DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 14 de xaneiro de 2009 Páx. 786

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, nos artigos 29 e 30.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia Europea de Emprego, e co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego.

Neste senso, o desenvolvemento das políticas activas de emprego na nosa comunidade autónoma, no marco de actuación sinalado, permite adecuar uns instrumentos que configuran o emprego como factor clave da política económica e social na procura de metas máis ambiciosas no progreso de Galicia.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Traballo, de acordo co disposto no Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica. No obxectivo principal da creación de emprego é necesario establecer medidas coa finalidade de mellorar a situación laboral das persoas que traballan no agro e promover a creación do emprego no sector agrario de Galicia.

A Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece, no seu artigo 31, que as políticas activas de emprego en Galicia terán en conta de xeito prioritario a situación das mulleres no medio rural. Así mesmo, o artigo 38 desta lei establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinada a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións positivas e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino se terán en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras do medio rural.

A disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas de 40 ou menos anos de idade, e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Lei 18/2007, do 4 de xullo, procede á integración dos traballadores e traballadoras por conta propia do réxime especial agrario no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos, con efectos desde o 1 de xaneiro de 2008, e crea, dentro deste réxime, un sistema especial para traballadores por conta propia agrarios. Esta lei estableceu unha redución durante cinco anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas de 40 ou menos anos de idade que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que esta se atope dada de alta nos citados réxime e sistema especial.

Neste contexto normativo, e coa finalidade de facilitar a alta na Seguridade Social das persoas cotitulares de explotacións agrarias, en coordinación coa mellora introducida no ámbito estatal, a Consellería de Traballo desde o ano 2006 estableceu a regulación dun programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares de explotacións agrarias, incorporando un complemento do 20 por cento á redución estatal do 30 por cento, de forma que coa complementariedade de ambos os incentivos se facilita a alta no réxime especial agrario das persoas cotitulares de explotacións agrarias de Galicia cunha redución total do 50 por cento na correspondente cotización á Seguridade Social.

Coa orde do ano 2007 foron introducidas as melloras recollidas no mandato do Parlamento de Galicia, mediante a proposición non de lei número 12.807 do ano 2006, aprobada pola unanimidade dos deputados e deputadas. A mellora do programa supuxo unha ampliación das persoas beneficiarias, para o caso das mulleres de ata os 45 anos, incluíndo nalgún suposto concreto o seu acceso á titularidade da explotación agraria. Nestes casos o incentivo do 50 por cento na cotización á Seguridade Social foi a cargo dos fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde do ano 2008 mellorou o programa coa ampliación das persoas beneficiarias para o suposto dos descendentes da persoa titular da explotación agraria, en concordancia coa Lei 18/2007, de 4 de xullo, sempre que a súa incorporación se producira desde o 1 de agosto de 2007, data da entrada en vigor da lei.

Esta orde establece a regulación do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e á súa convocatoria para o ano 2009, dando continuidade aos incentivos e melloras introducidos neste programa desde o ano 2006.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

As bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

De conformidade co disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e ao existir crédito axeitado para o dito fin no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 16 de outubro de 2008, o financiamento das axudas previstas nesta orde realizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias sinaladas na disposición adicional sétima.

A subvención obxecto desta orde financiarase con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2009 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta orde.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, e a súa convocatoria para o ano 2009, do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares e titulares de explotacións agrarias de Galicia, especialmente das mulleres, coa finalidade de promover a creación do emprego e a mellora laboral no agro galego, facilitando mediante incentivos a súa alta na Seguridade Social.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Persoas beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas incorporadas á actividade agraria incluídas nalgún dos seguintes colectivos e que cumpran os requisitos previstos para cada suposto.

1. Persoas cotitulares de explotacións agrarias, incorporadas ao réxime especial agrario da Seguridade Social, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que a súa incorporación se producise a partir do 1 de xaneiro de 2006.

b) Ter corenta ou menos anos de idade no momento da dita incorporación.

c) Que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular da mesma explotación agraria, estea de alta no mesmo réxime especial.

d) Que sexan beneficiarias da redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional primeira da Lei 18/2007.

2. Persoas incorporadas ao réxime especial agrario da Seguridade Social, como traballadores por conta propia, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que a súa incorporación se producise no período do 1 de agosto de 2007 e ata o 31 de decembro de 2007.

b) Que teñan corenta ou menos anos de idade no momento da dita incorporación.

c) Que sexan cónxuxes ou descendentes do titular da mesma explotación agraria, sempre que este se atope incluído no citado réxime especial.

d) Que sexan beneficiarias da redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional primeira da Lei 18/2007.

3. Persoas incorporadas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que a súa incorporación se produza a partir do 1 de xaneiro de 2008.

b) Ter corenta ou menos anos de idade na data da dita incorporación.

c) Que sexan cónxuxes ou descendentes do titular da explotación agraria, sempre que este se atope dado de alta nos citados réximes e sistema especiais.

d) Que sexan beneficiarias da redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional primeira da Lei 18/2007.

4. Mulleres incorporadas ao réxime especial agrario da Seguridade Social, a partir do 1 de xaneiro de 2006, ou incorporadas a partir do 1 de xaneiro de 2008 ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter corenta e un e ata corenta e cinco anos de idade na data da dita incorporación.

b) Que sexan cónxuxes ou parentes da persoa titular da mesma explotación agraria, sempre que esta se atope dada de alta nos citados réximes e sistemas especiais.

5. Mulleres de corenta e cinco ou menos anos de idade na data de alta na Seguridade Social, incorporadas ao réxime especial agrario da Seguridade Social a partir do 1 de xaneiro de 2006, ou incorporadas a partir do 1 de xaneiro de 2008 ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, titulares de explotacións agrarias nos seguintes supostos:

a) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria en funcionamento que lles fose atribuída tras un proceso de separación ou divorcio.

b) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria tras o falecemento, xubilación ou incapacidade recoñecida do seu cónxuxe, descendentes ou ascendentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive.

c) Mulleres que se incorporen a unha explotación familiar en marcha, cando o seu cónxuxe cause baixa no réxime especial agrario da Seguridade Social, ou no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, por dedicarse a outra actividade e mentres este permaneza en situación de alta noutro réxime ou sistema da Seguridade Social.

6. Será requisito para percibir as axudas establecidas nesta orde que as persoas beneficiarias estean incluídas no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

7. Non poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas nas que concorran as circunstancias previstas no punto 2º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Axuda.

1. A axuda para as persoas beneficiarias incluídas no colectivo do artigo 2º, números 1, 2 e 3 desta orde consistirá no aboamento do 20 por 100 da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria que corresponda ingresar, calculada en función da base de cotización que corresponda e o tipo de cotización do 18,75 por cento.

Conforme o anterior, a axuda correspondente ao ano 2008 será de 30,65 euros mensuais, e a axuda correspondente ao ano 2009 será de 31,25 euros mensuais.

2. A axuda para as mulleres incluídas nos supostos do artigo 2º números 4 e 5 desta orde consistirá no aboamento do 50 por 100 da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria que corresponda ingresar, calculada en función da base de cotización que corresponda e o tipo de cotización do 18,75 por cento.

Conforme o anterior, a axuda correspondente ao ano 2008 será de 76,62 euros mensuais, e a axuda correspondente ao ano 2009 será de 78,13 euros mensuais.

3. Procederá este aboamento polas mensualidades desde outubro do ano 2008, ou desde a data de efectos da obriga de cotización, se esta é posterior, e ata setembro do ano 2009, esta incluída.

Artigo 4º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo.

Artigo 5º. -Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Traballo, dirixidas ao director xeral de Promoción do Emprego (edificio administrativo San Lázaro s/n, Santiago de Compostela, 15781 A Coruña), ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A persoa beneficiaria da axuda regulada nesta orde deberá presentar unha única solicitude.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2009.

4. A axuda correspondente ás mensualidades do ano 2010, e do último trimestre do ano 2009 deberá solicitarse conforme o que se estableza na orde pola cal se proceda á convocatoria deste programa para o ano 2010.

5. A presentación da solicitude de subvención por parte interesada comportará a autorización expresa ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na disposición adicional cuarta desta orde.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as devanditas certificacións.

6. A solicitude e anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo http//traballo.xunta.es.

7. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente á Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, con expresión do beneficiario, a contía e a súa finalidade.

Artigo 6º.-Documentación.

1. A solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde e deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa solicitante.

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, segundo o modelo anexo IV desta orde. Ou, de ser o caso, unha declaración na solicitude de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións segundo o anexo I desta orde.

c) Ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade financeira acreditativo de que a persoa solicitante é titular da conta bancaria que indica, segundo o anexo III desta orde.

Este certificado debe estar a nome da persoa solicitante, non sendo válido a nome da explotación.

2. As mulleres solicitantes incluídas no suposto do artigo 2º.4 desta orde, ademais da documentación indicada no número 1 anterior, deberán achegar a seguinte:

a) Fotocopia compulsada do documento de alta na Seguridade Social no réxime especial agrario por conta propia (modelo TA.0721), ou fotocopia compulsada do documento de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos (modelo TA.0521/7), e a fotocopia compulsada da resolución da Seguridade Social en que se recoñece a alta no devandito réxime e sistema especial.

b) Fotocopia simple do DNI da persoa cotitular da explotación agraria.

c) Fotocopia compulsada dos libros de familia que acrediten o parentesco.

d) No caso de non figurar o titular da explotación no documento da alta na Seguridade Social, fotocopia compulsada do documento acreditativo de quen é o titular da explotación agraria.

3. As mulleres solicitantes incluídas nos supostos do artigo 2º.5 desta orde, ademais da documentación indicada no número 1 anterior, deberán achegar a seguinte:

a) Fotocopia compulsada do documento de alta na Seguridade Social no réxime especial agrario por conta propia (modelo TA.0721), ou fotocopia compulsada do documento de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos (modelo TA.0521/7), e a fotocopia compulsada da resolución da Seguridade Social en que se recoñece a alta no devandito réxime e sistema especial.

b) Fotocopia compulsada dos libros de familia que acrediten o parentesco co anterior titular.

c) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2º.5, letra a): fotocopia compulsada da sentenza de separación ou divorcio e fotocopia compulsada do documento acreditativo da asignación da explotación agraria á solicitante.

d) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2º.5, letra b): fotocopia compulsada do certificado ou certificados de defunción ou fotocopia compulsada da resolución de xubilación ou incapacidade do cónxuxe, descendentes ou ascendentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive e fotocopia compulsada do documento acreditativo da asignación da explotación agraria á solicitante.

e) Se é o caso, documentación acreditativa das circunstancias previstas no artigo 2º.5, letra c): copia da baixa no réxime especial agrario ou no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, e alta noutro réxime ou réxime da Seguridade Social do cónxuxe.

4. As persoas beneficiarias deste programa durante o ano 2008 soamente deberán presentar a solicitude no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde.

No anexo I deberá constar a declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións, ou noutro caso, deberá achegarse a declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, segundo o modelo anexo IV desta orde.

No suposto de solicitar o cambio da conta bancaria para o ingreso da axuda, deberá achegarse a ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade financeira acreditativo de que a persoa solicitante é titular da conta bancaria que indica, segundo o anexo III desta orde.

5. Ás solicitudes dos interesados xuntaránselles os documentos sinalados neste artigo, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 7º.-Procedemento de concesión, tramitación e instrución.

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Apoio a Emprendedores da Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo, que realizará as actuacións necesarias para determinar o coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán da persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola respectiva intervención das propostas emitidas polo correspondente servizo, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación do conselleiro de Traballo.

2. As resolucións que se diten neste procedemento seranlles notificadas ás persoas interesadas, e deberanse motivar axeitadamente.

3. Os expedientes completos referidos ás solicitudes formalizadas no mesmo trimestre acumularanse, e ditarase unha única resolución, na cal consten os datos básicos correspondentes a todas as persoas beneficiarias.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que subsista a obriga legal de ditar resolución expresa sobre a solicitude presentada.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Xustificación do pagamento e pagamentos parciais.

1. O pagamento da axuda quedará condicionado á acreditación do ingreso das cotas no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial dos traballadores por conta propia ou autónomos, polas mensualidades establecidas na resolución de concesión.

2. Poderá acordarse o pagamento parcial á conta da liquidación definitiva a medida que a persoa beneficiaria xustifique os libramentos anteriores ata unha porcentaxe non superior ao 80% da subvención concedida.

Artigo 10º.-Incompatibilidades e concorrencia.

O importe das axudas reguladas nesta orde non poderá ser, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de tal contía que supere o 50 por cento do custo da cotización á Seguridade Social satisfeita pola persoa beneficiaria.

Artigo 11º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

Son obrigas das persoas beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Modificación da resolución da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente a súa revogación.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedecencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Procederá a revogación parcial da axuda concedida polas mensualidades que non foran obxecto de cotización no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial dos traballadores por conta propia ou autónomos.

Artigo 14º.-Axudas baixo condicións de minimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (7.500 euros nun período de tres exercicios fiscais) establecidos no Regulamento CE nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector agrario da produción de produtos agrícolas (DOUE nº L 337, do 21 de decembro de 2007).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e o seguimento destes programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Promoción do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios e as beneficiarias, respecto das resolucións concesorias de que traen causa, ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-A Consellería de Traballo e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais asinaron, con data do 30 de outubro de 2007, o convenio de cesión de datos entre a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Traballo, en aplicación do protocolo de colaboración asinado entre a Comunidade Autónoma de Galicia e a Secretaría de Estado da Seguridade Social, para a posta en marcha dunha liña de axudas aos cotitulares de explotacións agrarias, co obxecto de facilitar a acreditación nas persoas solicitantes das axudas desta orde da súa condición de persoas beneficiarias da redución de cotas á Seguridade Social, segundo o establecido no artigo 2º desta orde, da súa alta no réxime especial agrario por conta propia ou no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial dos traballadores por conta propia ou autónomos, así como para a acreditación da efectiva cotización xustificativa do pagamento das axudas,

segundo o establecido no artigo 9º.1 desta orde.

Quinta.-As referencias ao cónxuxe do titular da explotación agraria contidas nesta orde entenderanse tamén realizadas á persoa ligada de forma estable con aquel por unha relación de afectividade análoga á conxugal unha vez que se regule, no ámbito do campo de aplicación do sistema da Seguridade Social e dos réximes que o conforman, o alcance do encadramento da parella de feito do empresario/a ou do titular ou da titular do negocio industrial ou mercantil ou da explotación agraria ou marítimo-pesqueira.

Sexta.-A concesión das axudas reguladas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das axudas reguladas nesta orde financiarase con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que mediante disposición complementaria se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente.

En virtude do anterior, no exercicio 2009 o financiamento das axudas recollidas nesta orde realizarase con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria 16.02.322C.480.0, código de proxecto 2009 01007, cun importe de 500.000 euros. Esta contía está recollida no proxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 16 de outubro de 2008.

De conformidade co disposto no artigo 3.3º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, a concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposición transitoria

Única.-Poderán atenderse con cargo aos créditos que financian esta orde aquelas solicitudes en que, presentadas en prazo e cumprindo todos os requisitos establecidos para a súa concesión, conforme o establecido na orde de convocatoria do programa regulado nesta orde do ano 2008, non constase a información da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, conforme o convenio asinado para o efecto, sobre o cumprimento de requisitos e a acreditación da cotización no momento da resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "00900D004P062.PDF"