DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2009 Páx. 71

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 30 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

Esta consellería, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia poidan levar a cabo o seu labor, de acordo co establecido nos plans e programas de protección civil, regula o seu réxime de subvencións, para o ano 2009, e para tal efecto, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009, con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.481.1, existirá partida orzamentaria para as subvencións que se establecen nesta orde, tal e como se recolle no proxecto de lei, reservando para tal efecto un crédito de 300.000 € e condicionando a aprobación das subvencións á aprobación desta partida orzamentaria.

Así mesmo, resérvase con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.460.0 a cantidade de 10.000 euros para facer fronte aos pagamentos daquelas agrupacións que, cumprindo coa normativa vixente, dependan directamente do concello e non teñan personalidade xurídica propia.

Estes importes están previstos no orzamento da comunidade autónoma para 2009, no cal existirá consignación orzamentaria suficiente para as subvencións que se establecen nesta orde, condicionando a súa eficacia á aprobación destes importes na Lei de orzamentos de Galicia para 2009.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases regulador que rexerán a concesión de subvencións, por importe de 300.000 €, con cargo á partida orzamentaria 2009.06.07.213A.481.1 e 10.000 € con cargo á partida orzamentaria 2009.06.07.212A.460.0, ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2009 en réxime de concorrencia competitiva.

Nos casos de renuncia dos solicitantes ou anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 6º desta orde. Tamén poderán aplicarse para as aprobacións derivadas da resolución de recursos ou anteriores anos.

As dotacións orzamentarias indicadas poderán incrementarse, se for procedente, con fondos comunitarios, do Estado ou da comunidade autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderán empregarse para incrementar as contías das subvencións concedidas ou o número das subvencións aprobadas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 4º, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou ter solicitada a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como moi tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Teñan dependencia do seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que, recibindo subvencións en anos anteriores, xustificaran o seu investimento e liquidación, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei de subvencións de Galicia e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación comporta non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Deben expresar o seu consentimento á Administración concedente para incluír e facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás subvencións recibidas, que de principio se incorpora xa ao modelo de solicitude de subvención e se describe no artigo 8º desta orde.

e) Non ter sido condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Cumpran o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

Artigo 3º.-Destino das subvencións.

As subvencións poderán ser utilizadas en:

1. Equipamento e vestimenta persoal, así como equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible.

2. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base e os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

3. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

5. Gastos ocasionados na atención de peregrinos, relacionados co desprazamento e mantemento dos voluntarios, en anos en que se active o plan especial correspondente.

6. Equipamento e material informático, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que queiran acollerse a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no Rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida á persoa titular da delegación provincial, presentarase dentro do prazo dun mes a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, á cal se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2008 e previsión de actividades que se van realizar en 2009 (en soporte papel ou informático, preferentemente no segundo).

b) Xustificante orixinal da entidade bancaria, co número de conta que teña aberta esa agrupación, en caso de non ter solicitada a subvención no ano 2008 ou existir variación de datos respecto desa solicitude.

c) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF da AVPC, no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2008 ou existir variación de datos respecto desa solicitude.

d) Certificado da compañía aseguradora en que conste o número de voluntarios asegurados. No caso de que o sexan todos de forma non nominativa, deberá indicarse esta circunstancia na correspondente póliza, aínda que tamén poderá xustificarse cun certificado da compañía aseguradora.

e) Declaración responsable do/a presidente/a da asociación solicitante de cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria, segundo o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 8 desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, coa sinatura desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os titulares destas delegacións provinciais remitirana á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue e formada polos catro titulares das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da citada dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase por concorrencia competitiva, segundo a cantidade dispoñible, entre todas as solicitudes, seguindo os criterios técnicos que serán valorados tendo en conta a graduación que en cada caso se indica:

1. A porcentaxe de voluntarios asegurados da agrupación sobre o número total de voluntarios inscritos, ata 10 puntos.

2. O índice de calidade na resposta sustentado polo número de mobilizacións das AVPC desde o CAE 112 Galicia, o tempo de resposta e o número de voluntarios destacados na mobilización, ata 40 puntos.

3. A existencia de riscos especialmente graves no concello, de acordo cos mapas e coa análise de riscos establecidos no Platerga e demais plans de protección civil, ata 20 puntos.

4. O número de horas de formación, impartidas pola Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada, dos voluntarios da agrupación no ano 2008, ata 20 puntos.

5. Existencia dun terminal remoto conectado con Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, que for utilizado, ata 10 puntos. Para estes efectos, entenderase que o terminal remoto foi utilizado cando se fixesen polo menos dez anotacións nel ao ser mobilizada a agrupación polo CAE 112 Galicia, segundo información deste centro, durante o ano 2008. Estes 10 puntos asignaranse de xeito proporcional ao número de anotacións.

6. O compromiso de utilización da lingua galega en todas as actividades educativas de prevención e nas publicacións e informacións sobre medidas de autoprotección dirixidas á poboación en xeral, ata 2 puntos. Este compromiso acreditarase mediante presentación dunha declaración-compromiso debidamente asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a Comisión de Avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de, transcorridos seis meses, contados desde a publicación desta orde, non se ditara e notificara resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do órgano concedente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou recurso potestativo de reposición ante o propio/a conselleiro/a.

Artigo 8º.-Publicación e rexistro.

De conformidade co disposto nos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as referidas subvencións e as sancións que, como consecuencia delas, se puidesen impoñer nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 9º.-Deberes dos beneficiarios.

As persoas beneficiarias das subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en concreto as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlles por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que puidesen realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará calquera información que lle sexa requirida no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en tanto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Presentar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 10º.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso, este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 10º.-Anticipos.

Para as subvencións solicitadas, excepcionalmente, poderá aboarse un anticipo de ata o 75% da subvención, nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente polo beneficiario, que motivará a mencionada necesidade. Unha vez revisada a solicitude de pagamento anticipado, a persoa titular da delegación provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza fará a proposta de concesión ou denegación á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá motivadamente. A solicitude de anticipo formularase no modelo do anexo IV desta orde.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

As agrupacións ás cales se lles aprobasen as subvencións segundo o artigo 7º desta orde, disporán ata o 15 de setembro de 2009 para presentar as facturas e os xustificantes de pagamento correspondentes aos gastos aprobados, conformadas polo presidente da agrupación. Ademais dos documentos anteriores, deberán presentar un certificado do presidente de cada agrupación en que se indique se pediron ou non outras subvencións para a mesma finalidade, segundo o modelo do anexo III. Estas directrices afectan a todos os peticionarios, independentemente de que solicitasen anticipos ou non, e para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

No caso de que non se presentase a documentación prevista no parágrafo anterior, ou que esta non fose válida, perderase o dereito a percibir a subvención.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.

Poderán admitirse os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 3º desta orde, entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 15 de setembro de 2009.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

Calquera instrumento bancario en que quede constancia do pagamento.

Para aquelas compras realizadas en metálico, de ata 1000 euros por factura, será suficiente a factura orixinal ou compulsada en que figure «pagado» xunto coa sinatura e o número de DNI da persoa encargada da empresa subministradora.

Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, en que figure tanto a conformidade do presidente da agrupación como o recibín do voluntario perceptor desta compensación.

Artigo 12º.-Compatibilidade.

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non obstante, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou persoais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 14º.-Reintegro das subvencións.

No caso de incumprimento do deber de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, para o que se seguirá o procedemento establecido no mencionado título. Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

Disposicións adicionais

Primeira.-En aplicación do artigo terceiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula o trámite anticipado de expedientes de gastos, segundo a redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, a eficacia desta orde queda sometida á condición suspensiva expresada no citado artigo e disposición.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00200D004P019.PDF"

Folla 3 do impreso de solicitude, para cubrir por todos os solicitantes

Ver referencia pdf "00200D004P019.PDF"