DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 23 de decembro de 2008 Páx. 22.907

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 278/2008, do 4 de decembro, polo que se regula a integración nas escalas de inspección e subinspección urbanística creadas pola disposición adicional segunda da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Por medio da disposición adicional segunda da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificáronse os artigos 3 e 4 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia. En virtude de tal modificación foron creadas as escalas de inspección e subinspección urbanística. Pola súa parte a disposición transitoria terceira da Lei 6/2008, do 19 de xuño, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, establece os requisitos que deberán reunir os/as funcionarios/as que pretendan integrarse nas ditas escalas.

Constituída a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística en virtude da publicación dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro, no Diario Oficial de Galicia nº 222, do 16 de novembro, faise necesario establecer as condicións e o procedemento que se seguirá na integración voluntaria do persoal funcionario nas referidas escalas de inspección e subinspección urbanística.

Consecuentemente co exposto, e por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, emitidos os informes das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de decembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular as condicións e o procedemento que se seguirá na integración dos/das funcionarios/as que, reunindo os requisitos establecidos nos artigos seguintes e con independencia da súa situación administrativa, soliciten integrarse nas escalas de inspección e subinspección urbanística creadas pola disposición adicional segunda da Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Artigo 2º.-Requisitos para a integración na escala de inspección urbanística.

De conformidade co previsto na disposición transitoria terceira, punto primeiro, da Lei 6/2008, do 19 de xuño, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, poderán solicitar a súa integración na escala de inspección urbanística os/as funcionarios/as da Administración autonómica que cumpran os seguintes requisitos:

a) Pertencer ao grupo A.

b) Estar en posesión do título de licenciado/a en dereito ou arquitecto/a.

c) Desempeñar funcións propias da escala de inspección urbanística no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou un posto de traballo reservado á escala de inspección no momento da entrada en vigor do Decreto 213/2007, do 31 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Artigo 3º.-Requisitos para a integración na escala de subinspección urbanística.

De conformidade co previsto na disposición transitoria terceira, punto segundo, da Lei 6/2008, do 19 de xuño, de medidas urxentes en materia de vivenda e solo, poderán solicitar a súa integración na escala de subinspección urbanística os/as funcionarios/as da Administración autonómica que cumpran os seguintes requisitos:

a) Pertencer ao grupo B.

b) Estar en posesión do título de aparellador/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a de obras públicas.

c) Desempeñar funcións propias da escala de subinspección urbanística no momento da entrada en vigor da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, ou un posto de traballo reservado á escala de subinspección no momento da entrada en vigor do Decreto 213/2007, do 31 de outubro, polo que se aproban os estatutos da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Artigo 4º.-Procedemento. Solicitude.

1. Os/as funcionarios/as interesados/as que desexen integrarse nas referidas escalas deberán dirixir a correspondente solicitude á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, na forma e condicións previstas polo artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para tal finalidade seguirán o modelo de solicitude que figura como anexo a este decreto.

O prazo de presentación de solicitudes será dez días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

2. Os documentos que se considerarán para verificar o cumprimento dos requisitos de integración exixidos nos artigos precedentes serán os incluídos nos respectivos expedientes de persoal, sen prexuízo de que o/a solicitante poida achegar os que crea oportunos para mellor fundamento da súa pretensión.

3. Xunto co anterior e para os efectos de declaración da súa ulterior situación administrativa, os/as solicitantes sinalarán no antedito modelo de solicitude a súa opción de prestar servizos na escala en que solicitan integrarse ou de continuar prestándoos no corpo ou escala de procedencia.

Artigo 5º.-Proposta de resolución.

1. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás/aos solicitantes para que, no prazo de dez días hábiles, poidan alegar e achegar os documentos e xustificacións que crean pertinentes.

2. Concluído o trámite de audiencia, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, formularalle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de resolución. Tal proposta irá acompañada da documentación que a fundamente, xunto coa relación dos/das funcionarios/as solicitantes que considera que reúnen os requisitos para a súa integración nas escalas de inspección e subinspección urbanística, así como da listaxe dos/das solicitantes que considera que non cumpren coas condicións establecidas para tal integración.

Artigo 6º.-Resolución.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atendendo á proposta de resolución formulada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, resolverá sobre as solicitudes de integración presentadas mediante a correspondente orde, que deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia, e na cal necesariamente incluirá a relación de funcionarios e funcionarias integrados na respectiva escala, así como a dos/das que non reúnen os requisitos para esa integración.

Artigo 7º.-Situacións administrativas.

Xunto coa proposta de resolución a que alude o número 2 do artigo 5, a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes enviaralle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a relación en que se detalle a opción de prestación de servizos manifestada polos/as funcionarios/as e que prevé o artigo 4.3º deste decreto.

O órgano competente, logo da integración na respectiva escala, procederá a declarar o/a funcionario/a integrado/a na situación administrativa que corresponda.

Artigo 8º.-Destino.

1. Os funcionarios e funcionarias integrados de conformidade co disposto no artigos precedentes, e que na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes xa ocupasen con carácter definitivo un posto de traballo reservado á respectiva escala, continuarán adscritos a ese mesmo posto na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística. Computaráselles o tempo de desempeño nese posto de traballo para os efectos de promoción profesional e provisión de postos de traballo como persoal funcionario e terán dereito a percibir as retribucións que correspondan de acordo coa súa antigüidade.

2. Os/as demais funcionarios/as integrados e que optasen por prestar servizos na escala en que se teñan integrado, adscribiranse con carácter provisional a un posto de traballo na dita escala dentro da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para ditar no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes

Ver referencia pdf "24800D002P009.PDF"