DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 26 de decembro de 2008 Páx. 23.165

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 19 de decembro do 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a conservación e recuperación das poboacións de coello de monte autóctono, e se convocan para o ano 2009.

O coello de monte é o principal obxectivo da caza menor en Galicia. Este lagomorfo sufriu nos últimos anos o progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural e o paulatino abandono dos cultivos que constituían unha parte importante da dieta destes animais e, a maiores, o azoute da enfermidade hemorráxica vírica e da mixomatose, polo que diminuíron dramaticamente as súas poboacións.

Co obxecto de reforzar estas poboacións deficitarias recorreuse a repoboar os nosos montes con coellos híbridos, procedentes de granxas cinexéticas, que están poñendo en perigo a calidade xenética das poboacións cunícolas autóctonas.

Os poderes públicos deben garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio do seu uso prudente e racional. Neste sentido, o labor da Administración autonómica, entre outros, é intentar harmonizar as actividades tradicionais e económicas coa conservación e os aproveitamentos sustentables dos recursos.

Por todo isto, faise necesario poñer en marcha un programa de axudas que incentivando actuacións racionais no medio natural, propicien a recuperación do noso coello autóctono.

Esta orde pretende establecer unha liña de axudas económicas para fomentar a construción de instalacións de produción e cría en semiliberdade do coello de monte, propiciar o restablecemento das súas poboacións naqueles espazos en que xa non queden efectivos ou se encontren en niveis moi baixos, ao tempo que se reforza a presenza de exemplares autóctonos en substitución dos coellos híbridos utilizados nas repoboacións dos montes nos últimos anos.

O artigo 148.1º 11 da Constitución, así como o artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, confire á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, en relación co Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, atribúen á citada consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

Por outra parte, a Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, establece a competencia na planificación, ordenación, fomento, vixilancia e control da caza á consellería, a cal realizará cantas actuacións considere precisas para acadar os fins da lei. Entre elas, e co fin de conservar, preservar e mellorar o hábitat natural das diferentes especies cinexéticas, a Xunta de Galicia poderá acordar as oportunas medidas de axuda para o logro de devandito obxectivo e cantas outras de carácter limitativo, correctoras ou restauradoras persigan idéntica finalidade. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da caza en Galicia, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ao fomento daquelas actividades orientadas á conservación e mellora do recurso cinexético por medio dun aproveitamento sustentable.

O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa comunidade autónoma establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, en todo o que non se opoña á citada lei. A presente orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de Autonomía e en uso das atribucións que me confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable aos terreos cinexéticos para a conservación e recuperación do coello de monte (Oryctolagus cuniculus), mediante a construción das instalacións necesarias para a súa cría en semiliberdade e a súa reintrodución no medio natural. Para tal fin a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible levará a cabo un programa de actividades de divulgación das técnicas e medidas precisas para a consecución destes obxectivos.

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Son actuacións subvencionables destas axudas:

1. Construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade, que se axusten ao especificado no punto 1 do anexo II.

2. Construción de tobeiras artificiais por aqueles beneficiarios que teñan realizadas as instalacións anteriormente mencionadas, segundo as instrucións do anexo II punto 2.

Todas estas actuacións deberán iniciarse a partir da publicación da orde e deberán estar finalizadas no prazo sinalado na resolución de adxudicación (supeditado ao límite temporal do ano 2009) a que se refire o artigo 9º desta orde.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderanse acoller a estas axudas os titulares de terreos cinexeticamente ordenados de carácter societario (Tecor), que teñan a dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde, as persoas ou entidades en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Contía dos investimentos e das axudas.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará investimentos ata un máximo de 18.000 euros por beneficiario para as instalacións de cría que cumpran os requisitos do punto 1 do anexo II, nas cales soamente será opcional o cerramento superior.

2. Os investimentos para a construción de tobeiras necesarias para a reintrodución dos coellos no medio natural poderán acadar ata 6.000 euros por beneficiario cun límite de 1.500 euros por tobeira.

A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 100% do custo dos investimentos recollidos nos puntos anteriores. O IVE non será subvencionable, tampouco todos aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. Para os efectos do disposto no artigo 27.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao contido dela.

4. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención segundo o modelo do anexo I, xunto cos respectivos proxectos ou memorias de actividades ou obras que se pretenden executar, no rexistro da consellería, nos das súas delegacións provinciais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia do CIF do beneficiario da subvención.

-Certificación bancaria de ter aberta unha conta a nome do beneficiario da axuda, con expresión do seu CIF e o número de conta segundo anexo VII. Aqueles beneficiarios a que se teña aboado a subvención no exercicio pasado non precisan presentar de novo a certificación bancaria, salvo que opten por cambiar de conta bancaria para percibir a axuda desta orde.

-Se o titular for unha sociedade, acordo do órgano competente desta polo que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, no que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude.

-Declaración da existencia de persoal encargado das instalacións.

-Memoria do proxecto que se adecue ás indicacións do anexo II e que deberá incluír: descrición das instalacións, ou das tobeiras segundo o caso, plan de captura ou adquisición dos reprodutores, programa orzamentario, orzamento detallado, calendario e prazo aproximado de execución, así como de calquera outra instalación que se pretenda facer. O plan de manexo do cerramento e o programa sanitario que se aplicará acomodaranse ás especificacións do anexo III. (Facilitarase un modelo nas dependencias dos servizos provinciais).

-Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións (anexo IV).

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir calquera documentación complementaria que considere conveniente.

4. Para a acreditación dos méritos recollidos no artigo 7º e que sexan alegados, deberán presentarse:

Punto a): copia do contrato cunha duración mínima dun ano.

Puntos b) e c) : compromiso por escrito

Punto d): será válida como xustificación a certificación do técnico ou axente do servizo provincial que comprobase no momento oportuno a realización das actuacións, logo de comunicación por parte da sociedade ao citado servizo.

Punto e): táboas de resultados diarios das xornadas cinexéticas segundo o modelo do caderno de caza dispoñible nos servizos provinciais de Conservación da Natureza (cubrir o anexo V).

Punto f): memoria en que se recolla a metodoloxía empregada e os resultados obtidos nos estudos levados a cabo. Deberase demostrar o uso do galego para acollerse ao incremento de puntos.

Punto g): documentos xustificantes da realización da actividade (convocatoria, anuncio publicitario, documentación entregada…) dos cales se deduza o contido e duración desta. Deberase demostrar o uso do galego para acollerse ao incremento de puntos.

5. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Esta comprobación efectuarase tanto antes de ditar resolución de concesión como da tramitación do pagamento. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

6. No caso de solicitar axudas por un importe subvencionable superior a 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou entrega do ben, segundo o establecido no artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6º.-Inspección previa e final.

En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o persoal técnico realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica e, en caso de solicitar soamente tobeiras artificiais, ver que teñen realizadas as instalacións previas de cría, e unha inspección final unha vez terminadas as obras para poder facer a correspondente certificación.

Artigo 7º.-Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas.

1. A orde de prelación para a concesión das subvencións establecerase de forma independente para cada liña de actuación das recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 2º e basearase na puntuación acadada por cada solicitude, de acordo coas seguintes prioridades:

Ver referencia pdf "25000D006P017.PDF"

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se acompañan dos documentos sinalados.

Se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo provincial requirirá ao solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou remita os documentos preceptivos, indicándolle que, de non facelo, terase por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, os servizos provinciais de Conservación da Natureza enviarán os expedientes completos no prazo de dous meses a partir da data de presentación de solicitudes para a súa baremación conxunta na Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas por parte dunha comisión que establecerá a puntuación mínima que deben acadar os solicitantes para obter a condición final de beneficiarios segundo as actuacións solicitadas, tendo en conta o límite orzamentario para cada liña das recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 2º desta orde. Deste xeito, resultarán dúas listas de beneficiarios, unha para cada tipo de actuación. A comisión de valoración presidiraa o titular da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da citada comisión os titulares das xefaturas de servizo e sección competentes en materia de recursos cinexéticos nos servizos centrais. Este último actuará como

secretario.

3. A Administración autonómica procurará unha repartición xeográfica equilibrada dos cerramentos, para propiciar o efecto divulgador da eficacia deste tipo de instalacións. Para tal efecto, terase en conta este criterio para resolver as posibles situacións de igualdade que se puideren dar entre as solicitudes que se presenten.

Artigo 9º.-Resolución e recurso.

1. O director xeral de Conservación da Natureza, por delegación expresa do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta convocatoria, resolverá conceder ou denegar as axudas solicitadas, en atención aos criterios preferentes contidos nela e das dispoñibilidades orzamentarias. Transcorridos seis meses a partir da entrada en vigor desta orde, as solicitudes que non sexan expresamente resoltas entenderanse denegadas, sen prexuízo da obriga legal de resolver establecida nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Notificación aos interesados.

As resolucións seranlles notificadas a cada un dos solicitantes, dentro dos dez días seguintes ao da sinatura da resolución.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. As obras obxecto de subvención deberán contar no momento do seu comezo coas licenzas e autorizacións preceptivas, se estas for necesarias.

2. A finalidade ou función da actividade ou obra deberase manter durante un prazo mínimo de 5 anos, de conformidade co establecido no artigo 29.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os investimentos obxecto de subvención deberanse realizar no prazo que se indique na resolución de adxudicación (supeditado ao límite temporal do ano 2009). Excepcionalmente, o director xeral de Conservación da Natureza, poderá conceder, por delegación do conselleiro e antes de que remate o período de execución, unha prórroga dentro dos límites establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os beneficiarios deberán de conservar os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos.

Artigo 12º.-Aceptación.

O outorgamento da subvención debe ser aceptado polo beneficiario no prazo máximo de 15 días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14º.-Publicidade da resolución.

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputan, dos beneficiarios, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

2. De conformidade cos puntos 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a orde e a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas e as sancións que como consecuencia delas se puideren impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Así mesmo, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida segundo o disposto no artigo 15.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Economía e Facenda co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados ao rexistro poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 15º.-Xustificación do gasto.

1. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comprobará a realización efectiva das instalacións, o cumprimento da finalidade e asistirá tecnicamente aos adxudicatarios para que as técnicas de reprodución, cría e reintrodución sexan aplicadas coa maior corrección, todo iso de conformidade co establecido no artigo 30.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O servizo provincial de Conservación da Natureza, logo da correspondente inspección final, deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.

A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante documentación que acredite a efectiva realización dos pagamentos: extractos de contas, ordes de transferencia, talóns, certificacións bancarias ou documentos equivalentes. De ser o caso, á anterior documentación anexaráselle a copia das facturas emitidas polos provedores.

Igualmente, deberase presentar unha declaración do conxunto das solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas competentes, segundo o anexo VI.

Vista a certificación final das obras coa documentación presentada e o informe do servizo provincial correspondente, a dirección xeral de Conservación da Natureza fará proposta de pagamento da subvención concedida.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto o beneficiario non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Así mesmo, e segundo o establecido no artigo 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo o anexo VI.

Artigo 17º.-Revogación.

1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, após o informe previo do servizo provincial, e despois de audiencia previa ao interesado, o Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrarlle á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

Artigo 18º.-Alteración das condicións da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19º.-Obriga de facilitar información.

Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20º.-Financiamento.

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541 B. 781.0, código de proxecto (2007 00944), dos orzamentos xerais da comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, ata un importe de 160.000 euros para o exercicio orzamentario, dos cales 128.000 euros se destinarán inicialmente a subvencionar as actuacións recollidas no artigo 2º.1 e 32.000 euros ás recollidas no punto 2 do mesmo artigo, sen prexuízo de que unha vez atendidas todas as solicitudes para cada liña de actuación, poida utilizarse o posible orzamento sobrante nunha delas para atender solicitudes na outra. A contía total da axuda prevista nesta orde poderase incrementar, axustándose en todo caso ao previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Delegación de funcións.

Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 9º.1, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Expediente anticipado de gasto.

Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2009.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2008.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

Ver referencia pdf "25000D006P017.PDF"

ANEXO II

1. Indicacións xerais básicas ás que deben axustarse os proxectos de produción e cría de coellos de monte en réxime de semiliberdade.

Os terrenos dedicados á cría de coellos en semiliberdade terán entre 2.500 e 3.500 m2 , incluídos os cerramentos de produción principal e de apoio.

Os cerramentos estarán rodeados por un valo dunha altura no inferior aos dous metros, que impida tanto a entrada doutros animais, especialmente predadores, ou persoas, como a saída dos coellos. Ademais, débese profundar no chan máis de medio metro, ou ata atopar un substrato difícilmente escavable. A gabia escavada encherase cunha cimentación de formigón, ou ben enterrarase unha malla metálica. Poderase incluír un cerramento superior de malla de rede para minimizar a depredación.

O cerramento de produción principal terá dúas partes, unha de alimentación e outra de refuxio, separadas por un valado con pasos que poidan pecharse á vontade.

A zona de alimentación ocupará o 90% do cerramento principal e disporá dunha pradaría para a alimentación dos coellos, na cal se instalarán bebedoiros e comedoiros e que contará con algunha estrutura de refuxio provisorio que facilite a captura dos animais. A pradaría sementarase unicamente con gramíneas perennes de porte baixo, evitando as especies propias de prados de sega. Disporá necesariamente dun sistema de rega.

Na zona de refuxio instalaranse polo menos 6 tobeiras artificiais, onde os coellos poidan construír as súas tobas de refuxio e cría. As tobeiras artificiais terán unha estrutura piramidal, duns 20-30 m2 de base e uns 2 m de altura, composta de pedras ou raíces de árbores co tamaño suficiente como para deixar ocos entre elas e cubertas de terra en abundancia. A terra empregada debe ser rica en materia orgánica.

O cerramento de apoio terá unha superficie mínima de 500 metros cuadrados, cunhas características similares á zona de alimentación do cerramento principal.

2. Directrices xerais para a construción de tobeiras artificiais.

A construción das tobeiras realizase a partir de materiais naturais que se van superpoñendo en diferentes fases da construción sobre unha estrutura de palés de madeira, obténdose unha estrutura circular ou elíptica. Construiranse con catro pisos de catro ou seis palés cada un que se colocan directamente sobre o chan sen necesidade de excavación previa. Os palés serán robustos e cun grosor de polo menos dous centímetros. As dimensións oscilarán entre 110 e 130 cm de lado e deberá estar totalmente pechados na súa parte superior, para evitar que a terra penetre no interior da tobeira (no caso de aberturas moi amplas colocarase sobre eles un tecido de serapilleira para reducir o paso de terra). En ningún caso se empregará material plastico para esta finalidade. Estas tobeiras terán polo menos dúas entradas para facilitar a introdución dos coellos, e a entrada e saída ata que os animais constrúan novas bocas. As entradas poden ser tubos robustos de PVC ou similar duns 120 cm de lonxitude

e dun diámetro interior de polo menos 12 cm, que conecten co interior dalgún dos pisos de palés. Estes tubos colocaranse de maneira que sobresaian uns 30 cm da tobeira (tamén poden deixarse cunha maior lonxitude, por exemplo 50 cm ou máis, para que así non queden cubertos con terra durante a construción), posteriormente, xusto antes da introdución de coellos, procederase a recortar o sobrante. É moi importante que estes tubos estean horizontais e que as entradas se manteñan cerradas durante o proceso de construción e ata a introdución dos coellos. Ao redor dos palés e a uns 100 cm de distancia dos seus bordos disporase unha barreira de contención de uns 50 cm de altura, constituída por pedras e/ou troncos, para a suxeción dos diferentes materiais que constitúen a tobeira. Esta barreira pode reforzarse coa colocación de troncos que faciliten a suxeición da estrutura. No referente o tamaño de construción, é recomendable que o raio maior non sexa moi inferior a 5 m e o eixe menor (no

caso de forma elíptica) sexa de 3 m. A altura inicial deberá ser superior a 1,5 m. En canto á densidade situaranse ao redor de 20 tobeiras situadas a distancias mínimas de entre 15-25 m entre elas.

Finalmente, e para favorecer a supervivencia dos animais e no asentamento na zona, colocarase unha malla tipo galiñeiro que rodee a tobeira e que impida a saída dos animais durante os primeiros días de solta.

ANEXO III

Indicacións básicas a que deben axustarse os programas de manexo sanitario dos centros de cría de coello de monte en semiliberdade

A densidade de reprodutores deberá manterse en torno a 1 macho por cada 200 m2 de superficie e 1 femia por cada 100 m2 de superficie. Admitiranse variacions dun 20% destes valores.

A procedencia dos reproductores debe asegurar que se trata de coellos de monte procedentes de Galicia, nunca hibridados con coellos domésticos.

Deberá contarse cun sistema de identificación dos coellos e cun sistema de rexistro documental que permita un axeitado manexo. Estes sistemas deberán detallarse no plan de manexo.

Deberá establecerse un réxime de capturas (mínimo de un ao mes, durante os meses de actividade reprodutora) que permita a revisión dos reprodutores e o seu tratamento veterinario se fose preciso, e a captura dos novos individuos para a súa marcaxe, revisión, tratamento e traslado ao cerramento de apoio.

O programa sanitario incluirá un protocolo de vacinación fronte á mixomatose e á enfermidade hemorráxica vírica e medidas de loita contra os parasitos internos e externos, entre outras cuestións. Prestarase especial atención á coccidiose.

Ver referencia pdf "25000D006P017.PDF"