DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2009 Páx. 21

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2008 pola que se fan públicas as bases do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

A Constitución española no seu artigo 129.2º encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, tendo entre as súas funcións a promoción da educación e a formación cooperativa.

Con esta finalidade o Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do pleno do 12 de novembro de 2008, acordou a convocatoria do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia, correspondente ao ano 2009. A súa concreción e realización levarase a cabo de xeito coordinado entre as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, e de Traballo.

Polo que antecede, en uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas,

DISPOÑO:

A publicación das bases do certame Cooperativismo no ensino, dirixido aos centros educativos de Galicia e a súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As bases reguladoras recóllense nos anexos I e II.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Presidente do Consello Galego de Cooperativas

ANEXO I

Certame Cooperativismo no ensino dirixido a centros educativos de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria.

Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo.

Modalidade de actividades cooperativizadas.

Primeira.-Poden participar neste certame, nas modalidades que se indican, todos os centros educativos da nosa comunidade autónoma con alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria.

Na modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo poden participar as seguintes categorías:

-A: alumnos/as de 2º ciclo de educación infantil.

-B: alumnos/as de 1ºe 2º de educación primaria.

-C: alumnos/as de 3º e 4º de educación primaria.

-D: alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria

Na modalidade de actividades cooperativizadas poderán concursar os/as alumnos/as de primeiro e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria, nas seguintes categorías:

-E: alumnos/as do primeiro ciclo da ESO.

-F: alumnos/as do segundo ciclo da ESO.

Establécense dúas fases:

-1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

-2ª fase: presentación dos traballos dos/as alumnos/as ao concurso.

Segunda.-1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

Os centros que desexen participar deberán desenvolver no seu centro educativo actividades de fomento do cooperativismo, tales como xornadas sobre o cooperativismo, xogos cooperativos, visitas a cooperativas e calquera outra actividade que divulgue a fórmula empresarial cooperativa entre o alumnado do centro educativo.

Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de importantes valores sociais e que a súa aplicación fomenta actitudes e valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada; as actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores.

Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.

Terceira.-Cada un dos centros educativos participantes poderá contar cunha compensación económica para os gastos derivados da realización das actividades de fomento do cooperativismo e da elaboración dos traballos ou memorias, ata un máximo de 2.000 euros. Os centros que desexen obter a reserva orzamentaria para as súas actividades poderán solicitar a validación do seu programa e orzamento antes do 28 de febreiro de 2009. Os restantes centros tamén poderán contar coa referida compensación económica, ben que no caso de que a dotación orzamentaria prevista para este fin non resulte suficiente para satisfacer os gastos realizados, a súa contía será distribuída entre todos eles en proporción ao gasto realizado.

Para solicitar o pagamento da devandita compensación económica, os centros participantes neste certame deberán presentar antes do 31 de maio de 2009 certificación emitida polo órgano competente comprensiva do informe das actividades realizadas e relación das facturas dos gastos, presentando copias compulsadas destas, copia do CIF do centro escolar e certificación bancaria en orixinal do número de conta do centro. Os documentos deberán presentarse na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela).

Cuarta.-2ª fase: Presentación dos traballos dos/as alumnos/as ao concurso.

Os centros que realizasen as devanditas actividades poderán presentar a este concurso os traballos realizados polos/as seus/súas alumnos/as en calquera das seguintes modalidades:

-Debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo.

-Actividades cooperativizadas.

En cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos/as.

Quinta.-Na modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo exixiranse as seguintes condicións técnicas:

-Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignarase, en letras maiúsculas, os datos do/a autor/autora, autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan.

-Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF, en alta resolución para a súa posible publicación, de 2.000 píxeles como mínimo no seu lado máis reducido. A resolución recomendada é de 300 ppp.

Enviaranse copias en papel, xunto co arquivo en soporte CD. Cada fotografía (copia impresa), así como o correspondente CD coas copias dos arquivos, deberán levar unha inscrición no reverso indicando con letra lexible os datos identificativos dos/as autores/as: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan e título.

-No caso de vídeos, as producións presentaranse nun DVD estándar, reproducible en calquera reprodutor convencional de DVD, podendo conter menú de inicio. O formato será MPEG2 PAL, configurado como zona 2 ou como zona libre. As locucións e grafismos deberán utilizar o galego. A súa duración non poderá exceder de 10 minutos. O DVD non poderá conter máis dun programa e deberá estar identificado cos datos dos/as autores/as: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e a categoría en que participan, título da creación presentada, así como ficha técnica.

-Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

Sexta.-Na modalidade de actividades cooperativizadas, poderanse presentar as memorias dos traballos realizados cooperativamente por grupos de alumnos/as, tales como unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro.

A memoria describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

-Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñer un título ao traballo que resuma as súas intencións.

-Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

-Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

-Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordenado hai que celebrar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, os/as encargados/as de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin débense elaborar actas das reunións en que se deixe constancia de todo isto.

-Realización final. O traballo debe plasmarse finalmente nun produto dos establecidos para esta modalidade.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara editadas en Times New Roman cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15 mm en cada bordo. Teñen que entregarse dúas copias en papel e o seu soporte en sistema informático. Deberanse engadir, como anexos; o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

Sétima.-Os traballos que participen neste certame serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: dous representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha técnico/a especialista nas materias de debuxo e pintura e un/unha técnico/a especialista en audiovisual nomeados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o/a titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a. As decisións do xurado serán inapelables.

O xurado valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo. Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta o número de persoas participantes, a orixinalidade do tema elixido, a organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa e a calidade final do produto elaborado.

Oitava.-Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

Modalidade de debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo:

-Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.

-Un accésit por cada categoría: os/as autores/as de cada traballo premiado recibirán materiais de debuxo e pintura, audiovisual ou informático, por un valor de 1.700 euros.

Modalidade de actividades cooperativizadas:

-Un premio ao mellor traballo por categoría: os/as autores/as do traballo premiado en cada categoría recibirán material audiovisual ou informático, por un valor total equivalente a 2.700 euros.

Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase á súa entrega no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo. A relación de premiados/as e o lugar e data de entrega dos premios, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na paxina web www.cooperativasdegalicia.com.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Novena.-Os traballos dos/as alumnos/as debidamente identificados deberán entregarse, así mesmo, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas. O prazo de presentación finaliza o día 31 de maio de 2009. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo referidos anteriormente. Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

Décima.-O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios, a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos, pinturas, fotografías e vídeos gañadores.

O Consello Galego de Cooperativas reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos/as gañadores/as, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considerase que os/as participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentaren os traballos.

Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade o Consello Galego de Cooperativas no caso de que os traballos resultasen danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estivesen en poder deste. Os centros poderán recoller os traballos que non resulten premiados nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

Décimo primeira.-A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo; os seus efectos réxense polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos destas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.

ANEXO II

Certame Cooperativismo no ensino dirixido a centros de formación profesional.

Modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

Primeira.-Poden participar neste certame e modalidade todos os centros educativos de Galicia que impartan formación profesional específica.

Establécense dúas fases:

-1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

-2ª fase: concurso de proxectos empresariais cooperativos.

Segunda.-1ª fase: actividades de fomento do cooperativismo no centro escolar.

Os centros que desexen participar deberán desenvolver no seu centro educativo actividades de fomento do cooperativismo, tales como xornadas sobre o cooperativismo, visitas a cooperativas e calquera outra actividade que divulgue a fórmula empresarial cooperativa entre o alumnado do centro educativo.

Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de importantes valores sociais e que a súa práctica fomenta actitudes e valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva e a solución de conflitos de forma pactada; as actividades que se realicen deberán potenciar e propiciar estes valores, así como promocionar o cooperativismo como saída laboral dos/as alumnos/as de formación profesional.

Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.

Terceira.-Cada un dos centros educativos participantes poderá contar cunha compensación económica para os gastos derivados da realización das actividades de fomento do cooperativismo e da elaboración dos proxectos, ata un máximo de 2.000 euros. Os centros que desexen obter a reserva orzamentaria para as súas actividades poderán solicitar a validación do seu programa e orzamento antes do 28 de febreiro de 2009. Os restantes centros tamén poderán contar coa referida compensación económica, ben que no caso de que a dotación orzamentaria prevista para este fin non resulte suficiente para satisfacer os gastos realizados, a súa contía será distribuída entre todos eles en proporción ao gasto realizado.

Para solicitar o pagamento da devandita compensación económica, os centros participantes neste certame deberán presentar antes do 31 de maio de 2009 certificación emitida polo órgano competente comprensiva do informe das actividades realizadas e relación das facturas dos gastos, presentando copias compulsadas delas, copia do CIF do centro escolar e certificación bancaria en orixinal do número de conta do centro. Os documentos deberán presentarse na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela).

Cuarta.-2ª fase: concurso de proxectos empresariais cooperativos.

Os centros que realizasen as devanditas actividades poderán presentar un ou varios proxectos empresariais cooperativos a este concurso. En cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos/as, que deberán estar dirixidos na elaboración deste proxecto por un profesor/a-director/a.

Os proxectos deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato papel e formato electrónico que permita a súa posterior publicación, acompañados dunha ficha resumo segundo o modelo que pode obterse na web www.cooperativasdegalicia.com.

Quinta.-Os proxectos presentados serán avaliados por un xurado composto polos seguintes membros: dous/dúas representantes nomeados/as polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas, un/unha representante nomeado/a pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un/unha técnico/a especialista en cooperativismo nomeado/a pola Consellería de Traballo e a directora xeral de Relacións Laborais, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

Avaliarase a coherencia, orixinalidade e viabilidade económica dos proxectos empresariais cooperativos, así como a súa relación co contorno onde se desenvolven. As decisións do xurado serán inapelables.

Sexta.-Os proxectos empresariais cooperativos presentados optarán aos seguintes premios:

Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo, coa seguinte dotación:

-O/s autor/es ou a/s autora/s do mellor proxecto recibirá/n un único premio de 6.000 euros, dos cales 3.000 euros se entregarán tras a resolución do xurado, e 3.000 euros se entregarán tras a presentación dunha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto; será preciso xuntar a documentación acreditativa que xustifique, como mínimo, a conformación do grupo promotor do proxecto, coa relación de nomes e apelidos e a acta da súa primeira reunión.

-Unha viaxe para visitar experiencias cooperativas, por valor máximo de 1.500 euros, para o profesor/a-director/a do proxecto.

Dous accésit aos proxectos finalistas, coa seguinte dotación:

-2.000 euros para cada proxecto finalista, que se repartirán entre os/as alumnos/as que elaboraron cada un dos proxectos finalistas.

-500 euros en cheques para libros para cada un/unha dos/as profesores/as-directores/as dos proxectos finalistas.

Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase á súa entrega no transcurso do acto público que se celebrara con motivo do día do cooperativismo. A relación de premiados/as e o lugar e data de entrega dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.cooperativasdegalicia.com.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Sétima.-Os proxectos empresariais cooperativos deberán entregarse, así mesmo, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas. Deberá xuntarse aos proxectos o currículun do grupo (nomes, apelidos, idades, estudos dos/as integrantes do grupo, así como do/a profesor/a-director/a).

O prazo de presentación finaliza o día 31 de maio de 2009. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega do proxecto no lugar e prazo referidos anteriormente. Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

Oitava.-O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de ningunha declaración por parte dos/as autores/as, o recoñecemento do dereito exclusivo a favor do Consello Galego de Cooperativas, a reproducir, traducir e difundir os proxectos premiados nas condicións, cos medios e a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos.

O Consello Galego de Cooperativas reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes dos/as gañadores/as polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que os/as participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentaren o proxecto.

Os/as concursantes exoneran de toda responsabilidade o Consello Galego de Cooperativas, no caso de que os proxectos resultasen danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estiveren en poder deste. Os centros poderán recoller os proxectos que non resulten premiados, nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

Novena.-A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo, os seus efectos réxense polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación. Para o seguimento da súa execución ou coñecemento de calquera cuestión sobre a súa interpretación, modificación, resolución ou efectos delas que poidan xurdir acudirase ao Consello Galego de Cooperativas.