DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 12 de xaneiro de 2009 Páx. 598

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 1 de decembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para a instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguranza industrial.

A Orde do 27 de decembro de 2000, da Consellería de Industria e Comercio, establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguranza industrial.

Desde a súa publicación, e como consecuencia da aprobación e entrada en vigor de novos regulamentos que afectan a seguranza industrial, modificáronse as condicións sobre determinados carnés profesionais e empresas autorizadas nesa materia.

Así, o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios, aprobado polo Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, establece novos requisitos para os profesionais acreditados para realizar, manter e reparar estas instalacións, para as empresas instaladoras, mantedoras e para as entidades de formación de profesionais nas instalacións térmicas dos edificios, que fan necesario modificar a mencionada Orde do 27 de decembro de 2000.

Ao mesmo tempo cómpre modificar o artigo 12 da orde para facilitar que as empresas acreditadas en calquera provincia da nosa comunidade autónoma poidan exercer a súa actividade en toda Galicia sen teren que realizar comunicación ningunha nas provincias distintas á de orixe.

Para a elaboración desta norma tivéronse en conta os preceptos e as condicións precisas do réxime de autorizacións establecido na Directiva 2006/123/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa os servizos no mercado interior (DOUE L376, do 27 de decembro).

De conformidade coa xurisprudencia do Tribunal de Xustiza, os obxectivos de saúde pública, a protección dos consumidores, a sanidade animal e a protección do ambiente urbano constitúen razón imperiosa de interese xeral que permiten xustificar a aplicación de réximes de autorización e outras restricións.

Os requisitos do procedemento de autorización de empresas a que se refire o artigo 4 desta orde cumpren coas condicións e criterios establecidos nos artigos 9 e 10 da referida Directiva 2006/123/CE. O acceso á condición de empresa autorizada non se ve supeditada ao cumprimento dos requisitos prohibidos no artigo 14 da directiva.

En cumprimento do disposto no artigo 15 da Directiva 2006/123/CE avaliáronse os requirimentos desta norma que se precisan para obter a autorización, constatándose que todos eles cumpren coas condicións de non-discriminación, necesidade e proporcionalidade a que se refire o seu artigo 15.3º. Non supoñen discriminación en razón de nacionalidade, por seren os requisitos iguais para todas as empresas calquera que for a súa procedencia, non sendo os requirimentos administrativos elementos que poidan inducilas a deixar de prestar este servizo neste estado membro. Respéctanse os principios de necesidade e proporcionalidade, sendo preciso o réxime de autorizacións para realizar a comprobación dos medios técnicos mínimos que garantan a seguranza industrial para protexer a saúde e seguranza dos usuarios destas instalacións, non podendo conseguirse de xeito menos restritivo.

O requisito de dispoñer dun número mínimo de empregados co carné profesional en instalacións térmicas de edificios proporcional ao número de operarios que forman parte do cadro de persoal da empresa xustificase plenamente pola necesidade de cumprir cuns requisitos técnicos e humanos mínimos. Por outra banda, a renovación da autorización encóntrase suxeita soamente ao cumprimento continuo dos requisitos da propia autorización.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencias exclusivas en materia de industria, sen prexuízo do que determinen as normas do Estado, segundo queda recollido no artigo 30.2º do seu Estatuto de autonomía, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Como consecuencia do devandito e por proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación da Orde do 27 de decembro de 2000 da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para a instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguranza industrial, adaptándoa ás exixencias do Regulamento de instalacións térmicas en edificios (RITE, Real decreto 1027/2007, de 20 de xullo) recentemente publicado.

Artigo 2º.-Carnés profesionais en instalacións térmicas de edificios.

Modifícase o anexo I da Orde do 27 de decembro de 2000, nas epígrafes de instalador de calefacción e auga quente sanitaria, instalador de climatización, mantedor de calefacción e auga quente sanitaria e mantedor de climatización, que queda redactado como segue:

* Carné profesional en instalacións térmicas de edificios.

Todos os aspirantes deberán ser maiores de idade e, segundo os casos, terán que superar un exame ante o órgano competente da comunidade autónoma sobre coñecementos do RITE.

1. Obtención do carné en instalacións térmicas en edificios SEN exame: poderán obter o carné sen exame, logo de solicitude, os aspirantes que se achen nalgunha das seguintes situacións:

a) Os técnicos titulados competentes, con atribucións específicas en materias reguladas por este RITE.

b) Os interesados que estean en posesión do título de técnico superior en mantemento e montaxe de instalacións de edificio e proceso ou do título de técnico en montaxe e mantemento de instalacións e produción de calor correspondentes á formación profesional de grao superior e medio, respectivamente, e poidan demostrar unha experiencia laboral de, polo menos, un ano nunha empresa instaladora ou mantedora autorizada como técnico oficial. Para o cálculo da experiencia laboral só se terán en conta os últimos cinco anos contados desde a data de presentación da solicitude.

2. Cando os aspirantes non se achen nalgunha das situacións indicadas na alínea anterior, deberán superar un exame ante o órgano competente da Comunidade Autónoma sobre coñecementos deste regulamento. Para seren admitidos á realización do exame terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

a) Estar en posesión do título de técnico superior en mantemento e montaxe de instalacións de edificios e procesos ou do título de técnico en montaxe e mantemento de instalacións e produción de calor correspondentes á formación profesional de grao superior e medio, respectivamente.

b) Ter recibido e superado un curso teórico e práctico de coñecementos básicos e outro de coñecementos específicos en instalacións térmicas en edificios, impartido por unha entidade recoñecida segundo o establecido no artigo 3º desta orde, coa duración e o contido indicados nos números 3.1 e 3.2 do apéndice 3 do RITE, e ademais, demostrar unha experiencia laboral de, polo menos, tres anos nunha empresa instaladora ou mantedora coma técnico oficial. Para o cálculo da experiencia laboral só se terán en conta os últimos dez anos contados desde a data de presentación da solicitude.

Para obter o carné, os solicitantes remitirán ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria a correspondente solicitude, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde.

Artigo 3º.-Entidades recoñecidas.

As entidades de formación que desexen impartir os cursos mencionados no artigo anterior deberán ser autorizadas pola consellería competente en materia de industria conforme o establecido na Orde do 27 de decembro de 2000.

Para obter a autorización, as entidades de formación remitirán ante a dirección xeral competente en materia de industria a solicitude que figura como anexo II a esta orde debidamente cuberta e acompañada da documentación que nela se exixe.

Artigo 4º.-Empresas autorizadas de instalacións térmicas en edificios.

Modifícase o anexo II da Orde do 27 de decembro de 2000 nas epígrafes de empresa instaladora de calefacción e auga quente sanitaria, empresa instaladora de climatización, empresa mantedora de calefacción e auga quente sanitaria e empresa mantedora de climatización, que queda redactado como segue:

* Empresa instaladora autorizada.

A montaxe e reparación das instalacións térmicas será realizada por empresas que posúan a autorización e se encontren rexistradas como empresa instaladora autorizada.

As empresas interesadas deberán presentar na delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de industria a solicitude de autorización ou a renovación da autorización que figura como anexo III a esta orde, debidamente cuberta e acompañada da documentación que nela se exixe.

Para a obtención do certificado de rexistro de empresa instaladora autorizada de instalacións térmicas en edificios, será necesario cumprir os seguintes requisitos:

-Estar en posesión do carné profesional en instalacións térmicas en edificios. As empresas deberán contar no seu cadro de persoal como mínimo cun empregado con carné por cada 10 operarios ou fracción.

-Dispor dos medios técnicos necesarios para o exercicio da súa actividade que incluirán equipamentos que permitan realizar todas as probas, medicións, análises e demais operacións de control que o RITE establece. Estes medios deberán dispor de rexistro de lecturas e impresión de tícket cos resultados.

-Estar dado de alta no imposto de actividades económicas.

-Estar dados de alta no réxime xeral da Seguranza Social ou no especial de autónomos segundo corresponda.

-Dispoñer dunha póliza de seguro de responsabilidade civil por unha contía mínima de 300.000 euros actualizada segundo o IPC. Para demostrar o cumprimento deste punto achegarase certificado segundo o modelo do anexo III.a desta orde.

-Estar inscrita no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

A autorización de empresa instaladora terá unha validez de cinco anos, sempre que se manteñan as condicións que permitiron a súa concesión, e deberá ser renovada antes de que finde o dito prazo, para o que se presentará a solicitude incluída no anexo III desta orde debidamente cuberta e asinada, acompañada da documentación que se cita no dito anexo.

As empresas teñen a obriga de notificar á delegación provincial da consellería competente en materia de industria as altas e baixas do persoal con carné no prazo dun mes.

* Empresa mantedora autorizada.

O mantemento e a reparación das instalacións térmicas será realizado por empresas que posúan a autorización e se encontren rexistradas como empresa mantedora autorizada.

As empresas interesadas deberán presentar na delegación provincial correspondente da consellería competente en materia de industria a solicitude de autorización ou renovación da autorización que figura como anexo III a esta orde debidamente cuberta, e acompañada da documentación que nela se exixe.

Para a obtención do certificado de rexistro como empresa mantedora autorizada de instalacións térmicas en edificios será necesario cumprir os seguintes requisitos:

-Estar en posesión do carné de profesional en instalacións térmicas en edificios. As empresas deberán contar no seu cadro de persoal como mínimo cun empregado con carné por cada 10 operarios ou fracción.

-Dispor dos medios técnicos necesarios para o exercicio da súa actividade, que incluirán equipamentos que permitan realizar todas as probas, medicións, análises e demais operacións de control que o RITE establece. Estes medios deberán dispor de rexistro de lecturas e impresión de tíckets cos resultados.

-Estar dado de alta no imposto de actividades económicas.

-Estar dados de alta no réxime xeral da Seguranza Social ou no especial de autónomos segundo corresponda.

-Dispoñer dunha póliza de seguro de responsabilidade civil por unha contía mínima de 300.000 euros actualizada segundo o IPC. Para demostar o cumprimento deste punto achegarase certificado segundo o modelo do anexo III.a desta orde.

-Estar inscrita no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia.

A autorización de empresa mantedora terá unha validez de cinco anos, sempre que se manteñan as condicións que permitiron a súa concesión, e deberá ser renovada antes de que finde o dito prazo, para o que se presentará a solicitude incluída no anexo III de esta orde debidamente cuberta e asinada, acompañada da documentación que se cita no dito anexo.

As empresas teñen a obriga de notificar á delegación provincial da consellería competente en materia de industria as altas e baixas do persoal con carné no prazo dun mes.

Disposición adicional

Modifícase o artigo 12 da Orde do 27 de decembro do 2000, que queda redactado como segue:

O rexistro de empresas instaladoras, mantedoras ou reparadoras exixido pola regulamentación de seguranza industrial será único e válido para toda a Comunidade Autónoma. A inscrición, modificación ou baixa no dito rexistro será realizada polas delegacións provinciais competentes en materia de industria.

As empresas se inscribirán no rexistro na delegación provincial en que teñan a súa razón social, e poderán exercer a súa actividade en calquera provincia da Comunidade Autónoma de Galicia, sen necesidade de facer comunicación de inicio de actividade ás delegacións provinciais subseguintes, salvo que así o estableza a normativa específica que desenvolve os regulamentos de seguranza industrial.

Disposicións transitorias

Primeira.-Validación de carnés profesionais.

As persoas que á entrada en vigor do regulamento estean en posesión de todos os carnés profesionais establecidos no artigo 15 do antigo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios, aprobado polo Real decreto 1751/1998, do 31 de xullo, nas dúas categorías, carné de instalador (CI) e carné de mantedor (CM) e nas dúas especialidades, A (calefacción e auga quente sanitaria) e B (climatización), validaráselles de oficio polo carné profesional en instalacións térmicas en edificios contemplado no artigo 41 do novo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE).

As persoas que á entrada en vigor do regulamento estean en posesión dalgún dos carnés profesionais establecidos no artigo 15 do antigo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios, aprobado polo Real decreto 1751/1998, de 31 de xullo, poderán validalo polo carné profesional en instalacións térmicas en edificios contemplado no artigo 41 do novo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE).

Para obter a validación remitirán ante a delegación provincial da consellería competente en materia de industria a correspondente solicitude, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta orde, despois de recibir e superar un curso de formación teórico-práctico impartido por unhas das entidades recoñecidas ao abeiro do artigo terceiro desta orde, segundo a seguinte fórmula:

-Os que dispoñan de CIA e/ou CIB deberán realizar o curso especificado no punto A 3.3.1 do apéndice 3 do novo RITE.

-Os que dispoñan de CMA e/ou CMB deberán realizar o curso especificado no punto A 3.3.2 do apéndice 3 do novo RITE.

-Os que non estean nalgún dos casos anteriores deberán realizar o curso especificado no punto A 3.3.2 do apéndice 3 do novo RITE.

O prazo para solicitar a validación rematará aos tres anos da data de entrada en vigor desta orde. Transcorrido o dito prazo, non se poderán efectuar validacións de carnés antigos, aínda que seguirán tendo vixencia nas condicións en que foron emitidos e poderán ser renovados ao seu vencemento.

Segunda.-Empresas autorizadas.

As empresas autorizadas na data de entrada en vigor desta orde manterán a súa condición ata a finalización do período de validez da autorización.

Finalizado o período de validez da autorización, poderán solicitar a renovación, para o que deberán acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 4º desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria para modificar os anexos contidos nesta orde, así como para ditar cantos actos sexan necesarios para a súa aplicación.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2008.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "00700D003P018.PDF"