DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 26 de xaneiro de 2009 Páx. 1.665

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 9/2009, do 15 de xaneiro, polo que se regulan os puntos de encontro familiar en Galicia.

A Convención sobre os Dereitos do Neno adoptada pola Asemblea das Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, e ratificada polo Estado español o 26 de xaneiro de 1990, no seu artigo 9 establece, con respecto aos dereitos das nenas e nenos separados dun ou de ambos os proxenitores, que teñen dereito a manter relacións persoais e contacto directo coa nai e co pai de modo regular, agás se é contrario ao interese superior das e dos menores. Tamén a recomendación do Consello de Europa nº R (98) I sinala que se asegurará a protección dos intereses dos nenos e nenas e do seu benestar, especialmente nos problemas de custodia e dereito de visitas.

Neste sentido a Administración autonómica considera necesario regular os puntos de encontro familiar como recurso neutral que ten por finalidade facilitar o cumprimento do réxime de visitas e favorecer o dereito dos e das menores a relacionarse con ambos os proxenitores e coas súas familias.

A Constitución española, no seu artigo 39, establece que a familia será obxecto de especial atención polos poderes públicos en canto á súa protección social, económica e xurídica. Establece, ademais, que os nenos e as nenas gozarán da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

Pola súa parte, o Código civil e a Lei de protección xurídica do menor fan referencia ao dereito de visitas por parte dos proxenitores e familia extensa (artigo 94) e á primacía do interese superior das e dos menores sobre calquera outro interese lexítimo que puider concorrer (artigos 2 e 11.2º, alíneas a), b), c), respectivamente).

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, sobre o Estatuto de autonomía de Galicia, lexitima a actuación lexislativa da comunidade autónoma no campo da protección da familia e da infancia no título competencial xenérico de asistencia social (artigo 27.23º).

Con base na referida atribución competencial, aprobouse a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, que ordena e regula os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais definido como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A devandita lei inclúe, no seu artigo 5.3º, entre as súas áreas de actuación as dirixidas á familia, infancia e mocidade e ás mulleres; definindo no artigo 12 os servizos sociais de atención especializada na área de familia, infancia e mocidade como aqueles que atenden as necesidades específicas deste sector da poboación, desenvolvendo actuacións e programas encamiñados á prevención e superación das problemáticas derivadas da desintegración familiar, e no artigo 15 os servizos sociais de atención especializada para a muller como aqueles que lles facilitan atención, acollida, información e asesoramento a mulleres, co obxecto de prever ou dar resposta a situacións de emerxencia, discriminación, maltrato ou desamparo.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, consagra os principios reitores de actuación que deben promover os poderes públicos galegos no ámbito da protección á familia, á infancia e á adolescencia, establecendo no seu artigo 12 que a Xunta de Galicia, por si ou en colaboración coas corporacións locais e cos axentes sociais, se é o caso, desenvolverá actuacións que garantan a creación de servizos de información e asesoramento ás familias que, a través de persoal especializado, orienten e procuren a busca de solucións adecuadas ás distintas problemáticas que poden darse no seo das familias.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, establece no seu artigo 53, que o departamento competente en materia de igualdade garantirá a existencia de puntos de encontro familiar, como un servizo que facilita e preserva a relación entre as e os menores e as persoas das súas familias en situacións de crise, e que permite e garante a seguridade e o benestar das nenas e dos nenos e facilita o cumprimento do réxime de visitas, dispoñendo ademais que as normas e os requisitos a que terán que axustarse os puntos de encontro familiar se establecerán regulamentariamente.

A aplicación da Lei 30/1981, do 7 de xullo, pola que se modifica a regulación do matrimonio no Código civil e se determina o procedemento a seguir nas causas de nulidade, separación e divorcio, vén poñendo de manifesto a insuficiencia dos instrumentos procesuais que o ordenamento xurídico ofrece para a resolución dos conflitos derivados das rupturas familiares, sobre todo no que se refire á salvagarda do interese superior das e dos menores a manter relacións cos proxenitores non custodios e a súa familia, á marxe da ruptura parental.

Esta situación fixo que a Xunta de Galicia afrontase o financiamento, con cargo ao Programa de orientación e mediación familiar, dunha rede de puntos de encontro situados nas sete principais cidades galegas, para garantir a existencia dun lugar axeitado que facilite a relación materno/paterno-filial, asegurando o benestar e a seguridade das e dos menores en familias en situacións de conflito.

Este servizo que vén funcionando desde o ano 2000, converteuse nun recurso imprescindible para a nosa sociedade, incrementándose a súa demanda de forma crecente neste espazo de tempo.

De acordo co disposto no Decreto 517/2005, do 6 de outubro, de estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, correspóndelle a este departamento o estudo da realidade social, a planificación e coordinación das entidades prestadoras de servizos sociais nos distintos sectores, entre outros, os de familia, infancia e adolescencia.

Atribúenselle, así mesmo, co fin de garantir a calidade da prestación dos servizos e os dereitos das persoas, as competencias sobre homologación, rexistro e control de centros prestadores de servizos sociais neste ámbito.

En virtude de todo o anterior, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto a regulación dos puntos de encontro familiar que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Artigo 2º.-Definición.

1. Para os efectos deste decreto enténdese que un punto de encontro familiar é un servizo que facilita e preserva a relación entre as e os menores e as persoas das súas familias en situacións de crise, e que permite e garante a seguridade e o benestar das nenas e dos nenos e facilita o cumprimento do réxime de visitas.

2. Os puntos de encontro familiar constitúen un equipamento social, de carácter neutral, especializado para o cumprimento do réxime de visitas establecido pola autoridade competente que ten por obxecto favorecer as relacións entre as/os menores e as súas familias cando, nunha situación de separación, divorcio, ou noutros supostos de interrupción da convivencia familiar, o exercicio do dereito de visitas se ve interrompido, ou o seu cumprimento resulta difícil ou conflitivo.

Artigo 3º.-Tipoloxía.

1. Os puntos de encontro familiar poderán ser de titularidade das administracións públicas, que xestionarán estes servizos directamente ou a través da xestión indirecta.

2. Tamén poderán ser titulares de puntos de encontro familiar entidades privadas debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais de conformidade co disposto na normativa de servizos sociais de Galicia.

Artigo 4º.-Obxectivos.

No desenvolvemento das súas funcións os puntos de encontro familiar teñen os seguintes obxectivos:

a) Favorecer o cumprimento do réxime de visitas como dereito fundamental das e dos menores a manter a relación con ambos os proxenitores despois da separación, establecendo os vínculos necesarios para o seu bo desenvolvemento psíquico, afectivo e emocional.

b) Facilitar o encontro das fillas e fillos co proxenitor/a non custodio e, de ser o caso, coa súa familia extensa.

c) Acadar a normalización das relacións familiares, de xeito que o recurso chegue a resultar innecesario para a familia.

d) Garantir a seguridade das e dos menores durante o cumprimento do réxime de visitas e previr situacións de violencia.

e) Favorecer e potenciar nas e nos menores unha boa relación cos seus proxenitores, co contorno do proxenitor/a non custodio e coa súa familia extensa.

f) Potenciar que as e os menores expresen con liberdade e sen medo os seus sentimentos e necesidades fronte a ambos os proxenitores.

g) Facilitar orientación profesional para mellorar as relacións materno/paterno-filiais e as habilidades parentais de crianza.

h) Proporcionar, nos termos establecidos na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, axuda e asistencia directa ás mulleres que sofren violencia de xénero e ás persoas dependentes delas.

i) Dispoñer de información fidedigna sobre as actitudes e aptitudes parentais que axuden a defender, se for necesario, os dereitos das e dos menores noutras instancias administrativas ou xudiciais.

Artigo 5º.-Principios de actuación.

Nas súas intervencións os puntos de encontro familiar actuarán conforme os seguintes principios:

a) Interese das e dos menores. Ante calquera situación en que se dean intereses encontrados ou opostos, sempre será prioritaria a seguridade e o benestar da/do menor.

b) Voluntariedade. As actuacións dos puntos de encontro familiar só se poderán levar a cabo co consentimento das persoas usuarias, agás cando se trate do estrito cumprimento dunha resolución xudicial.

c) Imparcialidade. Respectaranse e teranse en consideración todos os membros da familia obxecto de intervención, especialmente as fillas e fillos, evitando posicionamentos a favor de calquera membro da familia en prexuízo ou detrimento doutros.

d) Neutralidade. Os puntos de encontro non estarán vinculados a ningún grupo ideolóxico, político ou relixioso. O equipo técnico non deixará influír nas súas intervencións os seus propios valores ou circunstancias persoais, actuando unicamente co fin de protexer o interese superior das e dos menores.

e) Confidencialidade. En cumprimento da lexislación vixente, nas intervencións que se realicen nos puntos de encontro familiar respectarase a necesaria confidencialidade dos datos e informacións a que se poida ter acceso, agás naqueles casos dos que se deduza a existencia de condutas delitivas ou que poidan supoñer un risco para a seguridade das e dos menores e das mulleres que sofren violencia de xénero e da información requirida polos xulgados ou polo Ministerio fiscal.

f) Non interferencia. As actuacións levadas a cabo polos puntos de encontro familiar respectarán outras intervencións efectuadas tanto por outros dispositivos de benestar social das que se puidesen beneficiar as persoas usuarias como polos órganos xudiciais.

g) Subsidiariedade e temporalidade: utilizarase este recurso só cando sexa o único medio para facilitar as relacións entre as e os menores e a súa familia, e orientado sempre cara a normalización das relacións.

Capítulo II

Persoas usuarias, tipos de intervención e sistema de acceso

Artigo 6º.-Persoas usuarias.

1. Poden ser persoas usuarias dos puntos de encontro familiar, sempre que así o estableza unha resolución xudicial ou administrativa, os membros das familias en que exista algún tipo de problema relacionado co cumprimento do réxime de visitas.

2. Tamén poden ser persoas usuarias dos puntos de encontro familiar os membros das familias en que existan situacións de violencia que supoñan risco para calquera dos seus membros durante o cumprimento do réxime de visitas.

3. En todo caso, o acceso aos puntos de encontro familiar quedará condicionado a que a persoa que, de ser o caso, exerza a garda e/ou tutela, ou a persoa menor de idade, resida en Galicia.

Artigo 7º.-Dereitos das persoas usuarias.

Sen prexuízo do establecido na Lei reguladora dos servizos sociais de Galicia respecto dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais, os usuarios e usuarias dos puntos de encontro familiar gozarán dos seguintes dereitos:

a) Á protección da súa intimidade persoal e da súa propia imaxe, ao segredo profesional do seu historial e á protección dos seus datos persoais.

b) A ser informadas sobre o seu expediente persoal.

c) A ser informadas do Regulamento de réxime interno do punto de encontro familiar e a dispoñer del en calquera momento.

d) A presentar queixas e suxestións.

e) A acceder, permanecer e cesar na utilización do servizo por vontade propia, agás resolución xudicial.

f) Ao acceso integral, por parte das mulleres con discapacidade que sofran unha situación de violencia de xénero, á información sobre os seus dereitos e sobre os recursos existentes, nos termos establecidos na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo 8º.-Deberes das persoas usuarias.

Sen prexuízo do previsto na Lei reguladora dos servizos sociais de Galicia respecto das obrigas das persoas usuarias dos servizos sociais, os usuarios e usuarias dos puntos de encontro familiar teñen os seguintes deberes:

a) Respectar as normas establecidas no Regulamento de réxime interno do punto de encontro familiar, asinando a súa aceptación antes do inicio das actuacións.

b) Cumprir os horarios establecidos polo punto de encontro familiar.

c) Achegar todo o necesario para o desenvolvemento das visitas.

d) Non presentar comportamentos violentos físicos ou verbais.

e) Non consumir ningunha substancia que poida alterar as súas facultades antes ou durante o desenvolvemento das visitas, nin introducir ningún obxecto que supoña risco para a integridade doutras persoas usuarias ou para o propio persoal.

f) Responsabilizarse da atención e coidado das e dos menores no transcurso da visita, coa colaboración e apoio das persoas profesionais do punto de encontro familiar.

g) Utilizar as instalacións soamente para o servizo que se presta e facer un bo uso delas.

Artigo 9º.-Protección de datos persoais.

O tratamento dos datos de carácter persoal das persoas usuarias dos puntos de encontro familiar respectará o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 10º.-Tipos de intervención.

1. Os principais tipos de intervención que se realizan nos puntos de encontro familiar, respecto da execución do réxime de visitas, son:

a) Intercambio dos/das menores. Consiste na supervisión da entrega e recollida da ou do menor no punto de encontro familiar cando o réxime de visitas non se vai a executar no devandito centro.

b) Visitas tuteladas. Son aquelas visitas que se desenvolven de forma controlada baixo a supervisión e presenza continuada dunha persoa profesional do equipo técnico do centro.

c) Visitas sen supervisión. Trátase de visitas que se desenvolven no punto de encontro familiar pero sen requirir a supervisión directa ou presenza continuada do equipo técnico, especialmente en casos en que o/a proxenitor/a que ten o dereito de visita careza de vivenda na localidade ou esta non reúna as condicións axeitadas.

2. Ademais do cumprimento do réxime de visitas establecido, nos puntos de encontro familiar poderanse levar a cabo outras intervencións complementarias ao réxime de visitas:

a) Deseño e desenvolvemento dun programa psicosocioeducativo individualizado de intervención coas familias e as/os menores, que teña como obxecto final acadar a normalización das relacións familiares.

b) Orientación e asesoramento familiar proporcionando información, atención e apoio a nais, pais e menores, favorecendo a creación de relacións familiares óptimas e de actitudes positivas.

c) Aqueloutras intervencións encamiñadas a preparar as nais e os pais, e as súas fillas e fillos, para reducir o impacto da nova situación familiar e para que no futuro as relacións entre eles evolucionen de tal xeito que os encontros cheguen a realizarse de forma normalizada coas maiores garantías posibles.

Artigo 11º.-Procedemento de acceso.

1. O procedemento de acceso aos puntos de encontro familiar poderá realizarse a través das seguintes vías:

a) Derivación dos órganos competentes en materia de servizos sociais nos supostos de menores sobre os que a Comunidade Autónoma de Galicia teña asumida a tutela ou a garda.

b) Derivación dos órganos xudiciais competentes.

2. O órgano, administrativo ou xudicial, que derive o caso ao punto de encontro familiar deberá achegar, como mínimo, a seguinte información:

a) Datos identificativos dos proxenitores, familiares e das e dos menores, así como os datos necesarios para a súa localización.

b) Indicación das dificultades para o cumprimento do réxime de visitas que motivan a derivación ao punto de encontro familiar, así como daquelas circunstancias especiais que poidan incidir na relación dos proxenitores coas ou cos menores.

c) Familiares que poden acudir a estas visitas con cada proxenitor/a, de ser o caso.

d) Concreción do tipo de intervención solicitada ao punto de encontro familiar: intercambio, visita tutelada ou visita no centro sen supervisión.

e) Periodicidade e horario das visitas, considerando os períodos e horarios de apertura dos puntos de encontro familiar.

f) Periodicidade con que o punto de encontro familiar debe remitir informes sobre o cumprimento e o desenvolvemento das visitas.

g) Testemuña ou copia íntegra da resolución ditada polo órgano derivante onde se fixan as visitas e se acorda a derivación ao punto de encontro familiar, así como de novas resolucións que modifiquen ou afecten o réxime de visitas inicialmente establecido.

3. O punto de encontro familiar deberá poñer en coñecemento dos órganos derivantes o seu Regulamento de réxime interno.

4. As visitas deberán organizarse tendo en conta a superficie, a capacidade dos espazos e os horarios de cada punto de encontro. De non ser posible a visita na data e hora establecidos, as persoas responsables do punto de encontro familiar informarán o órgano que derivou o caso, propoñéndolle outra data/horario para a visita.

Artigo 12º.-Suspensión da intervención.

1. A intervención do punto de encontro familiar poderá suspenderse por resolución do órgano derivante, acordada de oficio ou por proposta motivada do equipo técnico do punto de encontro familiar.

2. A proposta de suspensión da actuación do punto de encontro familiar fundamentarase nunha ou varias das seguintes causas:

a) O restablecemento das relacións e ausencia de conflito entre os proxenitores que adquirisen as habilidades suficientes para realizar os encontros por si mesmos.

b) O incumprimento polas partes de calquera das obrigas establecidas no artigo 7º deste decreto.

c) O incumprimento das normas de funcionamento reguladas no artigo 17º deste decreto por parte dalgún dos proxenitores, familiares ou achegados.

d) En situacións de risco para o/a menor, a súa familia, usuarias/os e persoal do punto de encontro familiar.

e) Por entender que a situación emocional da/do menor require que non se continúe coa intervención.

f) Porque a actitude inmodificable dun dos proxenitores ou de ambos aconselle a súa suspensión ao non observar evolución positiva no seu comportamento ou interiorización das orientacións do equipo técnico.

3. O equipo técnico do punto de encontro familiar remitirá a proposta de suspensión ao órgano administrativo ou xudicial que fixo a derivación, acompañada do correspondente informe. A autoridade competente emitirá resolución sobre a proposta de suspensión.

4. No caso de rexistrarse unha situación que supoña un grave risco para a integridade das persoas, o equipo técnico poderá suspender cautelarmente a intervención, dando conta inmediata ao órgano derivante para a ratificación ou levantamento da suspensión provisional, mentres este resolve a correspondente proposta de suspensión da actuación do punto de encontro familiar.

Artigo 13º.-Finalización da intervención.

1. A intervención do punto de encontro familiar finalizará sempre por resolución do órgano derivante, e poderá ser adoptada de oficio, por proposta motivada do equipo técnico do punto de encontro familiar, ou por acordo das persoas titulares da custodia e do dereito de visitas debidamente fundamentado e subscrito.

2. A proposta de finalización da actuación do punto de encontro familiar fundamentarase nunha ou varias das seguintes causas:

a) A normalización das relacións e a ausencia de conflito entre os proxenitores que adquirisen as habilidades suficientes para realizar os encontros por si mesmos.

b) O incumprimento de calquera das obrigas establecidas no artigo 8º deste decreto.

c) O incumprimento reiterado das normas de funcionamento reguladas no artigo 17º deste decreto por algún dos proxenitores, familiares ou achegados.

d) En situacións de risco para a/o menor, a súa familia, usuarias/os e persoal do punto de encontro familiar.

e) A non utilización do punto de encontro familiar sen xustificación da dita circunstancia durante un período de seis meses.

f) Por petición de ambos os proxenitores debidamente fundamentada.

g) Ter adquirido habilidades parentais e acadado acordos que permitan o cumprimento do réxime de visitas de forma estable e independente do punto de encontro familiar.

h) Por entender que a situación emocional da/do menor require que non continúe a intervención.

i) Porque a actitude inmodificable dun dos proxenitores ou de ambos aconsella a súa cancelación non habendo unha evolución positiva do seu comportamento nin ningunha interiorización das orientacións proporcionadas polo equipo técnico.

3. O equipo técnico do punto de encontro familiar deberá remitirlle a proposta de finalización ao órgano administrativo ou xudicial que fixo a derivación acompañada do correspondente informe. A autoridade competente emitirá resolución sobre a proposta de finalización.

4. No caso de rexistrarse unha situación que supoña un grave risco para a integridade das persoas, o equipo técnico poderá suspender cautelarmente a intervención, dándolle conta inmediata ao órgano derivante para a ratificación ou levantamento da suspensión provisional, en tanto este resolve a correspondente proposta de finalización da actuación do punto de encontro familiar.

Capítulo III

Requisitos materiais e de funcionamento

Artigo 14º.-Requisitos.

1. Requisitos xerais.

Os puntos de encontro familiar deberán cumprir os requisitos xerais, tanto materiais como funcionais, establecidos no artigo 7 do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, así como os requisitos específicos que se sinalan no punto seguinte.

2. Requisitos específicos.

2.1. Requisitos materiais.

O inmoble dedicado a punto de encontro familiar deberá cumprir, ademais dos requisitos xerais incluídos no artigo 7.1º.2 do Decreto 143/2007, os seguintes requisitos materiais:

a) Un mínimo de tres espazos para a realización dos intercambios e visitas, podendo utilizarse un deles como sala de usos múltiples. Estes espazos contarán cunha superficie suficiente para o desenvolvemento das actuacións que neles se leven a cabo, favorecendo un ambiente normalizado e o máis semellante posible a unha vivenda familiar.

b) Un mínimo dun despacho para realizar as entrevistas e as tarefas administrativas, equipado cos recursos materiais necesarios; debe dispor en todo caso de conexión á internet.

c) Un espazo para a recepción de persoas con capacidade suficiente para gardar material como maletas, bolsos de viaxe ou carriños de bebés.

d) De non dispor de cociña completa, o centro contará cunha zona específica de preparación de alimentos cos seguintes equipamentos mínimos: frigorífico, fregadeiro e placa vitrocerámica ou forno microondas.

e) Un baño completo e un aseo dotados de auga fría e quente con billas hidromexturadas. Nun deles incorporarase un cambiador e un colector de material de desfeito provisto de peche hermético.

f) Nas instalacións destinadas a prestar o servizo garantirase unha temperatura idónea.

g) Existirá unha zona de seguridade, desde o chan ata 1,50 metros de altura, sen saíntes, enchufes, espellos de cristal, ou calquera outro elemento que supoña un risco potencial para a seguridade dos e das menores. Todos aqueles elementos que poidan supor un risco para as/os menores deberán estar debidamente protexidos.

h) De ser posible, contarán cun espazo ao aire libre para que poidan xogar as e os menores. Este espazo ten que cumprir todos os requisitos de seguridade establecidos na normativa aplicable.

i) Os xoguetes serán atraumáticos, atóxicos, lavables, non sexistas e axeitados ás idades das e dos menores.

j) As portas de paso disporán da protección necesaria para evitar pillar os dedos.

k) Os aparellos de iluminación deberán incorporar difusores ou elementos que eviten o deslumbramento e a rotura e posterior caída das lámpadas.

l) Os vidros serán de seguridade.

m) En todas as dependencias deben instalarse detectores de fumes.

n) As estancias de convivencia, exceptuando os aseos, deben dispoñer dunha iluminación e ventilación directa.

o) Disporá dun teléfono fixo sen fíos.

p) Disporá dunha caixa de emerxencia con dotación básica.

2.2. Requisitos funcionais.

Todos os puntos de encontro familiar deberán cumprir, ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 7.1º.1 do Decreto 143/2007, os seguintes requisitos funcionais:

a) Regulamento de réxime interno á disposición das persoas usuarias, que recollerá como mínimo: a actividade que se desenvolve, as normas de uso, os dereitos e deberes das persoas usuarias, a organización de persoal, os horarios de funcionamento, a capacidade máxima e, de ser o caso, os prezos públicos ou tarifas aplicables.

b) Libros de rexistro, un de entrada e outro de saída das persoas usuarias do punto de encontro familiar, que serán asinados polas nais, pais, titores ou gardadores/as no momento da entrada e saída das e dos menores.

2.3. Requisitos de persoal.

O equipo dos puntos de encontro familiar será multidisciplinar e estará composto, como mínimo, por tres profesionais con polo menos dous perfís formativos diferentes no eido psicosocioeducativo: licenciado/a en psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, dereito, diplomada/o en traballo social ou educación social, con experiencia acreditada na atención, intervención e orientación de menores e familias, e formación en igualdade.

Unha das persoas do equipo técnico desempeñará a función de coordinadora do traballo do equipo, coordinando igualmente as relacións coa Administración e cos xulgados.

Durante o horario de apertura deberán estar sempre presentes no centro, cando menos, dúas persoas do equipo técnico.

Artigo 15º.-Voluntariado.

O equipo técnico pode contar coa colaboración de persoal voluntario, de acordo co establecido na normativa vixente en materia de voluntariado.

Artigo 16º.-Calendario e horario de apertura.

Os puntos de encontro familiar funcionarán os doce meses do ano, durante un mínimo de oito horas diarias, en xornada partida ou continuada, e como mínimo 4 días á semana, que deberán incluír necesariamente o venres, sábado e domingo, excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

Respectando estes mínimos, cada punto de encontro familiar poderá determinar o seu calendario e horario en función da demanda existente.

Artigo 17º.-Normas comúns de funcionamento.

1. Todos os puntos de encontro familiar observarán as seguintes normas comúns, que recollerán no seu Regulamento de réxime interno:

a) As persoas usuarias deberán cumprir puntualmente as datas e os horarios acordados para as visitas ou para a entrega e recollida dos e das menores. A duración e periodicidade será a establecida polo órgano que realizou a derivación ou, de ser o caso, a acordada entre os proxenitores e o punto de encontro, tendo en conta a dispoñibilidade do centro.

b) O tempo de espera para anular unha visita é de 20 minutos. Transcorrido este tempo sen que acuda un dos proxenitores ou familiar sen ter avisado con anterioridade do seu posible retraso, suspenderase a visita e considerarase incumprida, deixando constancia de tal incidencia no expediente.

c) As persoas usuarias deberán poñer en coñecemento do punto de encontro, coa maior brevidade posible e coa correspondente xustificación e/ou acreditación, calquera alteración ou incidencia que modifique a cita prevista.

d) No momento en que o/a menor se reúne coa persoa ou persoas que o/a visita/n, o proxenitor/a custodio ou persoa autorizada que acompañou o/a menor debe abandonar o centro; volverá a recollelo á hora acordada como remate da visita. Os/as menores permanecerán no punto de encontro familiar en compañía dun dos proxenitores ou familiares, sendo estes responsables do seu coidado e atención.

e) Para os efectos de garantir o cumprimento das medidas de afastamento, o persoal integrante do equipo do punto de encontro familiar terá o deber de custodiar e coidar o menor no tempo que medie entre a súa chegada ao centro e o encontro co seu visitante ou visitantes.

f) Nos casos en que existan antecedentes por violencia dos que deducisen ordes de afastamento, o equipo técnico deberá garantir a non coincidencia nos locais do punto de encontro dos proxenitores, adaptando para estes casos as normas de funcionamento xerais.

g) O/a menor será entregado/a ao proxenitor/a ou familiar a quen lle corresponda a visita. Se segundo valoración do persoal do punto de encontro familiar, as condicións físicas ou psíquicas deste/a non son as axeitadas, o encontro co/a menor non se permitirá.

h) Só poderán acompañar ou substituír o proxenitor/a que realice a visita ou o intercambio no punto de encontro familiar outra persoas, familiares ou achegadas, si se recolle na resolución xudicial ou se existe consentimento escrito de ambas as partes, do que se deixará constancia no centro.

i) O equipo técnico velará pola seguridade tanto das instalacións como das persoas usuarias do punto de encontro familiar. De se producir incidentes significativos de alteración da convivencia procurará restablecer a normalidade a través do diálogo, de ser posible e, no caso de risco para a integridade das persoas, darán aviso á autoridade que corresponda.

j) Das alteracións significativas que poidan afectar o desenvolvemento das visitas o equipo técnico dará conta á autoridade que derivou o caso no prazo máis breve posible e, en todo caso, antes de que transcorran 72 horas.

2. Estas normas constitúen un mínimo normativo, sen prexuízo de que cada punto de encontro familiar poida establecer unha regulación máis detallada do seu funcionamento interno, que debe ser aprobada en todo caso polo departamento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias na materia.

Capítulo IV

Autorizacións, inspección e réxime sancionador

Artigo 18º.-Autorizacións.

Os puntos de encontro familiar e os servizos que neles se desenvolven estarán sometidos ás autorizacións administrativas previstas no capítulo II do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais. En todo caso, durante o procedemento de autorización do centro, o órgano competente na materia da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia emitirá un informe xustificativo da necesidade do equipamento no lugar específico de acordo coa planificación prevista na materia. Así mesmo, no caso de peche do centro, requiriráselle informe ao citado órgano, ao obxecto de comprobar que do cesamento da actividade non se poidan derivar prexuízos graves para as persoas usuarias.

Artigo 19º.-Inspección e réxime sancionador.

1. Os puntos de encontro familiar, como centros de servizos sociais, estarán suxeitos á inspección e ao réxime sancionador en materia de servizos sociais de conformidade co disposto na Lei reguladora dos servizos sociais de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Como centros sociais de atención especializada na área de familia, infancia e mocidade rexeranse polo establecido en canto a infraccións e sancións no título V da Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, e no título III do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

Disposición transitoria

Única.-Os puntos de encontro familiar que á entrada en vigor deste decreto estean en funcionamento deberán solicitar o permiso de inicio de actividades no prazo máximo de 6 meses, podendo continuar co desenvolvemento das súas actividades ata a resolución do expediente.

Se á vista do expediente se apreciase que o centro non cumpre cos requisitos xerais e específicos exixidos segundo a súa tipoloxía, o órgano competente poderá exceptuar a súa exixencia sempre que non se observen deficiencias graves que poñan en perigo a seguridade das persoas usuarias ou que afecten o cumprimento dos fins propios destes centros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta norma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar