DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 07 de xaneiro de 2009 Páx. 232

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2008 pola que se convoca un curso sobre Responsabilidade patrimonial das administracións públicas, en colaboración coa Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2009 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia, un curso sobre responsabilidade patrimonial das administracións públicas conforme as seguintes bases:

Primeira.-Destinatarios.

Preferentemente, funcionarios da Administración da Xunta de Galicia dos grupos A e B, sen prexuízo de que a materia, polo seu ámbito de aplicación, poida ser de interese para todos aqueles funcionarios que presten servizos en administracións ou institucións de Galicia.

Segunda.-Obxectivos.

Análise da normativa sobre a responsabilidade patrimonial, dos procedementos administrativos para a súa efectividade, das súas diferentes dimensións (polo funcionamento anormal do servizo público, de autoridades e persoal ao servizo das administracións, do estado lexislador, por actos de concesionarios e contratistas...).

Análise práctico dos diferentes supostos, partindo dos máis recentes pronunciamentos xurisprudenciais na materia e estudo de criterios específicos de órganos consultivos: Consello de Estado e Consello Consultivo de Galicia.

A materia presenta especial interese científico e técnico para aqueles funcionarios que tramiten calquera tipo de expediente relativo á exixencia de responsabilidade patrimonial perante o órgano ou dependencia en que prestan servizos.

Todos os órganos administrativos están suxeitos a eventual exixencia de responsabilidade patrimonial por parte dos cidadáns, calquera que sexa o servizo público que presten: por actos materiais, polo exercicio ordinario das súas competencias, por atrasos na prestación do servizo, por actos lexislativos, por actos de funcionarios.

O coñecemento desta materia redunda no mellor exercicio profesional da súa función na medida en que a materia presenta múltiples dimensións, na medida en que absolutamente todos os servizos públicos e, polo tanto, todas as actuacións, incluídas as puramente materiais ou de xestión están suxeitas á eventual exixencia de responsabilidade patrimonial.

Por outra banda, a regulación do non procedemento de exixencia de responsabilidade patrimonial existen múltiples aspectos non resoltos na normativa, tales como as causas e prazos de prescrición, a caducidade, a lexitimación, a función dos órganos consultivos, a cuantificación dos danos, o concepto de nexo causal, os propios requisitos para apreciar un funcionamento anormal dun servizo, o caso fortuíto ou forza maior… e que dan lugar a unha intensa actividade xurisprudencial de interpretación e integración das leis que necesariamente teñen que coñecer aqueles funcionarios que, ordinaria ou eventualmente, participan na tramitación deste tipo de expedientes. Así mesmo, é unha materia de grande interese xurídico e doutrinal.

Terceira.-Contido.

A responsabilidade patrimonial da Administración. Principais teorías.

Regulación actual. Características e orzamentos da responsabilidade da Administración.

Procedemento en materia de responsabilidade patrimonial:

-Procedemento ordinario.

-Procedemento abreviado.

A responsabilidade de autoridades e persoal ao servizo das administracións públicas.

A responsabilidade de contratistas e concesionarios na nova Lei de contratos das administracións públicas.

A responsabilidade do estado lexislador.

A responsabilidade patrimonial sanitaria.

A intervención dos órganos consultivos no procedemento de responsabilidade patrimonial. Consello Consultivo e Consello de Estado.

Taller práctico.

Cuarta.-Desenvolvemento.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 26, 27, 28, 29 e 30 de xaneiro e ó 2, 3, 4, e 5 de febreiro de 2009.

Duración: 24 horas lectivas.

Horario: das 17.00 ás 20.00 horas.

Quinta.-Número de prazas.

25.

Sexta.-Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar no curso que se convoca nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula en liña que pode atopar no portal web da EGAP no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/matricula.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios cubertos adecuadamente no enderezo da internet: http://egap.xunta.es/matricula entenderanse presentados na EGAP.

d) En caso de dúbida, de dificultades técnicas ou de que precise máis información no momento de presentar a solicitude, pode dirixirse á EGAP enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo: matricula.egap@xunta.es, ou ben chamando aos teléfonos 981 54 62 41/881 99 70 14, co obxecto de que se adopten as medidas necesarias para facilitar a presentación da súa solicitude.

Sétima.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 19 de xaneiro de 2009.

Oitava.-Selección.

A selección dos participantes será realizada pola Asociación de Letrados da Xunta de Galicia, a quen lle corresponde a dirección e responsabilidade académica do curso, respectando, en todo caso, os criterios selectivos sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 7, do 10 de xaneiro).

A EGAP publicará no seu sitio web os admitidos neste curso.

Novena.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Décima.-Asistencia ao curso.

a) O persoal seleccionado non poderá renunciar a este curso, salvo por causa de forza maior suficientemente xustificada, por necesidades do servizo ou por causas acreditadas documentalmente pola persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolve o seu labor. A renuncia deberá ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación de 7 días hábiles antes do comezo do curso, sempre que sexa posible, para que poida cubrirse a vacante. A renuncia presentarase acompañada da acreditación documental que certifique a súa causa. Aquela renuncia ou abandono non xustificado debidamente suporá a exclusión do seleccionado das convocatorias do ano en curso e das do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP.

b) Durante a realización do curso levarase un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencias as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe neste curso terá que anotar a hora de chegada ou saída, de ser o caso, durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e de realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Undécima.-Certificados.

a) Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participe con regularidade e dedicación no desenvolvemento do curso. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polo alumnado, a EGAP poderá fixar a realización das probas que considere oportunas.

b) É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do curso. Calquera ausencia non xustificada ou xustificada insuficientemente implicará a perda do dereito ao certificado acreditativo de participación no curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, que se acreditarán documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou ante a persoa responsable do curso nun prazo máximo de 10 días despois de que este finalice e, en ningún caso, esta ausencia poderá superar o 15% das horas lectivas.

c) Para que quede coñecemento e constancia no seu expediente, as persoas participantes no curso terán que facilitarlle unha copia das certificacións recibidas ao servizo de persoal do centro directivo ao que estean adscritos.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2008.

Carlos Suárez-Mira Rodríguez

Director da Escola Galega de Administración Pública