DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2009 Páx. 5

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 26 de decembro de 2008 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais por parte dos concellos de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos municipios.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta comunidade autónoma se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

É neste sentido no que a Unión Europea incide, a través das correspondentes directrices estratéxicas, como prioridade para o conxunto da Unión. Así, a posta en marcha de medidas que respondan ás necesidades dos ámbitos rurais e urbanos da comunidade autónoma incidirá de xeito decisivo no cumprimento dos obxectivos que a Unión Europea se ten proposto e se ven materializados no programa operativo europeo 2007/2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano.

Por esta razón, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local, regulando por medio desta orde os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia, coa finalidade de acadar unha mellora nos servizos prestados á cidadanía por parte dos concellos galegos.

Así, o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Así mesmo, esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Ao abeiro desta orde o crédito previsto no artigo 2º da orde queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente, no exercicio 2009, para financiar as obrigas derivadas deste acordo.

Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Por medio desta orde establécense as bases para conceder subvencións, en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2009, aos concellos de Galicia, destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais por parte dos concellos de Galicia.

2. As actuacións que se van subvencionar responderán a proxectos completos, determinados e individualizados, dos seguintes tipos:

a) Construción e adecuación de prazas públicas.

b) Creación, adecuación ou rehabilitación de espazos e parques destinados á infancia.

3. Poderán ser beneficiados desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo cos datos do último padrón de habitantes.

b) Ter presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, correspondentes ao exercicio orzamentario 2007, no Consello de Contas de Galicia.

4. Só se poderá presentar un proxecto por concello, e coa finalidade de garantir a transcendencia e calidade destes só se subvencionarán proxectos que supoñan investimentos superiores a 75.000 €.

5. O importe máximo de subvención por concello será de 150.000 €.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.760.3, programa 141.A, ata unha contía máxima de un millón seiscentos setenta e tres mil novecentos oitenta e nove euros (1.673.989 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2009, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 16 de outubro de 2008, acordándose a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Esta liña de subvencións finánciase nun 70% con cargo aos fondos de desenvolvemento rexional (Feder) e nun 30% con cargo a fondos da comunidade autónoma (FCA).

A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar.

Artigo 3º.-Iniciación.

Os que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, e poderán presentar esta na oficina de rexistro único e información, nos rexistros das delegacións provinciais ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. O concello peticionario xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello polo cal se solicita subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita subvención, facendo constar nela os datos sobre os cales se fará a valoración das solicitudes prevista no artigo 5º desta orde.

c) Proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar: no caso de parques infantís será obrigatorio a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

d) Certificación expedida polo secretario/a xeral do concello, referida á titularidade e plena disposición do concello sobre o terreo e predio onde se pretenden realizar as actuacións (anexo II desta orde).

e) Certificación do secretario do concello referida aos dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade do ano 2007, para o cálculo do esforzo fiscal do concello (anexo III desta orde).

f) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos (anexo IV desta orde).

g) Certificado do secretario do concello da presentación das contas do concello no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 1º.3 b) desta orde (anexo III desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constasen en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afectase o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario achegala novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polos concellos teranse en conta os seguintes aspectos, outorgando a maior puntuación ás solicitudes que presenten un maior número de aspectos para avaliar e o resto de xeito proporcional.

-Porcentaxe de financiamento, respecto ao orzamento total das actuacións, que sería asumido por organismos distintos á propia consellería, incluídas as cantidades que, excedendo o 20% previsto nesta orde, achegue o propio concello: 20 puntos.

-Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello, considerando o previsto no artigo 1º.2 desta orde: 50 puntos.

a) Parques infantís: 25 puntos.

b) Prazas: 25 puntos.

c) Proxecto integral con praza e parque infantil: 50 puntos.

ci. Parques infantís.

1. Nº de menores de 9 anos censados no concello de acordo co último padrón de habitantes: ata 10 puntos.

2. Nº de equipamentos (mobiliario), dotacións e servizos que se implantarán na infraestrutura: ata 15 puntos.

i. Nº e tipoloxía de elementos de xogo: ata 5 puntos.

ii. Tipoloxía e variedade de mobiliario urbano do parque (bancadas, papeleiras, fontes....): ata 5 puntos.

iii. Iluminación e servizos sanitarios: ata 5 puntos.

cii. Prazas públicas, valoraranse baseándose nos servizos e dotacións dos espazos que se van realizar, de acordo cos aspectos seguintes:

1. Tipoloxía e variedade do mobiliario urbano con que se dotará a praza: 5 puntos.

2. Dotación de iluminación e servizos sanitarios: 5 puntos.

3. Dotación e tipoloxía de espazos verdes do espazo: 5 puntos.

4. Dotación de equipamentos biosaudables e lúdico-deportivos: 5 puntos.

5. Execución de proxectos con materiais tradicionais, autóctonos e adecuados ao medio (pedra, madeira, lousa, etc.): 5 puntos.

ciii. Proxecto integral: praza e parque infantil: as accións que se levarán a cabo comprenderán obrigatoriamente ambas as actuacións e será necesario que cada unha das actuacións supoña un mínimo do 30% da totalidade do proxecto. Os criterios de valoración neste suposto serán os sinalados para cada actuación nos puntos ci) e cii) anteriores.

-Valoración do esforzo fiscal do concello, de acordo coa fórmula: dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II, e III)/nº de habitantes: 10 puntos.

-Concellos que non recibiron subvención na anualidade 2008 para a execución de infraestruturas de uso público, con cargo ao mesmo programa operativo 2007/2013, nos fondos xestionados por esta dirección xeral: 20 puntos e o resto 0 puntos.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todas as persoas beneficiarias da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 8º.-Contratación.

A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

No proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario deberá facerse constar de xeito ineludible que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, fondos Feder (70%), e da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local-30%), e, unha vez rematadas, deberá figurar esta publicidade, de acordo co previsto no Regulamento 1159/2000 da Comisión Europea, de acordo coa imaxe corporativa oficial da Xunta de Galicia.

Para estes efectos será obrigatoria a presentación da documentación prevista no artigo 10º e) desta orde.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

As persoas beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidas. A Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. Os concellos beneficiarios da subvención presentarán antes do 30 de outubro de 2009 a seguinte documentación:

a) Factura ou certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo V da orde, con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Certificación relativa ao acordo de aprobación polo concello das facturas ou certificacións de obra expedida polo/a seu/súa secretario/a.

c) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Xustificante do pagamento da totalidade das obras.

De acordo co artigo 78 do Regulamento 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo do 2006, os gastos efectuados polas persoas beneficiarias deberán documentarse mediante facturas pagadas ou documentos contables de valor probatorio equivalente.

e) Certificación do secretario/a de ter cumprido o estipulado no Regulamento 1159/2000 da Comisión Europea sobre publicidade de fondos Feder, así como copia da documentación acreditativa das actuacións efectuadas para dar cumprimento á dita publicidade.

Para tal fin, deberán achegarse fotografías, en soporte informático, do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións (tomadas durante e con posterioridade á súa realización), nas cales se aprecie a debida publicidade do cofinanciamento das actuacións con fondos Feder (70% da subvención) e con fondos da Comunidade Autónoma (30% da subvención).

Igualmente, deberase achegar copia, en soporte informático e papel, da totalidade do expediente de contratación das obras, e deberá figurar expresamente en todos os documentos que forman parte del o cofinanciamento das actuacións con fondos Feder (70%) e con fondos da Comunidade Autónoma (30%).

Así mesmo, no lugar das obras deberá figurar con carácter permanente polo mesmo período de tempo indicado no parágrafo anterior indicación expresa do financiamento das actuacións (de acordo coas ratios previstas no artigo 2º desta orde). Esta indicación realizarase mediante unha placa que se colocará nun lugar visible.

A publicidade sobre o cofinanciamento das actuacións subvencionadas deberá manterse durante, cando menos, cinco anos.

f) Declaración complementaria referida á obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado as correspondentes xustificacións, anularase a concesión da subvención a ese concello, e poderá esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

2. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

No caso de subvencións superiores a 60.000 €, realizarase previamente a comprobación material do investimento, do que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada por un representante da Administración e polo beneficiario, comprobación que poderá efectuar un órgano distinto do concedente da subvención. Excepcionalmente, poderase substituír esta comprobación por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

A persoa beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar aos concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 12º.-Modificación.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o concello beneficiario da subvención deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante, como mínimo, os cinco anos posteriores ao seu outorgamento.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

Artigo 13º.-Incumprimentos.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, o concello comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 14º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As persoas beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

O incumprimento da obriga do concello beneficiario da subvención de dar a axeitada publicidade do cofinanciamento das actuacións, en especial do previsto no artigo 8º desta orde, e de acordo co previsto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en relación co artigo 33.d) da citada norma, será causa de reintegro por parte do concello das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Disposición adicional

Única.-Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00100D002P005.PDF"