DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2008 Páx. 22.861

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2008, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se aproba a relación de postos que se ofrecen e se cita para o acto de elección de destino definitivo aos aspirantes que superaron o proceso selectivo convocado para o ingreso na clase de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública.

O Decreto 202/2005, do 7 de xullo, crea a clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública, dentro da escala de saúde pública e administración sanitaria regulada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma.

De conformidade co establecido na disposición transitoria sexta do Decreto 202/2005, do 7 de xullo, antes citado, polo Decreto 237/2006, do 21 de decembro, apróbase a oferta de emprego público para o ano 2006 do persoal sanitario funcionario ao servizo da comunidade autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

A Resolución do 22 de decembro de 2006, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde, procede a convocar o primeiro concurso-oposición libre dos previstos nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

Rematado o devandito concurso-oposición, e de conformidade co establecido na disposición transitoria oitava do Decreto 202/2005, do 7 de xullo, debe procederse á convocatoria do concurso de traslados previsto na disposición transitoria quinta da Lei 17/1989, do 23 de outubro, en que terán dereito preferente os funcionarios de carreira que optaron voluntariamente por incorporarse aos postos de traballo resultantes da reestruturación sobre o persoal de novo ingreso da primeira oferta pública de emprego, que no devandito concurso terá a consideración de concursante forzoso.

Como queira que ningún dos funcionarios de carreira optou voluntariamente por incorporarse aos novos postos resultantes da reestruturación, non procede a convocatoria da primeira fase do devandito concurso, debendo, polo tanto, executarse a segunda fase tendente a adxudicar destino definitivo aos aspirantes que superaron o primeiro concurso-oposición, en atención á orde resultante do devandito concurso-oposición para que en único chamamento e acto, elixan obrigatoriamente destino definitivo.

Por todo isto, este centro directivo

ACORDA:

Primeiro.-Aprobar a relación de postos vacantes que se inclúen no anexo desta resolución que se ofertan na segunda fase do concurso de traslados previsto na disposición transitoria quinta da Lei 17/1989, do 23 de outubro aos aspirantes seleccionados no concurso-oposición convocado pola resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do 22 de decembro de 2006, para o ingreso na clase de farmacéuticos inspectores de saúde pública.

Segundo.-Convocar a todos os aspirantes para que nun único chamamento e acto elixan obrigatoriamente destino definitivo, pola orde de puntuación final do respectivo concurso-oposición, que se celebrará o vindeiro día 16 de xaneiro de 2009, ás 12.00 horas, no salón de actos da Consellería de Sanidade, sita en San Lázaro s/n, en Santiago de Compostela.

Terceiro.-A solicitude será vinculante e irrenunciable. Os interesados deberán comparecer provistos do documento nacional de identidade ou doutro documento que concrete de modo fidedigno a súa personalidade. Os aspirantes que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas provistas de poder suficiente.

Para este efecto terán a consideración de poder suficiente os poderes notariais ou os poderes outorgados con carácter previo ao acto de elección de destino ante a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde ou ante as delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, mediante comparecencia expresa do poderdante e do apoderado.

Non obstante o disposto nos parágrafos anteriores, non estarán obrigados a elixir destino definitivo nesta fase do concurso, os funcionarios de novo ingreso que se atopen desempeñando un posto de traballo de libre designación a través da correspondente convocatoria pública, nin os que sendo tamén de novo ingreso, se atopen na situación de excedencia voluntaria prevista no artigo 57 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2008.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional

Ver referencia pdf "24700D023P145.PDF"