DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Mércores, 07 de xaneiro de 2009 Páx. 220

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de decembro de 2008 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o exercicio orzamentario de 2009.

A Consellería do Medio Rural publicou, con data do 15 de maio de 2007, a Orde do 10 de maio de 2007, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013. Posteriormente, con data do 11 de febreiro de 2008, publicouse a Orde do 4 de febreiro, pola que modificaban as ditas bases reguladoras.

Ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2009, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano e facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación das bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, aprobadas mediante a Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 93, do 15 de maio), modificadas pola Orde do 4 de febreiro de 2008 (DOG nº 29, do 11 de febreiro), e proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2009.

Sección primeira

Modificación das bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013.

Artigo 2º.-Modificación das bases reguladoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nas bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, aprobadas mediante a Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 93, do 15 de maio) e modificadas pola Orde do 4 de febreiro de 2008 (DOG nº 29, do 11 de febreiro):

Primeira.-Modificación da alínea 2 do artigo 5º.

A alínea 2 do artigo 5º (gastos subvencionables e contía das axudas) da Orde do 15 de maio de 2007 queda redactada como segue:

«2. As axudas poderán chegar ata o 70% do gasto subvencionable. Sen prexuízo do anterior, no caso das accións encadradas na epígrafe 1 anterior as axudas máximas serán as seguintes:

-Para as accións encadradas na letra a) (Promoción) a axuda máxima será de 250.000 € por beneficiario e ano, agás no caso no que por haber crédito suficiente se poida superar este límite.

-Para as accións encadradas na letra b.1) (Asistencia a feiras), a axuda máxima será de 6.000 € cando se trate dun evento realizado no territorio da comunidade autónoma, de 9.000 € no resto do territorio peninsular e de 12.000 € no caso de ser fóra do territorio peninsular.

-Para as accións encadradas na letra b.2) (Organización de feiras) a axuda non superará os 24.000 € por acción.

-Para as accións encadradas na letra c) (Estudos e outras accións divulgativas) a axuda non superará os 18.000 € por acción».

Segunda.-Modificación do artigo 6º.

O artigo 6º da Orde do 15 de maio de 2007 queda redactado como segue:

«Artigo 6º.-Criterios de valoración.

1. Na resolución das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Peso relativo da agrupación solicitante no sector do produto de calidade de que se trate (20 puntos).

-Incidencia potencial da actuación na comercialización do produto (10 puntos).

-Relación custo/beneficio da actuación (10 puntos).

-Axuste das actuacións ás demandas do mercado (10 puntos).

2. Para establecer a porcentaxe de axuda que se vai conceder a cada expediente aplicaranse os baremos de puntos que se establecen na seguinte táboa:

Equivalencia % axuda con puntuación criterios de valoración artigo 6º:

Puntos % axuda

0-15 0

16-30 50

>30 70

3. A concesión das axudas para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada outorgarase en réxime de concorrencia competitiva, procedéndose ao rateo entre todas as solicitudes presentadas con dereito a axudas se, aplicados os criterios da epígrafe 1 e as equivalencias da 2, existise insuficiencia orzamentaria».

Sección segunda

Convocatoria 2009

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2009, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2007-2013, sendo as súas bases reguladoras as contidas na Orde do 15 de maio de 2007, modificada pola Orde do 4 de febreiro de 2008 e as modificacións recollidas na sección primeira desta orde.

Estas axudas teñen por finalidade o financiamento das actuacións relativas á promoción, á asistencia e organización de feiras e exposicións e á realización de estudos e outras actividades de divulgación, que sexan executadas por consellos reguladores e asociacións sen ánimo de lucro de ámbito galego que participen nalgún programa de calidade diferenciada.

Artigo 4º.-Solicitudes e procedemento de xestión.

As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 10 de maio de 2007 (DOG nº 93, do 15 de maio) pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas, coas modificacións introducidas na Orde do 4 de febreiro de 2008 (DOG nº 29, do 11 de febreiro) e na sección primeira desta orde. Como anexos a esta orde inclúense o modelo de solicitude (anexo I) e a documentación complementaria que se deberá presentar acompañándoa (anexo II).

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o día 13 de marzo de 2009.

Artigo 6º.-Financiamento das axudas.

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2009, na aplicación orzamentaria 11.03.713D.7810, cunha dotación de 1.972.597,53 €. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2009, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Disposición de desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "00400D004P008.PDF"