DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2008 Páx. 23.013

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 10 de decembro de 2008 pola que se clasifica de interese social a Fundación Karpin Vivienda.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Karpin Vivienda, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. Valery Karpin Karpina, na súa condición de presidente da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, con data do dezanove de xuño de dous mil oito, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número de protocolo mil catrocentos quince, por Valery Karpin Karpina e por José Francisco Crespo Barrio que interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto colaborar cos poderes públicos no cumprimento dos principios reitores da política social e económica en materia de vivenda, establecidos no capítulo III do título I da Constitución española, en particular fomentar o dereito das persoas físicas a acceder e gozar dunha vivenda digna, adecuada e a prezos sostibles.

Igualmente a fundación poderá contribuír de maneira accesoria ao fomento da cultura no seu ámbito de influencia, especialmente do patrimonio histórico.

4. O padroado da fundación estará integrado por Valery Karpin Karpina como presidente, Estanislao Rodríguez Toubes Núñez como vicepresidente, Concepción Andión Blanco como tesoureira e José Francisco Crespo Barrio como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación de interese social da Fundación Karpin Vivienda, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Vivenda e Solo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día nove de decembro de dous mil oito.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Karpin Vivienda, adscribíndoa á Consellería de Vivenda e Solo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza