DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Xoves, 15 de xaneiro de 2009 Páx. 824

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 295/2008, do 30 de decembro, sobre a aplicación durante o período 2008/2009 do sistema de retencións á conta previsto no Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea.

O Decreto 158/2007, do 21 de xuño, regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea e, consonte o previsto na normativa básica estatal, prevé no seu artigo 28 a obrigatoriedade das persoas compradoras de leite autorizadas de efectuarlles ás persoas produtoras que superen a cantidade de referencia individual asignada, retencións á conta da taxa láctea, para o que se establece, no artigo 29, a declaración e o pagamento das ditas retencións por parte das persoas compradoras autorizadas.

Con base na produción e comercialización dos últimos dous períodos de taxa e no incremento da cota láctea asignada para o período 2008/2009 e seguintes, que permiten prever un equilibrio no período 2008/2009 entre entregas de leite e cantidade de referencia asignada, o Real decreto 1613/2008, do 3 de outubro, sobre aplicación durante o período 2008/2009 do sistema de retencións á conta previsto no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que se regula o réxime da taxa láctea, durante o período de taxa 2008/2009 (BOE do 6 de outubro), establece para o dito período unha aplicación singular do sistema de retencións á conta previsto no Real decreto 754/2005, do 24 de xuño, polo que cómpre, de acordo coa dita norma básica estatal, adaptar, para o período 2008/2009, o previsto no Decreto 158/2007, do 21 de xuño.

En consecuencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aplicación do sistema de retencións á conta no período de taxa 2008/2009.

De acordo co disposto no Real decreto 1613/2008, do 3 de outubro (BOE do 6 de outubro), durante o período de taxa 2008/2009, as retencións á conta previstas no Decreto 158/2007, do 21 de xuño, polo que se regula en Galicia a aplicación do réxime da taxa láctea, só se aplicarán ás persoas produtoras de leite que se atopen nalgunha das situacións seguintes:

a) Que dispoñan dunha cantidade de referencia individual igual ou inferior a 200.000 kg e as cantidades entregadas superen a cantidade de referencia dispoñible, incrementada nun vinte por cento.

b) Que dispoñan dunha cantidade de referencia individual maior de 200.000 kg, pero menor ou igual a 300.000 kg, e as cantidades entregadas superen a cantidade de referencia dispoñible incrementada nun dez por cento.

c) Que dispoñan dunha cantidade de referencia individual superior a 300.000 kg e as cantidades entregadas superen a cantidade de referencia dispoñible incrementada nun cinco por cento.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e será aplicable desde o 1 de abril de 2008.

Santiago de Compostela, trinta de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural