DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2008 Páx. 23.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de decembro de 2008 pola que se resolve a segunda convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o alumnado de formación profesional de centros docentes sostidos con fondos públicos e para o alumnado e profesorado de centros concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional, convocada pola Orde do 20 de agosto de 2008.

A Orde do 20 de agosto de 2008 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableceu unha segunda convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o alumnado de formación profesional de centros docentes sostidos con fondos públicos e para o alumnado e profesorado de centros concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional.

Vista a proposta da comisión de selección prevista no punto noveno da citada orde,

RESOLVO:

Primeiro.-Conceder, con cargo ao concepto orzamentario 09.03.422M.480.0, as axudas para o alumnado de formación profesional de centros docentes sostidos fondos públicos e centros concertados que se relaciona no anexo I, e para o profesorado de centros concertados que se relacionan no anexo II, por un importe total de 121.395 euros.

Segundo.-Estas axudas aboaranse unha vez finalizada a actividade e despois da súa completa xustificación económica por parte do centro e entrega da memoria de actividades, xuntando certificación respecto da percepción ou non doutras axudas e subvencións para a mesma finalidade, para os efectos do disposto no artigo 78.4º e) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceiro.-De acordo coa normativa vixente, os beneficiarios quedarán obrigados a:

1. Aceptar a axuda, bolsas de estudo, e indemnizacións por razóns de servizo concedidas. Neste sentido, se no prazo de quince días, contados a partir do da recepción da comunicación pola que se notifica a concesión da axuda, o centro beneficiario non a acepta, entenderase que renuncia a súa percepción.

2. Facilitar a información requirida e someterse ás accións de comprobación ou control financeiro que poida efectuar a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e os organismos competentes.

3. Xustificar o correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da documentación exixida no punto décimo segundo da convocatoria.

Cuarto.-Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Quinto.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "24900D015P081.PDF"