DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2008 Páx. 23.063

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 16 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2008 e 2009 as axudas aos traballadores residentes en Galicia para a contratación dun seguro de pagamentos protexidos.

O artigo 30.1.1 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma galega, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, a competencia exclusiva en materia de fomento e planificación da actividade económica en Galicia.

No actual contexto, un dos principais problemas que dificultan a recuperación económica e desincentivan o consumo e o investimento é a falta de confianza dos axentes económicos e en particular das familias.

A subvención por parte da Administración autonómica dun seguro de pagamentos protexidos fronte ao desemprego que cubra o pagamento dos préstamos que financien o consumo de bens duradeiros (turismos novos), bens afectos á creación de emprego (reformas de vivenda para mellorar a eficiencia enerxética, renovación de sistemas de calefacción, etc.) e a adquisición de primeira vivenda, considérase que terá un efecto positivo na confianza de eventuais compradores e contribuirá a paliar esta situación e a dinamizar o consumo e, de xeito indirecto, a repercutir no mantemento da actividade do empresariado galego.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Facenda, de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, establece por medio desta orde as bases reguladoras para o período 2008-2009 e abre a convocatoria de axudas para 2008 e 2009 para a subvención dun seguro de pagamentos protexidos.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para 2008 e 2009 as axudas aos traballadores residentes en Galicia para a subscrición dos seguros de pagamentos protexidos que garantan o pagamento das cotas dos préstamos destinados ao investimento en primeira vivenda, ás reformas orientadas ao aforro enerxético e a sustentabilidade e á adquisición de turismos novos, en caso de perda do emprego e nos termos previstos nos artigos 7º a 9º desta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude da axuda:

a) Ter a súa residencia e domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Levar traballando durante 6 meses consecutivos cun contrato laboral de duración indefinida, nun emprego remunerado cunha xornada non inferior a 30 horas semanais.

c) Formalización, a partir do día seguinte ao da publicación desta orde, dun préstamo coas condicións e características sinaladas no artigo 5º.

d) Contratar simultaneamente á formalización do préstamo unha póliza de seguro de pagamentos protexidos que garanta, en caso de perda do emprego e nos termos previstos nos artigos 7º e 8º, o pagamento das cotas do préstamo.

e) Destinar efectivamente o financiamento asegurado ao investimento en primeira vivenda ás reformas orientadas ao aforro enerxético e a sustentabilidade ou á adquisición dun turismo novo.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario as persoas en quen concorra algunha das circunstancias reguladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais deberán cumprir os demais requisitos establecidos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para obteren a condición de beneficiario.

Artigo 3º.-Entidades colaboradoras.

1. Son entidades colaboradoras para os efectos desta orde as entidades financeiras que, tendo unha ou máis oficinas en Galicia, asinen coa Consellería de Economía e Facenda o convenio que se recolle no anexo I desta orde, así como todas aquelas que, cumprindo o mesmo requisito, posteriormente decidan adherirse ao convenio mediante a subscrición do documento que se recolle como anexo II desta orde.

2. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora se concorren algunha das circunstancias reguladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Xunto co convenio deberán achegar a identificación e o poder do representante legal da entidade colaboradora.

4. A xustificación de non estar incursos nas prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora, sinaladas nos números 2º e 3º do artigo 10 da Lei de subvencións, así coma a autorización para obter información telemática con outras administracións públicas sobre o cumprimento das obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social, realizarase coa sinatura do convenio. No caso de que a entidade colaboradora denegue expresamente tal autorización ao órgano xestor no momento da sinatura do convenio, para que solicite de oficio as certificacións acreditativas de estar ao día das obrigas coas administracións públicas, deberanse achegar os seguintes certificados: 1) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria. 2) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social. 3) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e de que non ten pendente de

pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Actividades subvencionables.

Considéranse subvencionables a través desta axuda, as pólizas dos seguros de pagamentos protexidos contratadas por traballadores residentes en Galicia que garantan, en caso de perda do emprego e nos termos previstos nos artigos 7º e 8º desta orde, o pagamento das cotas dos préstamos formalizados desde o día seguinte ao da publicación desta orde e destinados ao investimento en primeira vivenda, ás reformas orientadas ao aforro enerxético e a sustentabilidade ou á adquisición de turismos novos.

Artigo 5º.-Características das operacións de préstamo.

1. O préstamo garantido polo seguro de pagamentos protexidos subsidiable deberá axustarse ás seguintes características:

a) Préstamo destinado á adquisición dun turismo novo:

-O importe máximo do préstamo garantido polo seguro de pagamentos protexidos subsidiable ao abeiro desta axuda será de 30.000 €.

-O financiamento deberá destinarse á adquisición dun turismo novo nun concesionario situado en Galicia, cuxo prezo de adquisición non exceda dos 30.000 €.

-Para os efectos desta orde, entenderase por turismo o automóbil distinto da motocicleta, especialmente concibido e construído para o transporte de persoas e con capacidade ata nove prazas, incluído o condutor.

b) Préstamo destinado a reformas da vivenda habitual situada en Galicia orientadas ao aforro enerxético e a sustentabilidade:

-O importe máximo do préstamo garantido polo seguro de pagamentos protexidos subsidiable ao abeiro desta axuda será de 30.000 €.

-O financiamento deberá destinarse ás reformas orientadas ao aforro enerxético e á sustentabilidade, cuxo custo non poderá exceder dos 30.000 €.

-Para os efectos desta orde, entenderase por reformas orientadas ao aforro enerxético e á sustentabilidade, todas aquelas que permitan melloras da envolvente térmica da vivenda tendentes a reducir a súa demanda enerxética, mediante actuacións como o incremento do illamento térmico, a substitución de carpintarías dos ocos, colocación de toldos ou outras con análoga finalidade.

c) Préstamo hipotecario:

-O importe máximo do préstamo garantido polo seguro de pagamentos protexidos subsidiable ao abeiro desta axuda será de 170.000 €.

-O financiamento deberá destinarse á adquisición da primeira vivenda situada en Galicia, cuxo prezo de adquisición non poderá exceder os 200.000 €.

2. En caso de dous ou máis titulares dun préstamo, só terá a condición de subsidiable o seguro subscrito polo primeiro titular do préstamo formalizado.

Artigo 6º.-Primas do seguros de pagamentos protexidos.

Para ter a condición de subsidiable, a prima do seguro de pagamentos protexidos contratada non poderá exceder as tarifas que figuran no anexo III desta orde.

Artigo 7º.-Obxecto do seguro.

1. O risco asegurado polo seguro de pagamentos protexidos será a perda involuntaria de emprego de traballadores por conta allea indefinidos ou de traballadores fixos descontinuos.

2. O obxecto do seguro será garantir ao asegurado o cobramento dunha prestación consistente no montante da cota do préstamo protexido, cos límites sinalados no artigo 8º, sempre que o asegurado permaneza durante períodos de trinta días consecutivos en situación de desemprego.

3. Non se considerarán desempregados os traballadores que se atopen en calquera das seguintes situacións:

a) Cando cese voluntariamente no traballo, salvo polas causas previstas nos artigos 40, 41 e 50 do Estatuto dos traballadores.

b) Cando fose despedido e non reclame, en tempo e forma, contra a devandita decisión empresarial, salvo no caso de despedimento baseado nas causas obxectivas previstas no artigo 52 do Estatuto dos traballadores.

c) Cando, declarado improcedente ou nulo o despedimento por sentenza firme e comunicada polo empregador a data de reincorporación ao traballo, non se exerza tal dereito por parte do asegurado ou non se faga uso, se é o caso, das accións previstas na lexislación vixente.

d) Cando non soliciten o reingreso ao posto de traballo no caso en que a opción de indemnización ou readmisión correspondese ao traballador cando fose delegado sindical ou representante legal dos traballadores ou se estivese en excedencia e vencese o período fixado para esta.

e) Cando o seu contrato se extinga por xubilación do empresario empregador individual do asegurado.

f) Cando o seu contrato se extinga por despedimento declarado procedente.

g) Os traballadores fixos de carácter descontinuo nos períodos en que carezan de ocupación efectiva.

h) Cando o seu contrato se extinga por expiración do tempo convido e/ou finalización da obra ou servizo obxecto do contrato.

4. Así mesmo, o asegurado non ten o dereito ao cobramento da prestación en ningún dos seguintes supostos:

a) Situacións de desemprego ou notificación de despedimento dentro do período de carencia a que se refire o artigo 8º.2.

b) Situacións de desemprego ou notificación de despedimento dentro do período de seis meses desde o cobramento da última prestación do seguro por unha situación de desemprego anterior.

c) Se inmediatamente antes da data do inicio do desemprego o asegurado non tivo relación laboral con contrato indefinido durante un período continuado de, polo menos, seis meses nun emprego remunerado cunha xornada non inferior a trinta horas semanais.

d) Se o asegurado ou un familiar seu ata o segundo grao de consanguinidade ou o terceiro grao de afinidade fose o administrador da empresa e/ou se o asegurado fose socio con presenza ou representación directa nos órganos de administración da sociedade.

e) Se o asegurado rexeita un traballo alternativo ofrecido polo seu empregador ou outro empresario acorde coa súa formación, experiencia e lugar de residencia.

f) Se o desemprego se produce despois de que o asegurado alcanzase a idade de xubilación con respecto á actividade que levaba a cabo e reúne todos os requisitos legais necesarios para acceder á prestación de xubilación.

g) Se o asegurado ten dereito a percibir un salario por parte do empregador. Exceptúanse deste suposto os complementos salariais pactados colectivamente nos expedientes de suspensión de contrato.

Artigo 8º.-Cobertura do seguro de pagamentos protexidos.

1. O seguro de pagamentos protexidos cubrirá, en caso de producirse a continxencia asegurada, o pagamento de doce cotas consecutivas ou alternas do préstamo, cun importe máximo por cota de 1.600 euros no caso de préstamos hipotecarios e de 1.000 euros no caso doutros préstamos. A duración máxima da cobertura será de vinte e dous meses contados a partir do fin da carencia a que se refire o seguinte punto, con independencia de que o préstamo se contrate por un prazo superior.

2. O seguro non cobre situacións de desemprego que se produzan nos dous primeiros meses desde a súa contratación (carencia inicial de 2 meses) e deben pasar máis de 6 meses entre dous sinistros por desemprego (carencia posterior de seis meses).

Artigo 9º.-Contía da axuda.

O importe da subvención será do 100% das primas de seguros contratadas, cun importe máximo de 3.000 euros por cada beneficiario da axuda.

Artigo 10º.-Tramitación das solicitudes da axuda financeira ante a entidade colaboradora.

1. Para a tramitación da solicitude, o interesado ou o seu representante deberá presentar o modelo recollido no anexo IV desta orde, debidamente cuberto e asinado, en calquera oficina da entidade colaboradora que lle conceda o financiamento destinado ao investimento en primeira vivenda, ás reformas orientadas ao aforro enerxético e a sustentabilidade ou á adquisición de turismos novos.

A presentación das solicitudes implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Coa presentación da solicitude autoriza a Administración concedente a obter información telemática con outras AA.PP. sobre o cumprimento das obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social.

No caso de que o beneficiario denegue expresamente tal autorización, no momento de presentar a solicitude, deberá achegar xunto coa solicitude os seguintes certificados:

-Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

-Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

-Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As entidades colaboradoras revisarán as solicitudes no momento da súa presentación, verificarán o cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión da axuda, e presentarán no rexistro xeral da Xunta de Galicia e con destino á Consellería de Economía e Facenda, cada mes, unha certificación, conforme co modelo do anexo V, acreditativa das novas solicitudes presentadas na entidade que cumpran todos os requisitos exixidos nestas bases e respecto das cales a entidade colaboradora teña á súa disposición a totalidade da documentación requirida no punto seguinte.

A última data para a presentación de certificacións acreditativas que poden ampararse nesta orde será o xoves 31 de decembro de 2009.

3. Os beneficiarios deberán achegar ás entidades colaboradoras a seguinte documentación en orixinais ou copias compulsadas:

a) Certificado de empadroamento como documento acreditativo do domicilio e residencia en Galicia.

b) Copia do contrato de traballo e certificado da empresa referido á súa vixencia e á antigüidade na empresa na data da solicitude.

Así mesmo, a entidade deberá ter no seu poder copia de cada un dos seguintes documentos:

a) Solicitude da axuda asinada polo interesado conforme o modelo recollido no anexo IV.

b) Póliza do seguro asinada polo asegurado, que deberá sinalar a situación laboral do asegurado, o importe da prima do seguro, a cobertura que proporciona o seguro e o detalle da operación de préstamo que se asegura.

c) Contrato de préstamo ou escritura de préstamo hipotecario, de ser o caso.

4. A formalización do préstamo e a subscrición do seguro de pagamentos protexidos non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión da axuda solicitada.

Artigo 11º.-Emenda.

1. Revisadas as solicitudes e a documentación achegada polo solicitante, en caso de documentación incompleta ou defectos nela, a entidade colaboradora solicitará por escrito aos interesados que, nun prazo de dez días, remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións sexan necesarios para a tramitación da solicitude, coa indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desistiron da súa solicitude.

A entidade colaboradora deberá remitir ao órgano xestor información sobre as solicitudes respecto das que se solicitaron datos, documentos complementarios ou aclaracións necesarios para a tramitación da solicitude, e estes non foron remitidos polos solicitantes, para que o órgano xestor proceda a ditar a resolución pola que se terá por desistido, que deberá ser notificada ao solicitante.

2. Sen prexuízo do anterior, en calquera momento do procedemento, as entidades colaboradoras ou a Consellería de Economía e Facenda poderá requirir os interesados aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 12º.-Resolución.

1. Unha vez recibida na Consellería de Economía e Facenda a certificación acreditativa a que se refire o artigo 10º.2 desta orde, a Subdirección Xeral de Supervisión de Caixas de Aforros e Entidades Financeiras elevará ao órgano competente proposta de resolución de concesión ou denegación das subvencións solicitadas.

A resolución correspóndelle ao director xeral de Política Financeira e Tesouro, por delegación do conselleiro de Economía e Facenda. Na resolución farase constar o importe individualizado e agregado das subvencións concedidas, así como a motivación no caso de denegación de axudas.

2. O prazo máximo para a resolución do procedemento e a notificación da resolución ao solicitante será de 30 días, computados a partir da entrada no rexistro xeral da Xunta de Galicia da certificación acreditativa a que se refire o artigo 10º.2 desta orde. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorrido tal prazo sen que se notificase a resolución expresa, poderase entender desestimada por silencio administrativo.

Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 30/1992. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da devandita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación na páxina web da Consellería de Economía e Facenda, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada.

3. Contra a resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas.

4. Unha vez aprobada a resolución de concesión das axudas a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro procederá a transferir á entidade colaboradora a contía que corresponda.

5. Mensualmente as entidades colaboradoras terán que xustificar ante a Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro a entrega aos beneficiarios dos importes das axudas nun prazo de dez días desde a recepción da transferencia dos fondos e remitir, conforme o modelo recollido no anexo VI, información estatística relativa á totalidade de préstamos asegurados ao abeiro desta orde e á totalidade de subvencións aboadas.

Artigo 13º.-Procedemento de concesión.

Baseándose nas características do programa de axuda, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes de axuda resolveranse por orde de entrada nas oficinas das entidades colaboradoras e ata esgotárense as dispoñibilidades orzamentarias aprobadas, circunstancia que se publicará mediante resolución no Diario Oficial de Galicia.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración publicará no DOG a indicada circunstancia, o que levará consigo a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 14º.-Publicación.

1. De conformidade co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Economía e Facenda publicará as axudas concedidas ao abeiro desta orde no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Facenda, www.economiaefacenda.org, expresando o beneficiario, a finalidade, a contía e a aplicación orzamentaria a que se imputan.

Igualmente, as referidas axudas e as sancións que puidesen impoñerse incluiranse nos correspondentes rexistros públicos.

2. De conformidade co establecido no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2006, a presentación da solicitude comporta a autorización para que a Consellería de Economía e Facenda e as entidades colaboradoras leven a cabo o tratamento, automatizado ou non, dos datos de carácter persoal do solicitante da subvención, no ámbito e para os efectos previstos nesta orde e sen prexuízo dos dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición do interesado, que este poderá exercer de conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro e co seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, ante a Consellería de Economía e Facenda, responsable do tratamento dos datos.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. No caso de persoas físicas, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de caracter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Artigo 15º.-Xustificación da aplicación do préstamo.

1. Posteriormente, o beneficiario da subvención deberá xustificar a efectiva aplicación do préstamo para os fins previstos achegando á entidade colaboradora algún dos seguintes documentos e nos seguintes prazos:

-Copia compulsada do contrato de compravenda do turismo e copia da súa ficha técnica, nun prazo de 30 días desde a formalización do préstamo.

-Copia compulsada da factura definitiva da reforma da vivenda orientada ao aforro enerxético e á sustentabilidade, nun prazo de nove meses desde a formalización do préstamo.

-Copia compulsada da escritura de compravenda da vivenda, nun prazo 30 días desde a formalización do préstamo hipotecario.

2. As entidades colaboradoras deberán conservar esta documentación xunto co resto de xustificantes e documentación a que se refire o artigo 10º.3 durante un prazo de cinco anos.

3. As entidades colaboradoras remitirán mensualmente, antes do día 5 do mes seguinte, unha certificación acreditativa -conforme o modelo recollido no anexo VIII- das axudas respecto das que recibiron a documentación acreditativa de ter destinado o financiamento asegurado á correspondente finalidade.

Artigo 16º.-Perda da subvención.

1. Procederá o reintegro total ou parcial á Xunta de Galicia por parte do beneficiario das axudas percibidas ao abeiro desta orde, xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas ou privadas, supere o custo do seguro ou o límite de intensidade de axuda establecido pola normativa comunitaria.

3. O alcance do incumprimento determinarase en función do grao e entidade da condición incumprida. A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á súa apreciación conxunta.

Se o incumprimento superase o 50% do importe subvencionable aprobado, considerarase total, sendo causa de revogación da axuda e de reintegro da totalidade das cantidades percibidas. As cantidades que se reintegren terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu recobramento, se é o caso, a vía de constrinximento.

4. O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sendo competente para a súa resolución o conselleiro de Economía e Facenda. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda no mes seguinte á súa notificación.

5. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e as entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente doutras axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos establecidos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 17º.-Control.

Tanto as entidades colaboradoras como os beneficiarios da subvención quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúen a Consellería de Economía e Facenda ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a esta orde.

Artigo 18º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes na entidade colaboradora iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de decembro de 2009. No caso de esgotamento do crédito a Consellería de Economía e Facenda publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 19º.-Dotación orzamentaria.

As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 0705.621A.480.0 cun crédito plurianual por un importe de 500.000 € para o exercicio 2008 e de 9.500.000 euros para o exercicio 2009. Os ditos créditos, á vista das solicitudes presentadas, poderán ser modificados e/ou ampliados pola Consellería de Economía e Facenda, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Polo menos o 20% dos créditos orzamentarios destinaranse a axudas para o pagamento de pólizas de seguros correspondentes a préstamos hipotecarios para a adquisición de vivendas protexidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Política Financeira e do Tesouro para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2008.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Convenio de apoio á contratación dun seguro de pagamentos protexidos, subscrito entre a Consellería de Economía e Facenda e as entidades financeiras adheridas

Santiago de Compostela, ... de decembro de 2008.

Reunidos:

-José Ramón Fernández Antonio, na súa calidade de conselleiro de Economía e Facenda.

-----------------, na súa calidade de representante da entidade financeira------------------.

Considerando:

I. Que a perda de confianza das familias ante o aumento do desemprego está desincentivando o consumo de bens duradeiros e o investimento en vivenda.

II. Que as partes asinantes deste convenio son conscientes do importante papel que para o relanzamento da actividade económica desempeña o consumo dos traballadores galegos e, en particular, a demanda en sectores como o automóbil ou a vivenda cun forte peso na actividade e o emprego en Galicia.

III. Que as dificultades de acceso ao financiamento constitúe nestes momentos unha das principais barreiras para dinamizar o consumo e o investimento dos traballadores galegos.

IV. Que as partes asinantes coinciden na necesidade de promover o desenvolvemento de actuacións dirixidas a melloralos actuais niveis de eficiencia enerxética.

V. Que, tendo isto en conta, faise preciso desenvolver medidas tendentes a reducir a incerteza ante eventuais situacións de desemprego dos traballadores residentes en Galicia que formalicen un préstamo para a adquisición de primeira vivenda, consumo de bens duradeiros (exclusivamente turismos novos) ou para plans de reforma de vivenda enfocados ao aforro enerxético e á sustentabilidade.

VI. Que a Consellería de Economía e Facenda pretende establecer unha axuda á contratación dun seguro de pagamentos protexidos, a axuda consiste na subvención do 100% da prima do seguro que cubra o pagamento das cotas do préstamo solicitado polo traballador ante a perda involuntaria do emprego.

As partes reunidas deciden a sinatura deste convenio consonte as seguintes

CLÁUSULAS

Primeira.-Obxecto.

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre as entidades financeiras e a Consellería de Economía e Facenda, coa finalidade de establecer unha liña de apoio dirixida a dinamizar o consumo e o investimento dos traballadores residentes en Galicia por medio da subvención dun seguro de pagamentos protexidos que cubra o pagamento das cotas do préstamo destinado ao investimento en primeira vivenda, ás reformas orientadas ao aforro enerxético e a sustentabilidade e á adquisición de turismos novos, en caso de perda involuntaria do emprego e nos termos previstos nas bases reguladoras da axuda.

Segunda.-Condicións de obtención das subvencións.

Os beneficiarios e as pólizas de seguros terán que cumprir as condicións establecidas nas bases reguladoras publicadas no Diario Oficial de Galicia o día 24 de decembro de 2008.

Terceira.-Compromisos dos partícipes do convenio.

1. As entidades colaboradoras comprométense a:

a) Colaborar na tramitación dos expedientes de axuda, cumprindo os prazos e demais formalidades establecidas neste convenio e nas bases reguladoras da axuda.

b) Custodiar e manter á disposición da Consellería de Economía e Facenda durante o prazo de cinco anos a documentación relativa ás operacións de préstamo formalizadas e dos seguros subscritos ao abeiro da liña de axuda obxecto deste convenio, así como a documentación xustificativa relacionada nos artigos 10 e 15 das bases reguladoras.

c) Cumprir as normas de carácter operativo que dite a Consellería de Economía e Facenda para a mellor difusión, administración e control das operacións incluídas neste convenio.

d) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións e poñer todos os medios dispoñibles para facilitar o acceso a estas axuda aos traballadores residentes en Galicia e colaborar na difusión deste programa.

e) Remitir á Consellería de Economía e Facenda as aclaracións que solicite respecto da documentación relativa á formalización e aboamento das subvencións, así como someterse ás actuacións de comprobación que respecto á xestión dos fondos efectuará a Consellería de Economía e Facenda.

2. As entidades colaboradoras declaran coa súa sinatura deste convenio que cumpren os requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo as entidades colaboradoras deberán cumprir todas as obrigas do artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A Consellería de Economía e Facenda obrígase a aboar por cada operación aprobada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, ao beneficiario, a través da entidade colaboradora, o importe da axuda que corresponda segundo a resolución de concesión, de acordo co procedemento previsto no artigo 12 das bases reguladoras.

Cuarta.-Control.

As entidades colaboradoras quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Economía e Facenda ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a este convenio.

Quinta.-Tratamento polas entidades colaboradoras dos datos de carácter persoal.

A execución polas entidades colaboradoras das funcións que lles corresponden en virtude do establecido neste convenio e nas bases reguladoras da subvención fai necesario o acceso das ditas entidades colaboradoras a datos concernentes a persoas físicas contidos en ficheiros e/ou tratamentos dos que a Consellería de Economía e Facenda é responsable, de conformidade co establecido na lexislación vixente e, en especial, na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección dos datos de carácter persoal (en diante, LOPD). O acceso de cada unha das entidades colaboradoras a datos concernentes a persoas físicas contidos en ficheiros e/ou tratamentos dos que a Consellería de Economía e Facenda é responsable (en diante, os DATOS) efectuarase, en todo caso, en calidade de encargada do seu tratamento, segundo o establecido no artigo 12 da LOPD, e con estrita suxeición ao réxime que se estipula a continuación:

a) Na súa calidade de encargada do tratamento dos DATOS, e no que ao dito tratamento respecta, a entidade colaboradora axustarase estritamente ao establecido na LOPD e nas normas que a complementan e a desenvolven.

b) A entidade colaboradora tratará os DATOS exclusivamente por conta da Consellería de Economía e Facenda e unicamente de conformidade coas súas instrucións.

c) A entidade colaboradora non aplicará nin utilizará os DATOS con finalidade distinta do cumprimento das funcións que lle corresponden segundo o previsto neste convenio e nas bases reguladoras da axuda que se anexan a el.

d) A entidade colaboradora observará rigorosa confidencialidade no tratamento dos DATOS e, polo tanto, non os revelará ou comunicará, ni tan sequera para a súa conservación, a outras persoas físicas o xurídicas. A entidade colaboradora e o persoal ao seu servizo están obrigados ao segredo profesional respecto dos DATOS e ao deber de gardalos.

e) As obrigas establecidas na alínea d) anterior a cargo da entidade colaboradora e do persoal ao seu servizo subsistirán indefinidamente, incluso despois de rematar a vixencia deste convenio.

f) De acordo co establecido no artigo 9 da LOPD, a entidade colaboradora implementará e aplicará as medidas de índole técnica e organizativas necesarias que garantan a seguridade dos DATOS e eviten a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizados, tendo en conta o estado da tecnoloxía, a natureza dos DATOS obxecto de tratamento así como os riscos a que estean expostos, xa proveñan estes da acción humana, do medio físico ou natural. Como mínimo, as ditas medidas de seguridade serán as de nivel básico e, ademais, as de nivel medio, requiridas polas disposicións do Regulamento de desenvolvemento da LOPD, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

g) Unha vez cumprida a prestación contractual e salvo imperativo legal, a entidade colaboradora destruirá ou devolverá á Consellería de Economía e Facenda, a elección desta, todos os DATOS, igual que calquera soporte ou documento en que consten DATOS obxecto de tratamento.

h) Coa sinatura deste convenio autoriza a Administración concedente a obter información telemática con outras administracións públicas sobre o cumprimento das obrigas tributarias estatais, autonómicas e coa Seguridade Social. No caso de que a entidade colaboradora denegue expresamente tal autorización ao órgano xestor no momento da sinatura para que solicite de oficio as certificacións acreditativas de estar ao día das obrigas coas administracións públicas, deberá achegar os seguintes certificados: 1) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria. 2) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social. 3) Certificado acreditativo de estar ao día nas súas obrigas e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexta.-Reintegros e réxime de infraccións e sancións.

Procederá o reintegro total ou parcial á Xunta de Galicia por parte da entidade colaboradora dos fondos xestionados ao abeiro deste convenio, xunto cos xuros devengados desde o seu pagamento, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O réxime de infraccións e sancións será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétima.-Procedementos internos para a tramitación de operacións.

1. As entidades colaboradoras comprométense a seguir as normas de procedemento interno necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

2. A Consellería de Economía e Facenda reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e recollida de datos, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Oitava.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra parte cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Novena.-Publicidade.

As entidades colaboradoras comprométense a mostrar, nas súas distintas sucursais, a publicidade facilitada pola Consellería de Economía e Facenda e a colaborar na correcta difusión desta liña de axudas.

Décima.-Natureza.

Este convenio ten natureza xurídico-administrativa e corresponde á Consellería de Economía e Facenda a interpretación do seu contido.

Décimo primeira.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e estenderá a súa vixencia ata a completa realización de todas as actuacións previstas nas bases reguladoras en relación coas solicitudes presentadas ata o 31 de decembro do ano 2009, sen prexuízo das prórrogas, que, se é o caso, así se pactasen por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo segunda.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto neste convenio ou nas bases reguladoras, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Pola Consellería de Economía Pola entidade financeira

e Facenda

José Ramón Fernández Antonio ...

ANEXO II

Documento de adhesión ao convenio de apoio á contratación dun seguro de pagamentos protexidos subscrito entre a Consellería de Economía e Facenda e as entidades financeiras adheridas

..., en nome e representación da entidade financeira ..., con poderes suficientes para obrigalo neste acto.

DECLARA:

1. Que coñece os termos e condicións das bases reguladoras das axudas aos traballadores residentes en Galicia para a contratación dun seguro de pagamentos protexidos publicadas no Diario Oficial de Galicia o ... de decembro de 2008.

2. Que coñece os termos e condicións do convenio de colaboración de apoio á contratación do citado seguro, subscrito entre a Consellería de Economía e Facenda e determinadas entidades financeiras, ao abeiro das citadas bases reguladoras.

3. Que a entidade que representa ten interese en participar no dito convenio e, polo tanto, adherirse aos termos e condicións referidos no punto 2.

4. Que a entidade que representa cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de entidade colaboradora no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, ... de ... de ....

Pola entidade financeira...

...

Ver referencia pdf "24900D010P059.PDF"

O

Ver referencia pdf "24900D010P059.PDF"