2. No caso de explotacións constituídas por máis dunha unidade de produción, situadas en concellos distintos, asignaráselle ao conxunto destas, o CEA, que actuará como principal, da unidade de produción situada no concello, en función da pertenza a este da fracción maioritaria dos elementos da explotación, a que fai referencia o punto 3º do artigo 4 do Decreto 253/2008. As demais unidades de produción terán un CEA secundario vinculado ao CEA principal e ao CIF/NIF da persoa titular ou cotitulares.

3. De cada CEA estarán vinculados os NIF/CIF das persoas ou entidades titulares, cotitulares, cónxuxes, socias, e persoa ou persoas que, non sendo titular nin persoa socia, estean vinculadas á explotación e o seu traballo sexa considerado como unidade de traballo agrario (UTA), de acordo coa definición da mesma do Decreto 253/2008, e do referido no seu artigo 13.3º.

Sección terceira

Resolución

Artigo 5º.-Resolución.

1. Unha vez comprobado que a persoa titular ou persoas titulares da explotación sobre a que se inicie o procedemento de inscrición cumpren os requisitos exixidos, e feitas as pertinentes comprobacións, a delegación provincial correspondente da Consellería do Medio Rural elaborará a proposta de aprobación da inscrición, a cal resolverase polo director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias no prazo máximo de 3 meses ordenándose a inscrición da explotación no Reaga, comunicando tal circunstancia á persoa titular ou titulares. No caso de denegación notificaráselle a resolución adoptada sinalando as causas que o motiven.

2. A falta de notificación da resolución en prazo, no suposto de terse iniciado o procedemento por instancia de parte, poderase entender estimatoria da solicitude de inscrición. No caso de que o procedemento se iniciase de oficio pola Administración, a persoa interesada que tivese comparecido poderá entender desestimada a súa pretensión.

3. A resolución non pon fin á vía administrativa e poderá ser recorrida en alzada ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución.

Se se producise a estimación ou desestimación presunta, este prazo será de tres meses, que comezará a contar ao día seguinte ao que se produzan os efectos do silencio administrativo.

4. Non obstante o disposto nos puntos anteriores, no caso das explotacións agrarias que obteñan a cualificación de prioritarias o procedemento de tramitación desa cualificación resolverase de acordo co artigo 8º desta orde.

Sección cuarta

Actualización e baixa

Artigo 6º.-Actualización do rexistro.

1. O Reaga actualizarase dalgún dos seguintes xeitos:

a) A petición da persoa titular, que deberá comunicar no prazo dun mes á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias as modificacións substanciais que se produciron na súa explotación, ás que fai referencia o punto 2º do artigo 10 do Decreto 253/2008, presentando o documento de solicitude normalizada que figura como anexo I desta orde, xunto coa documentación xustificativa desas modificacións substanciais.

b) De oficio: por parte da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, a cal poderá utilizar as bases de datos oficiais da Consellería do Medio Rural, para manter actualizados os datos do Reaga. Esta actualización farase con periodicidade anual e con trámite de audiencia á persoa interesada, que de non presentar alegacións no prazo outorgado de quince días hábiles, entenderase que expresa a súa conformidade á modificación realizada.

2. Cando por mor destas modificacións unha explotación e/ou a súa persoa titular cumpran os requisitos para estar rexistrada nunha sección distinta da inicialmente rexistrada pasaráselle de oficio á sección que lle corresponda, tras a audiencia da persoa interesada no prazo e cos efectos sinalados na letra b) do punto anterior.

3. Cando a modificación substancial teña como orixe un cambio na titularidade da explotación, presentarase a documentación xustificativa do dito cambio, e utilizarase o modelo do anexo II desta orde, asinado polo antigo e novo titular.

No caso de falecemento do antigo titular, presentarase a documentación xustificativa deste feito, así como a documentación acreditativa da nova titularidade.

Para facer os cambios de titularidade, terase en conta o seguinte:

a) No caso de que o antigo titular tivera contraído compromisos polas diferentes liñas de axudas existentes, o novo deberá subrogarse nestas e acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos para a obtención da axuda pola normativa de aplicación.

b) No caso de explotacións con máis dunha unidade produtiva, deberase indicar se se transmite a totalidade da explotación ou ben soamente algunha unidade produtiva, que en todo caso deberá ser íntegra.

c) As solicitudes de cambio de titularidade poderanse presentar durante todo o ano.

4. Os servizos provinciais de Explotacións Agrarias e a Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, directamente, ou a través das oficinas agrarias comarcais poderán realizar, en todo momento, as comprobacións que estimen pertinentes e proceder, se for o caso, ás modificacións correspondentes, ou a proposta de baixa motivada pola desaparición da explotación, de acordo co artigo 7, tras a audiencia, en todo caso, da persoa interesada.

5. Co obxecto de facilitar a inscrición e actualización no Reaga, a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias poderá solicitar información a outras administracións sobre afiliación á Seguridade Social e declaración do IRPF, logo de consentimento das persoas titulares, de acordo co disposto nos artigos 6.2º b) e 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Artigo 7º.-Baixa no rexistro.

As explotacións inscritas poderán darse de baixa ao longo de todo o ano:

1. Por petición da persoa titular, mediante documento de solicitude normalizada que figura como anexo I desta orde, presentada pola ela mesma ou pola persoa representante, e polas causas establecidas no artigo 11 do Decreto 253/2008.

2. De oficio, de acordo coa información existente nas bases de datos da Consellería do Medio Rural tras o pertinente trámite de audiencia á persoa interesada que, de non presentar alegacións no prazo outorgado de quince días hábiles, entenderase que expresa a súa conformidade á baixa realizada.

Sección quinta

Cualificación e acreditación das explotacións agrarias prioritarias

Artigo 8º.-Cualificación das explotacións agrarias prioritarias.

1. As explotacións agrarias que cumpran os requisitos establecidos no capítulo III do Decreto 253/2008, do 30 de outubro, e os demais exixidos pola normativa aplicable, obterán a cualificación de prioritarias na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e inscribiranse na sección de Explotacións Agrarias Prioritarias do Reaga, segundo o procedemento de inscrición reflectido no artigo 3º desta orde.

2. De acordo co establecido na devandita Lei 19/1995, a cualificación da explotación agraria como prioritaria posibilitará a obtención preferente de beneficios, axudas e calquera outra medida de fomento prevista naquela ou noutras normas.

3. Cando o procedemento de cualificación dunha explotación se inicie por petición da persoa interesada, de acordo co artigo 3º desta orde e, unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos polos servizos provinciais de Explotacións Agrarias, o delegado provincial correspondente elevará proposta de resolución perante o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, quen resolverá a petición e, se é o caso, cualificará a explotación agraria como prioritaria, e ordenará a súa inscrición de oficio na sección de Explotacións Agrarias Prioritarias do Reaga.

4. Non obstante o disposto no punto anterior, o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, de oficio, por proposta da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, poderá cualificar como prioritaria unha explotación cando, a pesar de non o ter solicitado expresamente, os seus titulares solicitaran axudas nas que, para a súa concesión, estean obrigados a acreditar documentalmente o cumprimento, entre outros, dos requisitos exixidos nesta orde para ser cualificados como tales ou, tamén, cando a Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias teña no seu poder datos suficientes para outorgar tal cualificación. Outorgarase o pertinente trámite de audiencia á persoa interesada que, de non presentar alegacións no prazo outorgado de quince días hábiles, entenderase que expresa a súa conformidade á cualificación realizada.

5. A antedita cualificación como explotación agraria prioritaria seralle comunicada, polo director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, á persoa interesada, e ao órgano competente do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, para os efectos da súa inclusión no Catálogo Xeral de Explotacións Prioritarias.

Artigo 9º.-Obrigas das persoas titulares das explotacións cualificadas.

1. As persoas titulares das explotacións prioritarias cualificadas e rexistradas como tales deberanlle comunicar á Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, a través dos servizos provinciais de Explotacións Agrarias, todos os cambios que puideran afectarlle á condición de prioritarias, especialmente os relativos á titularidade, dimensión produtiva e man de obra ocupada. Estes cambios terán que ser notificados no prazo máximo dun mes desde que se produzan.

2. No caso de cambios de titularidade, deberá acreditarse, conforme se indica no artigo 3º, se o novo titular desexa manter a condición de prioritaria, para o cal deberá presentar a documentación indicada nos artigos 14 ou 18 do Decreto 253/2008.

Artigo 10º.-Acreditación da cualificación.

A cualificación como explotación prioritaria acreditarase a través de certificación para o efecto expedida polo director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias ou coa súa inclusión no Catálogo Xeral de Explotacións Prioritarias do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2009.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2009.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "01900D002P006.PDF"