DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2009 Páx. 59

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 29 de decembro de 2008 pola que se anuncian medidas de apoio á Policía Local de Galicia consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, determinan que os concellos exercerán competencias, entre outras, en materia de seguridade en lugares públicos.

Así mesmo, a Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade do Estado, posibilitou unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no seu Estatuto de autonomía, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a comunidade autónoma procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio, nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Pola súa banda, o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desta dirección xeral.

Así, e por medio desta orde, preténdese materializar o mandato derivado do artigo 12 da referida Lei 4/2007, do 20 de abril, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a lograr a homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, regulando, para tal efecto, o procedemento e os requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o exercicio das súas funcións nos concellos da Comunidade Autónoma galega que conten con servizos de Policía local.

Pola súa banda, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece na súa disposición adicional terceira que as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b), e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Así mesmo, esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Ao abeiro desta orde, o crédito previsto no artigo 3 queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente, no exercicio 2008, para financiar as obrigas derivadas deste acordo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá ao equipamento dos concellos de Galicia co fin de aumentar a eficacia dos servizos de Policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias e así aumentar e potenciar a seguridade cidadá nos concellos, mellorando, polo tanto, a calidade de vida dos seus veciños. Para tal fin, convoca, en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2009, medidas de apoio aos concellos consistentes na cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados aos concellos que conten cos devanditos servizos.

2. Os vehículos obxecto de cesión desta orde serán vehículos tipo turismo e irán adaptados e rotulados para as funcións propias dos corpos de Policía Local de Galicia, segundo o disposto no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar as cesións a que se refire esta orde aqueles concellos que conten con corpo de Policía local formado por un mínimo de tres membros e que teñan unha poboación inferior aos 30.000 habitantes, de acordo cos datos do derradeiro padrón de habitantes.

2. Non serán consideradas as solicitudes dos concellos que non teñan actualizado o envío de datos da súa Policía local ao Rexistro de Policía Local de Galicia (Dirección Xeral de Interior) na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

3. Terán preferencia na concesión dos vehículos aqueles concellos solicitantes que, cumprindo cos requisitos desta orde, non fosen beneficiarios da cesión de coches policiais por parte desta consellería desde o ano 2005. No suposto de que o número de concellos non beneficiarios de vehículos neste período de tempo fose inferior aos vehículos dispoñibles, o seu remanente cederanse ao resto de concellos solicitantes.

4. Será requisito indispensable para poder concorrer a esta subvención ter presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2007 no Consello de Contas de Galicia.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de douscentos cincuenta mil cen euros (250.100 €), con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.624.0, programa 141A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, que se dedicarán á adquisición de vehículos para as policías locais de Galicia, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 16 de outubro de 2008, acordando a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación

Artigo 4º.-Iniciación.

Os que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, e poderana presentar na oficina de Rexistro Único e Información, nos rexistros das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, cubrindo os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo ca o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, do 20 de marzo, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude, presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificación expedida polo secretario xeral da corporación, relativa ao acordo adoptado polo órgano competente, de solicitude de cesión en propiedade dos vehículos previstos nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela e as súas condicións de financiamento e de que se faculta ao/á alcalde/sa do concello para aceptar a devandita cesión, no caso de resolución favorable da consellería.

2.2.Memoria en que se recollan de xeito detallado os seguintes aspectos:

Memoria xustificativa da necesidade do vehículo en relación co parque móbil do que dispoña o concello, o seu cadro de persoal e as competencias que exerce de xeito efectivo.

Número de policías.

Parque móbil con que conta a Policía local, indicando os vehículos con que conta, a súa antigüidade e matrícula.

2.3. Certificación do secretario/interventor da entidade local de ter presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio orzamentario 2007 no Consello de Contas de Galicia, tal e como se establece no artigo 2º.3 desta orde.

2.4. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa estivese en poder desta consellería (Rexistro de Policías Locais de Galicia) e non se tivese producido desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario entregalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna, serán tidos en conta os datos en poder da consellería.

4. Se na solicitude existise algún defecto, a Dirección Xeral de Administración Local notificará os interesados e concederalles un prazo de dez días para corrixir os erros ou omisións. Se, transcorrido ese prazo, non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na valoración de solicitudes serán tidas en consideración en primeiro lugar aquelas solicitudes de concellos que, cumprindo cos requisitos desta orde, non fosen beneficiarios da cesión de coches policiais por parte desta consellería desde o ano 2005 inclusive, ponderando os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación ao derradeiro padrón de habitantes aprobado, outorgando a maior puntuación aos concellos con mellor ratio: 50 puntos.

Menor ratio de policías/vehículos de que dispón o corpo de Policía do concello, outorgando a maior puntuación ao concello cun menor número de vehículos en relación ao número de policías con que conte: 50 puntos.

A seguir, e de acordo co previsto no artigo 2º.3 desta orde, efectuarase a valoración dos restantes concellos, ponderando os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación ao derradeiro padrón de habitantes aprobado, outorgando a maior puntuación aos concellos co mellor ratio: 30 puntos.

Menor ratio de policías/vehículos de que dispón o corpo de Policía do concello, outorgando a maior puntuación ao concello cun menor número de vehículos en relación ao número de policías con que conte: 30 puntos.

Maior antigüidade da derradeira cesión en coche policial por parte da consellería nos derradeiros 3 anos, outorgando a máxima puntuación (40 puntos) aos concellos que non recibiron o tipo de vehículo solicitado e outorgando a puntuación proporcional ao resto de concellos en virtude da antigüidade da derradeira cesión: 40 puntos.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

As solicitudes de subvención e a súa documentación serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da que formarán parte a persoa titular da Dirección Xeral de Interior e os/as delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que resolverá.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada aos solicitantes aos cales se lles conceda a cesión en propiedade dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e os datos do vehículo cedido, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na devandita páxina web, así como no Diario Oficial de Galicia.

Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Contra a resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o concello solicitante:

a) Aboar, no prazo máximo de trinta días, en concepto de achega compensatoria, a cantidade resultante de aplicar o 25% ao importe unitario de licitación dos vehículos no correspondente procedemento de contratación.

b) Comprometerse a facer fronte aos gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Comprometerse a destinar exclusivamente o vehículo ás funcións propias dos corpos de Policía local, tal e como se recollen no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais, por un prazo non inferior a 5 anos desde a cesión do dito ben.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. O concello beneficiario deberá facer o ingreso da cantidade correspondente na entidade financeira que lle designe a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo máximo de trinta días contados desde o seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido o prazo para presentar o xustificante do depósito sen que este fose realizado, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anulará a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

De acordo co disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entregas de bens ou dereitos ou a prestación de servizos adquiridos ou contratados coa finalidade exclusiva de entregalos a terceiros e que cumpran os requisitos establecidos nas letras a), b), e c) do artigo 2.1º da Lei 9/2007, terán a consideración de subvención en especie e quedarán suxeitas ás previsións desta lei.

Para estes efectos, os vehículos adquiridos por parte da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ao abeiro desta orde teñen como finalidade a súa cesión aos concellos de Galicia para o cumprimento por parte destes dunha finalidade de carácter público, como é a da prestación de seguridade pública, polo que se consideran subvención en especie e a súa cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debe constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario das condicións previstas nesta orde.

Artigo 10º.-Reversión e control.

Se os vehículos cedidos non se aplicasen co fin sinalado ou deixasen de facelo con posterioridade, ou se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento das condicións previstas nesta orde, ou se incumprisen calquera das condicións da cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que comporta a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións adicionais

Primeira.-A achega compensatoria realizada pola persoa beneficiaria segundo o disposto no artigo 7º.3 a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Segunda.-Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e estará condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00200D002P007.PDF"