DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Martes, 27 de xaneiro de 2009 Páx. 1.717

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 10/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproban determinadas modificacións en materia de taxas e prezos do imposto de contaminación atmosférica e en materia económico-administrativa.

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2009 contén unha serie de medidas tributarias que afectan as taxas e o imposto sobre a contaminación atmosférica que exixen a modificación dos regulamentos de aplicación destes tributos.

Polo que se refire ás taxas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei de orzamentos xerais para o 2009, entre outras medidas, aplica a taxa por servizos profesionais a supostos concretos de prestacións de servizos ou realización de actividades que precisaban ser adaptadas na súa formulación, modificando deste xeito a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, por unha banda, establécense beneficios fiscais rogados consistentes na aplicación de deducións nas tarifas recollidas no punto 08 do anexo 2 da Lei 6/2003 e na aplicación dunha exención nas tarifas recollidas no punto 59 do anexo 3 da Lei 6/2003. A aplicación de ambos os dous beneficios fiscais debe ser solicitada ante a Administración pública. Cómpre adaptar a normativa xeral tributaria para os beneficios fiscais rogados ás especificidades propias das taxas na Comunidade Autónoma de Galicia, razón pola que se modifican os artigos 5 e 12 do Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra banda, aplícase a taxa por servizos profesionais, na súa modalidade de actuacións profesionais, a un suposto de prestación de servizo por parte do organismo autónomo Augas de Galicia, que consiste na dirección de contratos de servizo de apoio á dirección de obras hidráulicas. Este servizo ten un procedemento de xestión similar ao correspondente á dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato, polo que se cre conveniente que o procedemento de exacción destas tarifas sexa o mesmo. Como queira que o Decreto 61/2005 recolle o procedemento xeral de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e exceptúa deste as tarifas que deben ser liquidadas pola Administración e aquelas que se exaccionan mediante retención directa no momento de pagamento de cada unha das certificacións, cómpre incluír entre estas últimas a tarifa pola dirección de contratos de servizo de apoio á dirección de obras hidráulicas.

En canto ao imposto sobre a contaminación atmosférica, a Lei de orzamentos xerais para o ano 2009 introduce dúas modificacións na Lei 12/1995, do 29 de decembro, do imposto sobre a contaminación atmosférica: por unha banda, modifica a tarifa impositiva contida no artigo 12 da lei e, pola outra banda, modifícase o artigo 15 da lei co obxecto de que conteña a previsión da posibilidade de utilizar os medios tecnolóxicos na aplicación do tributo. A modificación da tarifa supón na práctica a modificación das obrigas de presentar a declaración de alta, a autoliquidación mensual e o valor de emisión a partir do que se vai producir a alta no Rexistro de Focos Emisores. De aí que sexa preciso modificar a redacción dos artigos 11, 16 e 22, referentes á tarifa impositiva, aos límites cuantitativos da obriga de declarar e á inscrición no Rexistro de Focos Emisores. O resto dos artigos modificados responden á necesidade de adaptar o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica á

normativa xeral tributaria ditada desde a promulgación do Decreto 29/2000.

A modificación do Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, polo que se regula a organización, as competencias, a composición e o funcionamento do Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia responde así mesmo á necesidade de adaptalo á normativa xeral tributaria ditada desde a promulgación do Decreto 34/1997.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e un de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modificacións do Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Un.-Modifícase o artigo 5, que queda redactado como segue:

«Artigo 5º.-Competencia.

1. Con carácter xeral, a xestión e a liquidación de cada instrumento financeiro corresponderalles aos suxeitos activos que realicen o suposto de feito, consonte coas súas normas de organización.

2. A competencia territorial virá determinada en función do lugar en que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito.

3. A competencia para o recoñecemento de beneficios fiscais rogados corresponderá ao órgano que determine a norma de organización correspondente e, en defecto de disposición expresa, a competencia atribuirase ao órgano xerárquico superior dependente da persoa titular da consellería a que o servizo xestor estea adscrito, vinculado ou dependa, sen prexuízo da súa delegación consonte coa normativa vixente».

Dous.-Modifícase o artigo 12, que queda redactado como segue:

«Artigo 12º.-Xestión das taxas.

1. Agás os supostos previstos nos números 4 e 5 deste artigo, as taxas serán obxecto de autoliquidación polo suxeito pasivo, que aplicará, de ser o caso, os beneficios fiscais que lle corresponda, achegando os xustificantes pertinentes. No caso de beneficios fiscais de carácter rogado deberá achegar, así mesmo, a resolución pola que se lle recoñeza ese beneficio fiscal ou a solicitude a que se refire o parágrafo 6.Un, quedando condicionada a aplicación do beneficio fiscal ao seu recoñecemento.

2. Os órganos xestores deberán comprobar as autoliquidacións presentadas, así como a documentación presentada polo interesado para facer valer a aplicación de calquera beneficio fiscal, e practicar, se for procedente, a correspondente liquidación.

3. De igual xeito, poderán ditar liquidación provisional de oficio cando os elementos de proba que consten no seu poder poñan de manifesto a realización dun suposto de feito ou a existencia de elementos deste que non fosen declarados, ou a existencia de elementos determinantes da contía da débeda tributaria distintos aos declarados.

4. Serán obxecto de liquidación por parte do órgano xestor:

a) A taxa exixible pola prestación do servizo de sinalamento e inspección de toda clase de aproveitamentos en montes catalogados e non catalogados, a que se refire a subepígrafe 13 do punto 05 do anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As tarifas portuarias aplicables nos portos e instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionadas no punto 99 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A taxa exixible pola utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario, a que se refire o punto 02 do anexo 5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. A exacción das tarifas relacionadas a seguir, realizarase mediante retención directa no momento do pagamento de cada unha das certificacións:

a) A tarifa 03 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, denominada «dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato».

b) A tarifa 60 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia denominada «dirección e inspección da explotación de infraestruturas hidráulicas».

c) A tarifa 63 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia denominada «dirección de contratos de servizo de apoio á dirección de obras hidráulicas».

6.Un. Para o recoñecemento de beneficios fiscais de carácter rogado, o suxeito pasivo deberá presentar solicitude dirixida ao órgano competente para a súa concesión, segundo proceda, xunto coa solicitude da realización do suposto de feito gravado pola taxa, ou ben, antes do seu devengo. Á solicitude xuntaranse os documentos e xustificantes que sexan exixibles pola normativa que estableza o beneficio fiscal e máis aqueles que o suxeito pasivo considere convenientes.

Dous.-O órgano competente para a concesión do beneficio fiscal deberá notificar ao obrigado tributario a proposta de resolución cando vaia ser denegatoria, debidamente motivada, para que, nun prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da proposta denegatoria, alegue o que conveña ao seu dereito.

Tres.-O procedemento terminará por resolución en que se recoñeza ou denegue a aplicación do beneficio fiscal. O prazo máximo para notificar ao obrigado tributario a resolución do procedemento será de 3 meses, contados desde a data en que o documento tiver entrada no Rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se notificase a resolución expresa, a solicitude poderase entender denegada. Cando o órgano competente para conceder o beneficio fiscal non coincida co órgano xestor da taxa, aquel comunicará a este a resolución para que, no caso de ser denegatoria, proceda, de ser o caso, á exixencia da taxa e dos xuros de mora correspondentes polo procedemento que corresponda.

Catro.-O recoñecemento de beneficios fiscais producirá efectos desde o momento do devengo da taxa para a que se pretenda a concesión do beneficio, sempre que se presentar a solicitude consonte co establecido no punto un deste número. No caso contrario, o recoñecemento terá efectos desde a data da notificación da resolución. Nos casos en que se establecer a obriga de autoliquidación da taxa devengada polos feitos impoñibles realizados por períodos determinados, para a aplicación do beneficio rogado en todo o período impositivo deberase ter presentado a solicitude con anterioridade ao inicio deste. No caso contrario e sempre que se recoñecer o beneficio fiscal, este será de aplicación no período impositivo que se abrir tras a presentación da solicitude».

Artigo segundo.-Modificacións do Decreto 29/2000, do 20 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica.

Introdúcense as seguintes modificacións no anexo do Decreto 29/2000, do 20 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a contaminación atmosférica:

Un.-Modifícase o artigo 3, que queda redactado como segue:

«Artigo 3º.-Competencias.

O exercicio das funcións de aplicación e de revisión en vía administrativa do imposto, así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria, corresponderá aos órganos correspondentes da consellería competente en materia de facenda.

A competencia territorial atribuirase á delegación territorial da Administración tributaria en cuxo ámbito territorial estea situado o foco emisor».

Dous.-Modifícase o artigo 11, que queda redactado como segue:

«Artigo 11º.-Cota tributaria.

A cota tributaria virá determinada pola aplicación da seguinte tarifa impositiva por tramos de base:

Ver referencia pdf "01800D001P005.PDF"

Tres.-Modifícase o artigo 15, que queda redactado como segue:

«Artigo 15º.-Ingreso.

O ingreso das cantidades correspondentes ao pagamento do imposto efectuarase a través das entidades de depósito autorizadas para actuar como colaboradoras na xestión recadatoria dos ingresos xestionados pola consellería competente en materia de facenda».

Catro.-Modifícase o artigo 16, que queda redactado como segue:

«Artigo 16º.-Límites cuantitativos da obriga de declarar.

Non estarán obrigados a presentar as correspondentes autoliquidacións mensuais e o resumo anual os suxeitos pasivos que, respecto a un foco emisor, non superasen as 80 toneladas emitidas das substancias gravadas no ano inmediato anterior.

Nestes casos, se ao longo dun exercicio se chegasen a superar as 100 toneladas emitidas, presentaranse as oportunas autoliquidacións a partir do mes seguinte a aquel en que se producir esa circunstancia e, no prazo indicado no artigo precedente, o correspondente resumo anual.

Da forma expresada no parágrafo anterior procederán os suxeitos pasivos titulares de novos focos emisores a partir da súa posta en funcionamento».

Cinco.-Modifícase o artigo 18, que queda redactado como segue:

«Artigo 18º.-Revisión.

Os actos e actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias serán revisables conforme as disposicións contidas na Lei xeral tributaria.

O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderá con exclusividade aos órganos económico-administrativos da comunidade autónoma, sen prexuízo da vía contenciosa».

Seis.-Modifícase o artigo 22, que queda redactado como segue:

«Artigo 22º.-Inscrición.

1. Procederá a inscrición no citado Rexistro dos Focos Emisores que superen as 80 tm anuais de emisión das substancias contaminantes gravadas.

2. Se dos datos obtidos da declaración a que se refire o artigo anterior se deduce que non procede a inscrición no Rexistro de Focos Emisores, conforme o establecido no parágrafo anterior, persistirá a obriga de efectuar nova declaración de alta no suposto de que a contaminación efectiva anual superase as 80 tm. Esta declaración presentarase dentro do mes de xaneiro seguinte».

Artigo terceiro.-Modificacións do Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, polo que se regula a organización, as competencias, a composición e o funcionamento do Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Un.-Modifícase o título do Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, que queda denominado do xeito seguinte:

«Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, polo que se regula a organización, as competencias, a composición e o funcionamento da Xunta Superior de Facenda».

Dous.-Engádense dúas novas letras ao número 1 do artigo 2, coa seguinte redacción:

«d) Dos recursos de anulación.

e) Da rectificación de erros en que incorran ás súas propias resolucións».

Tres.-Modifícase o número 1 do artigo 3, que queda redactado como segue:

«1. A Xunta Superior de Facenda está composta por unha presidencia, tres vogalías e unha secretaría.

a) A Presidencia estará desempeñada pola persoa titular da Dirección Xeral de Tributos.

b) As vogalías polas persoas que ocupen os postos de traballo correspondentes ás subdireccións xerais de Impostos Cedidos, de Recadación e de Taxas, Prezos e demais Tributos Propios.

c) A Secretaría pola persoa que ocupe o posto da asesoría xurídica da Consellería de Economía e Facenda.

Catro.-Modifícase o númro 4 do artigo 3, que queda redactado como segue:

«4. A Xunta Superior de Facenda funcionará en Pleno e de forma unipersoal. O Pleno estará formado polas persoas que ocupan a Presidencia, cada unha das vogalías e a Secretaría. Todas elas terán voz e voto. A Xunta Superior de Facenda funcionará de forma unipersoal a través da Presidencia, as vogalías ou a Secretaría, en todos aqueles casos previstos na normativa xeral tributaria».

Cinco.-Modifícase o artigo 4, que queda redactado como segue:

«Artigo 4º.-Funcións dos membros da Xunta Superior de Facenda.

1. Corresponde á Presidencia a convocatoria da Xunta Superior de Facenda, a fixación da orde do día, a dirección das deliberacións, a designación dos órganos unipersoais no procedemento abreviado, a xefatura superior do persoal adscrito á Xunta Superior de Facenda e aqueloutras funcións previstas neste decreto.

2. Corresponden ás vogalías as seguintes funcións e aqueloutras previstas neste decreto:

a) Propoñer as resolucións e demais acordos de terminación no procedemento xeral económico-administrativo.

b) Exercer as competencias que lles correspondan como órganos unipersoais.

c) Realizar as tarefas que lles sexan encomendadas pola Presidencia.

3. Corresponden á Secretaría as seguintes funcións e aqueloutras previstas neste decreto:

a) Dirixir e coordinar a tramitación das reclamacións económico-administrativas.

b) Ditar os actos de trámite e de notificación.

c) Impulsar de oficio o procedemento.

d) Exercer as competencias que lle correspondan como órgano unipersoal.

e) Realizar as tarefas que lle sexan encomendadas pola Presidencia.

4. No procedemento abreviado, o órgano unipersoal ditará todos os actos de trámite e de notificación e, así mesmo, tramitará e resolverá as peticións de suspensión en que sexa competente a Xunta Superior de Facenda».

Seis.-Modifícase o artigo 7, que queda redactado como segue:

«Artigo 7º.-Recurso contencioso-administrativo.

As resolucións da Xunta Superior de Facenda esgotan a vía administrativa e caberá recurso contra elas en vía contencioso-administrativa, perante o órgano xurisdicional competente, conforme as normas reguladoras desa xurisdición».

Sete.-Modifícase a disposición adicional, que queda redactada como segue:

«Disposición adicional.

A Xunta Superior de Facenda aplicará as normas procedementais previstas na Lei xeral tributaria e na súa normativa de desenvolvemento en materia de revisión en vía administrativa, coas oportunas adecuacións á organización e estrutura da Administración autonómica e, respectando a aplicación prioritaria deste decreto».

Oito.-Todas as referencias feitas no Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, e no resto da normativa ao Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia entenderanse feitas á Xunta Superior de Facenda, substituindo a denominación Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia por Xunta Superior de Facenda.

Disposicións transitorias

Primeira.-O contido dos artigos primeiro e segundo deste decreto aplicarase aos feitos impoñibles que se producisen a partir do 1 de xaneiro de 2009.

Segunda.-Para que as deducións rogadas establecidas na Lei de orzamentos para a taxa por servizos profesionais, modalidade actuacións administrativo-facultativas, contidas no punto 08 do anexo 2 da Lei 6/2003, poidan ser aplicadas no período de autoliquidación polos feitos impoñibles realizados no primeiro trimestre do ano 2009, a solicitude a que fai referencia o artigo 12.6.Un do Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase presentar xunto coa documentación pertinente, no prazo máximo dun mes a partir da entrada en vigor deste decreto.

Terceira.-Todos os focos emisores que no ano 2008 emitiran máis de 80 tm das substancias contaminantes gravadas polo ICA, estarán obrigados a presentar unha declaración de alta-modificación no prazo dun mes desde a entrada en vigor deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda