DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 07 de xaneiro de 2009 Páx. 224

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2009.

O Decreto 332/1995, do 27 de decembro, establece para a Comunidade Autónoma de Galicia as axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios coa finalidade de que un maior número de agricultores e gandeiros poidan beneficiarse das vantaxes que supoñen os seguros como un instrumento que lles permite facer fronte ás perdas económicas que poidan ter nas súas producións como consecuencia da actuación de axentes alleos, como o clima, enfermidades, e outros.

Tendo en conta a evolución da contratación de seguros agrarios nas últimas campañas, as recomendacións da Comisión Europea canto a contías máximas de subvención por tipos de seguros e coberturas, e a Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, é necesario regular mediante esta orde determinados aspectos das axudas para fomentar a contratación de seguros durante o ano 2009.

Conforme o previsto no artigo cinco do título II da Lei 87/1978, do 28 de decembro, e o Regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 2329/1979, do 14 de setembro, a Entidade Estatal de Seguros Agrarios elaborou o Plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2009, o contido do cal se axusta ao acordo de bases para a elaboración dos plans de seguros agrarios combinados para o trienio 2007-2009, aprobado pola comisión delegada do Goberno para Asuntos Económicos na reunión do 27 de xullo de 2006.

No plan determínanse as distintas porcentaxes de subvención que lle corresponden á Administración do Estado, que achegará Enesa, nos diferentes grupos de liñas de seguro e os criterios para a súa asignación, os estudos de viabilidade e condicións de cobertura, as novas liñas de seguro ou garantías adicionais que se poden incorporar como novidades, a elaboración e revisión das normas de peritación, as datas de subscrición e prazos de elaboración de cada seguro; e demais cuestións relacionadas co plan.

O Plan anual de seguros agrarios foi aprobado para o ano 2009 polo Acordo do Consello de Ministros do 5 de decembro de 2008.

Mediante esta orde, e en desenvolvemento do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia participará nas subvencións que financien as pólizas de seguro que se prevexan no plan anual estatal, co fin de fomentar a contratación de seguros agrarios.

As liñas mestras deste plan estarán destinadas ao logro dos seguintes obxectivos:

-Promover aqueles traballos e actividades que permitan realizar un balance dos resultados da aplicación do seguro e a definición dos novos retos e as orientacións de futuro que para os principais sectores produtivos deban ser abordados.

-Desenvolver os traballos necesarios para lograr a universalización da protección nos sectores agrícolas e forestal. As tarefas específicas a desenvolver estarían orientadas a conseguir no menor prazo posible a inclusión no sistema de opcións de aseguramento que ofrezan garantías ás producións agrícolas contra os riscos naturais non controlables e que permitisen o aseguramento das diferentes producións forestais.

-Co mesmo obxectivo de avanzar cara á universalización da protección aos produtores, intensificaranse os estudos que permitan completar a cobertura do sector gandeiro ante as consecuencias que derivan dos riscos zoosanitarios e mediante a incorporación ao sistema das especies actualmente non asegurables.

-Desenvolver os traballos precisos que permitan avanzar no deseño de instrumentos para a xestión de crises agrarias. As últimas propostas da Comisión Europea nesta materia abren novos campos de actuación ao seguro agrario, xa que algúns modelos aplicados no sistema de seguros poden ser usados para deseñar novos instrumentos que faciliten a xestión das crises.

-Contribuír, a partir dos resultados procedentes da aplicación do seguro, á análise do impacto do cambio climático sobre o sector agrario, no que fai referencia aos aspectos relativos aos riscos climáticos e naturais.

No ano 2009 por parte da Consellería do Medio Rural recibirán subvención as liñas de seguros indicadas no anexo así como outras liñas e melloras de garantías que se poidan incorporar ao longo do ano, unha vez realizados os estudos necesarios para a súa viabilidade e as condicións de cobertura correspondentes. Entre estas destacan:

-Cobertura de danos por fauna silvestre.

-A garantía de compensación por gripe aviar e Newcastle no seguro aviar de carne e adicionalmente a estes a da salmonella nas poñedoras.

-A mellora da garantía por saneamento gandeiro nos seguros de explotación de gando vacún e ovino cabrún.

-Revisión das indemnizacións nos invernadoiros.

-A inclusión do cabalo de pura raza galega no seguro de explotación de gando equino.

En virtude do exposto, e de conformidade co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios e convocalas para o ano 2009, para os seguros incluídos no plan de seguros agrarios combinados para o exercicio 2009, ao abeiro do previsto no Decreto 332/1995, do 27 de decembro, polo que se establecen na Comunidade Autónoma galega axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios.

2. A Consellería do Medio Rural concederá estas axudas en réxime de concorrencia e poderán ser beneficiarios das axudas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do plan 2009 e liñas gandeiras dos plans 2008 e 2009, e cumpran o establecido no Decreto 332/1995 e nesta orde. Tamén poderán ser beneficiarios destas axudas os que subscriban, durante o ano 2009, seguros de liñas de cultivos agrícolas que lles dean cobertura ás colleitas que se leven a cabo no ano 2010.

3. Segundo o establecido no número 2 do artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas axudas exceptúanse do requisito de fixar unha orde de prelación das solicitudes, procedéndose ao pagamento destas ata o esgotamento do orzamento consignado.

4. As subvencións establecidas nesta orde non serán de aplicación nas pólizas de seguros contratadas por asegurados que, de acordo co artigo 2 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, teñan a consideración de administracións públicas.

Artigo 2º.-Entidades aseguradoras autorizadas.

1. A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Facenda e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro), ou a través dos axentes de seguros autorizados de conformidade co previsto na Lei 87/1978, do 28 de decembro, de seguros agrarios combinados e demais normativa de desenvolvemento.

2. A contratación con estas entidades poderase realizar de forma individual ou ben de forma colectiva por medio de tomadores de seguros. Non obstante, soamente aqueles tomadores que se inscriban no Rexistro de Tomadores da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) poderán percibir as subvencións públicas adicionais que por contratación colectiva se establezan.

Artigo 3º.-Liñas de seguros subvencionables e contía das axudas.

1. Para o ano 2009 a subvención da Consellería do Medio Rural queda establecida para as liñas de contratación dos grupos establecidos no anexo que se xunta a esta orde do seguinte xeito:

A) Para todas as liñas agás as do grupo VI, unha porcentaxe sobre a axuda á contratación que lles conceda Enesa, que será variable segundo as liñas, na contía que se especifica no anexo.

B) Para as liñas do grupo VI correspondente aos seguros de cobertura de gastos derivados da destrución de animais bovinos mortos nas explotacións e gastos derivados da destrución de animais non bovinos mortos nas explotacións, incluídas as modalidades de renovables, unha porcentaxe sobre o custo neto do seguro especificado no anexo.

2. A concorrencia das axudas das administracións públicas non superarán as porcentaxes máximas establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais ao sector agrario para atender posibles perdas causadas por desastres naturais e acontecementos de carácter natural ou por fenómenos climáticos adversos asimilables a desastres naturais. Para asegurar o cumprimento desta normativa, as subvencións terán os seguintes límites:

A) A subvención conxunta de Enesa e da Consellería do Medio Rural non poderá sobrepasar un límite xenérico do 80% do custo do seguro:

B) Existirán uns límites específicos sobre o custo do seguro das seguinte contías:

a) Seguros de explotación de gando do grupo IV: 65%.

b) Seguro de explotación de uva de viño: 67%.

c) Seguro combinado e de danos excepcionais de uva de viño: 65%.

d) Seguro de kiwi e cereixa: 74%.

Artigo 4º.-Procedemento e prazos de execución.

1. A formalización da declaración do seguro considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e, ademais, se cumpran os distintos puntos referentes á subvención que se conteñan na declaración do seguro. En todo caso, na declaración do seguro especificarase, na parte de subvencións para Comunidades Autónomas, a expresión literal de subvención da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contratación da póliza do seguro constitúe unha declaración do asegurado de que reúne os requisitos exixidos nas normas reguladoras sobre subvencións e axudas públicas, de acordo cos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que non foron obxecto de resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro ou que, de ser o caso, se realizou o correspondente ingreso, e que dispón dos documentos que xustifican o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde para a concesión das subvencións.

3. No caso daquelas pólizas de seguro correspondentes á modalidade renovable, terán a consideración de solicitude de subvención a póliza de seguro inicialmente subscrita mediante a formalización da declaración do seguro, conxuntamente co recibo de pagamento da correspondente anualidade. Neste eido, presumirase que o pagamento do recibo da póliza constitúe a manifestación da aceptación das condicións do seguro e de xuntar os requisitos para a percepción das subvencións correspondentes.

4. As datas de inicio e o prazo da subscrición e formalización da correspondente póliza de seguro, sinálanse de forma particular para cada liña de contratación no plan anual para o ano 2009, onde constan as datas de inicio para a subscrición das pólizas do seguro de que se trate.

5. O importe da axuda que lle corresponda á Consellería do Medio Rural deducirase do importe da prima a aboar polo tomador ou o asegurado no momento da subscrición da póliza. As cantidades así descontadas pagarallas a consellería a Agroseguro contra certificacións de liquidacións, sempre de acordo co procedemento establecido no correspondente convenio de colaboración subscrito entre a consellería e Agroseguro.

6. No dito convenio establécense os prazos e a documentación que Agroseguro deberá xuntar a cada certificación de liquidación co fin de que se poidan efectuar as comprobacións oportunas para a resolución por parte da Consellería do Medio Rural, antes de realizar os correspondentes pagamentos da axuda a Agroseguro.

7. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións será a Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria.

8. Dentro das dispoñibilidades orzamentarias e de acordo coa orde de presentación de solicitudes, o conselleiro do Medio Rural, logo da proposta do director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, ditará a correspondente resolución de concesión ou denegación da axuda, no prazo máximo de seis meses contados desde a presentación da solicitude. Poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes se no devandito prazo non se ditar a correspondente resolución.

9. As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 5º.-Obrigas dos beneficiarios e tomadores dos seguros.

1. Os tomadores dos seguros e, de ser o caso, os asegurados beneficiarios achegarán unha lista resumo das pólizas subscritas así como toda aquela documentación relacionada coa contratación do seguro, sempre que así lles fose esixida expresamente pola Dirección Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria. Así mesmo, aqueles terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

2. Na formalización do seguro, os beneficiarios das axudas farán constar as axudas solicitadas ou concedidas, das distintas administracións públicas competentes, para a mesma finalidade.

3. O incumprimento das obrigas sinaladas nos dous puntos anteriores poderá supoñer a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorrer os beneficiarios ou perceptores.

4. Os asegurados, polo feito de contrataren a póliza do seguro agrario, autorizan a Consellería do Medio Rural para que, en caso necesario, e co obxecto de verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde, poida solicitar a cesión de información a outras administracións, por medios informáticos ou telemáticos, sobre a circunstancia de estar ou non ao día nas súas obrigas tributarias, así como calquera outra información que permita certificar o cumprimento dos requisitos exixidos para a obtención das subvencións reguladas nesta orde.

5. A formalización da poliza constitúe unha autorización para poder obter de Agroseguro a información sobre os sinistros acaecidos nas explotacións aseguradas e outros datos relevantes sobre a xestión da póliza segundo se fai constar no documento de aseguramento que se asina para a súa formalización.

6. Nos seguros de gando, no caso de cesar a actividade para a cal se subscribise o seguro antes de rematar o prazo de garantías, é obligatorio comunicar á compañía aseguradora o fin da actividade, a fin de que, se é o caso, a Consellería do Medio Rural poida recuperar a parte de subvención non empregada.

Artigo 6º.-Modificación da resolución de concesión e infraccións administrativas.

1. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da axuda.

Artigo 7º.-Control das axudas.

1. A Consellería do Medio Rural, establecerá os controis administrativos e de campo precisos para asegurar que se cumpren os requisitos establecidos nesta orde.

2. Para os efectos do control das subvencións reguladas nesta orde, o tomador do seguro, no caso de pólizas de contratación colectiva, ou o asegurado, no caso de pólizas individuais, serán responsables das infraccións administrativas en materia de subvencións e estarán suxeitos ás sancións reguladas ao respecto, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Co obxecto de mellorar o sistema de control de subvencións, a Consellería do Medio Rural poderá establecer un convenio de colaboración con Enesa para o intercambio de información relativa ás pólizas contratadas, en particular aquelas cuxo importe se calcula como unha porcentaxe das que outorga esta entidade.

Artigo 8º.-Reintegro das axudas.

No caso de pagamentos indebidos, os beneficiarios ou perceptores das axudas quedarán obrigados ao reembolso do importe indebidamente percibido, xunto cos xuros de demora producidos desde o pagamento, sen prexuízo doutras responsabilidades a que houber lugar segundo os artigos 37, 38, 39 e 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, por un importe total de 7.800.000,00 euros, que poderá verse incrementado con outros remanentes orzamentarios e sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, na aplicación 2009 11.03. 713C 7723 código de proxecto (2009 00695).

2. De conformidade co establecido na Orde da Consellaría de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilítase a tramitación anticipada de expedientes de gasto, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos do exercicio do ano 2009 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. Esta orde enténdese condicionada a que, unha vez aprobados os orzamentos, exista crédito adecuado e suficiente e subsistan as circunstancias de feito e de dereito existentes no momento de ditarse esta.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para o non previsto nesta orde observarase o disposto preferentemente na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segunda.-Sen perxuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na administración pública galega, a consellaría publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos na citada páxina web.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "00400D005P012.PDF"