DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2009 Páx. 100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2008, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria de axudas para financiar proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o ano 2009, curso escolar 2008-2009 (PR101A).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2º e 148.1º 17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantir o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigatorio en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo, encoméndaselles ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos en que o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado debe coñecer esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán. Igualmente, a Administración educativa debe desenvolver e apoiar aquelas medidas que axuden a incrementar o uso da lingua galega na comunidade educativa.

Por outra banda, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia na súa sesión do día 22 de setembro de 2004, reitera a necesidade de promover medidas favorables ao galego para conseguir equiparar o nivel de competencia do alumnado en lingua galega e castelá, así como para corrixir a situación social de desigualdade entre os dous idiomas.

O Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, desenvolve a Lei de normalización lingüística para a súa aplicación en todos os centros docentes públicos e privados que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (DOG nº 125, do 29 de xuño). Este decreto pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística en que se enmarca cada centro.

Con ese obxectivo, cada centro, dentro do seu proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico. O proxecto lingüístico será aprobado e avaliado polo Consello Escolar do centro educativo e remitido aos servizos de inspección antes do 30 de setembro de cada ano. No marco do proxecto lingüístico, fomentarase o uso da lingua galega nas actividades complementarias e actos que o centro organice.

O citado decreto tamén regula, no artigo 18 e seguintes, o funcionamento dos equipos de normalización e dinamización lingüística e das comisións territoriais de coordinación. Establece tamén que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (CEOU) e a Secretaria Xeral de Política Lingüística (SXPL) divulgarán as experiencias positivas desenvolvidas nos centros educativos no campo da normalización lingüística. Así mesmo, prevé que a CEOU avaliará o grao de cumprimento do Plan de normalización lingüística nos centros educativos e o Goberno de Galicia, con periodicidade anual, avaliará os resultados da aplicación deste decreto e desenvolverá regulamentariamente cantas disposicións sexan necesarias, co fin de que poida achegarse gradualmente á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias.

É por iso que se considera necesario, ao igual que en exercicios anteriores, realizar unha convocatoria de axudas aos proxectos de fomento do uso do galego para coñecer, valorar e apoiar o labor e os proxectos dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino, asignándolles unha achega económica segundo o seu grao de calidade, orixinalidade e interese para a comunidade educativa e mais a súa contorna, de acordo cos criterios de valoración que se establecen nas bases desta convocatoria.

Segundo o establecido no artigo 2.1º b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria terán carácter de subvención, destinadas á execución dos proxectos de fomento do uso do galego polos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados.

Polo que respecta á competencia para efectuar a convocatoria, o Decreto 145/2007, do 19 de xullo, polo que se modifica o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, da estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, atribúelle á Secretaría Xeral de Política Lingüística a función de impulsar e coordinar o labor de normalización lingüística dos servizos de normalización dos demais organismos, polo que, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, órgano competente en materia de ensino regrado na comunidade autónoma, resolvo efectuar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados de Galicia para o 2009, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar axudas para contribuír ao financiamento, en réxime de concorrencia competitiva, dos proxectos de fomento do uso do galego, promovidos polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros privados de ensino de Galicia, que imparten ensinanzas regradas non universitarias, durante o 2009.

Segunda.-Destinatarios.

Os centros de ensino privados citados no parágrafo anterior. Na solicitude figurará o nome do centro e o nome da persoa física ou xurídica titular, co NIF/CIF correspondente.

Terceira.-Requisitos.

Para optar a estas axudas, deberanse cumprir os seguintes requisitos:

A) O centro de ensino que solicite a axuda deberá ter formalmente constituído o equipo de normalización e dinamización lingüística, consonte o previsto no artigo 82 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, e no artigo 63 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro. O equipo de normalización e dinamización lingüística será o órgano encargado da elaboración do proxecto.

B) Só se financiarán os proxectos que estean incluídos na programación anual de actividades aprobadas polos centros. Con carácter excepcional, debidamente xustificado, no caso de equipos de nova creación, poderán subvencionarse proxectos que non estivesen incluídos na programación inicial.

C) Para solicitar as axudas para o 2009, os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros con axudas concedidas para o curso 2007/2008 deberán ter xustificadas convenientemente, en tempo e forma, as axudas recibidas.

D) Os proxectos e as actividades desenvolvidas ao abeiro desta convocatoria deberán presentarse e desenvolverse de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG número 84 do 14 de xullo). Así mesmo, respectarán a toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

E) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social. Así mesmo, para optar a estas axudas deberán cumprirse os requisitos e obrigas previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, á que se somete expresamente a súa tramitación.

Cuarta.-Dotación orzamentaria.

O importe das axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados financiaranse con cargo á partida orzamentaria 04.60.151A.470 2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, por unha contía inicial máxima de 84.500 euros.

Quinta.-Contía máxima das axudas para cada proxecto.

O financiamento máximo que se outorgará para cada proxecto terá os seguintes límites:

-Dous mil cincocentos euros para os centros con máis de 50 alumnos e máis de 20 puntos na calidade do proxecto.

-Seiscentos euros para os centros que conten cun número de alumnos de entre 25 e 50.

-Catrocentos euros para os centros con menos de 25 alumnos.

Esta contía en ningún caso poderá exceder o custo total do proxecto. Se para o mesmo proxecto se solicitase algunha axuda ou subvención ante calquera outra administración ou ente público, deberá xuntarse á solicitude unha declaración en que se exprese o conxunto das solicitudes efectuadas ou concedidas.

Sexta.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes. Contarase a partir do día seguinte ao de publicación desta resolución no DOG.

Sétima.-Forma de presentación das solicitudes.

As solicitudes para participar nesta convocatoria realizaranse segundo o formulario que figura anexo a esta resolución.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada no artigo 6, dirixiranse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presentaranse, preferentemente, nos rexistros destas delegacións ou tamén en calquera outro rexistro administrativo propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño de 2005). Sen prexuízo de que tamén poderán presentarse segundo o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A data de entrada válida é a de entrada nalgún dos rexistros anteriores. Para os efectos deste cómputo non ten validez a data de saída do rexistro do centro de ensino. De enviar a documentación mediante o servizo de correos, a solicitude deberá ser selada polo citado servizo postal para constancia da data

presentación.

Oitava.-Documentación que se xuntará á solicitude.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

8.1. Copia impresa do proxecto, asinado polo coordinador ou coordinadora do equipo de normalización, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá desenvolver as seguintes epígrafes:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado atendendo a:

-Contorno sociolingüístico do centro.

-Situación do profesorado.

-Situación do alumnado.

-Ambientalidade lingüística do centro.

b) Descrición de obxectivos adecuados a cada un dos catro sectores mencionados anteriormente.

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

8.2. Cadro resumo de actividades asinado polo/a coordinador/a, co visto e prace do director ou directora do centro, no que figure expresamente o compromiso de desenvolvemento das actividades programadas no caso de obter o financiamento. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporización, nome da actividade, responsable/s, destinatarios/as e departamento/s aos que pertence, así como o orzamento previsto, segundo o seguinte modelo:

Ver referencia pdf "00200D007P048.PDF"

8.3 Certificación bancaria, selada e asinada pola entidade correspondente, en que consten os datos da conta do centro na que se solicita o ingreso da axuda, se é a primeira vez que recibe este financiamento da Xunta de Galicia.

Novena.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta secretaría xeral, revisarase a documentación e, se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselles aos solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71, da Lei 30/1992.

Décima.-Análise e cualificación dos proxectos.

Comisión de cualificación: unha vez completos os expedientes administrativos, procederase á cualificación dos proxectos que resultasen admitidos por seren presentados en tempo e forma. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial desta secretaría xeral unha comisión provincial integrada por:

Presidencia:

-O xefe ou xefa do gabinete provincial de normalización lingüística.

Vogais:

-O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de normalización e dinamización lingüística.

-Un/unha representante da Inspección Educativa que será designado/a polo delegado ou delegada provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un/unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata 3 especialistas máis por comisión.

-Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de normalización e dinamización lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

-Secretaría:

Desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete ou delegación provincial.

No seo das comisións provinciais poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

Homoxeneización de criterios: coa finalidade de homoxeneizar a aplicación dos criterios de valoración con carácter previo ao inicio das sesións das comisións provinciais, na Secretaría Xeral de Política Lingüística levarase a cabo unha sesión conxunta na que participen tres membros de cada comisión provincial, incluíndo a persoa que a presida, para a valoración en común de cinco proxectos de cada unha das provincias elixidos ao chou.

Así mesmo, unha vez valorados os proxectos polas catro comisións provinciais, a comisión anterior, tendo en conta o número e a calidade dos proxectos presentados, determinará o valor ou a asignación económica que corresponda outorgar a cada punto obtido, así como a puntuación ou valoración da calidade que permita outorgar o financiamento máximo aos proxectos que a acaden. Esta puntuación non poderá ser inferior a 20 puntos.

Undécima.-Criterios de cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

A calidade do proxecto terá un peso do 80%. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A calidade será puntuada de 0 a 24 puntos, en función de:

a) Implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado de distintos departamentos, alumnado de distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): 0 a 3 puntos.

b) Orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa: 0 a 3 puntos.

c) Potenciación das competencias activas sobre as pasivas, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade: 0 a 3 puntos.

d) Utilización de novas tecnoloxías: 0 a 3 puntos.

e) Colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: 0 a 3 puntos.

f) Colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou realización de actividades: 0 a 3 puntos.

g) Realización de actividades plurianuais: 0 a 3 puntos.

h) Diversificación de actividades ao longo do curso, número e coherencia entre estas e os obxectivos correspondentes: 0 a 3 puntos.

O número de estudantes terá un peso do 20%. Concederáselle a cada centro 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

Décimo segunda.-Proposta de resolución.

Rematadas as sesións, as comisións provinciais elaborarán a listaxe coa puntuación outorgada a cada proxecto e o gabinete de normalización lingüística correspondente, de acordo co valor/punto establecido no artigo 9 e cos límites previstos no artigo 4, formulará unha proposta de resolución de adxudicación do financiamento de cada proxecto.

Estas propostas faranse públicas na web www.xunta.es/linguagalega. Nelas expresarase a contía proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os centros interesados disporán de 10 días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta.

Décimo terceira.-Resolución.

Delégase nos delegados e delegadas provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a competencia para resolver a convocatoria e para lle asignar o financiamento definitivo a cada proxecto. Na resolución farase referencia a que actúan por delegación da secretaria xeral de Política Lingüística.

Nas resolucións resolveranse as alegacións recibidas no prazo citado anteriormente e publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na web www.xunta.es/linguagalega. Nelas expresarase a contía outorgada a cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes.

Décimo cuarta.-Réxime de recursos.

Contra a resolución anterior, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición, segundo o previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, perante a secretaria xeral de Política Lingüística, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das axudas derivadas desta convocatoria, ou ben presentar recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses, contado así mesmo desde o día seguinte ao de publicación da resolución da concesión no Diario Oficial de Galicia.

Décimo quinta.-Prazo de resolución do procedemento e sentido do silencio.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Décimo sexta.-Xustificación.

A xustificación dos gastos correspondentes aos proxectos que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria deberá ser presentada ante os gabinetes provinciais ata o día 1 de xullo de 2009 (incluído).

A xustificación incluirá a seguinte documentación:

1. Unha memoria descritiva e gráfica que analice en detalle o desenvolvemento de cada unha das actividades para as que se lle concedeu a asignación económica. Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e propoñeranse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

2. Facturas orixinais ou copias compulsadas expedidas a nome do propio centro educativo, correspondentes ás actividades programadas para o curso escolar durante o ano 2008 e aos gastos totais de material destas.

3. Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto a outras administracións ou entes públicos.

4. Copia do CIF do centro.

Décimo sétima.-Perda do dereito ao cobramento da axuda.

O centro perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

-Xustificación presentada fóra do prazo (despois do 1 de xullo de 2009).

-Non realización das actividades e/ou incumprimento dos fins ou obxectivos para os que foi concedida.

-Variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

-Incumprimento do requisito previsto no parágrafo 3.4 desta convocatoria sobre o uso correcto do galego e o respecto á toponimia oficial.

-Perda da capacidade xurídica ou de obrar ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

-Toda alteración das condicións e requisitos tidos en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

No suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, procederá o reintegro total ou parcial, segundo proceda, da subvención percibida, de acordo co previsto na Lei de subvencións de Galicia.

Décimo oitava.-Pagamento.

O pagamento non poderá ser superior á contía da axuda concedida. Sen prexuízo do anterior, só se aboará o importe das actividades debidamente xustificadas ata o máximo que figure na xustificación.

Os pagamentos serán efectuados polos gabinetes provinciais, a través das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Décimo novena.-Delegación de competencias e desconcentración de créditos.

Deléganse as facultades correspondentes para resolver e pagar os importes correspondentes a cada centro de ensino nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

Vigésima.-Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos será realizado polos coordinadores e coordinadoras territoriais sobre a base das memorias de xustificación.

Non obstante, e con obxecto de analizar a consecución dos obxectivos previstos nesta convocatoria e para propor medidas correctoras, se for mester, para o mellor funcionamento dos equipos de normalización lingüística (ENL), durante o mes de xullo ou setembro constituirase unha comisión formada por representantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Vigésimo primeira.-Normativa aplicable.

A esta resolución seranlle de aplicación as normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e o seu desenvolvemento, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño) e, non que non se opoña, aplicarase tamén o Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Vigésimo segunda.-Fiscalización e control.

Os beneficiarios terán a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Vigésimo terceira.

A secretaria xeral de Política Lingüística poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Vigésimo cuarta.

Esta convocatoria tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e Orde do 25 de outubro de 2001, con base nas previsións de dotacións orzamentarias que figuran no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta o día 16 de outubro de 2008, polo que a convocatoria queda sometida á condición suspensiva de que exista crédito axeitado e suficiente para financiar as obrigas que dela derivan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2009.

Vigésimo quinta.

Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou, directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados os prazos, en ambos os casos, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2008.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística

Ver referencia pdf "00200D007P048.PDF"