DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 26 de decembro de 2008 Páx. 23.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 22 de decembro de 2008 na que se amplía o prazo de xustificación e a dotación orzamentaria das axudas previstas na Orde do 3 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal, e se convocan para o ano 2008.

Mediante a Orde do 3 de marzo de 2008 (DOG nº 49, do 10 de marzo), a Consellería do Medio Rural establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal de acordo co establecido no artigo 10 do Real decreto 1615/2007, do 7 de decembro, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal (BOE nº 304, do 20 de decembro). Posteriormente, a Orde do 2 de maio de 2008 ampliou o prazo de presentación de solicitudes (BOE nº 88, do 8 de maio).

No seu artigo 19, indícase que o financiamento das axudas previstas nesta orde farase con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2008, na aplicación orzamentaria 11.03.713D.781.0, cunha dotación de 100.953 €, e con fondos transferidos polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, de acordo co previsto no Real decreto 1615/2007, do 7 de decembro.

Unha vez recibidos os ditos fondos, considérase oportuno ampliar o importe da dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

No artigo 10.5º establécese: «A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos efectuados, que será, polo menos, posterior en quince días á finalización da súa execución, segundo o calendario presentado e, en calquera caso, anterior á data límite do 15 de decembro do ano en curso».

Diversas dificultades de carácter técnico, relacionadas co atraso da transferencia de fondos do ministerio que financian estas axudas provocaron que a fase de instrución se prolongase máis alá das datas inicialmente previstas, o que afectou tanto os prazos de resolución das solicitudes como os de xustificación das axudas concedidas, estando na actualidade na fase previa a resolución, por tal motivo cómpre ampliar o prazo de xustificación das axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 10.5º da Orde do 3 de marzo de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal, e convócanse para o ano 2008, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10.5º

5. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente, indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos efectuados, que será anterior á data límite do 30 de decembro do ano en curso».

Artigo 2º

1. Amplíase a dotación orzamentaria que se establece no artigo 19 da Orde do 3 de marzo (DOG nº 49, do 10 de marzo de 2008) pola que se establecen as bases e se convoca para 2008 a concesión de subvencións para fomentar a produción de produtos agroalimentarios de calidade de orixe animal.

2. O incremento da dotación será con fondos recibidos do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, con cargo á aplicación orzamentaria 11.03.741A.771.0 por un importe de 483.114,07 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na mencionada orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A modificación do prazo de presentación das xustificacións e ampliación do crédito prevista no artigo 2 desta orde non afecta ao prazo de presentación de solicitudes establecido na mencionada Orde do 3 de marzo de 2007, ampliado pola Orde do 2 de maio de 2008 (DOG nº 88, do 8 de maio).

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural