DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 14 de xaneiro de 2009 Páx. 775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras dos incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación. A Consellería de Traballo, a través do Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, modificado polo Decreto 20/2007, do 22 de febreiro e polo Decreto 14/2008, do 7 de febreiro, asumiu o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

No marco establecido no artigo 40 da Constitución española, nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 56/2003, do 16 de decembro, de emprego, e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, uns dos obxectivos prioritarios é a urxente necesidade de facer efectiva a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e de acadar así unha verdadeira integración da muller no mercado laboral.

As condicións laborais das mulleres galegas é unha preocupación que se reflicte claramente no Acordo sobre obxectivos e medidas para o emprego en Galicia, que dedica o seu capítulo cuarto ás políticas en favor da igualdade, establecéndose medidas de fomento do emprego para acadar o obxectivo dunha participación igualitaria de homes e mulleres no mercado de traballo.

Esta orde responde ao obxectivo de integrar o principio de igualdade na política de emprego da Xunta de Galicia establecido na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia. Así, nesta orde recóllese o establecemento de medidas de cara ao exercicio dos dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Esta prioridade responde á convicción de que para lograr unha sociedade harmónica e máis xusta é necesario que todos os seus membros, e especialmente as mulleres, poidan ter as mesmas oportunidades de acceder e permanecer nun posto de traballo que lles permita o normal desenvolvemento da súa vida profesional e laboral.

Neste contexto, a Consellería de Traballo consciente de que a igualdade de oportunidades pasa pola plena incorporación ao mundo laboral, seguindo as recomendacións do Consello Europeo, establece un conxunto de medidas destinadas a mellorar o acceso e a permanencia das mulleres no emprego, xa sexa considerándoas como colectivo preferente, ou a través de programas específicos para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Nesta estratexia de compromiso co emprego feminino enmárcanse as medidas activas deseñadas pola Consellería de Traballo dirixidas a promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade e o coidado de familiares.

A Lei 30/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, na súa disposición adicional sexaxésimo quinta, estableceu as bonificacións ás traballadoras autónomas e socias traballadoras de cooperativas de traballo asociado cando se produza a súa reincorporación efectiva ao traballo despois da maternidade, e a Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego, recolle no seu artigo 4.2º as bonificacións ás traballadoras por conta allea cando se produza a súa reincorporación efectiva ao traballo tras un período de maternidade. Co obxecto de non subvencionar as situacións xa previstas pola normativa estatal, nesta orde exclúense das axudas as situacións que dean lugar ás bonificacións previstas nas devanditas normas estatais.

Tamén se conceden axudas pola substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares, nos termos e nos casos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores.

As bases reguladoras do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas realízase pola comprobación de concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 16 de outubro de 2008, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

De conformidade co disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e ao existir crédito axeitado e suficiente para o dito fin no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 16 de outubro de 2008, o financiamento das axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que para o exercicio 2009 se recollen na disposición adicional sexta da orde.

Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión da Comisión Europea, do 18 de decembro de 2007, esta cofinanciación farase constar nas resolucións de concesión.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas e da Intervención Delegada e, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito, réxime das axudas e principios de xestión

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Coa finalidade de promover a igualdade de oportunidades no acceso e na permanencia no emprego de homes e mulleres e promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade e outras situacións pertencentes ao ámbito da familia, esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2009 os incentivos dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, a través das seguintes axudas:

a) Axudas ás empresas que reincorporen a traballadores tras un período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade.

b) Axudas ás empresas que substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo aos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos os autónomos e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten ou reincorporen a traballadores e traballadoras para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e non incorran nas circunstancias previstas nos números 2º e 3º do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde as relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as persoas traballadoras contratadas para prestar servizos noutras empresas a través de contratos de posta á disposición. Non obstante o anterior, non quedan afectadas por esta exclusión as relacións laborais de carácter especial do persoal de alta dirección que poderán acollerse aos beneficios previstos nesta orde.

Artigo 4º.-Axudas ás empresas que reincorporen a persoas traballadoras tras un período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade.

1. Poderán ser obxecto de subvención as reincorporacións ao posto de traballo na empresa dos traballadores que desfrutasen dos períodos de descanso por causa de cesión ao traballador do permiso de maternidade, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos, en virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores, así como as reincorporacións ao exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas, nos mesmos casos e supostos.

Para os efectos das axudas a que se refire este artigo, entenderase que a reincorporación ao posto de traballo se produce cando finaliza definitivamente o período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade, tanto no caso de que se desfrute a xornada completa ou a tempo parcial, nos termos regulados na disposición adicional primeira do Real decreto 1251/2001, do 16 de novembro, que desenvolve o artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores.

2. Serán subvencionables as reincorporacións a que se refire o número 1 deste artigo, cando ademais concorran as seguintes circunstancias:

a) Que o período de descanso desfrutado polo traballador que se reincorpora tras un período de descanso por causa da cesión ao traballador do permiso de maternidade fose igual ou superior á metade do período máximo legal.

b) Que durante o dito período se formalizase un contrato de interinidade para a substitución do traballador polo que se solicita a axuda pola súa reincorporación. Este contrato terá unha duración equivalente, como mínimo, ao 80% do período de descanso desfrutado polo traballador substituído.

c) Que o traballador se reincorpore ao seu posto de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido ou, no caso dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual, persoal e directa.

3. A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención en contía equivalente ao importe das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2009 do grupo de cotización ao que pertenza o traballador que se reincorpora ou, se é o caso, ao importe do 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos. En ambos os dous casos a contía da subvención calcularase sobre 12 mensualidades.

Artigo 5º.-Axudas ás empresas que substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares.

1. Poderán subvencionarse os contratos de interinidade que se realicen con persoas traballadoras desempregadas no momento da contratación, para substituír a persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares -nos supostos e nos termos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores-por un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con reserva de posto de traballo, ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares nos supostos e termos previstos no artigo 37.5º do Estatuto dos traballadores.

2. Para os efectos desta axuda, terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que estean inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

3. Os contratos de interinidade deberán cumprir os requisitos e formalidades establecidos no artigo 15.1º c) do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de aplicación, así como formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Os contratos de interinidade incentivaranse cunha axuda de 2.400 euros, que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano, e/ou cando o contrato de interinidade se asine a tempo parcial.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación do conselleiro de Traballo, corresponderalles aos delegados/as provinciais da Consellería de Traballo, cando a contratación ou a reincorporación se produza para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7º.-Solicitudes, prazos e autorizacións.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver, e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Traballo, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As axudas reguladas nesta orde solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se produza a reincorporación ao posto de traballo tras un proceso de paternidade ou se inicie a relación laboral en virtude dun contrato de interinidade. Para o cómputo deste prazo entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da reincorporación ou contratación. Se o último día de prazo fose inhábil, enténdese prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 15 de setembro de 2009 aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a sinatura do contrato obxecto de subvención.

3. O 31 de marzo de 2009 remata o prazo para a presentación das solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un proceso de paternidade que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nesta orde, se realizasen entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde.

4. O 31 de marzo de 2009 remata o prazo para a presentación das solicitudes de axudas polas contratacións de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución de xornada por motivos familiares, que cumprindo os requisitos e condicións establecidas nesta orde se realizasen entre o 16 de setembro de 2008 e a data de publicación desta orde.

5. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Traballo: http://traballo.xunta.es

6. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo achegar, neste caso, coas solicitudes as devanditas certificacións.

7. Mediante a presentación da solicitude de subvención, o interesado presta expresamente o seu consentimento á Consellería de Traballo para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 153, do 9 de agosto). Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o CIXTEC como responsable dos ficheiros con domicilio na rúa Domingo Fontán 9, 15702 Santiago de Compostela, de conformidade coas prescricións da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

8. Coa presentación da solicitude de subvención o interesado autoriza expresamente a Consellería de Traballo para que, de acordo co establecido nos numeros 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, publique as subvencións concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario con que se imputan, a entidade beneficiaria, a contía concedida e a finalidade da subvención, así como na páxina web oficial da Consellería de Traballo.

9. Para a presentación de solicitudes de axudas os beneficiarios poderán contar coa información e o asesoramento da rede de axentes de emprego coordinada pola Consellería de Traballo (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde xunto coa seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF; e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo III). Ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

3. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo IV).

4. Deberán achegar documentación acreditativa de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da comunidade autónoma, no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

5. Nas axudas para os traballadores que se reincorporan á empresa tras un proceso de paternidade:

-Copia simple do DNI do traballador que se reincorpora.

-Documentos acreditativos da baixa por paternidade, adopción ou acollemento, así como da súa reincorporación á empresa logo do período de descanso correspondente.

-Boletín de cotización do último mes anterior dispoñible á data en que se produza a baixa e o correspondente ao mes da reincorporación.

-Contrato de interinidade celebrado para substituír o traballador que se reincorpora, e documentación acreditativa das datas de alta e baixa na Seguridade Social do traballador substituto.

6. Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares:

-Contrato de interinidade e alta na Seguridade Social.

-Documento acreditativo da baixa e da situación de excedencia ou, se é o caso, da redución da xornada.

Artigo 9º.-Procedemento de concesión.

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Promoción do Emprego das delegacións provinciais da Consellería de Traballo.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 10º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos de promoción de emprego, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación do conselleiro de Traballo e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de seis meses que se computarán desde a data da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Ademais, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No suposto de que a axuda estea cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaraselle á persoa beneficiaria de que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública dos nomes dos beneficiarios, das operacións, e a cantidade de fondos públicos asignada a cada operación e que a autoridade de xestión do programa operativo públicará conforme o previsto no artigo 7.2º d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006 (DOUE L/45, do 15-2-2007).

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

1. De non se achegar con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a seguinte:

a) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

b) No caso de axudas para os traballadores que se reincorporan á empresa tras un proceso de paternidade, o boletín de cotización á Seguridade Social do mes correspondente á incorporación.

c) Declaración complementaria da establecida no número 2 do artigo 8º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto o beneficiario non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social, agás nos supostos da disposición adicional sexaxésimo quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006 e o artigo 4.2º da Lei 43/2006, do 29 de decembro, para a mellora do crecemento e do emprego.

2. Os beneficios establecidos nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

a) Estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, se é o caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1828 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión e o Regulamento (CE) nº 1080/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (DOUE L 45, do 15 de febreiro de 2007).

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Traballo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Os traballadores que se reincorporen á empresa tras un proceso de paternidade deberán permanecer nela, como mínimo, durante un ano, contado desde a data da reincorporación. Se antes de transcorrer o dito prazo se produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegrar a subvención concedida nos termos sinalados no artigo 15º desta orde.

A empresa beneficiaria, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte ao da reincorporación, deberá presentar a documentación acreditativa da situación de alta na empresa do traballador obxecto de subvención.

f) Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares, a empresa beneficiaria ten, ademais, as seguintes obrigas:

-No suposto de cesamento da persoa traballadora interina, a cobertura do posto por unha nova persoa traballadora desempregada terá que realizarse durante o período da substitución, dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación provincial da Consellería de Traballo, dentro dos vinte días seguintes ao da cobertura do posto.

-Comunicar a data de incorporación ao seu posto de traballo da persoa substituída dentro do mes seguinte a aquel en que esta se produza, ou, se é o caso, da súa reincorporación á xornada ordinaria.

g) Aquelas outras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

A Consellería de Traballo poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 17º.-Axudas baixo condicións de minimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas de minimis. Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución das solicitudes de subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se prevé no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002.

e) Empresas en crise.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Traballo levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguemento do programa.

Para realizar as ditas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Traballo, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Traballo poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo nos delegados e delegadas provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas previstas nesta orde; para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos seus beneficiarios, respecto das resolucións concesorias das que traen causa, ditadas por delegación do conselleiro.

Cuarta.-A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego non ocupado na data de alta na Seguridade Social dos traballadores e traballadoras realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución do director xeral de Promoción do Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Sexta.-No exercicio económico 2009, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.322C.470.2, código de proxecto 2009 01 016, cun crédito de 5.085.208 euros; 16.02.322C.470.3, código de proxecto 2009 01 017, cun crédito de 7.250.000 euros; 16.02.322C.470.4, código de proxecto 2009 01 019, cun crédito de 7.581.519 euros; 16.02.322C.472.4, código de proxecto 2009 01 053, cun crédito de 1.181.034 euros.

Estas contías están recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia , aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 16 de outubro de 2008, e constitúen o importe global para o financiamento desta orde, e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de persoas emprendedoras, autoemprego e integración laboral das persoas con discapacidade, incluídas no programa orzamentario 322C.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Sétima.-Para os efectos do disposto no artigo 3.3º da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Oitava.-Os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación laboral e familiar está cofinanciado polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 por cento, a través do Programa Operativo do FSE de Galicia 2007-2013, número CCI 2007 ES 051 PO 004, aprobado pola decisión da Comisión Europea, do 18 de decembro de 2007, no marco da programación 2007-2013, polo que están cofinanciadas as axudas deste programa reguladas na orde do 25 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2008 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (DOG nº 61, do 31 de marzo de 2008) e na Orde do 29 de marzo de 2007, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2007 os incentivos a contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar (DOG nº 108, do 6 de xuño de 2007).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "00900D003P051.PDF"