DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2008 Páx. 23.011

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 12 de decembro de 2008 pola que se modifica un ficheiro de datos de carácter persoal en materia de solidariedade e participación na Vicepresidencia.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir a honra e intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, dispón no seu artigo 1 que o seu obxecto é garantir e protexer, no que se refire ao tratamento de datos persoais, as liberdades públicas e dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e a intimidade persoal e familiar.

A Orde do 27 de febreiro de 2003, pola que se crean ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado (DOG nº 51, do 13 de marzo), regula o ficheiro automatizado de datos relativo ao rexistro de voluntariado.

Con motivo de adaptar o ficheiro ás novas exixencias do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, procédese desde a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar á modificación da Orde do 27 de febreiro de 2003, en aspectos tales como o colectivo sobre o cal se pretende obter datos ou que resulte obrigado a subministralos; o procedemento de recolla de datos; estrutura básica do ficheiro e categoría dos datos; a procedencia dos datos; sistema de tratamento utilizado; a comunicación ou cesión de datos; e a existencia ou non de transferencias internacionais de datos a terceiros países.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, e a Lei 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde modifica o ficheiro automatizado de carácter persoal que se especifica no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información que deberá indicarse nas disposicións de creación, modificación ou supresión dos ficheiros, de acordo co artigo 20.2º de la Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, está contida no anexo desta orde.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal rexistrados no ficheiro automatizado de datos modificado por esta orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e por persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos na lei.

Artigo 5º.-Responsable do ficheiro.

Serán responsables da seguranza dos ficheiros os órganos que en cada caso figuran no anexo e ante os cales se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Artigo 6º.-Nivel de protección e medidas de seguranza.

O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade e os dereitos e obrigacións recoñecidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada expresamente a Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se modifica un ficheiro de datos de carácter persoal en materia de solidariedade e participación na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2008.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

ANEXO

Ficheiro: Rexistro de entidades de acción voluntaria.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto.

A finalidade do ficheiro é a incorporación dos datos das entidades inscritas no Rexistro de entidades de acción voluntaria, para os efectos da súa protección.

b) Orixe de datos, procedemento de recolla de datos e procedencia destes.

As persoas das que se pretende obter datos son os membros das entidades de acción voluntaria inscritas, persoas ao servizo das entidades de acción voluntaria e, se for o caso, voluntarios.

Os datos recóllense a través de solicitudes en papel presentadas polos interesados ou os seus representantes legais, solicitudes telefónicas e a través doutros medios telemáticos.

A procedencia dos datos son os propios interesados ou representantes legais e as entidades privadas (entidades de acción voluntaria).

c) Estrutura básica do ficheiro e sistema de tratamento utilizado na súa organización.

Datos de carácter identificativo: DNI, CIF, nome e apelidos, enderezo postal, teléfono/teléfono móbil, fax e correo electrónico do representante legal e do responsable do programa.

O modo en que se organiza o sistema de información é mixto.

d) Cesión de datos de carácter persoal e, se for o caso, transferencias que se prevexan a países terceiros.

Non se prevén cesións, salvo as previstas na lei.

e) Órgano da Administración responsable do ficheiro.

Dirección Xeral de Mocidade e Solidariedade.

f) Servizos ou unidades ante os cales se poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, edificio administrativo San Caetano, bloque III-1º, 15781 Santiago de Compostela.

g) Nivel de seguranza: básico.