DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2008 Páx. 22.771

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de decembro de 2008 pola que se amplía a dotación orzamentaria e o prazo de xustificación das axudas da Orde do 17 de setembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas destinadas a proxectos de mellora da xestión ambiental das explotacións porcinas en Galicia, e se convocan para o ano 2008.

Pola Orde do 17 de setembro de 2008 establecéronse para o ano 2008 as bases reguladoras das axudas destinadas a proxectos de mellora da xestión ambiental das explotacións porcinas en Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 185, do 24 de setembro).

No artigo 18 da Orde do 17 de setembro de 2008, relativo ao financiamento destas axudas, detállanse as aplicacións orzamentarias e os importes económicos previsto para elas. Este artigo prevé expresamente a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria con fondos provenientes dos orzamentos xerais do Estado, así como con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas, sempre que cumpran co establecido na antedita orde.

Por outra banda, o número 2º do artigo 14 da orde establece o prazo anterior ao 10 de decembro como data para a xustificación do gasto dos investimentos subvencionables e adxudicables no exercicio 2008.

Diversas dificultades de carácter técnico, así como atrasos producidos na recepción da documentación provocaron que a fase de instrución se prolongase máis alá das datas inicialmente previstas, o que afectou, en consecuencia, á resolución do procedemento. Por tal motivo, cómpre ampliar o prazo de presentación da documentación de xustificación.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ampliación da dotación orzamentaria.

Amplíase a dotación orzamentaria que se establece na orde desta consellería do 17 de setembro de 2008 (Diario Oficial de Galicia nº 185, do 24 de setembro), pola que se establecen as bases reguladoras de axudas destinadas a proxectos de mellora da xestión ambiental das explotacións porcinas en Galicia.

O incremento de dotación para o exercicio 2009, será de 197.709 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11 03 713C.771.4, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009 .

Artigo 2º.-Modifícase o punto 2º do artigo 14 da Orde do 17 de setembro da Consellería do Medio Rural.

«O punto 2º do artigo 14 da Orde do 17 de setembro quedará redactado como segue:

O gasto correspondente os investimentos subvencionables e adxudicados ao ano 2008 deberán ser xustificados antes do 29 de decembro deste exercicio. Os gastos adxudicados ao exercicio 2009 xustificaranse antes do 15 de novembro de 2009.

Non obstante, poderase conceder, por pedimento xustificado do interesado realizado antes da finalización do prazo establecido en cada anualidade e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá da metade do prazo inicialmente previsto».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural