DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2008 Páx. 23.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 10 de decembro de 2008 pola que se clasifica como mixta a Fundación Jorge Jove.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Jorge Jove, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Luis Rodríguez Martí, na súa condición de secretario da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, con data do 23 de maio de 2008, ante o notario Ramón González Gómez, co número de protocolo setecentos sesenta e un, por Ángel Jove Capellán que intervén no seu propio nome.

Esta escritura foi emendada por outra con data do 22 de setembro de 2008, outorgada ante o mesmo notario, con número de protocolo mil trescentos noventa, na cal constan, entre outras modificacións da escritura de constitución, a modificación de denominación da fundación e o cambio de membros do padroado, así como dilixencia de ratificación do fundador en relación coas modificacións efectuadas.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, son fins da fundación os seguintes:

Constituír, desenvolver e xestionar o Museo Jorge Jove de vehículos antigos.

Promover e desenvolver o estudo e a investigación histórica da automoción, na súa faceta científico-técnica, industrial, comercial, turística e deportiva, así como das consecuencias que a súa implantación tivo no ámbito cultural, sociolóxico e económico.

Fomentar a recuperación, restauración, conservación, exhibición e uso de vehículos de carácter histórico, nas súas diferentes clasificacións actuais ou as que no futuro se institúan.

Fomentar a formación de profesionais implicados nestes sectores, así como a difusión pública de estudos e iniciativas.

Cooperación ao desenvolvemento, contribución ao progreso humano, económico e social e loita contra a pobreza, podendo desenvolver para iso, por si soa ou en colaboración con terceiros, programas de contido social en España e de cooperación internacional e axuda a países en vías de desenvolvemento.

4. O padroado da fundación estará integrado por Ángel Jove González, como presidente, e por Dolores González Amenedo, Eva María Jove González, Ángel Jove Capellán, Víctor González Jove e Antonio del Piñal Matorras en representación de Anjoca Sociedad Limitada, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como mixta da Fundación Jorge Jove, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 9 de decembro de 2008.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Jorge Jove, adscribíndoa á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza