DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2008 Páx. 23.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 12 de decembro de 2008 pola que se establecen as regras de desenvolvemento e a convocatoria das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, en desenvolvemento do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

A Directiva 2003/59/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, relativa á cualificación inicial e á formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, pola que se modifican o Regulamento (CEE) núm. 3820/1985, do Consello, e a Directiva 91/439/CEE, do Consello, establece unha nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.

A formación obrigatoria dos condutores establécese como algo diferente do que actualmente existe para a obtención dos permisos de condución a que se refire a Directiva 91/439/CEE, do Consello, do 29 de xullo de 1991, sobre o permiso de condución, incorporada ao ordenamento interno polo Regulamento xeral de condutores, aprobado polo Real decreto 772/1997, do 30 de maio. A nova formación difire desta última tanto na súa estrutura coma no seu contido e destinatarios. Por unha parte, establécese unha cualificación inicial que debe obterse con independencia do permiso de condución e, por outra, unha formación continua dirixida a manter actualizados os coñecementos inicialmente exixidos. As materias sobre as que se exixen coñecementos afectan fundamentalmente a actividade de transporte a que se dedican profesionalmente estes condutores.

En desenvolvemento destas previsións ditouse o Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, que no seu capítulo VI (artigos 14 ao 17) e no seu anexo V recolle a regulación dos exames para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial.

A convocatoria destas probas corresponde á Xunta de Galicia con base na delegación de competencias efectuada pola Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, de delegación de competencias do Estado nas comunidades autónomas en relación cos transportes por estrada e por cable.

O artigo 15 do referido Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, establece que deberán convocarse exames polo menos seis veces ao ano e o órgano competente poderá publicar unha vez ao ano todas as convocatorias referidas a este, indicando os prazos de inscrición correspondentes a cada convocatoria.

Ademais, cómpre incidir na transparencia destes procesos, razóns que levan á inclusión nesta orde de normas que terá en conta necesariamente o tribunal designado para a súa realización e avaliación.

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, na Directiva 2003/59/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, e no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Probas que se convocan.

1. Convócanse os procesos selectivos das probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste ano 2009 realizaranse seis convocatorias, que se desenvolverán nos meses que a seguir se detallan, das cales as catro primeiras serán exclusivamente para as categorías D1, D1 + E, D e D + E, e as dúas últimas comprenderán tanto as categorías D1, D1 + E, D e D + E como as categorías C1, C1 + E, C e C + E.

2. As probas correspondentes a cada un dos indicados procesos terán lugar en sábado, domingo ou festivo, consonte o seguinte calendario:

-Primeira convocatoria: entre o 14 e o 22 de febreiro de 2009.

-Segunda convocatoria: entre o 11 e o 26 de abril de 2009.

-Terceira convocatoria: entre o 13 e o 28 de xuño de 2009.

-Cuarta convocatoria: entre o 15 e o 30 de agosto de 2009.

-Quinta convocatoria: entre o 10 e o 25 de outubro de 2009.

-Sexta convocatoria: entre o 5 e o 20 de decembro de 2009.

3. Por medio de resolución da Dirección Xeral de Transportes, que será obxecto de publicación na web da Dirección Xeral de Transportes relativa a actividades de formación http://www.cptopt.xunta.es/portal, determinaranse as datas exactas, o lugar de cada unha das probas e recollerase o desenvolvemento de cada unha das convocatorias de exame.

4. Os aspirantes que teñan superados os cursos preceptivos nos 6 meses anteriores á realización dos exames poderán presentarse ás correspondentes convocatorias, realizando o exame relativo á modalidade de transporte de mercadorías ou de viaxeiros, en función do curso previo realizado.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

É un requisito imprescindible para poder participar nas probas de cualificación inicial ter realizado e superado o curso de formación correspondente nos 6 meses inmediatamente anteriores á data de realización do exame, para o cal, finalizado este, e con efectos do día da súa finalización, o director docente do centro que o impartise expediralle a cada alumno que o seguise con aproveitamento un certificado acreditativo de ter realizado a formación teórica e práctica exixida sobre as materias obxecto do curso e, simultaneamente, comunicaralle por vía telemática ao órgano competente, a finalización do curso e a listaxe de todos os alumnos que o superasen, identificados polo seu nome e apelidos e número de documento nacional de identidade ou, de ser o caso, do número de identificación de estranxeiro.

Recibida a dita comunicación, o órgano competente procederá a anotar na sección correspondente do Rexistro Xeral de Transportistas e de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte a realización do curso de que se trate por parte dos correspondentes condutores.

Exíxese tamén para poder participar nas probas de cualificación inicial que os aspirantes teñan residencia habitual en Galicia con independencia do lugar en que realizasen o curso preceptivo.

Para tales efectos, presumirase que a residencia habitual do aspirante se atopa no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

-Que o aspirante acredite, mediante o certificado de empadroamento, que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios;

-Que o aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigado por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.

Terceira.-Solicitudes.

1. A comunicación telemática realizada polos directores dos respectivos centros docentes, coa listaxe de todos os alumnos que superaron o correspondente curso e que aboaron a taxa, será considerada a solicitude para tomar parte nas probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional.

No suposto de que os alumnos presentados non superasen a devandita proba e desexen presentarse nas seguintes convocatorias que teñan lugar dentro do prazo dos 6 meses posteriores á superación do curso, deberán presentar novas solicitudes, ou ben a través dos centros, ou ben directamente, e poderanse formular: a) por vía telemática; b) no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Transportes (praza de Europa 5A, 2ª planta. Área Central-As Fontiñas. 15707 Santiago de Compostela); ou c) por algún dos medios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixido á Dirección Xeral de Transportes.

As solicitudes que se presenten, se é o caso, nas oficinas de correos, deberán ir en sobre aberto para ser seladas e datadas polo funcionario correspondente antes de seren certificadas.

Todas as comunicacións recibidas dentro do prazo de inscrición a exame de cada convocatoria, de conformidade co previsto na base cuarta desta orde, darán dereito á realización do correspondente exame.

2. En todo caso, xunto coas solicitudes deberá acompañarse a seguinte documentación:

-O impreso de taxa de autoliquidación, de conformidade co previsto na base quinta desta orde.

-O DNI no que se acredite que o aspirante ten a súa residencia habitual en Galicia.

No caso de que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento, o aspirante poderá presentar o certificado de empadroamento sempre que tivese o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais no último ano contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios; ou, no seu defecto, o referido certificado de empadroamento acompañado dun documento que acredite que se viu obrigado por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia á Comunidade Autónoma de Galicia, cando non puidese cumprir co mínimo de cento oitenta e cinco (185) días naturais de residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, todo isto de conformidade co disposto na base anterior.

As solicitudes presentadas a través de rexistro deberán formularse no modelo normalizado que se recolle como anexo I desta orde e os interesados poderán acceder a el no enderezo web fixado na base primeira desta orde.

Cuarta.-Prazos de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes abrirase con motivo da convocatoria do primeiro exame, de acordo co previsto nesta base; establécese para as sucesivas convocatorias de exame un sistema de convocatorias abertas, o cal consistirá na apertura automática dos prazos para a presentación das solicitudes de exame, a partir do día seguinte ao fixado, nesta base, como día final para a presentación das solicitudes de exame da convocatoria inmediatamente anterior.

Deste xeito, a data prevista nesta orde como de peche de prazo de presentación de solicitudes de cada unha das convocatorias funcionará ao mesmo tempo como referencia para fixar o comezo do cómputo do novo prazo para a seguinte convocatoria de exame, de conformidade co establecido no seguinte calendario:

-Primeira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 2 ao 16 de xaneiro, ambos incluídos.

-Segunda convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 17 de xaneiro ao 11 de marzo, ambos incluídos.

-Terceira convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 12 de marzo ao 13 de maio, ambos incluídos.

-Cuarta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 14 de maio ao 15 de xullo, ambos incluídos.

-Quinta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 16 de xullo ao 17 de setembro, ambos incluídos.

-Sexta convocatoria, abrirase un prazo de presentación de solicitudes que comprenderá do día 18 de setembro ao 12 de novembro, ambos incluídos.

A non presentación da solicitude e o pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión do aspirante; igualmente a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación fornecida polos aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio nel.

Quinta.-Dereitos de exame.

1. Para acceder a estas convocatorias deberá aboarse, en concepto de taxas por dereitos de exame, a cantidade fixada na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 29 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, por cada unha das actividades mencionadas a que cada interesado se presente, e por cada convocatoria; a dita cantidade será obxecto de publicación na web da Dirección Xeral de Transportes relativa a actividades de formación, de conformidade co exposto na base primeira desta orde.

2. O ingreso da taxa efectuarase en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos pola Comunidade Autónoma de Galicia; para tal fin, terán que se empregar os impresos de autoliquidación oficiais, que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ou da Dirección Xeral de Transportes, nos servizos provinciais de Transportes ou nas delegacións provinciais da consellería.

Os impresos de autoliquidación cubriranse indicando os seguintes códigos:

-Consellería de: PTOPT: código: 06.

-Delegación de: SS.CC.: código: 13.

-Servizo de: Transportes: código: 02.

-Denominación: obtención da aptitude profesional acreditativa da cualificación inicial; código: 31 01 17.

Sexta.-Admisión de aspirantes.

a) A relación de aspirantes admitidos en cada convocatoria publicarase na web sinalada e no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Transportes cun mínimo de 10 días de antelación á data de realización do exame.

b) Os dereitos de exame devolveránselles aos solicitantes excluídos das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación na web e no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Transportes da resolución citada no punto anterior, empregando para o efecto o modelo que figura nesta resolución como anexo II.

Sétima.-Desenvolvemento das probas.

1. Consonte coa base primeira, punto 3, desta orde, xunto coa publicación da realización do exame, o tribunal publicará as instrucións complementarias de funcionamento e desenvolvemento da proba, coas indicacións que resulten adecuadas para garantir a súa correcta operatividade.

2. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluído das probas o/a que non compareza.

3. Os aspirantes deberán presentarse á realización das probas provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal; a súa omisión dará lugar á súa non admisión á realización das probas. Recoméndase igualmente que concorran provistos dunha copia da solicitude de admisión e do impreso xustificativo do pagamento das taxas.

Oitava.-Estrutura e cualificación dos exercicios.

1. Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura, forma de cualificación e áreas de coñecemento serán os establecidos no Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, polo que se regula a cualificación inicial e a formación continua dos condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada, pola que se regulan estas probas.

2. O exame constará de 100 preguntas tipo test, cada unha das cales constará de catro respostas alternativas, sobre o contido das materias incluídas na sección 1ª ou 2ª da epígrafe A) do anexo I do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo; segundo a clase de permisos de condución a que se refira; 25 de tales preguntas estarán referidas aos obxectivos 1.4, 2.2 e 3.7 cando o programa do exame sexa o contido na sección 1ª do anexo I do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, e aos obxectivos 1.4, 2.2 e 3.7 cando o programa do exame sexa o contido na sección 2ª do anexo I do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

3. O exame incluirá, en todo caso, polo menos unha pregunta relativa a cada un dos obxectivos enumerados na sección correspondente da epígrafe A) do anexo I do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

4. O tempo para a realización do exame non será inferior a 2 horas.

5. As respostas correctas valoraranse con 1 punto e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. As preguntas non contestadas ou que conteñan máis dunha resposta non puntuarán positiva nin negativamente.

6. Para aprobar será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.

Novena.-Tribunal.

O tribunal das probas estará formado por cinco membros designados pola persoa titular da Dirección Xeral de Transportes, entre persoal desta dirección xeral.

A composición do tribunal que avaliará cada unha das probas publicitarase na páxina web da Dirección Xeral de Transportes, simultaneamente á publicación da resolución prevista na base primeira punto 3 desta orde. Neste mesmo enderezo publicitaranse tamén, de ser o caso, as súas posibles modificacións.

Para os efectos de cualificación, e de conformidade co Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG nº 122, do 25 de xuño), cualificarase o tribunal como de categoría primeira.

Décima.-Información aos interesados.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Transportes, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (www.cptopt.xunta.es).

b) Enderezo electrónico: formación.transportes@xunta.es.

Décimo primeira.-Desenvolvemento e delegación.

Por medio de resolución da Dirección Xeral de Transportes poderase desenvolver o contido desta orde, así como regular todas as cuestións relacionadas coa realización da convocatoria dos exames. As instrucións xerais ditadas consonte a anterior habilitación publicitaranse a través da páxina web da Dirección Xeral de Transportes, indicada na base primeira punto 3 desta orde, sen prexuízo daquel outros actos de comunicación que da súa natureza poidan derivar.

A través desta orde de convocatoria, delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Transportes a facultade de convocar por medio de resolución, no presente ano ou en sucesivos, novas probas de constatación da cualificación inicial para o exercicio da actividade de condutor profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada; e singularmente as recollidas no artigo 15 do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo, cando así o solicite un centro autorizado no cal finalizase un curso de cualificación inicial.

Estas resolucións de convocatoria deberán ser, en todo caso, publicitadas na páxina web da Dirección Xeral de Transportes relativa a actividades de formación, de conformidade co exposto na base primeira punto 3 desta orde, así como no taboleiro de anuncios da propia dirección xeral.

Disposición derradeira.

Contra esta orde pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo, no prazo de 2 meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, pola que se regula a xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes

Ver referencia pdf "24900D011P070.PDF"

Ver referencia pdf "24900D012P075.PDF"