DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2009 Páx. 79

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se establecen subvencións para o desenvolvemento de accións formativas ligadas á inserción laboral destinadas a persoas retornadas e inmigrantes e se procede á súa convocatoria.

A Secretaría Xeral de Emigración é o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden, entre outras, as competencias en materia de política inmigratoria e de retorno en Galicia, competencias que asume en virtude do Decreto 231/2005, do 11 de agosto, que establece a citada secretaría xeral como centro directivo dependente funcionalmente da Presidencia, e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 53, do 16 de marzo). Así, no desenvolvemento destas competencias, a Secretaría Xeral de Emigración promove a ordenación e planificación dos programas de atención dirixidos á integración tanto das persoas inmigrantes como das emigrantes retornadas, así como a xestión das axudas e subvencións destinadas a estes colectivos.

O importante fluxo de retornados e o incremento actual da inmigración en Galicia representan un dos fenómenos socio-económicos, con perfís específicos, que precisarán de especial atención por parte da comunidade. A promoción de políticas de integración social e laboral constitúe un dos piares básicos dunha política integral de inmigración, na que a cooperación entre as distintas administracións e outras institucións interesadas se converte en elemento clave para acordar obxectivos e desenvolver programas e actuacións coherentes que, doutra banda, poden contribuír positivamente ao desenvolvemento social e económico dunha Galicia moderna, plural, emprendedora, dinámica e creativa.

Nas políticas de inmigración e retorno, a inserción laboral é un factor clave de integración social das persoas inmigrantes e retornadas. Neste eido, a formación ligada ao emprego é unha ferramenta especialmente eficaz na procura da adaptación ao mercado de traballo galego e da mellora das condicións de empregabilidade e ocupabilidade das persoas traballadoras migrantes. Nesta consideración, no ano 2009 dáse continuidade á orientación dada no exercicio anterior aos programas de integración laboral, centrada no apoio a proxectos formativos con impacto no mercado de traballo, de xeito que se establecen axudas para o desenvolvemento de accións no eido da formación para o emprego que prevexan obxectivos certos de inserción laboral para as persoas que participan nelas.

As bases reguladoras e a convocatoria das subvencións previstas nesta resolución axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao disposto nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en todo o que non se opón ao establecido na antedita Lei de subvencións de Galicia, e na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

O financiamento das axudas previstas nesta resolución de convocatoria farase con cargo ao crédito previsto no programa 04.50.312C.481.0 que figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión do 16 de outubro do 2008.

Esta resolución tramítase de acordo coa Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. O obxecto desta resolución é regular os requisitos e condicións da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás organizacións e entidades sinaladas no artigo seguinte para o desenvolvemento de accións formativas ligadas á inserción laboral, que permitan a mellora da cualificación profesional e faciliten a incorporación ao mercado de traballo das persoas retornadas e inmigrantes en Galicia, e proceder a súa convocatoria para o ano 2009.

2. A xestión destas subvencións realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán acceder á condición de beneficiarias e solicitar as subvencións reguladas nesta resolución as organizacións empresariais, profesionais e sindicais, así como as entidades sen ánimo de lucro que teñan como finalidade instituída por norma estatutaria ou regulamentaria o desenvolvemento de actividades de integración laboral que abarque ao colectivo de persoas retornadas e inmigrantes, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e dotadas de personalidade xurídica propia o último día do prazo de presentación de solicitudes desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

b) Ter o seu enderezo social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Desenvolver actuacións que favorezan a integración laboral das persoas retornadas e inmigrantes na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Dispoñer de experiencia e capacidade para garantir a realización das accións obxecto de subvención.

e) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Ter xustificado debidamente a subvención concedida no ano anterior ao abeiro da Resolución do 4 de marzo de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración.

2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións as entidades de dereito público, as universidades, os partidos políticos, as sociedades civís, os colexios profesionais, e calquera entidade non citada neste artigo que non acredite non ter ánimo de lucro e non desenvolver actividades de integración laboral que abarque ao colectivo de persoas retornadas e inmigrantes.

Artigo 3º.-Accións subvencionables.

1. Serán subvencionables a través desta convocatoria as accións formativas que teñan unha clara conexión co emprego, desenvolvidas polas organizacións e entidades citadas no artigo 2º, dirixidas a persoas retornadas e/ou inmigrantes, e que consistan na realización de cursos de formación para a mellora da cualificación profesional e da empregabilidade que recollan obxectivos cuantitativos de inserción laboral en ocupacións relacionadas coa formación impartida.

2. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir as previsións que establece o artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta subcontratación poderá chegar ata o 50% da actividade subvencionada e deberá xustificarse adecuadamente a súa necesidade.

Artigo 4º.-Orzamento, gastos subvencionables e contía da axuda.

1. A concesión das subvencións previstas nesta resolución realizarase con cargo ao crédito orzamentario 04.50.312C.481.0, por un importe total inicial de trescentos mil euros (300.000 euros). A citada cantidade poderá incrementarse conforme as disposicións orzamentarias da Secretaría Xeral de Emigración.

2. Poderán subvencionarse con cargo a esta resolución os gastos correntes que se lles orixinen ás entidades beneficiarias da subvención pola realización das accións formativas previstas no artigo 3º e que se realicen no exercicio 2009, con anterioridade á finalización do prazo de xustificación establecido no artigo 12.5º desta resolución.

De acordo co establecido no artigo 29.9º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tamén poderán formar parte da xustificación da subvención os gastos correntes indirectos ou xerais cun máximo dun 20% da cantidade concedida, sempre que fosen incluídos na solicitude e o beneficiario os impute a actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidos, e na medida na que tales custos correspondan ao período no que efectivamente se realiza a actividade.

3. O importe máximo da subvención será de vinte mil euros (20.000 euros) por entidade beneficiaria. A contía concreta e certa da subvención determinarase en cada caso tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto presentado obxecto de subvención e a aplicación dos criterios de valoración establecidos nesta resolución.

Artigo 5º.-Criterios de valoración.

1. Para a determinación das entidades beneficiarias e da contía da subvención a conceder a cada unha delas, as solicitudes valoraranse tendo en conta os seguintes criterios:

a) Experiencia e implantación da entidade: valorarase a experiencia e especialización da entidade beneficiaria na realización de programas de integración sociolaboral de persoas emigrantes retornadas e inmigrantes, en particular, de accións formativas de mellora da ocupabilidade e, se é o caso, os resultados de inserción laboral de persoas inmigrantes e retornadas acadados no ano 2008. Tamén se terá en conta a súa implantación territorial en Galicia a través de delegacións propias, o seu nivel asociativo no ámbito galego en relación coa súa pertenza a sectores de actividade relacionados coa acción formativa, e no caso de organizacións profesionais e sindicais o seu nivel de representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Ata 10 puntos.

b) Calidade técnica do proxecto formativo: valorarase o contido técnico das accións formativas e o seu axuste aos obxectivos que se pretenden acadar, o programa formativo e a súa metodoloxía, a duración e calendario de realización, a concordancia da especialidade formativa cos perfís máis demandados no mercado de traballo ou que xere máis posibilidades de colocación para os participantes, a previsión dun sistema e indicadores de control e avaliación das actividades, así como a idoneidade dos recursos humanos, dos medios técnicos e materiais con que conta a entidade para o desenvolvemento e impartición da acción formativa; tamén se valorará o uso da lingua galega no desenvolvemento da actividade. Ata 25 puntos.

c) Ámbito da actuación e destinatarios: valorarase o ámbito territorial e de impacto das accións formativas, o número e perfil dos destinatarios delas, as situacións de vulnerabilidade e de especiais dificultades para a súa integración laboral, así como a incorporación da perspectiva de xénero e de igualdade de trato nas súas actuacións. Ata 25 puntos.

d) Obxectivos cuantitativos de inserción laboral en ocupacións relacionadas coa formación impartida: valorarase o grao e xustificación da previsión de obxectivos presentada, así como a existencia de mecanismos de mediación, instrumentos de colaboración ou compromisos adquiridos en materia de inserción que garantan o cumprimento do obxectivo previsto. Ata 25 puntos.

e) Orzamento e financiamento: valorarase a adecuación do orzamento presentado aos fins e obxectivos das accións formativas, o custo medio por participante. Ata 15 puntos.

2. Para poder ser obxecto de subvención deberán acadarse como mínimo 40 puntos, como suma dos puntos obtidos na valoración dos seis criterios expostos.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes dirixiranse á Secretaría Xeral de Emigración (rúa dos Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose sábado ou inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7º.-Documentación.

1. As solicitudes presentaranse no modelo publicado como anexo I desta resolución. A devandita solicitude, única para as accións formativas que realice unha mesma entidade ao abeiro desta convocatoria, deberá ir acompañada da seguinte documentación orixinal ou copia debidamente cotexada:

a) Acreditación da identidade e representación do solicitante:

a.1. Acreditación da identidade da persoa asinante da solicitude mediante DNI ou pasaporte.

a.2. Acreditación da capacidade de representación do asinante da solicitude en relación coa entidade, mediante copia cotexada do documento de nomeamento.

b) Fotocopia cotexada dos estatutos da entidade debidamente legalizados.

c) Certificación que acredite o requisito de inscrición da entidade no rexistro correspondente ou, se é o caso, certificación do depósito dos estatutos e de adquisición de personalidade xurídica expedida pola oficina pública correspondente.

d) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Declaración expresa de non estar incursos nas circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración de axudas solicitadas e/ou concedidas para a mesma finalidade, procedentes doutras administracións públicas, Unión Europea ou calquera outro ente público ou privado ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións segundo modelo recollido no anexo III.

g) Declaración de que a entidade se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo do anexo IV.

i) Memoria da entidade xustificativa da súa implantación, experiencia e especialización, debidamente asinada e coa estrutura e contido mínimo que se recolle no modelo anexo V.

j) Memoria explicativa do proxecto formativo para o que se solicita subvención, con indicación do orzamento desagregado de gastos e fontes de financiamento e con expresión dos fondos achegados pola entidade, debidamente asinada e de acordo coa estrutura e contido mínimo que se recolle no modelo anexo VI, acompañada, se é o caso, dos documentos xustificativos da previsión de obxectivos de inserción laboral.

2. Mediante a presentación da solicitude a entidade interesada presta o seu consentimento para incluír e facer públicos, no rexistro público de axudas, subvencións e convenios e no rexistro público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro do que será responsable a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

3. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, a Secretaría Xeral de Emigración requirirá o interesado, mediante a súa publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral de Emigración (rúa Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela) e na súa páxina web http://www.galiciaaberta.com, para que, no prazo máximo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 20.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concordancia co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión da subvención.

1. O procedemento para a tramitación e concesión en réxime de concorrencia competitiva das axudas que se convocan por esta resolución axustarase ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Emigración a realización das tarefas de xestión desta convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto, crearase unha comisión de avaliación, que ademais será órgano instrutor, presidida polo subdirector xeral de Planificación das Políticas do Retorno e da Inmigración ou persoa na que delegue e composta, ademais, polo xefe do Servizo de Planificación e Formación e por un funcionario da Secretaría Xeral de Emigración, que actuará como secretario.

3. O órgano instrutor emitirá un informe no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

4. Os expedientes que cumpran os requisitos serán avaliados pola comisión segundo os criterios establecidos no artigo 5º. Posteriormente a comisión formulará unha proposta de concesión, a través da Subdirección Xeral de Planificación das Políticas do Retorno e da Inmigración, que se presentará ao órgano competente para a súa resolución.

Artigo 9º.-Resolución.

1. As resolucións serán ditadas polo secretario xeral de Emigración e notificadas aos interesados. A Secretaría Xeral de Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria, indicando o programa e crédito orzamentario ao que se imputa o gasto, así como os beneficiarios, cantidades certas concedidas e finalidade da subvención, igualmente fará constar, de forma expresa, a desestimación do resto de solicitudes.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría xeral de Emigración publicará na súa páxina web: www.galiciaaberta.com, a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de seis meses, que comezarán a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a resolución expresa poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención.

No suposto de que a entidade non acepte a subvención concedida, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Emigración no prazo máximo de 10 días contados a partir da notificación da resolución, expresando as circunstancias que determinan á súa decisión. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo o secretario xeral de Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992. Transcorrido o prazo indicado sen que o interesado comunique a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

Artigo 11º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

1. Son obrigas das entidades beneficiarias destas subvencións:

a) Realizar o programa ou proxecto que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinen a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de actividade subvencionada pola Secretaría Xeral de Emigración, así como o seu correspondente logotipo.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que a Secretaría Xeral de Emigración considere necesarias para o axeitado seguimento da actividade e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas de Galicia, segundo a lexislación vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e control.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 15 desta convocatoria e no artigo 33 da na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) As entidades beneficiarias de axudas deberán comunicar, inmediatamente, á Subdirección Xeral de Planificación das Políticas de Retorno e da Inmigración da obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Así mesmo, deberán comunicar calquera eventualidade que altere ou dificulte o desenvolvemento da actividade subvencionada.

i) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Todos os proxectos ou actuacións obxecto de subvención a través desta resolución pasarán a formar parte do Mapa de Recursos Migratorios, polo que as entidades beneficiarias deberán concretar, con antelación suficiente, as características e desenvolvemento das actividades para a súa inclusión no citado mapa. Non obstante, a Secretaría Xeral de Emigración daralle a difusión que considere oportuna a través da páxina web: www. galiciaaberta.com. ou por calquera outro medio.

3. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a facilitar á Secretaría Xeral de Emigración a comprobación da efectiva realización das actividades tanto durante a súa execución como con posterioridade, así como a entregar toda aquela información que lles sexa requirida. Para estes efectos, garantirán o acceso dos representantes da secretaría xeral ao lugar no que se desenvolvan ás accións, ás contas e demais documentación.

4. No caso de existir variacións respecto do programa presentado coa solicitude de subvención as entidades con catro días de antelación, como mínimo, ao de comezo da acción formativa, deberán comunicar: a data definitiva de inicio e remate das actividades formativas; o enderezo e horario de realización, a relación nominal dos docentes e o número de alumnos inscritos.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. As entidades subvencionadas quedan obrigadas a xustificar os gastos correspondentes ao custo total das actividades formativas.

2. Poderán xustificarse con cargo á subvención recibida os gastos que se realicen desde o 1 de xaneiro de 2009 ata a finalización do prazo de xustificación recollido no punto 5 deste artigo e que estean de acordo coas actividades e accións reflectidas na memoria e na documentación presentada. Para os ditos efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación, salvo que por causas xustificadas deba efectuarse o pagamento nun momento posterior.

En cada xustificación os representantes da entidade achegarán un escrito asinado e dirixido a Secretaría Xeral de Emigración no que se relacionen os documentos presentados, indicando se a xustificación é parcial ou final.

3. A xustificación final da subvención deberá ir acompañada da seguinte documentación debidamente asinada polos representantes da entidade:

a) Certificación do secretario da entidade beneficiaria, co visto e prace do seu presidente, na que conste a denominación das actividades realizadas, contía do gasto, así como a imputación aos fins para os que se concedeu a subvención.

b) Memoria técnica na que se xustifique a execución das accións formativas seleccionadas e a aplicación ás mesmas da subvención concedida, asinada polos representantes da entidade, cunha descrición detallada das actuacións desenvolvidas: metodoloxía e instrumentos utilizados, período de execución e ámbito territorial da actuación, colectivo destinatario final das accións, resultados acadados e valoración do grao de consecución dos obxectivos previstos, así como as conclusións que se estime oportuno realizar. A memoria deberá presentarse segundo a estrutura e contido mínimo que se recolle no anexo VI.

c) Memoria económica con indicación do custo das actividades subvencionadas, estado de liquidación do programa, desagregado por conceptos de gasto e que conteña a explicación da imputación, total ou parcial, dos gastos á actividade subvencionada. Así mesmo, deberá indicar todas as fontes de financiamento da acción realizada, con expresión do importe da achega de fondos propios da entidade.

d) Factura ou facturas acreditativas dos gastos e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e acreditación do pagamento destas. Estes documentos deberán presentarse, ben en orixinal ou ben en fotocopia debidamente cotexada.

e) Relación numerada das facturas presentadas segundo o modelo recollido no anexo VII.

f) Relación nominal dos participantes en cada unha das accións formativas, con indicación da condición de persoa retornada ou inmigrante, e na que se reflicten, cando menos, os seguintes datos: nome e apelido/s, idade, sexo, nacionalidade e, no caso de retornados, país da emigración. Tamén deberá recoller, se é o caso, os datos referentes á súa inserción laboral, en concreto, data efectiva ou prevista, posto de traballo ou ocupación, e sector onde vai desenvolvela.

g) Declaración complementaria e actualizada do conxunto das subvencións solicitadas para a mesma actividade, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, ou, de ser o caso, unha declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións (segundo o modelo correspondente publicado como anexo III).

h) Declaración de que a entidade se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa comunidade autónoma.

4. Unha vez iniciada a acción formativa poderán efectuarse pagamentos parciais en contía proporcional ao gasto realizado e xustificado, por conta da liquidación definitiva, ata un máximo do 80% do importe da subvención concedida.

Para a xustificación parcial as entidades deberán presentar a mesma documentación que se indicou no punto anterior, aínda que referida á parte do gasto efectivamente realizado, excepto a indicada nas epígrafes b) e c).

5. As accións subvencionadas realizaranse e xustificaranse, mediante a presentación da totalidade da documentación, antes do 15 de novembro de 2009.

6. No caso de que non se xustifique o importe total da subvención concedida, e sempre que se teña realizado a actividade e cumprida a finalidade que fundamentou a súa concesión, a Secretaría Xeral de Emigración aboará a subvención en contía proporcional ao importe xustificado.

Non se considerará que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que realice parcialmente a actividade que é obxecto da subvención por falta de financiamento propio, sempre que a actividade subvencionada sexa esencialmente divisible e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención.

7. A Secretaría Xeral de Emigración poderá solicitar, en todo momento, calquera outra documentación que considere necesaria para a correcta xustificación da execución das actividades subvencionadas.

8. O importe da subvención concedida será transferido á conta bancaria da que sexa titular a entidade beneficiaria e que se acredite mediante ficha de transferencia bancaria, segundo o modelo establecido no correspondente anexo desta resolución.

Artigo 13º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas en virtude desta resolución serán compatibles con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que a suma de todas elas non supere o custo total da actividade subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste requisito, o beneficiario da subvención deberá declarar no momento da solicitude, así como durante a tramitación do expediente, de todas as axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba de calquera entidade pública ou privada.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das actividades, e a Secretaría Xeral de Emigración poderá adoptar a resolución de modificación da concesión que corresponda en atención ao principio de proporcionalidade e de acordo co disposto no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora producidos desde o momento do pagamento ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Instrucións e aclaracións.

A Secretaría Xeral de Emigración poderá ditar as instrucións e aclaracións necesarias para o cumprimento e desenvolvemento desta resolución.

Artigo 17º.-Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2008.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

Ver referencia pdf "00200D005P027.PDF"