DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 26 de decembro de 2008 Páx. 23.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 10 de decembro de 2008 pola que se publica a modificación dos estatutos do Consorcio As Mariñas.

O Consorcio As Mariñas tramitou a modificación dos seus estatutos co gallo de adaptalos á sentenza nº 633/2004 ditada o día 21 de xullo de 2004 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no recurso contencioso-administrativo interposto polo Colexio Oficial de Funcionarios de Administración Local con habilitación de carácter nacional. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da devandita entidade supramunicipal remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

A modificación dos estatutos dun consorcio local segue as mesmas regras e procedemento previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, ao que remite o artigo 151 da mesma norma.

Examinado o expediente, considérase que a tramitación da modificación estatutaria acatou o procedemento legalmente previsto para tal fin que, en síntese, foi a que segue:

-O Pleno do Consorcio acorda iniciar o procedemento de modificación dos seus estatutos en sesión ordinaria que tivo lugar o 27 de setembro de 2004.

-O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes e simultaneamente remitiuselles á Deputación Provincial da Coruña e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a emisión de informe no devandito prazo.

-Consta certificado da secretaria do consorcio de non presentación de alegacións no dito período.

-Con data do 3 de decembro de 2004 a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe ao respecto.

-Pola súa banda, a Deputación Provincial da Coruña emitiu informe favorable da dita modificación en sesión plenaria que tivo lugar o 25 de novembro de 2004.

-O Pleno de todos os concellos consorciados aprobou por maioría absoluta do número legal de membros de cada corporación a modificación dos estatutos.

O presidente do Consorcio remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza unha copia certificada dos acordos de modificación dos estatutos.

En atención ao exposto e de conformidade co previsto no artigo 143.1ºd) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.-Publicar a modificación dos estatutos do Consorcio As Mariñas. O texto é o que se recolle no anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Artigo 14º.-Persoal ao servizo do Consorcio.

O persoal ao servizo do Consorcio estará constituído:

a) Secretario, interventor e tesoureiro.

b) Xerente.

c) Persoal laboral

d) De ser o caso, persoal eventual.

O persoal poderá ser propio ou adscrito agás o descrito na alínea a) anterior, que será nomeado conforme o artigo seguinte.

Artigo 15º.-Secretario, interventor e tesoureiro.

Os ditos cargos crearanse e clasificaranse como propios e independentes, de conformidade co establecido pola normativa específica de funcionarios con habilitación nacional.