DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2009 Páx. 14

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 26 de decembro de 2008 pola que se regula a concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia para a contratación temporal de auxiliares de policía local durante a tempada de verán.

A Lei do Parlamento de Galicia 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, procedeu a coordinar as policías locais de Galicia nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguranza.

Pola súa vez, a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece entre outros principios o de que as entidades locais galegas e a Xunta de Galicia adecuarán a súa actuación aos de colaboración, cooperación e auxilio que puidesen precisar conxunturalmente para o eficaz cumprimento das súas tarefas, entre as cales está a de seguranza en lugares públicos.

Así, o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Por medio desta orde preténdese dar efectividade ao mandato xenérico de coordinación establecido na Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de corpos e forzas de seguranza, polo que, ao abeiro do disposto no artigo 12 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia, a Comunidade Autónoma galega procede á coordinación das policías locais de Galicia coa finalidade de obter un funcionamento homoxéneo destes corpos e así acadar unha acción conxunta e eficaz no sistema de seguranza pública galega. Para estes efectos, e por medio desta orde, establécese o procedemento para a concesión de axudas destinadas á contratación temporal de auxiliares de policía local por parte de concellos que incrementen considerablemente a súa poboación na tempada de verán, cumprindo cos requisitos recollidos no artigo 95 da mencionada lei.

Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Ao abeiro da devandita orde o crédito previsto no artigo 3º desta orde queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, no exercicio 2009, para financiar as obrigas derivadas deste acordo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá cos concellos, co fin de aumentar a eficacia dos seus corpos de policía local, no desenvolvemento das funcións que lle son propias durante a tempada de verán (xuño, xullo, agosto e setembro), convocando axudas, en réxime de concorrencia competitiva e para o ano 2009, destinadas a sufragar os custos de contratación temporal de auxiliares de policía local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar os beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten con corpo de policía local formado por un mínimo de tres membros.

b) Que vexan aumentada de forma notoria a súa poboación durante os meses de verán e que isto faga necesario reforzar os servizos que presta a policía local.

c) Que teñan presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2007 no Consello de Contas de Galicia

2. O número de contratos temporais que efectúe o concello non poderá superar o cincuenta por cento do persoal funcionario da policía local do concello peticionario, coa excepción prevista no artigo 95.7º da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia.

O número de contratos temporais que subvencionará a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza non poderá superar o cincuenta por cento do persoal funcionario da policía local do concello peticionario.

3. Corresponderalle ao concello peticionario o pagamento, como mínimo, do 25% do importe total do contrato formalizado co/s auxiliar/es de policía local, sendo por conta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o pagamento, como máximo, do 75% do custo da contratación, incluídos os custos sociais.

4. Non serán consideradas as solicitudes dos concellos que non teñan actualizado o envío de datos da súa policía local ao rexistro de policía local de Galicia (Dirección Xeral de Interior) na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de douscentos trinta e oito mil euros (238.000 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.460.0, programa 141.A, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2009, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 16 de outubro de 2008, acordándose a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos a que se refire o artigo 2º desta orde e que desexen acollerse aos seus beneficios deberán presentar a solicitude que figura como anexo I na oficina de rexistro único e información, nos rexistros das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, se entenderá prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, se entenderá que o prazo expira o último do mes.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, mediante a cobertura dos modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes por internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario/a xeral da corporación relativa ao acordo adoptado polo órgano competente do concello sobre a contratación temporal dos auxiliares de policía local, de que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Orzamento de gastos para a realización da actividade para a cal se solicita axuda, cuantificando o importe correspondente ao 75% solicitado en concepto de subvención, así como o custo total por auxiliar contratado.

c) Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada na data de publicación desta orde, que inclúa as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

d) Número de auxiliares que a corporación prevexa contratar e período de contratación (meses), así como unha memoria na que se recollan as necesidades de incremento do cadro de persoal para este período temporal, sinalando a cuantificación do incremento de poboación no concello durante o período de verán debido á súa afluencia turística.

Estarán exentos de presentar a cuantificación poboacional requirida nesta letra aqueles concellos que foron declarados municipio turístico galego conforme o Decreto 239/1998, do 30 de xuño, polo que se regula a declaración de municipio turístico galego.

e) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

f) Certificado do secretario/a do concello da presentación das contas do concello no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 2º.1.c) desta orde.

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afectase ao seu contido ou á súa vixencia, non será necesario presentala novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral lle reclame ao solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos concellos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o devandito prazo sen producirse a devandita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

a) Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación co derradeiro padrón de habitantes aprobado: 40%: outórgase a maior puntuación (40 puntos) o concello que presenta un mellor ratio policía/habitante e ao resto en proporción ao ratio que obterían.

b) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición: 30%, de acordo coa seguinte táboa:

Municipio costeiro con grande incremento poboacional: 30 puntos.

Municipio costeiro cun incremento poboacional medio: 25 puntos.

Municipio costeiro con baixo incremento poboacional: 20 puntos.

Municipio de interior con grande incremento poboacional: 20 puntos.

Municipio de interior cun incremento poboacional medio: 15 puntos.

Municipio de interior con baixo incremento poboacional: 10 puntos.

c) Declaración de municipio turístico: 30%, outorgando 30 puntos a aqueles concellos declarados turísticos pola Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, remitiranse á Dirección Xeral de Administración Local como órgano instrutor, que serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular de dita dirección xeral e da que formarán parte a persoa titular da Dirección Xeral de Interior e os/as delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local ou un funcionario/a da dita dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada será elevada á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 7º.-Notificación.

1. A resolución da consellería seralles notificada ás persoas solicitantes aos cales se lles conceda a axuda económica, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente por silencio administrativo, todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

1. As persoas beneficiarias da subvención, unha vez concedida esta, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento dos contratos subvencionados.

2. Para recibir a subvención, os concellos beneficiarios deberán remitirlle á Dirección Xeral de Administración Local, antes do día 20 de outubro de 2009, os seguintes xustificantes:

a) Copia compulsada do contrato que o concello formalice cos auxiliares.

b) Copia compulsada do diploma acreditativo de ter superado o curso básico para auxiliares de policía local expedido pola Academia Galega de Seguridade Pública de Galicia, de acordo co disposto no artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais de Galicia.

c) Certificación do pagamento das retribucións especificadas no contrato sinalado, incluídos os gastos de Seguridade Social, conformada polo interventor/a do concello, e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo II).

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 75% do importe dos xustificantes presentados.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar outros concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentado as correspondentes xustificacións, anularase a concesión da subvención a ese concello, e poderá esta consellería utilizar este crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 10º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, o concello comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 12º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As persoas beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Disposición adicional

Única.-Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións, contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00100D003P014.PDF"

Ver referencia pdf "00100D004P019.PDF"