DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2009 Páx. 20

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO GALEGO DE COOPERATIVAS

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2008 pola que se dispón a publicación do acordo do Consello Galego de Cooperativas sobre premios á cooperación.

O Consello Galego de Cooperativas, na súa sesión plenaria do 12 de novembro de 2008, acordou aprobar as bases reguladoras dos premios á cooperación para o ano 2009.

En uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e funcionamento do Consello Galego de Cooperativas,

DISPOÑO:

A publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo referido.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2008.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Presidente do Consello Galego de Cooperativas

Acordo do Consello Galego de Cooperativas do 12 de novembro de 2008 polo que se convocan os VIII premios á cooperación

A Constitución española, no seu artigo 129.2º, encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7º do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, coa encomenda de velar polo cumprimento dos principios cooperativos, pola axeitada aplicación da lei e polo respecto das regras dunha xestión correcta e democrática das cooperativas de Galicia.

Coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na comunidade autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, o Consello Galego de Cooperativas considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

Polo que antecede, o Pleno do Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do 12 de novembro de 2008,

ACORDOU:

Único.-Aprobar as bases polas que se regulan os premios á cooperación para o ano 2009, segundo o anexo que se xunta.

ANEXO

Bases polas que se rexerá a convocatoria dos premios á cooperación 2009

Primeira.-Destinatarios.

Poderán optar a estes premios as cooperativas e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo na Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Modalidade.

Os premios á cooperación convócanse baixo as seguintes modalidades:

-Premio aos valores cooperativos.

-Premio ao mellor proxecto cooperativo.

-Premio á promoción do cooperativismo.

Terceira.-Premio aos valores cooperativos.

1. Outorgarase á cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos na Comunidade Autónoma galega.

2. O xurado valorará a traxectoria dos/as candidatos/as, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego.

3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Cuarta.-Premio ao mellor proxecto cooperativo.

1. Outorgarase ao proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia, tanto de cooperativas de nova creación como das previamente existentes.

2. O xurado terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada tanto polo seu carácter innovador ou de intercooperación ben como por outras características singulares e pola súa repercusión no contorno, especialmente nos eidos económico, social e laboral.

3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Quinta.-Premio á promoción do cooperativismo.

1. Outorgarase á persoa ou entidade que teña destacado especialmente no fomento do cooperativismo, tanto pola súa traxectoria como por actuacións de carácter puntual que resulten particularmente significativas.

2. O xurado terá en conta a actividade ou actividades realizadas polos/as candidatos/as e a súa repercusión na implantación e desenvolvemento do cooperativismo en Galicia, tanto nos seus aspectos cualitativos como cuantitativos, e valorará especialmente os persoeiros do cooperativismo como xeito de recoñecer as súas traxectorias neste eido.

3. O premio terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Sexta.-Candidaturas, documentación e prazo.

As candidaturas poderán presentarse, asinadas polo/a candidato/a ou persoa que o propoña, na Secretaría do Consello Galego de Cooperativas (Consellería de Traballo, edificios administrativos de San Lázaro, Santiago de Compostela) acompañada de memoria explicativa e documentación xustificativa dos valores e méritos alegados.

Poderase requirir dos interesados aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados, particularmente en relación coa aplicación práctica dos principios e valores cooperativos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio de 2009.

Sétima.-Xurado.

Para efectos de concesión dos premios, actuará como xurado a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e a súa decisión será inapelable.

O xurado poderá declarar os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Oitava.-Entrega dos premios.

Todos os premios serán outorgados polo xurado e procederase á súa entrega no transcurso do acto público que se celebrará con motivo do día do cooperativismo.

Novena.

A participación nestes premios supón a aceptación incondicional destas bases.