DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2008 Páx. 23.011

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 281/2008, do 11 de decembro, polo que se crea a vivenda tutelada para a atencións ás persoas con discapacidade intelectual Casa da Quintán, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra).

O artigo 27.23º do Estatuto de autonomía para Galicia, en concordancia co artigo 148.1º.20 da Constitución española, establece a competencia exclusiva da comunidade autónoma no ámbito da asistencia social.

En virtude desa atribución competencial, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, pola que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais como servizo público da Comunidade Autónoma de Galicia, estruturado en dous niveis de atención: primaria e especializada.

A dita norma veu regular os servizos sociais de atención especializada dirixidos ao colectivo das persoas con discapacidade, e establece determinados programas e equipamentos, entre os cales figuran as vivendas tuteladas, encamiñadas a acadar a autonomía persoal e a integración social deste sector poboacional.

En desenvolvemento da lei, e co fin de garantir a axeitada prestación dos servizos, controlar a calidade da atención e recoñecer os dereitos e deberes dos usuarios, aprobouse o Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e centros de servizos sociais, que establece a obrigatoriedade de obter autorización administrativa previa para a creación ou construción dos centros de servizos sociais, especificando os requisitos xerais que deben cumprir.

Neste senso, segundo o disposto no artigo 29 da Lei 4/1993, de servizos sociais, e o artigo 6 do Decreto 143/2007, para a creación de centros de servizos sociais propios da Administración autonómica, será necesario un acto con rango de decreto.

En consecuencia, e por proposta do Vicepresidente da Igualdade e do Benestar, logo da deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de decembro de dous mil oito.

DISPOÑO:

Artigo único.-Créase, ao abeiro do previsto no artigo 6.c) do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, o centro Casa da Quintán, vivenda tutelada para a atención de persoas con discapacidade intelectual, no concello de Ponte Caldelas (Pontevedra).

Disposición derradeira

Unica.-Esta disposición producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de decembro de dous mil oito.

Emilio Perez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar