DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 29 de decembro de 2008 Páx. 23.201

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2008 pola que se lle dá publicidade á decisión do xurado designado para o outorgamento do premio institucional Chano Piñeiro do ano 2008.

Por Resolución do 30 de setembro de 2008, da Secretaría Xeral de Comunicación, convócase o premio institucional Chano Piñeiro no ámbito da promoción do sector audiovisual correspondente ao ano 2008, e aprobanse as súas bases.

Por resolución da mesma secretaría, do 21 de outubro de 2008, procedeuse a designar aos vogais do xurado encargado do outorgamento do dito premio, regulado na base cuarta da Resolución do 30 de setembro de 2008.

En data do 12 de decembro, logo de convocatoria, reúnese o xurado do premio para analizar e valorar as propostas de candidatos, así como outorgar o premio.

A base quinta, punto terceiro, da mencionada Resolución do 30 de setembro de 2008, dispón que «a resolución pola que se outorgue o galardón publicarase inmediatamente no Diario Oficial de Galicia e notificarase oportunamente». Na súa virtude,

RESOLVO:

Darlle publicidade ao acordo do xurado designado para outorgar o premio Chano Piñeiro 2008, de acordo co seguinte teor:

«Reunido o día 12 de decembro de 2008 o xurado designado para outorgar o premio institucional Chano Piñeiro no ámbito da promoción do sector audiovisual correspondente ao ano 2008, unha vez analizadas e valoradas as propostas de candidatos presentadas, acorda por unanimidade:

Primeiro.-Outorgar o premio Chano Piñeiro correspondente ao ano 2008, modalidade A. Audiovisual galego, a Antonio Durán «Morris», en recoñecemento ao seu labor no ámbito cinematográfico, valorando especialmente a calidade da súa obra e a súa significación como achega sobresaínte ao audiovisual galego.

Segundo.-Outorgar o premio Chano Piñeiro correspondente ao ano 2008, modalidade B. Audiovisual internacional con relevancia para Galicia, a Eduardo Blanco, en recoñecemento ao seu labor no ámbito da interpretación, valorando especialmente o seu labor creativo e a súa significación como achega sobresaínte ao audiovisual internacional con relevancia para Galicia.

Terceiro.- Outorgar unha mención honorífica a Jorge Coscia e a Luís Iglesia Sánchez «Tacholas», respectivamente, en recoñecemento ao seu labor en prol da promoción da cultura audiovisual dentro e fóra de Galicia».

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2008.

Fernando Salgado García

Secretario xeral de Comunicación