DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2009 Páx. 106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 29 de decembro de 2008 pola que se modifica a Orde do 18 de xullo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e aconsellamento, e se convocan para o ano 2009.

Con data do 24 de xullo de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 143), publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 18 de xullo de 2008 da Consellería do Medio Rural, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e aconsellamento. Estas axudas convocáronse amparadas no Regulamento (CE) 1698/2005 relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

As axudas teñen por finalidade reforzar a viabilidade da actividade agraria mediante a implantación de servizos de xestión, substitución e aconsellamento, co fin de que as explotacións adopten novas formas e técnicas de traballo máis respectuosas co ambiente, a saúde pública, a sanidade vexetal e animal e o benestar dos animais no exercicio da súa actividade agraria.

De acordo coas ditas bases estas axudas deben ser convocadas anualmente, polo que procede realizar a convocatoria correspondente para o ano 2009. Por outra banda, o desenvolvemento práctico da orde pola que se establecían as bases reguladoras para a implantación de servizos de xestión, substitución e aconsellamento, así como a experiencia adquirida neste período na súa xestión, require modificar determinadas cuestións co fin de acadar unha clarificación e axuste dos seus contidos.

Por último, tendo en conta a derrogación do Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión, en que se amparaban as axudas a investimentos, substituído polo Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008 (Regulamento xeral de exención por categorías), e de acordo coa disposición transitoria do artigo 44, resulta necesario efectuar as modificacións necesarias nas bases reguladoras para adaptalas aos requisitos desta norma comunitaria.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación das bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e aconsellamento aprobadas mediante a Orde do 18 de xullo de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 143, do 24 de xullo), e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2009.

Sección primeira

Modificación da orde do 18 de xullo de 2008

Artigo 2º

Introdúcense as seguintes modificacións nas bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para a implantación de servizos de xestión, substitución e aconsellamento aprobadas mediante a Orde do 18 de xullo de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 143, do 24 de xullo):

Primeira.-Modifícase o artigo 2, engadindo o punto 7:

«7. Pequena ou mediana empresa (Peme). Tomarase a definición incluida no anexo I do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008».

Segunda.-Modifícase na sección segunda o artigo 3º, engadindo o punto 3:

«3. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 1, punto 7 do regulamento (CE) nº 800/2008.

Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común».

Terceira.-Modifícanse na sección segunda os puntos 8 e 11 do artigo 4º.

Os puntos 8 e 11 do artigo do 4º (Requisitos xerais dos beneficiarios) quedarán redactados como segue:

«8.-Os contratos laborais subvencionables de acordo co artigo 7 deberán garantir a estabilidade no emprego xerado. Para isto, no primeiro ano poderán ser de carácter indefinido ou de duración determinada, cunha duración mínima dun ano, excluíndo os eventuais. No caso das prórrogas de contrato para postos de traballo polos cales xa se solicitou axuda no exercicio anterior, os contratos subvencionables deberán ser exclusivamente de carácter indefinido.

Os contratos deberán especificar como obxecto da contratación a realización de servizos de aconsellamento e/ou de xestión segundo o Decreto 235/2007 do 29 de novembro».

«11.-As entidades recoñecidas para prestaren simultaneamente servizos nos ámbitos do aconsellamento e da xestión disporán, para cada un deles, do persoal técnico axeitado e diferenciado. As entidades disporán dos medios materiais axeitados ás actividades que se vaian desenvolver».

Cuarta.-Modifícase o punto 4.B).1.b).i do artigo 5º.

O punto 4.B).1.b).i do artigo 5º (Requisitos específicos) quedará redactado como segue:

«4.B).1.b).i.-Programa de reprodución animal en vacún, ovino e/ou cabrún».

Quinta.-Modifícase o punto 3 do artigo 6º.

O punto 3 do artigo 6º (Compromisos das entidades de aconsellamento e/ou xestión) quedará redactado como segue:

«3. Cumprir as condicións de substitución do traballador ou traballadores especificadas no artigo 4º, punto 9 desta orde, no caso de rescisión do contrato de traballo subvencionado antes de finalizar o período de duración establecido».

Sexta.-Modifícanse os puntos 1.b) e 3 do artigo 7º e engádense os punto 4 e 5.

Os puntos 1.b), 3, 4 e 5 do artigo 7º (Conceptos subvencionables) quedarán redactados como segue:

«1.b).-Custos brutos anuais dos contratos laborais derivados da contratación de persoal técnico e administrativo necesario como consecuencia da implantación de servizos de aconsellamento e/ou xestión. Na contratación de persoal administrativo subvencionarase como máximo un posto administrativo por entidade solicitante».

«3.-No caso dos contratos laborais de persoal, serán admitidos aqueles formalizados con posterioridade á convocatoria destas axudas correspondentes ao ano 2008, ata 1 de outubro do exercicio da convocatoria do ano correspondente, como data límite para a formalización do contrato de traballo. Cando a data do inicio de actividade, segundo o sinalado no punto 4 deste artigo, sexa posterior á solicitude de axuda ao abeiro da convocatoria do ano correspondente, serán subvencionables os contratos desde a data de inicio da actividade. No caso que o inicio da actividade sexa anterior á convocatoria do ano en curso, entón os contratos serán subvencionables desde a data da solicitude do mesmo ano».

«4.-A declaración de inicio da actividade realizarase no prazo máximo de 3 meses, contados a partir da data da primeira contratación, sen prexuízo da data límite de formalización dos contratos sinalada nas convocatorias dos anos correspondentes para os efectos de recoñecemento de contratos subvencionables».

«5.-Os investimentos en bens inventariables referidos no punto 1.a), cando o beneficiario teña a condición de Peme, ampáranse no previsto no capítulo II, sección 2 do Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, publicado no DOUE L 214, do 9 de agosto. Cando o beneficiario non teña condición de Peme, ampáranse no Regulamento (CE) nº 1998/2006, da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 379, do 28 de decembro), referente á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis».

Sétima.-Modifícase o artigo 8º.

O artigo 8º (Contía subvencionable) queda redactado da seguinte forma:

«1.-Os gastos en bens inventariables subvencionaranse durante o período de 5 anos desde a comunicación do inicio da actividade. A intensidade de axuda variará segundo a categoría de empresa de que se trate:

a) No caso de pequenas empresas, a intensidade da axuda terá carácter decrecente, sendo dun 50% no primeiro ano de implantación, 40% no segundo, 30% no terceiro, 20% no cuarto e 10% no quinto.

b) No resto de empresas, a intensidade da axuda terá carácter decrecente, sendo dun 40% no primeiro ano de implantación, 32% no segundo, 24% no terceiro, 16% no cuarto e 8% no quinto.

c) En todo caso, a axuda máxima ao investimento realizado durante o dito período non superará os 18.000 euros de axuda para a 1ª oficina da entidade solicitante, e os 8.000 euros para a segunda e sucesivas».

«2.-Os investimentos máximos auxiliables para a contratación de persoal técnico e administrativo son os correspondentes ao custo laboral bruto excluídas axudas de custo de desprazamento e mantemento do persoal laboral das categorías I, II e III que para cada ano estipula a Xunta de Galicia, a través da orde anual pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica:

I) Grupo I: titulado superior.

II) Grupo II: titulado medio.

III) Grupo III: FP de grao superior.

IV) Grupo IV: oficial administrativo.

A axuda concederase anualmente por un período de tempo máximo de cinco anos, contados desde a data da implantación do servizo. A intensidade da axuda será de ata un 60% no primeiro ano de implantación, 48% no segundo, 36% no terceiro, 24% no cuarto e 12% no quinto.

«3.-No caso de implantación de novos programas de xestión claramente diferenciados na súa vertente técnica, nunha entidade que xa solicitase axudas para a implantación de programas de xestión, a intensidade máxima de axuda contabilizarase, só para os novos programas implantados, como se se tratase do primeiro ano de implantación, decrecendo anualmente segundo o establecido nos puntos anteriores».

4.-A porcentaxe de financiamento dos custos poderase ver reducida en función do grao de cumprimento do programa.

Oitava.-Modifícanse os puntos 3, 8, 9 e 10.i do artigo 9º e engádense unha letra c) ao punto 11, e o punto 15 .

Os puntos 3, 8, 9 e 10.i, a letra c) do punto 11 e o punto 15 do artigo 9º (Documentación) quedarán redactados como segue:

«3.-Copia cotexada da resolución da inscrición no Resaxega ou, se é o caso, copia da solicitude de recoñecemento».

«8.-Relación en formato dixital e por programas das explotacións usarias dos servizos de aconsellamento e/ou xestión, segundo o modelo do anexo XII».

«9. Plan financeiro da entidade, incluíndo o sistema de tarificación polos servizos levados a cabo no ámbito do aconsellamento e/ou da xestión»

«10.i.-Relación dos postos de traballo obxecto de solicitude de axuda e orzamento anual das contratacións, especificando mes a mes en formato papel e díxital, segundo anexo XIII».

«11.c) Documentación acreditativa de ser Peme:

I) Declaración segundo anexo XIV de ser Peme.

II) Copia do imposto de sociedades.

III) Balance da conta de resultados.

IV) TC2 do último exercicio económico».

«15).-Declaración de non entrar dentro da categoría de empresa en crise, de conformidade coa definición prevista no artigo 1.7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, e de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo o anexo XV».

Novena.-Modifícanse na sección terceira os puntos 9 e 10 do artigo 11º.

Os puntos 9 e 10 do artigo 11º (Requisitos) quedarán redactados como segue:

«9.-A data límite para a implantación do servizo para acceder ás axudas será o 1 de outubro, incluído este, da convocatoria do ano correspondente».

«10.-Os socios da entidade solicitante poderán facer uso do servizo para a substitución dun máximo de dúas UTA».

Décima.-Modifícase na sección terceira o punto 8.c) do artigo 15º, e engádense os puntos 12 e 13.

Os puntos 8.c),12 e 13 do artigo 15º (Documentación) quedarán redactados como segue:

«8.c).-Copia cotexada dos contratos obxecto da solicitude ou compromiso de presentalos antes da primeira xustificación da axuda, e en ningún caso con data posterior ao 30 de novembro. No caso de contratación de servizos externos, copia cotexada do contrato de servizos que en todo caso deberá estar feito con data máxima ao inicio da actividade».

«12).-Declaración da condición de pequena/mediana empresa segundo o anexo XIV».

«13).-Declaración de non entrar dentro da categoría de empresa en crise, de conformidade coa definición prevista no artigo 1.7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, e de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo o anexo XV».

Décimo primeira.-Modifícanse na sección cuarta os puntos 1 e 2.b) do artigo 21º.

Os puntos 1 e 2.b) do artigo 21 (Xustificación da axuda) quedarán redactados como segue:

«1.-A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables para cada unha das liñas de axuda reguladas nesta orde deberase realizar como data máxima ata o 30 de novembro do ano en que se realiza a solicitude de axuda, coa única excepción das nóminas correspondentes aos meses de novembro e decembro, que poderán ser entregadas ata o 15 de decembro e poderase achegar nos vinte primeiros días do mes de xaneiro do ano seguinte o xustificante do seu aboamento».

«2.b).-Para axudas aos custos laborais brutos de postos de traballo: copia cotexada dos contratos ou prórrogas de persoal, legalmente establecidos, polos cales se concedeu axuda e copia cotexada das nóminas aboadas, xustificante do pagamento dos gastos da Seguridade Social (TC1, TC2), xustificante de retencións e ingresos á conta do IRPF (modelo 110) e certificado asinado polo representante legal da entidade das retribucións íntegras e a cota patronal».

Duodécima.-Modifícanse os anexos II, III, IV e VI, da Orde do 18 de xullo.

Os anexos II, III, IV e VI quedarán modificados na forma establecida segundo se xunta ao remate desta orde.

Trixésima.-Engádense os anexos XII , XIII, XIV e XV á Orde do 18 de xullo.

Os anexos XII, XIII, XIV e XV xúntase na forma establecida ao remate desta orde.

Sección segunda

Convocatoria das axudas

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas para o 2009.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2009, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para a implantación de servizos de xestión, substitución e aconsellamento, sendo as súas bases reguladoras as contidas na Orde do 18 de xullo de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 143, do 24 de xullo), coas modificacións recollidas nesta disposición.

Artigo 4º.-Solicitudes e procedemento de xestión.

As solicitudes, documentación, condicións, requisitos e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 18 de xullo de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 143, do 24 de xullo), pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas, coas modificacións introducidas nesta orde.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6º.-Financiamento das axudas.

As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

11.03.713-C.770.1. Código de proxecto: 2009 000703.

Importe para o xercicio 2009: 500.000 euros.

Importe para o exercicio 2010: 50.000 euros.

11 03 712C 770.0. Código de proxecto 2008 00719.

Importe para o xercicio 2009: 500.000 euros.

Importe para o exercicio 2010: 50.000 euros.

As devanditas aplicacións orzamentarias poderán verse incrementados con outros remanentes orzamentarios destas ou doutras aplicacións, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. A concesión da axuda someterase á condición suspensiva de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2009, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.

Disposición adicional

As referencias feitas na orde ao Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas estatais a pequenas e medianas empresas, deberán entenderse feitas ao Regulamento (CE) nº 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto de 2008, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado, publicado no DOUE L 214, do 9 de agosto (Regulamento xeral de exención por categorías).

Disposición derradeira

Primeira.-Habilitación normativa.

Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "00200D008P054.PDF"

ANEXO III

Plan de aconsellamento

1. Ámbito xeográfico de actuación.

2. Metodoloxía de aconsellamento.

Establecer a metodoloxía de aconsellamento técnico e seguimento que se vai implantar, e que recolla como mínimo:

2.1. Principais características das explotacións do ámbito de actuación.

Recoller polo menos os seguintes aspectos:

a) Tipoloxía: agrícola, gandeira ou mixta.

b) Orientación produtiva (vacún de leite, vacún de carne, ovino, viñedo, horta, etc.).

c) Dimensión:

* Nº de explotacións.

* Superficie media/explotación.

*Nº cabezas de gando medio/explotación.

2.2. Obxectivos.

Determinación dos obxectivos que se van acadar para, se é o caso, corrixir e/ou mellorar o cumprimento do conxunto de prácticas na explotación ou explotacións con características semellantes, en relación cos RLX, BCAM, seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras novas. Estes obxectivos serán avaliables e cuantificables.

De ser o caso, especificaranse os obxectivos de cara á posta en marcha do Contrato de Explotación Sustentable (CES), regulado na Orde do 25 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 23, do 1 de febreiro), ou doutras actividades diferentes do ámbito dos servizos de xestión, segundo o artigo 5º do Decreto 235/2007, que contribúan a un aconsellamento de carácter integral.

2.3. Diagnose técnica inicial.

Descrición das actuacións que se van a levar a cabo e dos puntos de control a comprobar para establecer a diagnose inicial das explotacións principalmente canto á situación relativa aos requisitos legais de xestión (en adiante, RLX), boas condicións agrarias e ambientais (en adiante, BCAM), seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras novas.

2.4. Medidas de actuación: descrición das medidas concretas de actuación para acadar os obxectivos propostos, cronograma e a planificación para levalas a cabo.

2.5. Sistema de seguimento das orientacións produtivas.

Sinalar o control e seguimento que se levará a cabo para acadar a implantación das medidas previamente definidas no aconsellamento para cada unha das orientacións produtivas (vacún de leite, vacún de carne, ovino, viñedo, horta, etc.), especificando polo menos:

* Nº visitas/explotación e periodicidade.

* Definición dos puntos críticos que se van examinar para a comprobación das prácticas agrarias en relación cos RLX, BCAM, seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras mozas.

2.6. Mostraxes.

Determinación das mostraxes (metodoloxía da mostraxe, periodicidade, intensidade e parámetros que se van controlar).

2.7. Documentación de traballo.

Relación e modelos da documentación necesaria que deixe constancia das visitas, seguimento e recomendacións (actas, informes, etc.).

2.8. Método de autoavaliación e propostas.

Determinar os indicadores que permitan avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos en cada un dos ámbitos dos RLX, BCAM, seguridade laboral, medidas de acción positiva desde a vertente de xénero, relevo xeracional e inicio da actividade de persoas agricultoras mozas, e en cada unha das orientacións produtivas.

No caso da posta en marcha dun CES ou doutras actividades que acaden un aconsellamento integral, diferentes do ámbito dos servizos de xestión segundo artigo 5 do Decreto 235/2007, especificaranse ademais aqueles indicadores que mellor definan a consecución dos obxectivos definidos.

ANEXO IV

Plan de xestión

1. Definición do plan de xestión: descrición do servizo de xestión e asistencia técnica ás explotacións nos ámbitos da agricultura sustentable de acordo co artigo 5 do Decreto 235/2007, do 29 de novembro.

1.1. Ámbito xeográfico de actuación.

1.2. Metodoloxía: establecemento da metodoloxía ou procedemento que se vai seguir incluíndo polo menos:

1.2.1. Principais características das explotacións do ámbito de actuación: recolleranse polo menos os seguintes aspectos:

a) Tipoloxía: agrícola, gandeira ou mixta.

b) Orientación produtiva (vacún de leite, vacún de carne, ovino, viñedo, horta, etc.).

c) Dimensión:

* Nº de explotacións.

* Superficie media/explotación.

* Nº cabezas de gando medio/explotación.

1.2.2. Obxectivos que se van acadar nas actuacións previstas:

Estes obxectivos serán avaliables e cuantificables.

1.2.3. Diagnose técnica inicial: descrición das actuacións que se van levar a cabo, e dos puntos de control a comprobar para establecer a diagnose inicial das explotacións.

1.2.4. Medidas de actuación: descrición das medidas concretas de actuación para acadar os obxectivos propostos, cronograma e a planificación para levalas a cabo.

1.2.5. Seguimento do programa de xestión: establecer un plan de seguimento e control, definindo como mínimo:

* Nº de visitas por explotación e periodicidade.

* Definición dos puntos críticos de inspección e control para o seguimento das medidas concretas de actuación.

1.2.6. Mostraxes: determinación das mostraxes que se van realizar ben na diagnose técnica inicial ou/e no seguimento das actuacións do programa de xestión (metodoloxía da mostraxe, periodicidade, intensidade e parámetros que se van controlar).

1.2.7. Documentación de traballo: relación e modelos da documentación necesaria que deixe constancia das visitas, seguimento e recomendacións (actas, informes, etc.).

1.2.8. Método de autoavaliación e propostas de mellora.

Determinación dos indicadores que permitan avaliar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos no plan de xestión.

Ver referencia pdf "00200D008P054.PDF"