DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 22 de decembro de 2008 Páx. 22.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 276/2008, do 27 de novembro, polo que se desafectan do dominio público dous inmobles situados no concello das Pontes de García Rodríguez, antigas casetas de legoeiros.

A Comunidade Autónoma de Galicia é titular das antigas casetas de legoeiros, en virtude do Real decreto 2708/1983, sobre transferencias de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de estradas, que concretamente no seu anexo, parágrafo F) c) establece que «se traspasan á Comunidade Autónoma de Galicia os bens inmobles afectos ás estradas transferidas, descritos na relación 2.3, especificando parcelas, viveiros, almacéns, casa de legoeiros anexas ás estradas transferidas».

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos de lexislación da expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrución do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes manifestou a innecesariedade destes bens para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e sete de novembro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Antiga caseta de legoeiros do Aparral situada no concello das Pontes de García Rodríguez no punto quilométrico 474,13 da estrada C641, Ferrol-Vilalba cunha superficie de 134 m2 de planta baixa sobre un soar da mesma superficie. Linda: norte, leste e oeste con Manuela Pérez Lego; sur, estrada de situación C-641. R.c. 000100200NJ90H0001QT.

2. Antiga caseta de legoeiros do Bañal situada no concello das Pontes de García Rodríguez no punto quilométrico 26,790 da antiga estrada AC101, Ferrol-Vilalba cunha superficie de 162 m2 de planta baixa sobre un soar dunha superficie de 808 m2. Linda: norte, leste e oeste con Comunidade Autónoma de Galicia; sur, antiga estrada AC-101. R.c. 002400100NJ91E0001IK e 15071A020004380000YR.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo todos os trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e sete de novembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda