DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2008 Páx. 22.770

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 16 de decembro de 2008 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión das axudas da Orde do 19 de agosto de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á utilización de servizos de aconsellamento por persoas titulares de explotacións agrarias, e se convocan para o ano 2008.

A orde da Consellería do Medio Rural do 19 de agosto de 2008 (DOG nº 163, do 25 de agosto) establece as bases e convoca para 2008 as axudas á utilización de servizos de aconsellamento por persoas titulares de explotacións agrarias.

No seu artigo 16.1º, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar, se fose procedente, con fondos propios, do Estado ou comunitarios.

Coa finalidade de poder amparar o maior número posible das solicitudes de axudas á utilización de servizos de aconsellamento por persoas titulares de explotacións agrarias, no marco das axudas ao desenvolvemento rural en Galicia, e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, aprobáronse os correspondentes expedientes de xeración e ampliación de crédito, polo que cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas axudas.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e facendo uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

A dotación orzamentaria prevista para as axudas á utilización de servizos de aconsellamento por persoas titulares de explotacións agrarias convocadas para o ano 2008 na Orde do 19 de agosto de 2008 (DOG nº 163, do 25 de agosto) amplíase con fondos con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 11.02.712B.772.4 a cinco millóns de euros (5.000.000 €), dos que para o ano 2008 corresponden cincocentos mil euros (500.000 €), e para o ano 2009 catro millóns cincocentos mil euros (4.500.000 €), dotación que poderá ser incrementada con fondos comunitarios, do Estado, ou da comunidade autónoma.

En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición adicional

Única.-A ampliación e o reaxuste das anualidades previstas no artigo único desta orde non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na Orde do 19 de agosto de 2008.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural